O Rosal estrea setembro cunha nova cita cultural. Este domingo 5 Sarabela Teatro chega ao auditorio municipal ás 19:00 horas coa súa obra de teatro familiar O secuestro da bibliotecaria, unha peza dirixida e adaptada por Fina Calleja a partir da obra orixinal da escritora neozelandesa Margaret Mahy e que contará cun elenco conformado por Fernando Dacosta, Sabela Gago, Nate Borrajo, Josito Porto e Alfonso Míguez.
A obra conta a historia da señorita Ernestina, a fermosa bibliotecaria da vila de Parangón á que os bandidos deciden secuestrar a pesares de ser orfa e non ter familiares ricos. O obxectivo é xerar un caos cultural que obrigue ás autoridades a pagar polo rescate da bibliotecaria. Non obstante, as intencións da banda tomarán un novo rumbo ao descubrir que a Ernestina contaxiounos co virus da varicela, que deixou a todos os bandidos cunha morea de graniños na cara que lles resta toda a credibilidade nas negociacións. E, por se fora pouco, un tremor de terra complícao todo aínda máis.
Para garantir a saúde de todas e todos, a obra de teatro contará cun aforo limitado e con todas as medidas de prevención establecidas polas autoridades sanitarias. A actividade será de balde, con entrada libre ata completar aforo.