Xoves, 19 Xuño de 2025

O ‘Torneo de Tenis Concello de Ponteareas’ volve á pista o vindeiro venres

O tenis é o deporte protagonista do inicio do mes de setembro en Ponteareas. O Club Tenis Ponteareas, en colaboración co Goberno local, organiza entre o vindeiro venres día 3 e o domingo 12 de setembro o ‘Torneo de Tenis Concello de Ponteareas’, un evento destacado na tradición deportiva da vila que acada xa a súa duodécima edición.

O concelleiro de Deportes, Miguel Bouzó, quere dar os parabéns ao Club polo seu “gran traballo polo deporte e a educación en valores que promove o tenis”. “Teñen unha gran traxectoria inculcando a nenas e a nenos a importancia do esforzo, da paixón, ou da superación”, destaca o edil.

No torneo competirán deportistas das categorías infantil, alevín, cadete, absoluto, e veteranos. Todas e todos os finalistas e campións recibirán un trofeo pola súa actuación durante o evento.

A Xunta habilitará preto de medio millón de metros cadrados de solo industrial nos concellos de Mos e Redondela

0

A modificación do Plan sectorial de ordenación de áreas empresariais de Galicia (PSOAEG) impulsada pola Xunta permitirá habilitar preto de medio millón de metros cadrados de solo industrial nos concellos de Mos e Redondela, que concentran unha gran actividade económica e empresarial e necesitan máis superficie preparada para acoller este tipo de usos.

Así o anunciou onte a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, que se reuniu en Mos coa alcaldesa, Nidia Arévalo, e o presidente da Asociación de Empresarios do municipio (Aemos), Manuel Castro, para explicarlles o alcance que terá para esta zona a nova planificación na que traballa o seu departamento co fin de actualizar e redefinir as prioridades da Comunidade en materia de áreas empresariais.

En concreto, o novo ámbito previsto está proxectado en Louredo e ocupará unha superficie de 498.272 m2 dos cales a gran maioría (371.710 m2) estarán no termo municipal de Mos e os 126.562 m2 restantes, no municipios limítrofe de Redondela.

Precisamente, a conselleira desprazouse xunto á rexedora e unha representación dos empresarios locais ata a zona na que se desenvolverá a futura área, desde onde incidiu na importancia que terá este desenvolvemento para poder responder á demanda de superficie industrial existente no concello.

“Dos 7 millóns de metros cadrados que imos planificar de cara ao futuro con esta modificación, 500.000 pertencen a Mos e Redondela. Porque hai demanda e porque tan só restan cinco parcelas por vender no polígono existente, o de Veigadaña”, explicou a conselleira, que recoñeceu que esta é unhas das “áreas estratéxicas” desde o punto de vista empresarial polas que aposta a Xunta de Galicia.

Neste sentido, subliñou a importancia da revisión do PSOAEG que está a acometer o seu departamento non só para esta zona senón para o conxunto da Comunidade, e avanzou que o documento se atopa en fase de avaliación ambiental e séguese avanzando co obxectivo de aprobalo de forma inicial no último trimestre e definitivamente, en 2022.

Pola súa banda, a alcaldesa celebrou a confirmación de que Mos “seguirá crecendo empresarialmente, en emprego e en economía”, convertendo ao concello nun “territorio de oportunidades”. “O Concello, Aemos e a Xunta somos un equipo que ten que seguir cada día avanzando e resolvendo problemas”, salientou.

Por último, o presidente de Aemos asegurou que hoxe recibiron unha nova que para os empresarios é “impresionantemente boa”, unha “necesidade” que vai supoñer unha mellora para a área metropolitana de Vigo. “Agora o que pedimos é que se reduzan os prazos ao mínimo posible, para que canto antes poidamos estar inaugurando este emprazamento”, sinalou.

Ademais da reunión nas instalacións de Aemos e a visita á futura zona empresarial, a conselleira desprazouse tamén ata a zona na que a asociación está impulsando un proxecto singular con naves modulares.

O Museo de Pontevedra rexistrou este agosto o mellor dato de visitas dos últimos dez anos

O Museo de Pontevedra pechou no mes de agosto o mellor dato de visitantes estivais dos últimos dez anos. O número de visitas ás instalacións provinciais chegou a case 42.000 persoas (41.869), o que supera en máis de 2.500 a cifra máxima acadada no mesmo mes de 2011, cando se contabilizaran 39.335 persoas.

O récord de visitas, segundo explica o director Xosé Manuel Rey, vén consolidar os bos resultados do Museo, que foi incrementando a afluencia nos últimos meses para no mes de xullo situarse xa en cifras prepandemia: con 22.591 persoas foi tamén o mellor mes de xullo dos últimos cinco anos. Para o director, estes datos supoñen unha satisfacción, xa que confirman o atractivo da institución tanto para turistas como para locais grazas ás exposicións e ás actividades programadas.

Rey explica que o Museo busca un crecemento sostido sempre garantindo e incrementando a calidade na experiencia da visita para todo o público. Subliña que a evolución do Museo en número de visitas no mes de agosto foi de 39.335 persoas en 2011; 36.691 en 2012; 16.263 en 2013; 16.656 en 2014; 7.500 en 2015; 30.503 en 2016; 34.226 en 2017; 9.354 en 2019 (coincidindo co peche das Ruínas por labores de mantemento); 24.572 en 2020, coa pandemia; e finalmente 41.869 este 2021.

[su_image_carousel source=”media: 44095,44096,44097″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

“Hai que ver agora como se porta este mes de setembro, para o que xa estamos a notar un movemento significativamente menor no primeiro día, que non vai chegar á cifra mínima diaria de 1.200 persoas que se contabilizou en agosto”, subliñou Rey, quen deu tamén o dato de que o día de maior afluencia foi o 5 de agosto, coincidindo coa inauguración da exposición ‘Mulleres. Entre Renoir e Sorolla’.

En canto á procedencia das e dos visitantes individuais do mes de agosto, o 38 % foi de procedencia galega –sobre todo da mesma provincia de Pontevedra–, seguida de turistas estatais (44 %) poñendose á cabeza Madrid, Andalucía e Cataluña –con cifras moi parellas–, Comunidade Valenciana e País Vasco, e seguidas por lugares moi diversos do resto do Estado. No relativo aos visitantes internacionais, un 7 %, houbo procedencias moi variadas, destacando en primeiro lugare e por esta orde Francia, Portugal, Estados Unidos, Italia, Alemania e Países Baixos.

Nos números das visitas incluíronse todas aquelas persoas que pasaron polas exposicións que nestes momentos están abertas no Museo nos edificios Castelao e Sarmiento (‘Mulleres. Entre Renoir e Sorolla’, ‘Pop –Up. Libros móbiles e despregables’ e ‘Novos Valores 2021. Obra Seleccionada’), sumadas á afluencia ás Ruínas de San Domingos, ás actividades e actos (concertos, obradoiros, contacontos…), así como tamén ás persoas que utilizan a sala de investigación do edificio Fernández López.

Durante os meses de verán, hai que lembrar, intensificáronse as visitas guiadas ás exposicións permanentes que albergan os edificios Sarmiento e Castelao. O percorrido, duns 50 minutos de duración, inclúe explicacións sobre o Tesouro de Caldas, a Virxe Branca, a xeración doente, a louza de Sargadelos, os renovadores e Castelao. Realízanse de martes a venres ás 12:00 h e ás 18:00 horas e os domingos ás 12:00 h, non sendo necesaria inscrición previa (as prazas son limitadas en función dos protocolos sanitarios de cada momento). Están en activo tamén as visitas guiadas ás Ruínas de San Domingos, todos os xoves ás 12 da mañá.

Por exposicións e dende a súa apertura, a mostra de ‘Novos Valores 2020’ recibiu ata o de agora 11.048 visitantes dende o 8 de xullo; a de ‘Libros Pop Up’ 6.277 persoas dende o 29 de xullo, e a de ‘Mulleres. Entre Renoir e Sorolla’ 4.507 persoas dende o 5 de agosto.

A asociación Vontade e o Club Sen Amarras organizan xornadas inclusivas de navegación polo río Miño

A Asociación de Persoas con Discapacidade da Comarca do Baixo Miño (Vontade) está a desenvolver, en colaboración co Club Sen Amarras, xornadas inclusivas de navegación polo río Miño, nas que contribúe á difusión da contorna natural da comarca e nas que participaron máis de 100 persoas.

Estas xornadas, que se realizan co apoio da Deputación Provincial de Pontevedra no marco do proxecto Río Miño Marca Inclusiva, introducen o concepto do turismo accesible ofrecendo os recursos que garanten a igualdade de oportunidades de todas as persoas, poñendo en valor un recurso natural e medioambiental, como é o río Miño, ao grupo social das persoas con discapacidade que de forma habitual non pode acceder a este medio.

Nas mesmas tamén participa o Concello de Tomiño a través do proxecto Navegando pola historia do Baixo Miño, co obxectivo de dar a coñecer o patrimonio histórico da contorna achegándonos ao sistema de fortificacións e á historia da Guerra de Restauração que deron lugar ás mesmas.

A actividade prolongarase durante o mes de setembro, polo que as persoas e/ou entidades interesadas en participar poden contactar coa asociación Vontade no teléfono 986 62 30 44.

Dende Vontade recalcan a necesidade “de facer accesible e promocionar a comarca entre as persoas con discapacidade, cumprindo cos obxectivos de accesibilidade universal”.

O Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares chegará este curso a 765 centros

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, anunciou que a Xunta de Galicia a resolución do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (PLAMBE) para o curso 2021/22, no que se incorporan ao programa un total de 27 centros públicos. Con estas incorporacións, que poden consultarse xa no Diario Oficial de Galicia (DOG), nestes momentos forman parte desta rede un total de 765 centros, dos que 729 son públicos e 36 privados concertados. O anuncio fíxoo nunha visita ao colexio CEIP Flavia, en Padrón, no que se fará unha rehabilitación por importe de case 1M€.

Tal e como explicou o conselleiro en Padrón, “o programa de referencia do Plan Lía de Bibliotecas Escolares do Goberno galego incrementa ademais este ano o seu orzamento nun 12,5%, ata chegar aos 1.565.000€, 175.000€ máis ca no curso anterior”, confirmando a aposta do Goberno galego polas bibliotecas como “o corazón dos centros”.

Este incremento, remarcou o representante do Goberno galego, “enmárcase na liña de reforzo de 3M€ en materia de bibliotecas escolares e fomento da lectura da Xunta de Galicia neste ano 2021”. Neste sentido, artelláronse diferentes actuacións como o lanzamento dunha nova liña de actuación dirixida a incentivar e apoiar ás bibliotecas escolares nos centros do rural non integrados no PLAMBE, o deseño dunha nova acción para a renovación da colección de materiais inclusivos para unha mellor atención á diversidade do alumnado nas bibliotecas escolares, ou a extensión da convocatoria dos Clubs de Lectura aos centros de Educación Primaria.

Román Rodríguez tamén explicou que a flexibilización dalgunhas medidas no novo curso que comeza permitirán recuperar espazos nos centros escolares como as bibliotecas, reconvertidas nalgúns casos en bibliotecas escolares o pasado ano pola covid-19. Isto, como afirmou, facilitará a prestación de servizos vinculados con programas de innovación educativa, entre outros.

Os centros de nova incorporación son os que se reflicten na seguinte táboa:

ProvinciaConcelloCentro
A CoruñaCarballoIES Alfredo Brañas
A CoruñaCoruña, ACEIP Sagrada Familia
A CoruñaCoruña, AEOI da Coruña
A CoruñaCoruña, ACEIP Plurilingüe María Barbeito e Cervino
A CoruñaNarónCEIP Plurilingüe Ponte de Xubia
A CoruñaPorto do SonCEIP de Portosín
A CoruñaSanta CombaCEIP Plurilingüe Barrié de la Maza
LugoBegonteCEIP Virxe do Corpiño
LugoBóvedaCEIP Rosalía de Castro
LugoPalas de ReiCEIP de Palas de Rei
LugoSarriaEEI de Sarria
LugoSarriaCEIP Antonio Fernández López
LugoVicedo, OCEIP do Vicedo
OurenseOurenseCEIP O Couto
OurensePadrendaCPI de Padrenda-Crespos
OurenseRiósCEIP das Vendas da Barreira
OurenseVilamarínIES de Vilamarín
PontevedraCaldas de ReisCEIP Plurilingüe San Clemente de Cesar
PontevedraCambadosCEIP de Corvillón
PontevedraCerdedo-CotobadeCEIP de Tenorio
PontevedraCerdedo-CotobadeCEIP San Xoán Bautista
PontevedraMarínCEP de Sequelo-Marín
PontevedraRedondelaIES de Chapela
PontevedraVigoCEIP Plurilingüe Javier Sensat
PontevedraVigoIES de Teis
PontevedraVigoCIFP Valentín Paz Andrade
PontevedraVilaboaCRA de Vilaboa Consuelo González Martínez

Adquisición en librerías próximas

As asignacións para as novas incorporacións estarán destinadas á actualización dos fondos documentais da biblioteca escolar, á renovación do mobiliario e outro equipamento necesario, así como para outros gastos de funcionamento. No caso dos centros de continuidade, poderán destinar as asignacións a fondos, a mobiliario e outros equipamentos ou a gastos de funcionamento específicos da biblioteca, en función do ano no que se integraran no Plan.

Entre outras cuestións, a convocatoria establece que as adquisicións dos fondos se realizarán, preferentemente, a través das librerías da zona de referencia do centro, e que deberán incluír materiais destinados á atención da diversidade (libros e outros materiais destinados ao alumnado con dificultades específicas de aprendizaxe, necesidades educativas especiais, altas capacidades, alumnado inmigrante etc.).

Así mesmo, a multiculturalidade e as diversas linguas con presenza no centro deberán ser convenientemente contempladas; e o 50% dos materiais adquiridos deberán ser en lingua galega. Ademais, poderase mercar con estas asignacións mobiliario específico e adaptado ás necesidades da comunidade educativa.

Formación para o profesorado

Por outra banda, os centros incluídos neste programa poderán recibir formación específica, no contexto do Plan anual de formación do profesorado e do propio programa, así como asesoramento a través da asesoría de bibliotecas escolares da Consellería, desde onde se coordinará o plan de mellora e se levará a cabo o seguimento e supervisión oportunos.

A Volta Ciclista a España pasa este sábado por Tui

0

A Volta Ciclista a España pasará este sábado, 4 de setembro polas rúas do centro urbano de Tui. Será a 20ª etapa que sairá dende Sanxenxo e terá a liña de meta no Castro de Herville en Mos, tras un percorrido de 202,2 quilómetros.

A partir das 13.10 h prevese o pase da caravana publicitaria que acompaña cada etapa, e agárdase que o pelotón poida estar nas rúas tudenses ás 14.20 h.

Debido ao paso da Volta Ciclista a España o sábado, dende ás 7 h, non se poderá estacionar nas rúas Irmáns Maristas, Ourense, Martínez Padín, e na Avenida de Portugal até o cruzamento coa N-551. Nesta zona os contedores serán trasladados puntualmente ás beirarrúas nesta xornada.

Deste xeito Tui volverá ver pasar a serpe multicolor da Volta Ciclista a España este sábado ao mediodía.

Roberto Mera cualifica de “falta de ética e indecencia” a “manipulación” do PP sobre o seu salario como concelleiro

O concelleiro nacionalista do Concello de Ponteareas, Roberto Mera, denunciou onte a través dunha mensaxe na súa conta de Whatsapp, o que cualifica de “manipulación de cifras e conceptos” que o Partido Popular fai sobre os salarios dalgúns membros do Goberno a través duns folletos distribuídos entre a cidadanía. “A única intención é a de facer crer a opinión pública que eu e outros compañeiros e compañeiras do Goberno cobramos do concello 40.000 euros anuais”, afirma o concelleiro na súa conta de mensaxería instantánea.

Nómina de Roberto Mera (Click para ampliar)

Mera adxunta, “para maior transparencia” a súa nómina na que, como el mesmo subliña, “pódese comprobar que percibo 1.890 euros/mes en 12 mensualidades (incluindo xa o prorrateo das dúas pagas extras)”.

O feito de ter as pagas extraordinarias prorrateadas fai que o salario, distribuído en 14 pagas, sexa de 1.620 euros/mes. Para Roberto Mera, os datos son claros, “a miña remuneración anual é de 22.680 euros netos e non de 40.000 euros como quere dar a entender o PP”.

Chama a atención o concelleiro de Bo Goberno do Concello de Ponteareas sobre o folleto que o Partido Popular distribúe que, a entender do edil nacionalista “evidencia a falta de ética e a indecencia daqueles que, xustamente, levan no seu ADN a corrupción na vida pública”.

Mera espera que os datos achegados sirvan para que “o engano vólvase contra quen vive da mentira e da calumnia”. Para o concelleiro ponteareán, a súa intervención no Pleno da Corporación, sobre este asunto, “é o suficientemente aclaratoria” como para non ter que engadir nada máis.

Máis de 400 nenos desfrutaron dos campus de verán de Ponteareas

Ponteareas planificou un verán cheo de actividades e aventuras para os nenos, e así foi. Máis de 400 menores desfrutaron dos campus do Concello durante xullo e agosto. A alcaldesa e concelleira de Ensino, Cristina Fernández Davila, visitou, como fixo cada quincena, o campamento para premiar aos cativos polo seu comportamento cuns libros de agasallo para que poidan desfrutar deles ata que comece o colexio.

O Concello organizou en total sete campus, catro no Campus Tea, que se desenvolveu nas instalacións do colexio público Nosa Señora dos Remedios, e tres do Verán Rural, nas parroquias de Angoares, Guláns, e Xinzo. A través destes campamentos, o Concello promoveu actividades lúdicas e didácticas para ofrecer un tempo de lecer de calidade aos máis pequenos e pequenas.

Programáronse xogos e saídas didácticas con actividades creativas, culturais e de coñecemento. Estes campamentos tiveron por obxectivo espertar a curiosidade dos participantes, ampliar o seu coñecemento sobre a vila e a súa contorna a través dunha pedagoxía de lecer baseada na educación en igualdade, en hábitos de vida saudábeis e no respecto ao medio ambiente.

Desenvolvéronse cun estrito protocolo sanitario, e non houbo grandes incidentes. O Concello tamén solicitou ao Sergas un cribado no mes de agosto, que certificou que ningún participante era positivo en Covid. A alcaldesa afirma que “estamos moi satisfeitas co comportamento dos rapaces e rapazas”, e lembra que agora o traballo do Concello e da Concellaría de Ensino está centrado en “apoiar a volta ao cole nos centros educativos de Ponteareas”.

Con respecto a esta suprime que os agasallos foron para premiar o comportamento das nen@s. Pon mellor tanto no título coma no parágrafo que se agasallou cun libro a cada participante para lembrar o campus e ocuparse ata o comezo das clases.

A Xunta licita a rehabilitación integral do instituto IES Pino Manso do Porriño

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, visitou hoxe o instituto IES Pino Manso, no Porriño, onde a Xunta vén de licitar o proxecto de rehabilitación integral por máis de 1,2M€, unha actuación que forma parte do compromiso do Goberno galego coa área de Vigo onde está a investir este ano case 12,5M€ en melloras en centros educativos.

Durante a visita, Román Rodríguez salientou a aposta da Xunta coas infraestruturas educativas desta área. Non en balde, este verán estanse acometendo 65 obras, cun orzamento de máis de 3,8M€, actuacións que inclúen a substitución de carpintería exterior dos colexio CEIP da Cruz-Budiño, no mesmo concello do Porriño.  Ademais, salientou que a mellora no Pino Manso se enmarca nun paquete de 13 actuacións que a Xunta está a licitar na área, por importe de 7,2M€. Así mesmo, culmínanse obras no instituto de Salvaterra de Miño, entre outras, por importe de máis de 1,5M€.

“As actuacións previstas e as que estamos levando a cabo no resto de Galicia farán posible que os centros escolares se adapten ás novas necesidades educativas, sanitarias e tecnolóxicas da vindeira década”, expresou Román Rodríguez. Neste sentido, recordou que se seguen as directrices do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, a folla de ruta do Goberno galego para adaptar os centros ao contexto post-pandemia e que conta cun orzamento de 191M€ ata 2024.

O obxectivo, engadiu, é “deseñar un novo modelo de escolas, con espazos flexibles, adaptados a calquera circunstancia, equipados e cómodos grazas a unha arquitectura de valor engadido para dar resposta á educación do século XXI”, expresou.

Illamentos térmicos e accesibilidade

No caso concreto do instituto IES Pino Manso os traballos previstos incluirán labores de eficiencia enerxética coa substitución de cubertas, instalación de illamentos térmicos ou substitución de carpintería exterior por carpintería de aluminio con rotura de ponte térmica. A rehabilitación integral do centro incluirá tamén traballos para mellorar a súa accesibilidade coa execución de tres ramplas para a eliminación de barreiras arquitectónicas e tamén cambios na distribución da planta semisoto, entre outras actuacións.

O CEIP Infante Felipe de Borbón de Salvaterra rehabilitarase integralmente coa axuda da Xunta

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, visitou o CEIP Plurilingüe Infante Felipe de Borbón en Salvaterra do Miño para anunciar a licitación por case 885.000 euros da rehabilitación integral deste centro educativo.

Acompañada pola alcaldesa da localidade, Marta Valcárcel, e o xefe territorial da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, César Pérez Ares, a representante autonómica explicou que esta actuación enmárcase no paquete de 13 intervencións que a Xunta esta a licitar na área territorial de Vigo por importe de 7,2 millóns de euros, e que se suman ás 65 melloras que se están desenvolvendo este verán cun orzamento de 3,8 millóns de euros.

Actuación integral

No caso do  CEIP Plurilingüe Infante Felipe de Borbón os traballos contemplan unha parte dirixida á mellora da eficiencia enerxética do centro, para o que aplicará illamento térmico nas fachadas do edificio, e se substituirán as carpinterías exteriores, portas interiores e as luminarias. Asemade, destaca a substitución do equipo actual de gasóleo por un térmico de biomasa con capacidade para dar servizo aos dous edificios que compoñen o centro

Así mesmo, colocaranse novos falsos teitos, puliras e abrillantarase o pavimento de terrazo e reformaranse os aseos. A actuación inclúe tamén a melloras da accesibilidade a través da instalación dun ascensor de dobre carga e a instalación dun novo porche na entrada do edificio principal dando así cobertura a toda a fachada sur.    

Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica

Todas estas actuacións enmárcanse no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, a folla de ruta do Goberno galego para transformar os centros educativos ás novas necesidades post-pandemia, e que conta cun orzamento de 191M€ para o período 2021-2024.

O obxectivo é deseñar un novo modelo de escolas, con espazos flexibles, adaptados a calquera circunstancia, equipados e cómodos, dando resposta ás novas necesidades educativas, sanitarias e tecnolóxicas. En definitiva, unha arquitectura con valor engadido, que se pon ao servizo das necesidades da educación do século XXI desde un punto de vista académico (retos tecnolóxicos e de inclusión), dotacional e de sostenibilidade.

Nigrán ofrece este sábado a actuación do tenor José Manuel Zapata

0

O Concello de Nigrán pechará a súa programación especial de verán co actuación estelar do tenor José Manuel Zapata (Granada, 1973) o sábado 4 de setembro ás 21:00 horas no campo de fútbol de Lourido. O prazo de inscrición xa está aberto a través dun formulario na web municipal www.nigran.org pechándose o venres 3 de setembro ás 14:00 horas ou ben cando se acaden as 500 prazas ofrecidas.

O prestixioso cantante, divulgador e escritor presenta un espectáculo  no que repasará as melodías que o teñen acompañado ao longo da súa vida non só  como primeiro tenor de ópera. Así, acompañado por Claudio Constantini ao piano e ao bandoneón, Zapata introducirá, presentará e interpretará temas de Verdi como  ‘La Donna e mobile’, ou cancións popularizadas por Caruso como ‘Torna a Surriento’ e tangos de Gardel como ‘Volver’,  ‘Por una cabeza’ ou Nostalgias. A maiores, ao finalizar, asinará exemplares do seu último libro ‘Música para la vida’ (o mesmo nome que o espectáculo).

“É unha oportunidade que ningún amante da música, en xeral, se debería perder porque se trata dun tenor de renome internacional, que ten actuado nos mellores escenarios do mundo, e que destaca tamén polo seu didactismo nos seus espectáculos”, explica a mezzosoprano e edil de Cultura, Nuria Lorenzo, quen pon énfase tamén na marabillosa localización do concerto, aos pés de Lourido e Praia América.

Biografía

José Manuel Zapata realizou estudos de canto en Madrid con Toñy Rosado Casas e con Ana Luisa Chova no Conservatorio Superior de Música de Valencia. Debutou en 2002 en Il turco  in Italia de Rossini no Teatro Campoamor de Oviedo, baixo a dirección de Alberto  Zedda. Unha rápida traxectoria levoulle a actuar no  Metropolitan Opera House de Nova York, o Gran  Teatre do  Liceu de Barcelona, o Rossini Opera Festival de  Pésaro, a  Deutsche  Oper de Berlín, a  Semperoper de  Dresden, o Teatro Real de Madrid e coliseos de Parma,  Palermo, París e Viena antes de cambiar o rumbo da súa carreira orientándoa ao mundo da radio e a divulgación, sen deixar os teatros de ópera pero asumindo papeis de carácter.

O Concello de Oia adquirirá varias parcelas nos arredores do Mosteiro

0

O Concello de Oia dá os primeiros pasos na súa aposta pola mellora da mobilidade no contorno do Mosteiro e o casco histórico do Arrabal mediante a adquisición de varios terreos situados nas inmediacións, co obxectivo de destinalos a zonas de aparcamento disuasorio.

Tendo en conta que todos os anos, principalmente en época estival, se producen aglomeracións de vehículos que afean e xeran problemas de tráfico neste entorno único e de gran valor patrimonial -por onde tamén pasa o Camiño Portugués da Costa- a dotación de aparcamentos disuasorios contribuirá a aliviar a circulación e liberar espazos como a Eira do Convento e arredores.

A alcaldesa, Cristina Correa, vén de dar este martes o primeiro paso para esta transformación coa formalización da compra-venda ante notario da parcela de aparcamento que ata o de agora tiña en aluguer, de aproximadamente 1.709 metros cadrados de superficie e situada na rúa do párroco D. Claudio Rodal Fandiño. Coa parcela xa en propiedade, o Concello poderá elaborar un proxecto que permitirá o seu máximo aproveitamento.

Ademais, nos próximos meses adquiriranse dúas parcelas máis, de aproximadamente  1.772 metros cadrados de superficie e situadas a continuación da recén mercada, para destinalas con carácter inmediato á ampliación de aparcamento. Posteriormente, cando a modificación das Normas Subsidiarias actualmente en redacción entre en vigor e permita o cambio de uso, este novo espazo destinarase a parque infantil -unha dotación moi necesaria e demandada pola veciñanza ao non haber ningún equipamento deste tipo na parroquia de Santa María de Oia-.

A adquisición dos tres terreos suporá un investimento total de 131.000 euros, cantidade que se financia a través do Plan Concellos do ano 2021 da Deputación de Pontevedra.

Cristina Correa avanza que, ademais de traballar na compra destes tres terreos, o Concello tamén está a manter conversas cos propietarios de parcelas lindeiras co obxectivo de chegar a consensos. Segundo apunta, estes novos acordos posibilitarían “unha mellora notable para o futuro de Oia”.

A alcaldesa lembra que a aposta pola adquisición de terreos é manifesta tamén noutras parroquias, xa que “ter a propiedade permitirá ao Concello optar a subvencións para abordar proxectos máis ambiciosos que redunden nunha mellor calidade de vida da veciñanza”.

Mellora do acceso ao embarcadoiro

Por outra banda, a rexedora local estase a poñer en contacto cos propietarios das parcelas que lindan coa Rúa do párroco D. Claudio Rodal Fandiño en relación a actuación “Mellora do acceso ao embarcadoiro”. Trátase dun proxecto redactado pola Deputación de Pontevedra que permitirá ensanchar a rúa para habilitar dous carrís de vehículos e unha senda peonil. Para poder levalo a cabo precísase da cesión de terreos.

A alcaldesa iniciou os contactos con estes veciños para explicarlles en que consiste este proxecto e a súa afección, así como a importancia do momento actual: “Preséntanse no horizonte oportunidades cos fondos europeos que non se deben desaproveitar”, conclúe Correa.

Gondomar con Desirée Vila no seu debut nos Xogos Paralímpicos de Tokyo

0

A Praza da Paradela de Gondomar lucirá as cores dos aros olímpicos mañá e encherase da forza e do espírito que sempre traslada a súa veciña Desiré Vila, a deportista oriúnda deste municipio, que se estrea mañá nos seus primeiros Xogos Paralímpicos.

O goberno local, a través da súa concellaría de Deportes, non quere deixar sen apoio a unha das súas deportistas máis recoñecidas e por iso instalará unha pantalla na Praza Paradela para poder seguir en directo a súa primeira proba nos Xogos de Tokyo, o salto de lonxitude T63, que está previsto emítase a partir das 12.00 horas deste xoves 2 de setembro.

Ao día seguinte Desirée Vila medirase coas súas rivais na semifinal de 100 metros lisos para facerse un oco na final e optar a unha medalla nesta proba. De facelo, o concello volverá convidar á veciñanza para sumarse a seguila en directo o sábado 4 de setembro a partir das 14.00 horas na pantalla que se instalará de novo para a ocasión. Un apoio institucional a Desirée Vilas que o concello quixo deixar patente tamén coa instalación dunha imaxe gráfica dela, regalada á familia polo artista urbano Gory, e que se instalou na fachada da Casa Consistorial, coincidiendo coa celebración dos Xogos no país nipón.

Tomiño pisa o acelerador na prevención de incendios das parroquias de Tomiño e Forcadela

0

Co fin de anticiparse ás históricas vagas de incendios acontecidas frecuentemente nos meses de setembro e outubro, o Concello de Tomiño continúa coa implementación de políticas destinadas a evitar estes sucesos. Logo da recente aprobación do Plan de prevención de incendios, publicado no DOG o día 11 de agosto, desde o consistorio informan que nas vindeiras semanas comezarán a enviarse cartas ás persoas propietarias de fincas situadas nas faixas secundarias das parroquias de Santa María de Tomiño e San Pedro de Forcadela.

A “Comisión de seguimento do convenio subscrito entre a Xunta de Galicia, a Fegamp e Seaga en materia de prevención e defensa contra os incendios forestais para o establecemento dun sistema público de xestión de biomasa nas faixas secundarias” decidiu consideralas como priorizadas en materia de prevención debido ao seu nivel de risco, polo que os esforzos irán destinados a previr a aparición de incendios nestas dúas parroquias. O plan de prevención establece que as fincas situadas nas faixas secundarias deben manterse limpas de biomasa e libres de eucaliptos, piñeiros ou acacias. Nesta faixa estarían encadradas as fincas situadas en solo rústico situadas a menos de 50 metros do solo urbano e de núcleo rural, ademais das situadas preto de edificacións, urbanizacións, gasolineiras ou edificacións illadas en solo rústico, entre outras.

Neste sentido, o persoal técnico de Seaga (Empresa pública de Servizos Agrarios Galegos) fixo unha revisión das parcelas situadas nas parroquias priorizadas, determinando a necesidade de notificar a todas as persoas propietarias de aquelas que continúan sen estar debidamente xestionadas. En total enviaranse 1.961 notificacións, 20 delas de forma telemática dirixidas ás persoas xurídicas e empresas. Ademais, tamén se publicarán no DOG e no BOE outras 1.277 notificacións de parcelas das cales se descoñece a persoa propietaria ou non existe a posibilidade de contactar con ela.

Unha vez recibida a notificación, a persoa propietaria disporá de 15 días para limpar a parcela. De non poder facelo, o feito de estar a finca situada nunha parroquia priorizada dálle ás persoas propietarias a vantaxe de poder adherirse a un contrato con Seaga para que o organismo se encargue deste labor. O importe por esta xestión será de 0,035 euros por metro cadrado, o que nunha finca duns 1.400 m2 suporía tan só uns 49 euros, un prezo substancialmente menor ao existente no mercado.

“É moi importante que toda a veciñanza colabore nunha cuestión tan importante como o é a prevención dos incendios forestais mantendo limpas as parcelas situadas nas faixas secundarias, un labor no que se ben se debe incidir de xeito máis exhaustivo nas parroquias priorizadas, é unha obriga que afecta a todo o municipio”, comenta a concelleira de Medio Ambiente, Ana Belén Casaleiro González.

O 2021 en cifras

No que vai de ano, o Concello de Tomiño tramitou un total de 218 parcelas agrupadas en 99 expedientes por incumprimento da limpeza de fincas e tala de especies prohibidas, labores de obrigado cumprimento segundo a normativa vixente.

Ditos expedientes tramitáronse logo de recibir 90 denuncias de particulares, sendo os 9 restantes abertos de oficio. Dos 99 expedientes abertos foron tramitados 94 (o 95%) e só 5 foron desestimados.

En canto á titularidade das 218 parcelas expedientadas, 175 das persoas propietarias foron notificadas. Para outras 34 parcelas publicouse un anuncio no BOE, xa que 14 delas estaban baixo investigación e non existía un enderezo para realizar a correspondente notificación e outras 20 notificacións non foron recollidas polas persoas propietarias, polo que se procedeu á súa publicación.

Das 175 parcelas nas que as persoas propietarias foron notificadas, 87 delas comunicaron ao Concello que a limpeza das mesmas fora efectuada. O baixo número en relación ás parcelas totais notificadas non implica que non fosen limpadas, senón que moitas das persoas que as realizan non o notifican despois, unha tarefa a ter en conta e sobre a cal continúan incidindo desde a institución municipal.

En datos por parroquias, dos 99 expedientes iniciados 36 deles están vencellados as parroquias priorizadas, Tomiño e Forcadela con 28 e 8 respectivamente, seguidas de Sobrada, con outros 8 e Amorín, Barrantes, Estás e San Salvador de Tebra con 7. Goián continuaría a lista con 6 expedientes, Santa María de Tebra e Taborda con 5, Vilameán con 4, Piñeiro 3, Figueiró 2 e Currás e Pinzás con un expediente cada un.

Na tramitación destes expedientes cabe destacar a dificultade cada vez máis frecuente de localizar ás persoas propietarias. No que vai de 2021 foron realizadas doce execucións subsidiarias, executadas por medio de contratados, cun gasto total de 7.240,60 euros correspondentes a expedientes creados no 2020.

A Deputación recibe ao Mecalia Atlético Guardés “tras unha temporada excepcional”

0

O club Atlético Guardés, un dos maiores expoñentes do balonmán feminino da provincia e do estado, afronta unha nova temporada cheo de optimismo e ilusión, sensacións que compartiron tamén hoxe a presidenta da Deputación, Carmela Silva, e o deputado de Deportes, Gorka Gómez, quen recibiron a súa directiva, equipo técnico e a unha representación das xogadoras no Pazo Provincial de Pontevedra, un lugar que a presidenta definiu como “a casa do deporte”. O afecto, o recoñecemento e os agradecementos estiveron presentes no encontro, que finalizou coa entrega de obsequios ao equipo e cunha especialísima lembranza de Fran Teixeira, “un xigante do balonmán, un defensor do deporte e un amigo”, mención especial que foi compartida por todas e todos.

Carmela Silva felicitou ao equipo que ven de pechar unha temporada extraordinaria conseguindo o sub campionato da Liga Guerreiras e xogando as semifinais da Copa EHF europea e da Copa das Raíña. A presidenta destacou que o Guardés forma parte da nosa provincia e “fai que sexamos un pobo grande, recoñecido e referenciado a nivel estatal e internacional” á vez que leva o nome da Guarda a todos os lugares nos que xoga. Por isto quixo dar as grazas á directiva, “sei os esforzos que estades a facer”, ao corpo técnico e moi particularmente ás xogadoras “que son unhas cracks, o exemplo que a sociedade necesita para visibilizar que a mulleres son capaces de converterse en verdadeiras heroínas”. A presidenta provincial é consciente que “todo apoio é pouco porque os esforzo que facedes é moi grande e espero que manteñamos e melloremos a relación que temos”. Neste senso, Carmela Silva lembrou que é unha obriga da Deputación “apoiar o deporte e particularmente ao deporte feminino xa que é un elemento fundamental para construír sociedades mellores”. Ademais, manifestou as súas ganas de “sentir o deporte de preto” e asegurou ao equipo que se achegaría aos primeiros partidos para “poñerme a camiseta con vós”.

As e os representantes do club amosáronse agradecidos co apoio que brinda a Deputación e non esconderon o orgullo que para todas elas e eles supón representar á provincia de Pontevedra. Neste senso, o presidente do club, Jesús López, asegurou que sen o ente provincial “o soño tan bonito que temos non sería posible” e fixo un repaso das próximas citas importantes do club, especialmente a competición europea na que volverán a competir, citas nas que está seguro de que “as xogadoras van a dalo todo”.

Tamén falou José Ignacio Prades, adestrador do Atlético Guardés e segundo adestrador da Selección Española Feminina, para quen “cada ano é máis difícil superar ao anterior” e espera que “nesta temporada poidamos pelexar con todo o mundo e competir en cada partido”.

Pola súa banda, Marisol Carratu, primeira capitana, destacou o “afecto tan próximo que brinda esta provincia ás xogadoras, que na maioría somos de fóra” e deixou claro que “imos estar á altura das circunstancias e demostrar en cada adestramento que o estamos dando todo para despois plasmalo na pista e conseguir logros”.

O comercio local de Ponteareas celebra o seu “Mercaserán” de descontos

O vindeiro venres 3 de setembro o comercio local de Ponteareas colgará o cartel de rebaixas. Banastra de Ponteareas e a Asociación de Comerciantes Tea organizan a segunda edición de “Mercaserán”, unha xornada para pór en valor a ampla oferta de servizos e produtos que hai na vila, que está financiada polo Concello.

A alcaldesa, Cristina Fernández Davila, destaca que o evento é “moi positivo” para a economía do municipio, e é “unha proba máis da importante labor de Banastra e a Asociación de Comerciantes Tea para fortalecer o comercio de proximidade”.

Durante a xornada, ademais de grandes descontos, tamén se fará un sorteo de agasallos entre todas as persoas que merquen no pequeno comercio. Os establecementos tamén pecharán máis tarde, ás 22.00 horas, para que “toda a veciñanza poida desfrutar do Mercaserán”, afirma a edil.

O evento tamén contará con animación. Ás 12.00 horas a zona peonil da praza Doutor Fernández Vega acollerá a actuación do violinista Gabriel Cracium, de 16.30 a 18.30 horas haberá unha busca do tesouro nos distintos comercios da vila (inscrición no 682 824 695, ás 18.30 h a rúa Amado Garra animarase coa música dun DJ, e ás 19.30 h hai un concerto e un taller de baile diante do Concell. A xornada rematará ás 22.15 horas na Praza Maior co sorteo de agasallos.

Tui recibirá hoxe oficialmente a Gustavo Rodríguez tras ser medalla de prata

0

O Concello de Tui brindará hoxe mércores, 1 de setembro, unha recepción oficial ao deportista tudense Gustavo Rodríguez que o pasado sábado logrou a medalla de prata en Tríatlon coma guía de Héctor Catalá nos Xogos Paralímpicos de Toquio.

O acto está previsto para hoxe mércores ás 20 h coa recepción por parte da corporación municipal no salón de sesións da casa do concello. A continuación ás 20.15 h a cidadanía en xeral poderá transmitirlle os seus parabéns na praza do Concello.

Gustavo Rodríguez é o oitavo deportista tudense en participar nuns Xogos Olímpicos, e o segundo en lograr unha medalla olímpica.

Lembramos que até o de agora só Enrique Miguez contaba cunha medalla olímpica, a de bronce, lograda xunto a Narciso Suárez, en Los Ángeles 84, participando tamén nos Xogos Olímpicos de Seul 88 e Barcelona 92.

Son tamén olímpicos os deportistas Pedro Areal en Barcelona 92 e Sidney 2000; Jacobo Moroño e Jose Ignacio Bugarín en Barcelona 92; Suso González en Atenas 2004; Frank Casañas en Londres 2012 e Óscar Carrera en Río 2016. 

O nome de Gustavo Rodríguez pasará a figurar na placa situada na rúa Olímpicos Tudenses que no día de onte foi retirada para poder gravar o seu nome.

O acto desta tarde celebrarase cumprindo as medidas establecidas polas autoridades sanitarias, lembrando aos asistentes a importancia de manter a distancia de seguridade e o uso da máscara.

Aberto o prazo de inscrición para unha nova DepoRuta BTT

A Deputación de Pontevedra xa ten aberto o prazo de inscrición para a segunda das DepoRutas BTT programadas para este verán, que transcorrerá o 19 de setembro polos montes do Deza. Poderán participar ata un máximo de 200 persoas que deberán encher un formulario na web (www.depo.gal) para reservar a súa praza.

A actividade contará cun percorrido circular de 32 quilómetros de dificultade media alta que terá como inicio a Praza da Feira da vila de Bandeira (Silleda). A ruta iniciarase cunha subida por zonas de carballeiras e camiños estreitos ata o punto máis alto da ruta e, dende este lugar, as persoas participantes descenderán logo cara a igrexa do Castro e o Mosteiro de Carboeiro, onde se disporá o avituallamento intermedio da ruta. A continuación cruzarase o río Deza ata o concello de Vila de Cruces, e o itinerario transcorre logo pola coñecida Fervenza do Toxa para, desde este punto, iniciar a volta ao punto de partida. Todas aquelas persoas que estean interesadas en participar deberán inscribirse antes do 13 de setembro.

Esta é a segunda das DepoRutas BTT programadas este ano, que comezaron o pasado domingo 29 de agosto cun percorrido pola Costa da Vela en Cangas. A última destas actividades, que forma parte do programa “Aviventa o Deporte” da institución provincial e que están dirixidas ás persoas que gocen do deporte en contacto coa natureza, terá lugar xa en outubro, concretamente o día 17 pola Costa do Atlántico, no concello da Guarda. A inscrición abrirase o día 20 de setembro.

Aberto o prazo de inscrición para o webinario “Plan de Recuperación do Sector Turístico” da Deputación

As empresas do sector turístico da provincia poden xa inscribirse no webinario “Plan de Recuperación do Sector Turístico: Oportunidades para o Sector Público e o Sector Privado”, o encontro telemático de alto nivel organizado pola Deputación de Pontevedra para informar das distintas liñas de axuda ás que poderán concorrer a través dos fondos Next Generation.

Esta acción da Deputación busca achegar a información ao sector da provincia, conformado maioritariamente por  pemes e persoas autónomas, co fin de que dispoñan de coñecemento claro e detallado dos programas e do financiamento previstos no Plan de Recuperación Estatal e, en concreto, no Plan de Recuperación e Competitividade Turística. A institución provincial abriu o prazo de inscrición polo que todas as persoas que estean interesadas en participar poden xa inscribirse con só encher un formulario no sitio web de Turismo Rías Baixas https://turismoriasbaixas.com/gl/plan-de-recuperacion-del-sector-turistico.

A xornada, que se realizará o mércores 8 de setembro vía Zoom, centrarase en facilitar as claves dos programas, en especial as axudas ás que poderán optar para abordar melloras no ámbito do comercio en zonas turísticas, da economía circular, melloras en equipos (eficiencia enerxética), dixitalización ou sustentabilidade nos seus establecementos. Por elo se está a convocar a adegas, axencias de viaxes, aloxamentos, turismo activo, comercio… en definitiva, toda a cadea de valor do turismo que pode participar nesta xornada destinada a achegar o detalle do Plan aos seus beneficiarios.

Ademais, a información tamén está destinada ás asociacións que conformar o sector turístico en Pontevedra e en Galicia e que tamén poderán optar a liñas de axudas para entidades como é o caso das  Convocatorias de “última milla” de proxectos innovadores dirixidas a empresas, preferentemente PEMES, e asociacións ou entidades asociativas previstas cun orzamento de contorna a 80 millóns de euros.  Por todo elo, a Deputación reúne a un panel de  relatores e relatoras de alto nivel formado por persoas expertas e dos equipos de dirección do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo, da sociedade RED.ES e de  SEGITTUR. A xornada do día 8 comezará ás 9.30 horas coa presencia de Galo Gutiérrez, director xeral de Industria e da Pequena e Mediana Empresa do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo, quen dará unha charla titulada “Os retos da pequena e mediana empresa na recuperación: oportunidades”. A continuación Luis Prieto, director de economía dixital de Red.es, falará sobre as “Axudas enmarcadas nos compoñentes 13 e 16. Impulso ás PEMES” e tras el Enrique Martínez, presidente de Segittur, centrarase nas “Axudas enmarcadas no compoñente 14. Apoio ao sector turístico”. A seguinte quenda de palabra será para Ana Jar Rodríguez-Medel, subdirectora adxunta de Desenvolvemento e Sostibilidade Turística do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo, quen falará sobre “Estratexia de sostibilidade turística en destinos”. A derradeira das charlas correrá da man de John Mora, vicepresidente da Comisión de Smart Cities e Turismo Intelixente de Ametic, quen porá sobre a mesa “As necesidades de transformación do sector turístico. Tecnoloxías aplicadas ao turismo”.

Gondomar acolle o Festival Corpo(a)terra de danza

0

O festival de danza Corpo(a)terra, do que o Concello de Gondomar é o principal colaborador da edición, volve recibir o apoio da Xunta de Galicia para celebrar a súa undécima edición, que desde hoxe e ata o sábado 4 de setembro desenvolve unha versión adaptada á situación sanitaria coa que estrea nova sede en Gondomar, ademais de repetir extensión na localidade ourensá de Allariz por quinto ano consecutivo. 

No seu formato reducido, bautizado como C(a)t, trátase dunha das nove mostras subvencionadas este ano pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade a través da modalidade de axudas a festivais de artes escénicas, dotada con 200.000 euros. Así o detallou este mediodía o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, durante a presentación do evento na Casa do Concello de Gondomar, na que xunto aos representantes institucionais, entre eles o alcalde Paco Ferreira, tamén participaron Marta Alonso, Begoña Cuquejo e Paula Quintas, directoras do evento organizado pola Asociación trasPediante Cultura. Contouse, ademais, coa intervención artística de Marcia Vázquez, unha das representantes galegas na carteleira deste ano.

Paco Ferreira agradeceu aos responsables do Festival “a elección de Gondomar como o novo escenario deste evento tan recoñecido no mundo da danza, así como a confianza posta no noso goberno, e na Concellería de Cultura e o seu responsable, Juan Bas, para trasladar a nosa vila o Corpo(a)terra”. Lembrou que “a partir de aquí apostamos e traballamos firmemente polo sector da cultura, que vai máis aló das representacións artísticas que gozamos a través das súas múltiples expresións, xa que é un importante motor da nosa economía e do sustento das familias que levan dous anos moi duros. Por iso estamos e estaremos sempre aí, apoiando a cultura en todas as súas manifestacións”.

Nos próximos días podera verse o traballo de compañías galegas consolidadas e emerxentes, como é o caso da peza “Onde pousa a humidade” da viguesa Marcia Vázquez, imaxe desta edición e da que gozouse cun extracto na rolda de prensa; tamén as pezas seleccionadas polo Circuito da rede Acieloabierto (aglutinador dos 12 festivais máis consolidados de España e da que corpo(a)terra forma parte desde a súa constitución); colaboracións internacionais, danza e a súas ramificacións cara o circo e a performance.

Ademais dos espectáculos de danza de compañías galegas que se verán na Praza do Concello de Gondomar, cómo é o caso da xa citada Marcia Vázquez, da Cía Qabalum, Cía Novagalega de danza ou da artista Alba Troiteiro, a veciñanza poderase atopar pola cidade coa intervencián da artista María Roja.

En Gondomar presenciaranse os traballos de 3 compañías nacionais no centro da cidade: Cía Javier Guerrero de Cataluña (que presentará un cuarteto de danza), Cía Álvaro Murillo de Extremadura (un só en clave flamenco contemporáneo) e La Intrusa desde Cataluña (en un dúo que combina a danza coa música en directo), unha peza internacional: Draconis Lacrimae de Pablo E. Lilienfeld e Federico Vladimir Strate Pezdirc (Bruxelas-Galicia) nun formato especial. Para os visitantes de corpo(a)terra non residentes na zona, dispúxose dun pack de danza e turismo rural en colaboración co Pazo da Escola para facilitar a súa estancia na localidade.

O día 4, último día do festival, despois da actuación Nova Galega de Danza co seu recoñecido traballo Leira, poderase disfrutar da Cia La intrusa como peche de edición cunha peza curta moi festiva que deixara as ganas de bailar.

Nesta edición de c(a)t realizarase unha versión reducida e limitada de ENXEBRE´danza, o programa de formación do corpo(a)terra, os días 3 e 4 de setembro no Pavillón de Deportes Bernabé Costas de Gondomar.

A Asociación trasPediante cultura leva 10 anos traballando pola danza en Galicia e programando o corpo(a)terra na provincia de Ourense, na que nesta edición mantén unha xornada no concello de Allariz o día 1. Tanto no concello de Allariz, como no de Gondomar, apostase por facer unha inversión económica e de recursos. Este ano o festival, en formato reducido por mor da COVID-19, trae a ambos concellos e grazas ao compromiso co proxecto e ao apoio económico e loxístico que aportan, unha programación que triplica a súa colaboración coa involucración da propia Asociación que suma unha financiación con fondos propios, a maiores do aportado a través de axudas da Xunta de Galicia, Inaem, Agadic e outras colaboracións adquiridas durante o traballo sostido destes 11 anos.

As Neves, primeiro concello do Condado en ter todo o alumeado público con tecnoloxía LED

0

Antes de acabar este 2021 o alumeado público das Neves estará composto íntegramente por luminarias LED, de xeito que este concello será o primeiro do Condado que completará a renovación integral deixando definitivamente atrás o vello ‘sistema’ de vapor de mercurio.

Esta renovación abrangue preto de 2.500 puntos de alumeado, ademáis da substitución dos cadros eléctricos e os treitos máis deteriorados de todo o cableado, o cal supón varios quilómetros. Culmina, así, un traballo iniciado hai tres anos que tiña coma obxectivo, apunta o alcalde, Xosé Manuel Rodríguez Méndez, “chegar á totalidade do territorio municipal, retirando as vellas lámpadas obsoletas e contaminantes e colocando no seu lugar luminarias leds de alta tecnoloxía”.

Aforro e redución da contaminación

Rodríguez Méndez recalca que, en conxunto, o novo alumeado “ademais de subir a intensidade e claridade do actual mellorando de xeito considerábel o servizo ás veciñas e veciños, permitirá aforrar ás contas municipais máis dun 70 %, de media, no recibo eléctrico e reducir a emisión de CO2 á atmosfera”.

Do mesmo xeito, están implantados sistemas intelixentes de telexestión enerxética nos ‘cadros da luz’ o que permitirá monitorizar o alumeado en tempo real e xestionalo punto por punto, permitindo regular a intensidade lumínica e programar o acendido e apagado en función das necesidades e das horas nas que haxa luz natural.

O alcalde subliña que o orzamento anual para alumeado público foi este ano de 125.000 euros e en 2022 poderá ser de arredor de 37.500, o cal suporá un aforro de 87.500 euros. Esta cantidade, sinala o Rodríguez Méndez, irá destinada aos Servizos Sociais, de feito, engade, “no orzamento de 2021 xa se reordenaron 50.000 euros deste aforro no alumeado para o Servizo de Axuda no Fogar (SAF)”.

As veciñas e veciños das Neves so aportaron o 17,86% de toda a inversión

A renovación de todos o alumeado público das Neves tivo un orzamento total de 1.106.056,99 euros para os cales o Concello conseguiu unha financiación do 82.14% do total (900.198,77 €), isto supón, salienta o alcalde, que Concello das Neves so inviste un 17,86% (197.550,90 €), “unha cantidade que en 2 anos e medio estará recuperada grazas ao aforro na factura eléctrica”.

Rodríguez Méndez, lembra que a maior parte da inversión realizada procede de achegas do Instituto para a Diversificación e o Aforro de Enerxía (IDAE), dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, e de fondos europeos, acadados polo Goberno local nos últimos anos.

Chega a V Feira do Peregrino a Tui

0

Miles e miles de peregrinos pasan cada ano por Tui no seu camiño cara a Santiago de Compostela, sendo esta cidade a porta a Galicia do Camiño Portugués e o segundo máis concorrido tras o Camiño Francés.

Tras o parón obrigado no 2020 pola COVID-19, volve a Tui a Feira do Peregrino. Unha feira que chega á súa quinta edición, organizada pola Asociación de Comerciantes e Industrias de Tui ( Acitui), Asociación Turismo Cidade de Tui e a Asociación Amigos do Camiño de Santiago de Tui, e que os próximos días 4 e 5 de setembro encherá Tui con numerosas actividades como unha homenaxe a todos eses peregrinos que, durante séculos, pasaron polas súas rúas no seu camiño a Santiago de Compostela.

Esta Feira, que contará con todos os protocolos e medias anticovid establecidos, chegará cun programa cargado de actividades de todos os ámbitos, desde música, cultura, animación, entretemento e moito máis.

Os actos comezarán o sábado 4 de setembro con charlas e conferencias, na aula Uned de Tui, relacionadas co Camiño de Santiago e baixo o Forum Peregrino 2021, organizado pola Asociación Peregrina Iacobus, e que continuarán o domingo.

Ás 11 h do sábado dará inicio no Paseo da Corredera o Mercado de Artesanía do Peregrino e, en horario de tarde, levarase a caboz e en colaboración con Alfombristas do Camiño de Santiago, a confección dunha alfombra floral de 28 m2 no rellano da Catedral de Tui.

Os actos principais deste sábado serán, por unha banda, o acto homenaxe ao peregrino, coa recreación escenográfica teatralizada da chegada a Tui de Cosme de Medici III, Príncipe da saga dos Medici, que pasou por Tui na súa peregrinaxe a Santiago desde o seu desembarco no Río Miño ata a súa chegada á Catedral de Tui, este acto terá lugar a partir das 17:30 h.

Ás 18:45 levarase a cabo a lectura do pregón desta Feira da man de Miguel Pampín Rúa, Gran Mestre e Presidente da Orde do Camiño de Santiago, nas escalinatas da Catedral de Tui.

Ás 19 h, e na Catedral de Tui, terá lugar a Misa do Peregrino oficiada polo Excelentísimo e Reverendo Don Luís Quinteiro Fiuza, Bispo Diocesano de Tui-Vigo.

Este primeiro día complétase con actividades infantís, concurso de caracterización do peregrino, proxección audiovisual e un Gran Espectáculo de Queimada con Conxuro.

O domingo 5 de setembro continúan as actividades do día anterior como conferencias, feira de artesanía, pasacalles, concurso de debuxo e a actuación teatral de humor do grupo “Fulano, Mengano e Citano” coa súa obra Ou que hai que ver!

Tui homenaxea e agradece desta forma a todos os peregrinos que no seu día, percorreron, percorren e percorrerán a súa empedradas e históricas rúas no seu camiño cara a Santiago de Compostela.

O CB Nigrán estrea equipacións de cara á nova tempada

0

Estes novos equipamentos manteñen as cores vermello e negro identificativos do Club, en cuxas camisetas aparecen sublimados os logos do Concello de Nigrán e Deputación e no pantalón a imaxe de Bani, mascota do CB Nigrán.

Para esta nova tempada, o club conta con equipos nas Categorias Baby, Benxamín, Alevín, Infantil, Cadete, Junior e Sénior. Por primeira vez, o club contará con 3 equipos na categoría cadete, un feminino e dous masculinos, dos cales un será de primeiro ano e outro de segundo.

Todos estes equipos comezarán os seus adestramentos de forma progresiva a partir desta semana, alternando adestramentos de preparación fisica na praia e outros en pista.

Con respecto aos adestradores, desde o Club queren dar continuidade ao traballo que vén realizando e onde os técnicos son unha peza crave. É por iso que se mantén o 100% do persoal da tempada pasada, valorando así o bo traballo formativo e competitivo levado a cabo.

Desde o club consideran importante formar adestradores, para iso seguirase traballando con xogadores do club, dándolles a opción de colaborar como adestradores axudantes e supervisando o seu traballo diario.

A directiva do club traballa xa desde esta semana na tramitación das máis de 120 fichas federativas para esta tempada e que veñen atesourar o bo labor realizado no CB Nigrán
O Club volve ademais a xestionar as escolas de iniciación de baloncesto nos centros educativos da localidade tras o parón forzado a tempada anterior pola pandemia.

Preséntase así unha tempada con novos obxectivos e moi ilusionante.

A Ruta das Artes e Oficios de Tomiño pecha a súa edición 2021 con éxito de participación

0

A Ruta das Artes e Oficios organizada polo Concello de Tomiño pechou esta semana a edición 2021 con grande éxito de participación.

A ruta deste verán, que comezou o 29 de xullo pasado no obradoiro do escultor Luis Álvarez, rematou o xoves 26 de agosto, cunha visita guiada a un viveiro do municipio (Viveiros Río Tollo) onde as persoas apuntadas puideron coñecer in situ o proceso de produción das variedades ornamentais máis importantes da empresa, como é a camelia.

Unha media de 20 persoas (máis dun centenar de asistentes en total) pasou por cada unha das visitas organizadas este verán, entre as que tamén estiveron o taller de Diana Oliveira-Ivindi, experta en xoiaría artesanal, e a plantación cítrica local “Cítricos Rías Baixas”. A concelleira de Eurocidade, Mocidade e Participación Infantil, Fátima Rodríguez, manifestou a súa satisfacción polo nivel de participación acadado. “Trátase dunha actividade, de balde, que ten coma fin promocionar o noso patrimonio artístico, natural, económico, ambiental… Enfocada esta vez, máis nos oficios que nas artes, coma en anos anteriores, a ruta permitiu coñecer mellor ás empresas e particulares que traballan no noso concello”, valorou.

Representantes e usuarios das traídas veciñais de Oia viaxarán a Abegondo para coñecer as melloras no abastecemento autónomo

0

O Concello de Oia abre a inscrición para participar nunha viaxe a Abegondo dirixida a usuarios e representantes das traídas veciñais que hai no municipio, co obxectivo de coñecer polo miúdo as melloras en materia de abastecemento realizadas no antedito concello coruñés. A saída realizarase en autobús o próximo 7 de setembro, en horario de mañá (horario estimado: saída ás 8:15 h, chegada ás 15 h).

Esta actividade enmárcase dentro da iniciativa que a Xunta está a desenvolver en materia de abastecemento autónomo en municipios de menos de 5.000 habitantes, e para o que Oia foi seleccionada xunto con outros 5 concellos galegos.

As persoas participantes na excursión terán oportunidade de coñecer de primeira man as melloras que se teñen feito nas traídas veciñais de Abegondo a través do programa europeo LIFE, demostrando que, no rural, as solucións tradicionais de traídas veciñais (abastecemento autónomo) son unha alternativa viable fronte a sistemas centralizados.

A actividade incluirá unha presentación do proxecto LIFE Rural Supplies, iniciativa piloto realizada no concello de Abegondo que é precursor do actual Plan Municipal de Abastecemento Autónomo. Despois desta presentación, as persoas asistentes participarán en visitas guiadas a varios exemplos modelo de traídas de augas situadas neste municipio coruñés.

Para participar na viaxe é preciso inscribirse, pois as prazas son limitadas por cuestións de aforo. As persoas interesadas poden apuntarse no Concello de Oia (chamando ao teléfono 986.36.21.25) ata o día 2 de setembro.

Rematadas as obras de mellora do espazo peatonal da Foz do Miñor

0

O Concello de Baiona ven de rematar as obras de mellora do espazo peatonal da Foz do Miñor, no tramo que percorre o interior da calzada en paralelo ao paseo marítimo.

A intervención, valorada en 25.236 euros, financiouse con cargo ao Plan Concellos da Diputación de Pontevedra.

As accións leváronse a cabo tanto na propia senda como na ponte de madeira situada sobre o tramo final do río Groba.

O concelleiro de Vías e Obras, Óscar Martínez, explicou que a ponte renovouse por completo, dispoñendo taboleiros máis anchos, de 45 milímetros fronte aos anteriores de 25 milímetros, e mellorando a barandilla: “a finalidade é incrementar a durabilidade e a seguridade”.

Con respecto aos postes e as cordas, acordouse a súa sustitución dos que presdentaban un elevado grado de deterioro e tratáronse os que estaban en mellores condicións. Colocáronse novos bancos e papeleiras, sometendo a reparación os xa existentes.

O alcalde, destacou que esta é a terceira actuación no paseo marítimo ao seu paso por Sabarís, logo das restauracións integrais levadas a cabo nas dúas pontes de madeira que discorren pola parroquia, esquecidas dende fai anos polos anteriores grupos de goberno.

Excepcional acollida entre o público do programa “Historias Cavadas”

O programa “Historias Cavadas” de visitas escenificadas aos xacementos musealizados do Castro de Toiriz, en Silleda; Castro Alobre, en Vilagarcía e A Subidá, en Marín, que pon en marcha a Deputación de Pontevedra, vai comezar cunha excepcional acollida. As 150 prazas ofertadas nas seis sesións previstas están completamente esgotadas. As visitas arrancan este xoves 2 de setembro no Castro de Toiriz onde se repetirán ao día seguinte, día 3; mentres que en Castro Alobre  se realizarán o 16 e 30 de setembro, e na Subidá os días 17 e 24.

Este novo programa de visitas escenificadas conxuga cultura, diversión e patrimonio e busca poñer en valor os castros musealizados da provincia da man dos principios de sustentabilidade, accesibilidade e inclusión de tódolos públicos. As sesións serán realizadas polo grupo Troula Animación e, máis concretamente protagonizadas por dous personaxes, un romano e unha castrexa, que lle darán unha “onda cómica” a estes percorridos pola historia, co obxectivo de converter estas visitas nunha experiencia non só cultural, senón divertida para todas as idades. A duración estimada é de 50 minutos e trátase dunha actividade accesible e inclusiva, que contará así mesmo con intérprete de lingua de signos.

O obxectivo destas visitas é que a historia, o valor cultural, o contexto social e o significado artístico e patrimonial destes xacementos arqueolóxicos, sexa interpretado e chegue ao público dunha maneira amena e didáctica, que axude a comprender o importantísimo papel que teñen como testemuña do pasado e o indispensable labor de recuperación e respecto que se realiza para sacalos á luz e que continúen a súa historia cara o futuro. A compañía Troula está especializada en teatro e animación, con ampla traxectoria de máis de 20 anos na produción de espectáculosde rúa. Moi presentes cos seus proxectos en Galicia e boa parte da xeografía nacional, así como estranxeira (Francia, Portugal, Inglaterra, Escocia e Irlanda), Troula é a compañía organizadora do festival de espectáculos itinerantes de Pontevedra, Itineranta, e produtora de coñecidos proxectos como  “Uxía Lambona e a Banda Molona”, “Errantes”, “Pachamama” ou “O estraño caso do dentista da rúa Brasov”.

O Concello de Nigrán acolle do 10 ao 12 de setembro a final do Campionato de España de Petanca Tripletas Masculino

0

O Concello de Nigrán acollerá do 10 ao 12 de setembro en Praia América a final do campionato de España de Tripletas Senior 1ª Masculino coa participación de 32 equipos de 13 federacións de petanca, o que convirte o evento nunha oportunidade única para difundir este deporte e o propio municipio. Entre os clubes clasificados figura o C.C.D.Bolos da Carrasca, de Nigrán, cun equipo formado por Eladio Araújo, Marcelino Giráldez, Ramiro Alves e Santiago Alonso (da comarca de Vigo figuran o C.P. Ensino e C.P. Teis). Esta final estaba prevista para maio de 2020 pero a situación pandémica obrigou a aprazala ata en dúas ocasións.

“Esta cita é posible grazas ao C.C.D. Bolos da Carrasca, os grandes promotores da petanca en toda a comarca, grazas ao seu tesón e esforzo Nigrán pode acoller esta final nacional que pon en valor o noso municipio no exterior e que o dá a coñecer, por iso consideramos Praia América como o mellor escenario”, destacou durante a presentación o alcalde, Juan González. Así, máis de 120 deportistas (entre xogadores e técnicos) se hospedarán nestes días en Nigrán e, adicionalmente, a canle de televisión LaLiga Sport TV o retransmitirá en directo a todo o país.

Para esta cita, o Concello de Nigrán habilitará na zona da antiga escola de vela de Praia América 16 canchas de competición, unha de adestramento e outra desde onde se televisarán as partidas. O venres 10 será a presentación dos equipos e o sorteo e durante todo o día 11 e 12 será a competición oficial, estando previsto a final para o domingo á tarde.

“Desde a Federación Española de Petanca trasladáronnos a súa ledicia por facer a final en Galicia, onde non se celebraba desde hai moitos anos, e persoalmente, estou moi orgulloso de que por vez primeira sexa Nigrán o municipio elexido”, destacou Antonio Arcas, presidente da Federación Galega e xogador do C.P.Ensino.

No CCD Bolos da Carrasca a propia seleccionadora galega Amelia Valverde ‘Milucha’ recoñece que é difícil acadar o título porque federacións como a de Andalucía ou Cataluña acuden con equipos de altísimo nivel. Compre destacar que o equipo feminino senior deste clube está tamén clasificado para a final, que se disputará en Mallorca do 24 ao 26 de setembro.

A Festa do Viño de Salvaterra, da a coñecer os caldos premiados na cata ‘A procura dos Viños Deliciosos do Ano’

A organización da LXII Festa do Viño do Condado do Tea deu a coñecer coñecer os viños premiados na cata Á procura dos Viños Deliciosos do Ano, que tivo lugar o pasado sábado, 28 de agosto, na Casa do Viño.

Os viños premiados nas distintas categorías foron os seguintes.

  • Delicioso de Ouro do Condado do Tea Rías Baixas ‘Tinto’
    • Señorío de Rubiós Mencía da Adega Señorío de Rubiós
  • Delicioso de Ouro do Condado do Tea Rías Baixas ‘Albariño’
    • Valtea da Adega Vilarvin
  • Delicioso de Prata do Condado do Tea Rías Baixas ‘Albariño’
    • Bagoa do Miño da Adega As Laxas
  • Delicioso de Bronce do Condado do Tea Rías Baixas ‘Albariño’
    • Nora da Adega Viña Nora
  • Delicioso de Ouro do Condado do Tea Rías Baixas ‘Condado’
    • Mas que 2 da Adega La Val
  • Delicioso de Prata do Condado do Tea Rias Baixas ‘Condado’
    • Arbastrum da Adega Eidosela
  • Delicioso de Bronce do Condado do Tea Rías Baixas ‘Condado’
    • As Laxas da Adega As Laxas

Xisconnection & The Black Turf abriron ‘Música nos Xardíns’ da Guarda

0

O pasado venres día 27 de agosto deu comezo a edición 2021 Música nos Xardíns, a programación coa que o Concello da Guarda quere achegarse aos novos talentos musicais da nosa vila e contorna, que este ano incorpora unha ampla variedade de ritmos e estilos.

En total son tres os concertos que se desenvolverán entre agosto e setembro e polos que pasarán músicos e bandas xa coñecidas polo público guardés como Bruce Grinn ou The Charrans, acompañadas por bandas da contorna como The Mirror ou Zalomon Grass.

Esta programación parte dunha colaboración con aquelas asociacións e colectivos que ata o 2019 viñan organizando festivais de música na nosa vila, como o Rock Guardés ou o Galifornia Beat, que por mor da pandemia e as restricións e limitacións impostas para facer fronte ás actividades culturais non poden realizar os seus festivais este ano.

A primeira cita de Música nos Xardíns foi o pasado venres día 27 de agosto cun dobre concerto de Xisconnection & The Black Turf nos Xardins do Centro Cultural.

Xis Connection & The Black Turf

É un Proxecto miñoto de música reggae, que interpreta temas en galego-portugués cargados de compromiso social que nos farán viaxar de Brasil a Xamaica.

Influenciados polo seu traballo con artistas e bandas lusófonas, presentan un repertorio con composicións e colaboracións con artistas da escena reggae do Brasil.

[su_image_carousel source=”media: 43944,43941,43943″ crop=”5:4″ captions=”yes” link=”lightbox” autoplay=”0″]

Xis Conecction trae un directo cheo de forza e enerxía, con temática reivindicativa, que nos fala da corrupción, da pobreza, das inxustizas e dos problemas sociais. Música que fai bailar pero tamén reflexionar sobre o que está a acontecer no planeta.

PRÓXIMOS CONCERTOS

Venres 3 de setembro ás 21:00h – Bruce Grinn + The Mirror

Bruce Grinn, é un músico independente, formado en Inglaterra onde se formou como músico tocando en bandas locais, e se estableceu en 2011 na nosa vila onde formou o grupo The Loopholes, moi ben acollido pola prensa musical galega. No 2017 decideu embarcarse en solitario nun novo proxecto musical mais ambicioso, chegando o seu debut discográfico en 2018: “Fustian Fumes”. Con 8 temas de rock-alternativo eun sonido endurecido en relación aos seus traballos anteriores, o disco conta coa colaboración de varios músicos entre os que destaca Tania González Braga (The Mirror) nas voces, quen aporta solidez e calidez vocal.

En directo, Bruce, acompañado tan só dunha guitarra acústica e algo de percusión, nos ofrecerá o seu lado mais íntimo entre a canción de autor propia do indie-folk e o rock dos anos noventa.

O grupo The Mirror, será o encargado de pechar a velada, co seu repertorio de temas propios con influencias do rock, funk e o soul. Este grupo, formado no 2018 unificando as diferentes traxectorias dos seus compoñentes, xa estiveron no Mercado da Música celebrado nos Xardíns do Centro Cultural, así como en diferentes festivais da provincia (Solpor no Mosteiro, Oia ou Sons do Casco, Baiona).

Sábado 18 de setembro ás 21:00h – The Charráns + Zalomon Grass

The Charráns (A.K.A los charranes) é un grupo local da Guarda nado no ano 2014 e formado entre compoñentes dos grupos Frakaso Skolar e Asegún como resposta a unha sociedade insociable. No ano 2016 editan o seu primeiro disco “Punk furtivo” da man de Baixo Miño Estudios e despois de ducias de concertos no ano 2020 gravan o seu novo LP en Grabaciones Ilegales con Charlie Thenstill e que foi publicado na internet por falta de fondos para a súa edición. Criáronnos dicindo que poderíamos ser ricos, ser famosos, cortar o bacallao e triunfar na vida, pero todo era mentira. Só uns poucos poden ser ricos e ao resto, tócanos sementar patacas, facer pan, ir ao mar ou construír esas casas que nunca teremos, ao resto tócanos ser Charráns.

Zalomon Grass e o seu desbordante blues cósmico ven a sacarnos da apatía e o entumecemento destes tempos estraños. Se te gustan os power tríos dos vellos tempos, esta é a túa banda.

Estes concertos están apadriñados polo Rock Guardés e o Galifornia Beat.

O alcalde da Cañiza presenta na Biblioteca Municipal os libros do cañicense David Ferreiro Carballo

0

O alcalde da Cañiza, Luis Piña, e o doutor en musicoloxía David Ferreiro, presentaron na biblioteca municipal a Obra e Memoria de Luis R. Brage Villar, compositor santiagués, referente da música galega no primeiro terzo do século XX e creador da banda de música La Lira de Ribadavia.

Esta publicación do cañicense David Ferreiro, editada  polo Consello da Cultura Galega en xuño de 2020, aborda un percorrido pola traxectoria vital e artística do compositor Brage Villar (1896-1959).

O libro, xunto cos títulos Bandas de música: contextos interpretativos y repertorios e  Luis R. Brage Villar, Follas Novas, xa forman parte do Catálogo de Fondos da Biblioteca da Cañiza. Ademáis a Obra e Memorias de Luis Brage Villar está dispoñible para descarga na páxina do Consello da Cultura Galega ou nesta ligazón.

Luis Piña manifestou a súa satisfacción “pola visita e sobre todo pola labor deste mozo cañicense  quen, a pesar da súa xuventude, conta xa cun brillante currículum, con varios premios e mencións extraordinarias sobre todo no eido da investigación e divulgación musical”. “Trátase dun profesional a quen seguro lle agardan grandes éxitos que esperamos poder compartir dende A Cañiza, a súa terra”, conclúe o rexedor local cañicense.

A Biblioteca de Ponteareas propón para o mércores 1 de setembro xogos e contacontos

A Biblioteca Municipal de Ponteareas continúa ofrecendo actividades para os máis pequenos e pequenas da vila. O vindeiro xoves entre as 11:30 e as 13:30 acollerá unha xornada de xogos e contacontos para incentivar a lectura dende a diversión. A participación está dirixida a nenas e nenos entre 3 e 12 anos, é de balde, e a inscrición pódese facer na biblioteca, no teléfono 986 660 765, ou en [email protected].

O concelleiro de Cultura, Fernando Groba, explica que esta xornada forma parte do programa Ao arredor do conto co que se pretende “animar aos nenos e nenas, e tamén as súas familias, a ler, a contar historias, e a desfrutar da literatura”. Ademais o edil quere dar os parabéns ao persoal da biblioteca “polo seu gran traballo organizando e impulsando estas actividades tan importantes para a cultura da nosa vila”.

Volve o cine ao parque da Feira Vella con ‘Grease’

O Parque da Feira Vella de Ponteareas volverá a converterse mañá martes nunha sala de cine ao aire libre. Ás 22.00 horas comezará a proxección de Grease”, o musical que marcou a varias xeracións e deixou a súa pegada no cinema dos anos 70.

O concelleiro de Eventos, Miguel Bouzó, destaca que esta actividade “está sendo un éxito”, e afirma que é unha mostra máis da “aposta do Concello para encher as rúas de cultura de forma segura”. Grease será a terceira película que se proxecta en Ponteareas durante o mes de agosto, a primeira foi Cuñados, e a segunda Padre no hay más que uno 2.

O musical lévanos ao verán de 1959, cando Sandy (Olivia Newton John) e Danny (John Travolta) pasaron un romántico e marabilloso verán xuntos, pero, cando as vacacións acábanse, os seus camiños sepáranse. Inesperadamente, volven verse no instituto Rydell, pero a actitude de Danny xa non é a mesma: xa non é o mozo encantador e atento que namorou a Sandy; agora é soberbio e insensible.

Ponteareas proxectará o vindeiro venres o documental ‘Xela Arias. Poeta nas marxes’

O Concello de Ponteareas proxectará o vindeiro venres ás 20:.30 horas o documental ‘Xela Arias. Poeta nas marxes’, dirixido por Beatriz Pereira. Unha peza audiovisual que reflexiona sobre a poeta homenaxeada no Día das Letras Galegas a través dos testemuños de Marga do Val, Xosé María Álvarez Cáccamo, María Xesús Nogueira, Manuel Bragado, Susana Trigo e Humberto Heredia.

A entrada é gratuíta e, para poder asistir á proxección, as persoas interesadas deben facer a reserva previa de entradas no correo electrónico: [email protected]. O concelleiro de Cultura, Fernando Groba, anima a veciñanza “a coñecer neste documental a figura de Xela Arias, unha muller que rompeu a versos convencións sociais para construír a súa independencia”.

Esta proxección encádrase dentro do proxecto ‘Xela Arias. Poeta nas marxes’, que leva a Secretaría Xeral de Política Lingüística aos concellos da Rede de Dinamización Lingüística, á que pertence o Concello de Ponteareas, no marco da programación institucional Letras Galegas 2021 para dar a coñecer a figura, a vida e a obra da autora homenaxeada.

Este proxecto xorde, no ano 2019, da constatación da ausencia de materiais fílmicos que reflictan unha visión total sobre Xela Arias, que se crea mediante a relación contrapuntística do academicismo e o humano e persoal. Xa que logo, esta obra deterase en todas as arestas que fixeron dela unha muller situada nas marxes da literatura, analizando o seu labor como poeta, tradutora e correctora, así como o seu impacto na vida cultural galega.

A Xunta inicia as obras de mellora do sistema de regulación do caudal ecolóxico da presa de Baiona

0

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, iniciou as obras de mantemento e mellora do sistema de regulación do caudal ecolóxico da presa de Baiona, que suporá un investimento autonómico de 270.000 euros.

Esta actuación, adxudicada á empresa Proyecon Galicia, S.A., conta cun prazo de execución estimado de 5 meses. Esta actuación cofinánciase pola Unión Europea a través do Fondo Europeo Feder Galicia 2014-2020.

Entre os labores para incrementar o control e mellorar as condicións de regulación desta presa destacan os traballos de posta en funcionamento dunha derivación sobre unha das dúas liñas de desaugue de fondo existentes, sobre a que dispor unha válvula de comporta e outra de regulación que permita a súa regulación nun rango entre 270 l/s e 10 l/s, de xeito máis preciso e eficiente.

As actuacións inclúen a instalación na cámara de válvulas dun sistema de calefacción, para evitar condensacións, a mellora do sistema de auscultación mediante a substitución da pantallas de display de diversos aforadores, así como a incorporación de novos manómetros e un elongámetro telescópico dixital. Tamén se renovará completamente o cadro e o sensor en dous aforadores.

Os traballos permitirán, ademais, a mellora da carpintería metálica, a limpeza do paramento do aliviadero da presa, retirando a vexetación do seu interior, e a rehabilitación do tramos do camiño de coroación que presentan armaduras sen recubrimento.

Finalmente, procederase á desmontaxe e retirada completa das plataformas metálicas existentes no paramento de augas abaixo do dique da presa.

A Eurocidade Cerveira-Tomiño continúa con éxito de participación os Roteiros do Miño

0

A Eurocidade Cerveira-Tomiño continúa desenvolvendo con éxito de participación os Roteiros do Miño 2021, un dos proxectos gañadores do último Orzamento Participativo Transfronteirizo. O xoves 29 de agosto ás 9.30 horas, arrancaba cunhas 30 persoas, a 3ª saída programada:  a Andaina dos Fortes da Guerra da Restauração.

Visitáronse varias construcións fortificadas e outras xa desaparecidas acompañados por expertos que lles axudaron a “revivir” unha parte moi importante da historia da raia do Baixo Miño; percorridos que teñen como obxectivo dar a coñecer territorios transfronteirizos valiosos a nivel paisaxístico, cultural, patrimonial, ambiental e natural.

Quedan pendentes aínda cinco rutas de grande interese: Ruta nocturna do Cervo ao Niño do Corvo (4 de setembro. 23.30h. PT); Ruta do Vale das Donas (12 de setembro. 9h. PT); Ruta da Pedra Furada (26 de setembro. 9.30h GAL); Ruta do Alto da Pena (10 de outubro. 9h. PT) e Ruta das Fontes (23 de outubro. 9.30h. GAL). Para poder participar en calquera destas rutas, é preciso reservar praza enviando un correo electrónico a: [email protected] con estes datos: nome, data de nacemento, teléfono de contacto e correo electrónico.

Nigrán organiza o Camiño de Santiago pola Costa para persoas xubiladas

0

O Concello de Nigrán ofrece aos seus maiores a posibilidade de realizar o Camiño de Santiago pola costa desde A Ramallosa adaptado a tres etapas de 20 km de andaina (complétanse con autobús) durante os sábados 11, 18 e 25 de setembro. O aforo está limitado a 50 persoas xubiladas empadroadas no municipio que se atopen en boas condicións físicas e estén acostumadas a longas camiñatas. O Concello sufraga todos os gastos de desprazamento en autobús e guías e os participantes deberán abonar 10 € por cada xantar no respectivo restaurante concertado (30 € en total). A inscrición realizarase presencialmente este xoves e venres 2 e 3 de setembro no Oficina de Información Cidadá do Concello de 10:00 a 12:00 horas.

A excursión partirá o 11 de setembro ás 9:00 horas camiñando desde A Ramallosa con parada para comer e autobús a continuación a Pontevedra para finalizar cunha ruta turística nesta cidade (sempre inclúe o regreso a Nigrán en autobús). A seguinte etapa será o 18 de setembro con saída en autobús desde o Concello de Nigrán cara Pontevedra para camiñar desde aí a A Cancela e, posteriormente e xa en autocar, realizar unha ruta turística en Caldas de Reis. Finalmente, o 25 de setembro os participantes irán desde Nigrán a Padrón en autobús para coñecer esta localidade e desprazarse despois ao Monte do Gozo co obxectivo de chegar a pé á Praza do Obradoiro.

As persoas inscritas serán citadas á unha presentación no Pazo de Pías o venres 10 de setembro ás 21:00 horas onde se lles achegará un ‘kit’ para facer o Camiño máis comodamente (camiseta, mochila, etc.) e alí abonarón o custe dos tres xantares.

“Este é Ano Santo e os nosos maiores despois dun confinamento tan duro precisan ter opcións de ocio que inclúan actividade física e socialización, polo que consideramos esta opción como a máis estimulante que ofrecer neste mes de setembro”, explica María Mayán, edil de Maiores.

Galandum Galundaina e Uxía, ao vivo na clausura do MUMI 2021

0

O MUMI 2021, que se desenvolverá do 9 ao 11 de setembro na Eurocidade Tui-Valença, contará para a súa clausura cun concerto dobre protagonizado por dúas das propostas musicais de maior renome a ambas beiras do Miño: a banda portuguesa Galandum Galundaina e a artista galega Uxía. O Encontro Profesional das Músicas no Minho, que tamén terá programación aberta á cidadanía, repartirá a súa actividade entre Valença e Tui durante os tres días de duración. Ademais dos dezaoito showcases xa anunciados de bandas galegas e portuguesas, o encontro acollerá un  programa de encontros para empresas e festivais, actividades formativas e obradoiros. Os concertos de apertura e clausura, asi como a maior parte dos showcases, estarán abertos ao público xeral. Patrocinado pola Eurocidade Tui-Valença, tamén apoian o MUMI 2021 a Direção Regional de Cultura do Norte e a Xunta de Galicia así como a Fundação GDA, Fundación SGAE, Bodegas Martín Códax, Gadis e Mel: Piquenique das artes!

O concerto de clausura terá lugar o 11 de setembro nas Cortinas de São Francisco (Valença) ás 21h portuguesas e 22h galegas. Considerado como un dos proxectos musicais máis relevantes no contexto folk de Portugal durante os últimos vinte e cinco anos,  Galandum Galundaina construíu un espazo no que o pasado e o futuro da música arraiana van da man. A formación, considerada a embaixadora da música das Terras de Miranda, desenvolve un traballo de investigación ao redor dos instrumentos tradicionais -extraordinario no caso da gaita de fol mirandesa pero tamén en aparellos sonoros de construción propia- así como de promoción cultural, coa organización de eventos como o Festival itinerante de cultura tradicional “L Burro i l Gueiteiro”. Paulo Preto, Paulo Meirinhos, Alexandre Meirinhos e João Pratas son Galandum Galundaina, con catro discos de estudio e un DVD ao vivo no seu haber; é sobre no escenario onde resplandece un repertorio vocal e instrumental na herdanza do cancioneiro tradicional das Terras de Miranda, no que as harmonias vocais e o ritmo das percusións transportan a un universo atemporal.

Imaxe da banda portuguesa Galandum Galundaina

Pola súa parte, Uxía é unha das maiores embaixadoras da música e a poesía galegas. Nos seus máis de 35 anos de carreira artística renovou a música tradicional galega conectándoa coas culturas atlánticas, combinando alalás con morna, fado ou ritmos brasileiros. Algúns dos temas máis recorrentes que explora nos seus traballos son a busca dun espazo para a voz da muller, o diálogo entre culturas, a poesía contemporánea galega e portuguesa e a defensa da identidade lingüística. Creou o seu repertorio a través das súas continuas viaxes e intercambios con músicos de Brasil, Portugal, Cabo Verde ou Guinea-Bisáu, como Dulce Pontes, António Zambujo, Sara Tavares ou Tito Paris, e en España con artistas como Santiago Auserón, Martirio, Carmen París ou Sílvia Pérez Cruz.

Máis directos: 18 showcases e concerto inaugural

Os showcases programados de bandas e artistas de Galicia e Portugal, a maior parte deles abertos ao público, serán a columna vertebral do MUMI 2021. Familia Caamagno, Magín Blanco e A banda das apertas, Oîma, Os d’Abaixo , O Sonoro Maxín, Pálida, Pulpiño Viascón, Silvia Penide e Xacobe Martínez Antelo Quinteto conforman a relación dos showcases galegos programados. No caso de Portugal, as bandas seleccionadas son tamén nove: Barry White Gone Wrong, Cassete Pirata, Conjunto!Evite, emmy Curl, Jorge da Rocha, José Valente, Káustika, TAKATUM apresenta Ah!Ah!Ah! e The Guit Kune Do. A Orquestra Galego Portuguesa de Liberación ofrecerá o concerto de apertura do MUMI 2021 o xoves 9 de setembro en Tui no Paseo da Corredoira ás 21:30h galegas e 20:30 portuguesas.

O Plan Revitaliza achegou a compostaxe a preto de 1.400 crianzas durante o verán

O Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra segue a sumar éxitos nas súas actividades de compostaxe para crianzas. No que vai de verán o plan provincial de residuos baseado na compostaxe chegou a preto de 1.400 nenos que participaron nas ludotecas, obradoiros e campamentos estivais dos concellos da provincia.

As cifras seguirán medrando durante este mes de setembro, xa que aínda se poden solicitar obradoiros e charlas, pero só nos meses de xullo e agosto as e os monitores do CEIDA estiveron en dezasete municipios adheridos ao plan provincial levando adiante 105 actividades dirixidas tanto a familias como a rapaces de 2 a 16 anos. Destacaron as charlas informativas ‘A voltas coa compostaxe’; as actividades de compostaxe infantil para pequenas e pequenos de Educación Infantil; o teatro e contos de ‘Ecocol’; o famoso Xogo da Miñoca, para rapazada de 6 a 8 anos; os obradoiros de ‘Quen vive aí?’ para coñecer todos os invertebrados que axudan a que a compostaxe saia adiante; e os experimentos de microcompostaxe, para xente moza de 9 a 16 anos, amosando como con pequenos recipientes tamén se pode chegar a facer compost de calidade cos biorresiduos.

Por territorios, a comarca do Morrazo foi a máis activa neste verán, con 384 participacións e co concello de Marín destacando sobre todos os demais xunto ao concello de Cangas. Na comarca do Salnés as actividades chegaron a 259 nenas e nenos dos municipios de Illa de Arousa, Cambados e O Grove; na comarca de Pontevedra, nos concellos de Poio, A Lama e Barro, participaron 245 nenas e nenos; na comarca do Condado houbo 229 rapazas e rapaces de A Cañiza, Arbo, Mondariz e Ponteareas; na comarca de Caldas 112 dos concellos de Cuntis, Portas e Valga; mentres que participaron tamén o Concello de Redondela con 105 crianzas e o de Vila de Cruces con 39.

As actividades educativas do Revitaliza, que se realizan principalmente durante o curso nos centros educativos de toda a provincia e de maneira máis recente durante o verán, están destinadas a nenas e nenos de Infantil, Primaria e Secundaria dentro da programación estival organizada dos municipios, xa ben campamentos urbanos, obradoiros, xornadas divulgativas ou ludotecas, mais tamén se inclúen actividades para grupos familiares.

O contido das propostas  é mixto, cunha pequena parte teórica e outra práctica, traballando nos distintos aspectos da compostaxe dunha maneira lúdica para facer máis asequibles os conceptos ás crianzas que están a gozar do seu período vacacional.  Neste ano, igual que en 2020 por motivo da COVID, traballouse en grupos reducidos para garantir a seguridade necesaria segundo o establecido polas autoridades sanitarias e escolares.

As actividades pódense adaptar ás diferentes necesidades de cada Concello, polo que os servizos municipais poden consultar as dúbidas ou aclaracións que se precisen coa equipa educativa. Aínda está aberta a posibilidade de solicitar actividades para o mes de setembro, mais o número máximo de actividades a realizar en cada Concello –totalmente de balde financiadas pola Deputación- estará suxeito á dispoñibilidade e en función da demanda do programa.

Guadi Galego sorprendeu ao público cun concerto no Porto da Guarda

0

O pasado sábado día 28 de agosto a cantante Guadi Galego trouxo a súa música ata o Porto da Guarda nun concerto enmarcado na xira de presentación do seu último disco, Costuras, na que a cantante atópase inmersa e que está xa a piques de rematar.

Esta idea xa ven de anos atrás, onde, despois de varias tentativas de traer á Guarda a esta gran artista, por fin se logra facer. O concerto abriuse coa participación do grupo de folk local “Na Revolta”, que tocou algunhas pezas musicais antes do concerto de Guadi Galego.

O grupo folk Na Revolta cumpriu así os seus 20 anos, tendo participado en numerosos concertos na comarca do Baixo Miño así coma no Festival Intercéltico de Lloriente no ano 2006 ou coma teloneros do grupo Berrogüeto. Na Revolta conta con 7 compoñentes, Diego Vicente na percusión, Elena Baz na percusión, Ana Pereira no baixo, Miguel Rodríguez con guitarra e voz, Iván Gómez con gaitas, Xurxo Ameal con gaitas e percusión e Silvia Castro coa frauta traveseira. Na Revolta ten editado os discos “Al Punto” no ano 2008 e “Dale al ON” no ano 2019.

Guadi Galego é unha das artistas máis relevantes da escena galega actual. Comezou a súa andaina con Berrogüetto como vocalista, pianista e gaiteira, e continuou posteriormente, con novas sonoridades e proxectos, con diferentes colaboradores e acadando sempre grandes éxitos de público, crítica e recoñecidos premios.  En 2005 lanza o seu disco “Espido”. Continúa no 2009 co disco en solitario Benzón e no 2012 con “Acadacanto” onde sigue colaborando con Xavier Díaz, Guillerme Fernández ou Xosé Lois Romero. No 2014 ve a luz o seu segundo traballo en solitario, Lúas de outubro e agosto, e no 2016, ano en que acada o Premio Martín Códax da Música á Mellor Artista na categoría de Canción de Autor, sae o terceiro, O mundo está parado. No 2019 estreou Immersion, unha relectura musical e lingüística das súas obras máis recentes da man de artistas como Iván Ferreiro, Clara Peya, Xabier Díaz ou Lisandro Aristimuño. Este álbum valeulle o Premio á Promoción da Realidade Plurilingüe no Estado español. Tras unha xira e un ano marcados pola pandemia, Guadi Galego lanza Costuras, 10 cancións que viaxan desde mundos asociados á súa infancia ata o presente máis duro e á vez esperanzador.

[su_image_carousel source=”media: 43885,43884″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

A realización deste concerto que se enmarcou dentro do programa Musigal da Deputación de Pontevedra, contou ademais coa colaboración da Comisión de Festas da Virxe do Carme e das Redeiras da Guarda.

Tal e como manifestou o Concelleiro de Festas e Festexos Populares, Rafa Álvarez, “o Porto da Guarda foi este pasado sábado un recinto perfecto para gozar da boa música feita en Galicia, cunha artista recoñecida que tanto visitantes como locais puideron coñecer e ser partícipes do seu bo facer e da súa xenerosidade, do seu respecto sobre temas en defensa da muller e nun concerto no que, a emotividade e complicidade entre a banda e o público, foi palpable en todo momento”, destacando ademais o rotundo éxito de participación, coas entradas esgotadas dende fai varios días previos ao concerto e o excelente ambiente na zona portuaria ao longo desta gran noite de verán. Rafa Álvarez quixo tamén agradecer a Guadi Galego o ter participado no pasado mes de xullo nun concerto no que colaborou co Coro do Conservatorio de Música Elemental da Guarda, así como permitir que o Grupo local de folk Na Revolta puidese festexar o seu 20 aniversario compartindo escenario con ela e coa súa banda.