A familia de Pereiras que quedou sen o seu fogar debido a un grave incendio a finais do ano pasado poderá regresar a ela durante este outono. Os traballos de rehabilitación da vivenda estaba previsto que estiveran rematados no primeiro trimestre deste 2020, o que non puido ser debido á crise sanitaria da COVID-19 e ao estado de alarma derivado da mesma, que obrigou a interromper a obra.
Os devanditos traballos retomáronse tan pronto como se puido e avanzaron a moi bo ritmo durante os últimos meses, atopándose nestes momentos case rematadas, quedando tan só pendentes a cociña e a carpintería.
Para supervisar a obra e comprobar o gran avance da mesma que xa se atopa tocando ao seu fin visitaron onte pola tarde a casa de Pereiras a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, o concelleiro da parroquia de Pereiras, Leo Costas, a concelleira de Política Social, Sara Cebreiro, a propietaria da casa, Rosa Groba, xunto cos Presidentes da Comunidade de Montes de Pereiras e da Asociación de Veciños Nosa Terra de Pereiras, Jorge Lorenzo e Marcos Tourón, respectivamente, membros de Cáritas Pereiras-Petelos, e o veciño da zona que fai as veces de albañil encargado da obra, Raimundo Pérez Rodríguez.
A rehabilitación desta vivenda, afectada por un grave incendio, foi posible grazas á colaboración mediante aportacións altruistas e desinteresadas de empresas, voluntarios, veciñanza, Asociación de Veciños, Comunidade de Montes, Concello e traballadores municipais.
Ademais, o domingo 1 de decembro de 2019 ás 18.00 horas da tarde no Multiusos das Pozas celebrouse un Festival Solidario para recaudar fondos no que se contou coas actuacións tamén altruistas e desinteresadas da Banda de Música Xuvenil de Torroso, A Coral Polifónica Ventos do Val, o grupo de acordeóns Argonat Band e Os Chavellos de Pereiras. Alejandro Pérez foi o mestre de cerimonias, participando tamén de xeito totalmente altruista.
O incendio produciuse na noite do domingo 3 de novembro do pasado ano, afectando á casa de Rosa e a súa familia cun feroz lume que a destruiu case por completo. Desde entón un gran movemento solidario púxose en marcha e veciños, voluntarios de Protección Civil e traballadores municipais volcáronse no desescombro, retirada de entullos, limpeza e posterior inicio da rehabilitación da edificación, que xa se atopa prácticamente rematada. Pola súa banda tamén o Concello de Mos, xunto coa Comunidade Montes de Pereiras, a A.V.V. Nosa Terra e Cáritas organizaron o dispositivo para a volta a normalidade desta familia canto antes.
Na visita realizada onte pola tarde á casa de Rosa a rexedora local mosense agradeceu unha vez máis neste senso o “gran apoio de tantas persoas e desta parroquia de Pereiras que se volcou por completo coa familia e, unha vez máis, demostrou que é todo un exemplo e un símbolo de solidariedade”.