Dende a Concellaría de Participación Cidadá do Concello de Redondela que xestiona Susana Couñago, realizouse unha consulta popular do 15 de xullo ao 15 de agosto pasados para pulsar a opinión da cidadanía sobre dúas cuestións: a peonalización das rúas do centro e os festivos locais. Esta era a primeira vez que o Concello de Redondela activaba mecanismos formais para preguntar a opinión da veciñanza sobre algún tema.
Festivos Locais
Na enquisa sobre os días Festivos Locais participaron máis de 2.200 persoas finalmente, sendo a opción maioritaria a presentación da enquisa no rexistro do Concello de Redondela con mais de 1.700 rexistros presentados, mentres que máis de 510 persoas cubriron a enquisa de modo telemático. Neste sentido hai que destacar que o Presidente da Irmandade do Santo Cristo dos Navegantes presentou no rexistro do Concello 1.487 enquisas cubertas polos veciños e veciñas de Redondela.
O resultado desta enquisa, e segundo a orde de votación foi o seguinte:
- Xoves da Coca con 2.124 votos
- Luns do Cristo con 1.870 votos
- Martes de Entroido con 287 votos
- 24 de xuño, San Xoán (Solsticio de Verán), con 129 votos.
Analizando o resultado pode extraerse que a práctica totalidade das persoas que cubriron a enquisa marcaron o Xoves da Coca como día festivo, pero hai diferenzas entre a enquisa presencial, presentada no rexistro do Concello e a enquisa telemática en canto ao segundo día festivo, posto que na enquisa presencial o segundo día foi o Luns do Cristo, mentres que na enquisa telemática o segundo festivo mais votado foi o Martes de Entroido.
Indicar que o establecemento dos días festivos é unha decisión que debe establecer o Pleno do Concello, sendo necesaria a votación maioritaria dos concelleiros/as para a fixación dos días a gozar para o ano 2021.
Peche de rúas
Na enquisa do peche das rúas Alfonso XII e Rúa Ribeira, opinaron un total de 504 persoas, das cales:
- 284 están de acordo co peche das rúas
- 220 consideran que a rúa non se debe pechar.
Pódese destacar, da consulta realizada, que a maioría das persoas que votaron a favor de pechar as rúas consideran como fin de semana para pechar as rúas o sábado e o domingo (282 votos), e que a gran maioría está conforme con que se peche o sábado pola tarde (210) e o domingo todo o día (211).
As opinións expresadas pola veciñanza deben ser analizadas co fin de que as medidas que se adopten no futuro sexan o menos prexudiciais posibles.
A concellería de Participación Cidadá quere amosar “o seu agradecemento ás persoas que participaron nestas enquisas, sendo un modo a maiores de participar na vida política e nas cuestións que lles afectan”.
Finalmente, hai que mencionar que todos os grupos políticos do Concello de Redondela tiveron e teñen acceso ao expediente no que constan todos os rexistros presentados polos veciños e veciñas de Redondela