11.7 C
Pontevedra
Xoves, 25 de Abril de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaMaría Xosé Queizán convida a "pensar, gozar e profanar" nunha exposición inédita...

    María Xosé Queizán convida a “pensar, gozar e profanar” nunha exposición inédita na sede da Deputación en Vigo

    “Cambio o meu modo de comunicar, que é a lingua, por materiais pobres e tanxibles”, explica Queizán, que outorga novos significados a obxectos cotiás e familiares

    A sede da Deputación de Pontevedra en Vigo acolleu a tarde de onte a inauguración da exposición Materiais para pensar, gozar e profanar, unha mostra inédita da obra plástica da escritora, poetisa e ensaísta María Xosé Queizán na que mestura pezas conceptuais e collages con obxectos cotiás, persoais e familiares. “Cambiei o meu modo de comunicar, que é a lingua, por materiais pobres e tanxibles. Expreso ideas tratadas con humor ou retranca, e están presentes a admiración ou a crítica sarcástica”, explicou a autora durante o acto.

    A presidenta da Deputación, Carmela Silva, destacou na súa intervención “o talento, a enerxía creativa e o compromiso social” de Queizán. “Vemos de novo o espírito libre, valente e innovador dunha muller extraordinaria. Esta exposición permítenos coñecer unha parte máis das súas inquedanzas persoais, neste caso non mediante a palabra que tan ben manexa, senón por medio doutras ferramentas artísticas”, sinalou a presidenta. 

    No acto, con aforo limitado a 30 persoas debido ás medidas de seguridade fronte á Covid-19, ofreceu un pequeno recital musical de Cristal Méndez Queizán, filla da escritora, acompañada á guitarra por Bieito Álvarez Carrero. A mostra, que pode verse na sala Rosalía de Castro da sede, está composta por medio cento de pezas. A súa orixe remóntase a hai máis dunha década, cando a autora empezou a recompilar materiais de todo tipo (caixas, pezas de porcelana, metal, cartóns,…), e con eles deu forma a inusuais e sorprendentes obras de arte ás que outorgou un novo significado. “Entre os obxectos expostos está a bandurria do meu pai, o suxeitador de voda da miña nai, o retrato da tía Marucha ou o coador de café do tíoi Moncho”, contou Queizán, para engadir que a través da exposición “maniféstanse os meus criterios e a miña vida”.

    A exposición, que poderá visitarse ata o 29 de outubro na sede viguesa da Deputación (situada na Rúa Eduardo Chao do Casco Vello), descobre unha nova faceta da narradora, ensaísta, columnista e poetisa, que complementa o perfil, xa de por si poliédrico, desta pioneira da narrativa feminina en galego.

    “Voz literaria imprescindible e referente feminista”

    A presidenta da Deputación resaltou a contribución de Queizán á cultura de Galicia e cualificouna como “unha voz imprescindible na literatura en galego, e un referente no pensamento feminista, unha muller pioneira que marcou o camiño para moitas outras”. Carmela Silva animou á veciñanza a adentrarse no universo persoal da autora a través desta mostra e destacou tamén a aposta da Deputación pola cultura, o compromiso social e a igualdade na súa nova sede en Vigo.

    Desde a súa apertura en xaneiro a sala Rosalía de Castro acolleu as exposicións “Sempre marzo” e “8M: a palabra empoderada das mulleres”. Agora estrea “Materiais para pensar, gozar e profanar”, e a súa programación incluirá pronto novas actividades. “Esta é unha sede dinámica, integrada na cidade, que quere contar con todas e todos, e ser un novo referente da participación e dinamización da vida social e cultura de Vigo”, subliñou a presidenta provincial.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.