Xoves, 22 Maio de 2025

O Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares chegará este curso a 765 centros

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, anunciou que a Xunta de Galicia a resolución do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (PLAMBE) para o curso 2021/22, no que se incorporan ao programa un total de 27 centros públicos. Con estas incorporacións, que poden consultarse xa no Diario Oficial de Galicia (DOG), nestes momentos forman parte desta rede un total de 765 centros, dos que 729 son públicos e 36 privados concertados. O anuncio fíxoo nunha visita ao colexio CEIP Flavia, en Padrón, no que se fará unha rehabilitación por importe de case 1M€.

Tal e como explicou o conselleiro en Padrón, “o programa de referencia do Plan Lía de Bibliotecas Escolares do Goberno galego incrementa ademais este ano o seu orzamento nun 12,5%, ata chegar aos 1.565.000€, 175.000€ máis ca no curso anterior”, confirmando a aposta do Goberno galego polas bibliotecas como “o corazón dos centros”.

Este incremento, remarcou o representante do Goberno galego, “enmárcase na liña de reforzo de 3M€ en materia de bibliotecas escolares e fomento da lectura da Xunta de Galicia neste ano 2021”. Neste sentido, artelláronse diferentes actuacións como o lanzamento dunha nova liña de actuación dirixida a incentivar e apoiar ás bibliotecas escolares nos centros do rural non integrados no PLAMBE, o deseño dunha nova acción para a renovación da colección de materiais inclusivos para unha mellor atención á diversidade do alumnado nas bibliotecas escolares, ou a extensión da convocatoria dos Clubs de Lectura aos centros de Educación Primaria.

Román Rodríguez tamén explicou que a flexibilización dalgunhas medidas no novo curso que comeza permitirán recuperar espazos nos centros escolares como as bibliotecas, reconvertidas nalgúns casos en bibliotecas escolares o pasado ano pola covid-19. Isto, como afirmou, facilitará a prestación de servizos vinculados con programas de innovación educativa, entre outros.

Os centros de nova incorporación son os que se reflicten na seguinte táboa:

ProvinciaConcelloCentro
A CoruñaCarballoIES Alfredo Brañas
A CoruñaCoruña, ACEIP Sagrada Familia
A CoruñaCoruña, AEOI da Coruña
A CoruñaCoruña, ACEIP Plurilingüe María Barbeito e Cervino
A CoruñaNarónCEIP Plurilingüe Ponte de Xubia
A CoruñaPorto do SonCEIP de Portosín
A CoruñaSanta CombaCEIP Plurilingüe Barrié de la Maza
LugoBegonteCEIP Virxe do Corpiño
LugoBóvedaCEIP Rosalía de Castro
LugoPalas de ReiCEIP de Palas de Rei
LugoSarriaEEI de Sarria
LugoSarriaCEIP Antonio Fernández López
LugoVicedo, OCEIP do Vicedo
OurenseOurenseCEIP O Couto
OurensePadrendaCPI de Padrenda-Crespos
OurenseRiósCEIP das Vendas da Barreira
OurenseVilamarínIES de Vilamarín
PontevedraCaldas de ReisCEIP Plurilingüe San Clemente de Cesar
PontevedraCambadosCEIP de Corvillón
PontevedraCerdedo-CotobadeCEIP de Tenorio
PontevedraCerdedo-CotobadeCEIP San Xoán Bautista
PontevedraMarínCEP de Sequelo-Marín
PontevedraRedondelaIES de Chapela
PontevedraVigoCEIP Plurilingüe Javier Sensat
PontevedraVigoIES de Teis
PontevedraVigoCIFP Valentín Paz Andrade
PontevedraVilaboaCRA de Vilaboa Consuelo González Martínez

Adquisición en librerías próximas

As asignacións para as novas incorporacións estarán destinadas á actualización dos fondos documentais da biblioteca escolar, á renovación do mobiliario e outro equipamento necesario, así como para outros gastos de funcionamento. No caso dos centros de continuidade, poderán destinar as asignacións a fondos, a mobiliario e outros equipamentos ou a gastos de funcionamento específicos da biblioteca, en función do ano no que se integraran no Plan.

Entre outras cuestións, a convocatoria establece que as adquisicións dos fondos se realizarán, preferentemente, a través das librerías da zona de referencia do centro, e que deberán incluír materiais destinados á atención da diversidade (libros e outros materiais destinados ao alumnado con dificultades específicas de aprendizaxe, necesidades educativas especiais, altas capacidades, alumnado inmigrante etc.).

Así mesmo, a multiculturalidade e as diversas linguas con presenza no centro deberán ser convenientemente contempladas; e o 50% dos materiais adquiridos deberán ser en lingua galega. Ademais, poderase mercar con estas asignacións mobiliario específico e adaptado ás necesidades da comunidade educativa.

Formación para o profesorado

Por outra banda, os centros incluídos neste programa poderán recibir formación específica, no contexto do Plan anual de formación do profesorado e do propio programa, así como asesoramento a través da asesoría de bibliotecas escolares da Consellería, desde onde se coordinará o plan de mellora e se levará a cabo o seguimento e supervisión oportunos.