9.9 C
Pontevedra
Venres, 26 de Abril de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoOiaO Concello de Oia adquirirá varias parcelas nos arredores do Mosteiro

    O Concello de Oia adquirirá varias parcelas nos arredores do Mosteiro

    O Concello de Oia dá os primeiros pasos na súa aposta pola mellora da mobilidade no contorno do Mosteiro e o casco histórico do Arrabal mediante a adquisición de varios terreos situados nas inmediacións, co obxectivo de destinalos a zonas de aparcamento disuasorio.

    Tendo en conta que todos os anos, principalmente en época estival, se producen aglomeracións de vehículos que afean e xeran problemas de tráfico neste entorno único e de gran valor patrimonial -por onde tamén pasa o Camiño Portugués da Costa- a dotación de aparcamentos disuasorios contribuirá a aliviar a circulación e liberar espazos como a Eira do Convento e arredores.

    A alcaldesa, Cristina Correa, vén de dar este martes o primeiro paso para esta transformación coa formalización da compra-venda ante notario da parcela de aparcamento que ata o de agora tiña en aluguer, de aproximadamente 1.709 metros cadrados de superficie e situada na rúa do párroco D. Claudio Rodal Fandiño. Coa parcela xa en propiedade, o Concello poderá elaborar un proxecto que permitirá o seu máximo aproveitamento.

    Ademais, nos próximos meses adquiriranse dúas parcelas máis, de aproximadamente  1.772 metros cadrados de superficie e situadas a continuación da recén mercada, para destinalas con carácter inmediato á ampliación de aparcamento. Posteriormente, cando a modificación das Normas Subsidiarias actualmente en redacción entre en vigor e permita o cambio de uso, este novo espazo destinarase a parque infantil -unha dotación moi necesaria e demandada pola veciñanza ao non haber ningún equipamento deste tipo na parroquia de Santa María de Oia-.

    A adquisición dos tres terreos suporá un investimento total de 131.000 euros, cantidade que se financia a través do Plan Concellos do ano 2021 da Deputación de Pontevedra.

    Cristina Correa avanza que, ademais de traballar na compra destes tres terreos, o Concello tamén está a manter conversas cos propietarios de parcelas lindeiras co obxectivo de chegar a consensos. Segundo apunta, estes novos acordos posibilitarían “unha mellora notable para o futuro de Oia”.

    A alcaldesa lembra que a aposta pola adquisición de terreos é manifesta tamén noutras parroquias, xa que “ter a propiedade permitirá ao Concello optar a subvencións para abordar proxectos máis ambiciosos que redunden nunha mellor calidade de vida da veciñanza”.

    Mellora do acceso ao embarcadoiro

    Por outra banda, a rexedora local estase a poñer en contacto cos propietarios das parcelas que lindan coa Rúa do párroco D. Claudio Rodal Fandiño en relación a actuación “Mellora do acceso ao embarcadoiro”. Trátase dun proxecto redactado pola Deputación de Pontevedra que permitirá ensanchar a rúa para habilitar dous carrís de vehículos e unha senda peonil. Para poder levalo a cabo precísase da cesión de terreos.

    A alcaldesa iniciou os contactos con estes veciños para explicarlles en que consiste este proxecto e a súa afección, así como a importancia do momento actual: “Preséntanse no horizonte oportunidades cos fondos europeos que non se deben desaproveitar”, conclúe Correa.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.