O concelleiro nacionalista do Concello de Ponteareas, Roberto Mera, denunciou onte a través dunha mensaxe na súa conta de Whatsapp, o que cualifica de “manipulación de cifras e conceptos” que o Partido Popular fai sobre os salarios dalgúns membros do Goberno a través duns folletos distribuídos entre a cidadanía. “A única intención é a de facer crer a opinión pública que eu e outros compañeiros e compañeiras do Goberno cobramos do concello 40.000 euros anuais”, afirma o concelleiro na súa conta de mensaxería instantánea.
Mera adxunta, “para maior transparencia” a súa nómina na que, como el mesmo subliña, “pódese comprobar que percibo 1.890 euros/mes en 12 mensualidades (incluindo xa o prorrateo das dúas pagas extras)”.
O feito de ter as pagas extraordinarias prorrateadas fai que o salario, distribuído en 14 pagas, sexa de 1.620 euros/mes. Para Roberto Mera, os datos son claros, “a miña remuneración anual é de 22.680 euros netos e non de 40.000 euros como quere dar a entender o PP”.
Chama a atención o concelleiro de Bo Goberno do Concello de Ponteareas sobre o folleto que o Partido Popular distribúe que, a entender do edil nacionalista “evidencia a falta de ética e a indecencia daqueles que, xustamente, levan no seu ADN a corrupción na vida pública”.
Mera espera que os datos achegados sirvan para que “o engano vólvase contra quen vive da mentira e da calumnia”. Para o concelleiro ponteareán, a súa intervención no Pleno da Corporación, sobre este asunto, “é o suficientemente aclaratoria” como para non ter que engadir nada máis.