Ponteareas planificou un verán cheo de actividades e aventuras para os nenos, e así foi. Máis de 400 menores desfrutaron dos campus do Concello durante xullo e agosto. A alcaldesa e concelleira de Ensino, Cristina Fernández Davila, visitou, como fixo cada quincena, o campamento para premiar aos cativos polo seu comportamento cuns libros de agasallo para que poidan desfrutar deles ata que comece o colexio.
O Concello organizou en total sete campus, catro no Campus Tea, que se desenvolveu nas instalacións do colexio público Nosa Señora dos Remedios, e tres do Verán Rural, nas parroquias de Angoares, Guláns, e Xinzo. A través destes campamentos, o Concello promoveu actividades lúdicas e didácticas para ofrecer un tempo de lecer de calidade aos máis pequenos e pequenas.
Programáronse xogos e saídas didácticas con actividades creativas, culturais e de coñecemento. Estes campamentos tiveron por obxectivo espertar a curiosidade dos participantes, ampliar o seu coñecemento sobre a vila e a súa contorna a través dunha pedagoxía de lecer baseada na educación en igualdade, en hábitos de vida saudábeis e no respecto ao medio ambiente.
Desenvolvéronse cun estrito protocolo sanitario, e non houbo grandes incidentes. O Concello tamén solicitou ao Sergas un cribado no mes de agosto, que certificou que ningún participante era positivo en Covid. A alcaldesa afirma que “estamos moi satisfeitas co comportamento dos rapaces e rapazas”, e lembra que agora o traballo do Concello e da Concellaría de Ensino está centrado en “apoiar a volta ao cole nos centros educativos de Ponteareas”.
Con respecto a esta suprime que os agasallos foron para premiar o comportamento das nen@s. Pon mellor tanto no título coma no parágrafo que se agasallou cun libro a cada participante para lembrar o campus e ocuparse ata o comezo das clases.