A Deputación de Pontevedra xa ten aberto o prazo de inscrición para a segunda das DepoRutas BTT programadas para este verán, que transcorrerá o 19 de setembro polos montes do Deza. Poderán participar ata un máximo de 200 persoas que deberán encher un formulario na web (www.depo.gal) para reservar a súa praza.
A actividade contará cun percorrido circular de 32 quilómetros de dificultade media alta que terá como inicio a Praza da Feira da vila de Bandeira (Silleda). A ruta iniciarase cunha subida por zonas de carballeiras e camiños estreitos ata o punto máis alto da ruta e, dende este lugar, as persoas participantes descenderán logo cara a igrexa do Castro e o Mosteiro de Carboeiro, onde se disporá o avituallamento intermedio da ruta. A continuación cruzarase o río Deza ata o concello de Vila de Cruces, e o itinerario transcorre logo pola coñecida Fervenza do Toxa para, desde este punto, iniciar a volta ao punto de partida. Todas aquelas persoas que estean interesadas en participar deberán inscribirse antes do 13 de setembro.
Esta é a segunda das DepoRutas BTT programadas este ano, que comezaron o pasado domingo 29 de agosto cun percorrido pola Costa da Vela en Cangas. A última destas actividades, que forma parte do programa “Aviventa o Deporte” da institución provincial e que están dirixidas ás persoas que gocen do deporte en contacto coa natureza, terá lugar xa en outubro, concretamente o día 17 pola Costa do Atlántico, no concello da Guarda. A inscrición abrirase o día 20 de setembro.