15 C
Pontevedra
Martes, 23 de Abril de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoO RosalO Concello incrementa nun 56% o investimento no Servizo de Axuda ao...

    O Concello incrementa nun 56% o investimento no Servizo de Axuda ao Fogar

    Trátase dunha aposta decidida do Goberno municipal por mellorar a área de dependencia

    O Goberno municipal do Rosal continúa coa súa aposta pola mellora dos servizos sociais no municipio. O Concello acaba de aprobar o expediente de contratación do servizo público de axuda no fogar, que contará cun orzamento base de licitación de máis de 255.000 euros, o que suporá un incremento de investimento do 56% con respecto ao último ano natural. O contrato terá unha duración dun ano con posibilidade de prorrogalo dous máis.

    A subida de máis de 65.000 euros nesta partida débese, por un lado, ao aumento de horas no servizo. A previsión previsión do Concello é que no vindeiro ano se asignen en total 14.448 horas, das que 12.828 corresponderían a dependencia ordinaria e 1.620 a extraordinaria. Serán en total 3.130 horas máis que no último ano, o que representa un incremento de arredor do 28%. Ata o de agora víñanse prestando unha media de 931,28 horas mensuais que co novo contrato subirán ata as 1.204 horas.

    Xunto con este incremento no servizo tamén se rexistrará un aumento no prezo da hora que asume de forma directa o Concello. Se ata o de agora pagábase 13,93 e 15,08 euros por hora ordinaria e extraordinaria, respectivamente, agora o prezo establecerase nos 17,32 e 20,55 euros por hora.

    Deste xeito o Goberno municipal segue traballando así por unha mellora continua en Servizos Sociais e na área de dependencia “por unha cuestión de ética e responsabilidade social”. “O Concello asume o incremento de custo porque queremos ofrecer aos usuarios e usuarias un servizo de calidade e chegar a todas as persoas posibles”, asegura a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís. “A atención das necesidades das persoas en situación de dependencia é un dos grandes retos da política social e require dunha resposta firme por parte das administracións, sobre todo no escenario actual, cun envellecemento paulatino da poboación e cun crecemento continuo de persoas en situación de dependencia que se viu acentuado na crise sanitaria”, salienta.

    O servizo de axuda no fogar constitúe unha peza clave para posibilitar a permanencia das persoas no seu domicilio e na súa contorna, axudando a previr o deterioro persoal e familiar, atendendo ás necesidades do usuario ou usuaria no seu propio fogar, completando e compensando o labor da familia e facilitando a permanencia e a autonomía das persoas nos seus domicilios.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.