Miles e miles de peregrinos pasan cada ano por Tui no seu camiño cara a Santiago de Compostela, sendo esta cidade a porta a Galicia do Camiño Portugués e o segundo máis concorrido tras o Camiño Francés.
Tras o parón obrigado no 2020 pola COVID-19, volve a Tui a Feira do Peregrino. Unha feira que chega á súa quinta edición, organizada pola Asociación de Comerciantes e Industrias de Tui ( Acitui), Asociación Turismo Cidade de Tui e a Asociación Amigos do Camiño de Santiago de Tui, e que os próximos días 4 e 5 de setembro encherá Tui con numerosas actividades como unha homenaxe a todos eses peregrinos que, durante séculos, pasaron polas súas rúas no seu camiño a Santiago de Compostela.
Esta Feira, que contará con todos os protocolos e medias anticovid establecidos, chegará cun programa cargado de actividades de todos os ámbitos, desde música, cultura, animación, entretemento e moito máis.
Os actos comezarán o sábado 4 de setembro con charlas e conferencias, na aula Uned de Tui, relacionadas co Camiño de Santiago e baixo o Forum Peregrino 2021, organizado pola Asociación Peregrina Iacobus, e que continuarán o domingo.
Ás 11 h do sábado dará inicio no Paseo da Corredera o Mercado de Artesanía do Peregrino e, en horario de tarde, levarase a caboz e en colaboración con Alfombristas do Camiño de Santiago, a confección dunha alfombra floral de 28 m2 no rellano da Catedral de Tui.
Os actos principais deste sábado serán, por unha banda, o acto homenaxe ao peregrino, coa recreación escenográfica teatralizada da chegada a Tui de Cosme de Medici III, Príncipe da saga dos Medici, que pasou por Tui na súa peregrinaxe a Santiago desde o seu desembarco no Río Miño ata a súa chegada á Catedral de Tui, este acto terá lugar a partir das 17:30 h.
Ás 18:45 levarase a cabo a lectura do pregón desta Feira da man de Miguel Pampín Rúa, Gran Mestre e Presidente da Orde do Camiño de Santiago, nas escalinatas da Catedral de Tui.
Ás 19 h, e na Catedral de Tui, terá lugar a Misa do Peregrino oficiada polo Excelentísimo e Reverendo Don Luís Quinteiro Fiuza, Bispo Diocesano de Tui-Vigo.
Este primeiro día complétase con actividades infantís, concurso de caracterización do peregrino, proxección audiovisual e un Gran Espectáculo de Queimada con Conxuro.
O domingo 5 de setembro continúan as actividades do día anterior como conferencias, feira de artesanía, pasacalles, concurso de debuxo e a actuación teatral de humor do grupo “Fulano, Mengano e Citano” coa súa obra Ou que hai que ver!
Tui homenaxea e agradece desta forma a todos os peregrinos que no seu día, percorreron, percorren e percorrerán a súa empedradas e históricas rúas no seu camiño cara a Santiago de Compostela.