A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, visitou o CEIP Plurilingüe Infante Felipe de Borbón en Salvaterra do Miño para anunciar a licitación por case 885.000 euros da rehabilitación integral deste centro educativo.
Acompañada pola alcaldesa da localidade, Marta Valcárcel, e o xefe territorial da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, César Pérez Ares, a representante autonómica explicou que esta actuación enmárcase no paquete de 13 intervencións que a Xunta esta a licitar na área territorial de Vigo por importe de 7,2 millóns de euros, e que se suman ás 65 melloras que se están desenvolvendo este verán cun orzamento de 3,8 millóns de euros.
Actuación integral
No caso do CEIP Plurilingüe Infante Felipe de Borbón os traballos contemplan unha parte dirixida á mellora da eficiencia enerxética do centro, para o que aplicará illamento térmico nas fachadas do edificio, e se substituirán as carpinterías exteriores, portas interiores e as luminarias. Asemade, destaca a substitución do equipo actual de gasóleo por un térmico de biomasa con capacidade para dar servizo aos dous edificios que compoñen o centro
Así mesmo, colocaranse novos falsos teitos, puliras e abrillantarase o pavimento de terrazo e reformaranse os aseos. A actuación inclúe tamén a melloras da accesibilidade a través da instalación dun ascensor de dobre carga e a instalación dun novo porche na entrada do edificio principal dando así cobertura a toda a fachada sur.
Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica
Todas estas actuacións enmárcanse no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, a folla de ruta do Goberno galego para transformar os centros educativos ás novas necesidades post-pandemia, e que conta cun orzamento de 191M€ para o período 2021-2024.
O obxectivo é deseñar un novo modelo de escolas, con espazos flexibles, adaptados a calquera circunstancia, equipados e cómodos, dando resposta ás novas necesidades educativas, sanitarias e tecnolóxicas. En definitiva, unha arquitectura con valor engadido, que se pon ao servizo das necesidades da educación do século XXI desde un punto de vista académico (retos tecnolóxicos e de inclusión), dotacional e de sostenibilidade.