O Porriño abandonou hoxe a relación de concellos galegos en nivel vermello ou máximo de contaxios na que entrara onte. O concello porriñés baixou ao nivel laranxa, segundo informa a autoridade sanitaria.
A actualización dos datos pódese seguir a través do mapa de alertas de Galicia que renova actualiza a diario o Servizo Galego de Saúde na súa páxina web coronavirus.sergas.gal.
Non obstante, a pesar do cambio de nivel, o goberno municipal porriñés non modificará, polo momento, as medidas restritivas que onte se decidiron e comunicaron á cidadanía. A razón é que é unha situación fluctuante e cambiante sen que sexa posible descartar que nos próximos días e durante a próxima semana os indicadores non empeoren de novo.
A alcaldesa Eva García de la Torre manifestou ao respecto que “a decisión do goberno municipal de tomar algunhas medidas restritivas contra a liberdade de circulación e reunión non vai en contra de ninguén. Son para protexernos a todos. Por iso quero que sexan comprensivos e adopten todos os protocolos necesarios para protexerse a eles mesmos, aos seus e especialmente aos nosos maiores” declarou a rexedora porriñesa.
Lembramos que o goberno municipal decidiu as seguintes medidas:
Suspender o mercado ambulante dos martes
Precintar os parques infantís
Establecer na Praza de Abastos, un control de acceso e un aforo restrinxido, con circuito de entrada e saída.
Suspensión de actividades culturais tanto nos recintos municipais como nas asociacións.
Peche da Sala de Estudo Municipal
Competicions deportivas federadas sen público en recintos pechados e ao aire libre.
O Concello de Arbo, en colaboración coa Fundación “Segundo Gil Dávila”, CONVOCA DEZ AXUDAS DE ESTUDOS DE 500,00€ cada unha.
Poderán solicitar esta axuda aqueles mozos e mozas, que realicen estudos universitarios no presente curso 2.020/2.021 e que cumpran os seguintes requisitos:
Estar empadroado no Concello cun ano de anterioridade ao momento en que se solicita a beca.
Non estar en posesión ou non reunir os requisitos legais para a obtención dun título do mesmo ou superior nivel ao correspondente ao dos estudos para os que se solicita a beca. A estes efectos, non poderán ser beneficiarios de beca aqueles estudantes aos que unicamente lles reste, para a obtención do título, a acreditación dun determinado nivel de coñecementos dun idioma estranxeiro.
Estar matriculado nalgunha das ensinanzas universitarias do sistema educativo español para obter un título universitario oficial.
No caso do Master, só se terán en conta aqueles que habilitan para o exercicio profesional.
Non atoparse incurso nalgunha das prohibicións establecidas no artigo 13 da Lei 38/2003, de 17 de novembro, Xeral de Subvencións.
A Instancia de solicitude dirixirase ao Sr. Alcalde – Presidente do Concello de Arbo, acompañada da documentación establecida nas Bases da convocatoria ( a disposición dos solicitantes nas Oficinas Municipais e na páxina Web).
O prazo de presentación estará aberto dende o día 21 outubro ata o día 21 de Novembro de 2020.
O Concello de Tui mantén a programación cultural do Teatro Municipal con todas as medidas de seguridade continuando co protocolo covid establecido e limitando a capacidade a 60 persoas por función segundo a nova normativa que entrou en vigor a pasada noite en Galicia.
A compra das localidade será preferentemente en liña a través de tui.gal, e cada entrada estará numerada. O acceso ao teatro farase seguindo as indicacións e sinalizacións establecidas no vestíbulo, con desinfección de mans na entrada e uso obrigatorio de máscara. A apertura de portas terá lugar unha hora antes do inicio do espectáculo.
O Concello de Tui aposta por continuar coa programación cultural “Volvemos ao teatro” con todas as medidas de seguridade e apostando pola cultura segura.
Así a proposta desta fin de semana comezará hoxe venres ás 21.30 h coa compañía Redrum representando a comedia “Idiota”. A obra escrita por Jordi Casanovas está dirixida Alex Sampayo e protagonizada por Machi Salgado e Susana Sampedro. Precisamente Machi Salgado recibiu o premio á Mellor Interpretación Masculina no Festival de Teatro Galego de Carballiño, e foi nomeado na categoría de Mellor Actor Protagonista nos Premios María Casares.
“Idiota” conta a historia dun home que se presenta a unhas probas psicolóxicas remuneradas coma un xeito sinxelo de conseguir cartos. Pero finalmente isto convértese nunha trampa xa que as preguntas e enigmas formulados por unha atractiva psicóloga póñeno nervioso obrigándoo a sacar o mellor del para evitar un fatal desenlace.
Xa o sábado, ás 18.30 h o Galeatro presenta no Teatro Municipal de Tui “Carabela”. É unha proposta teatral para público familiar escrita por Paula Carballeira, dirixida por Davide González, que forma parte do elenco xunto a Alba Bermúdez e Tone Martínez.
“Carabela” é a historia da cociñeira dun barco que naufraga na Illa Pequena de Plástico. Alí constrúe unha nena de plástico para saír da soidade na que se atopa, rodeada de peixes mutantes, de paxaros choromicas e de verteduras que non alimentan. O corazón da nena de plástico comeza a latexar para coñecer que hai máis aló, e para axudar a Carabela a saír da illa.
As entradas están á venda en www.tui.gal até unha hora antes de cada función ou o mesmo día da obra no despacho de billetes cunha hora de antelación. No caso de “Idiota” as entradas teñen un prezo de 6€ e 5€, este último para público infantil e para as persoas que teñan dereito a algún dos descontos establecidos. Para “Carabela” as localidades teñen un prezo de 4€ e 3€. Lémbrase que o aforo para cada función está limitado a 60 persoas segundo se recolle na normativa que entrou en vigor esta pasada noite en Galicia.
O Concello do Porriño e a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade valoraron a creación dunha Comisión Municipal de Accesibilidade. Sería un órgano participado polos grupos políticos da corporación e COGAMI. Foi un dos asuntos tratados, na reunión celebrada hoxe no Concello, presidida pola alcaldesa Eva García, coa asistencia do concelleiro de Asuntos Sociais, David Alonso, así como de Anxo Queiruga, presidente de COGAMI que asistiu acompañado de Celso Álvarez e Isra Mercader.
COGAMI solicitou ao Concello unha posible subvención nominativa, a cambio da súa participación en cursos de formación e inserción laboral e de contar co asesoramento da Confederación de Persoas con Discapacidade en obras públicas e proxectos de mobilidade co fin de eliminar as barreiras arquitectónicas.
A subvención a COGAMI a cambio destas consideracións incluiríase no orzamento municipal para 2021, que está actualmente en preparación.
A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 5.880, deles 964 son da área da Coruña, 555 da de Lugo, 1.449 da de Ourense, 595 da de Pontevedra, 1.005 da área de Vigo, 983 da de Santiago, e 329 da de Ferrol.
Do total de pacientes positivos, 48 están en UCI, 325 en unidades de hospitalización e 5.507 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 24.573 persoas curadas, rexistrándose 856 falecementos.
O número de PCR realizadas é de 616.297.
A Xunta continúa a traballar desde a máxima coordinación interdepartamental e co Ministerio de Sanidade, tamén mantendo o contacto con todos os axentes socioeconómicos de Galicia. Neste senso, Sanidade reitera que segue alerta actualizando todas as medidas e recomendacións e en vixilancia permanente.
Os datos de centros residenciais de servizos sociais corresponden aos que achegan con carácter diario os propios centros.
Os datos de escolas infantís e centros de ensino non universitario corresponden aos rexistrados diariamente a través da Central de Seguimento de Casos, os propios centros e as xefaturas territoriais.
Uso do 061 para casos graves e emerxencias e o 900 400 116 para dúbidas
A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.
Sinalar, ademais, que o Sergas ten a disposición da cidadanía a páxina web https://coronavirus.sergas.gal/ na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.
Así mesmo, o departamento sanitario galego ten a disposición da poboación o teléfono 900 400 116, para dar información xeral sobre o coronavirus. Neste número pódense resolver todas as dúbidas da cidadanía ao respecto e tamén consultar sintomatoloxía leve.
Rexistro de viaxeiros no 881 00 20 21 e obrigatoriedade do uso da máscara
Lémbrase que as persoas que visiten Galicia nas vindeiras datas e procedan ou estivesen, durante os 14 días previos á súa chegada, nalgún dos territorios con alta incidencia epidemiolóxica incluídos na listaxe publicada Diario Oficial de Galicia, deberán facilitar os seus datos de contacto ao Servizo Galego de Saúde, ben a través do teléfono 881 00 20 21 ou ben a través do formulario da web do Sergas.
Ademais, reitérase o carácter obrigatorio do uso da máscara tanto en espazos abertos como pechados, poñendo especial énfase na súa utilización nos locais e establecementos comerciais e de hostalería.
Recomendacións
Os técnicos da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade volven reiterar as recomendacións consensuadas entre as comunidades autónomas e o Ministerio de Sanidade, e lembran que, en liñas xerais, aconséllase adoptar as medidas de autoprotección e limitación da diseminación do virus común a calquera infección respiratoria, como a gripe. Así, extremarase a hixiene de mans, lavándoas frecuentemente, especialmente despois de tusir ou soarse, e cubrirase o nariz e a boca cun pano -preferentemente desbotable- ao tusir ou esbirrar, ou se non se dispón de pano, na cara interna do cóbado. Ademais, evitarase tocar os ollos, o nariz e a boca coas mans.
É importante tamén procurar unha axeitada ventilación dos espazos interiores optando preferentemente por espazos abertos e tratando de evitar aglomeracións.
Non se debe esquecer o mantemento da distancia de seguridade, o uso axeitado da máscara e atender ás restricións específicas que se poidan establecer en cada comarca ou concello.
O pasado luns día 20 de outubro a empresa encargada de elaborar o Plan de Acción polo Clima e a Enerxía Sostibles (PACES) fixo a presentación deste proxecto, no que participarán os grupos políticos municipais, persoal municipal, así coma os propios cidadáns guardeses a través de diversas enquisas que se realizarán próximamente.
O equipo de goberno fará partícipes aos demais grupos políticos da corporación da redacción do plan para que fagan as súas aportación e mostren o seu punto de vista. Non pode ser doutra maneira dado que o documento é para desenvolver políticas municipais ata 2030, ano límite para ter logrado unha redución dun 40% de aforro nas emisións de CO2.
O equipo de goberno escoitou as liñas que propoñía a empresa como liñas de traballo e trasladoulle a esta as que para el son liñas estratéxicas, ben porque na actualidade estea xa traballando nelas ou por que as considera fundamentais nas políticas municipais dunha administración que aspira a ser unha referencia na modernización.
Destas liñas estratéxicas para o equipo de goberno algunhas son: O aforro en consumo de enerxía eléctrica, xa estamos traballando neste ámbito dende fai tempo, na actualidade estamos coa licitación do cambio da iluminación pública por luminarias led e temos tamén proxectos enriba da mesa que se basean no aproveitamento da enerxía solar.
Temos tamén como meta cara ao 2030 actuar sobre a flota de vehículos municipais co obxectivo de ter todos os vehículos eléctricos.
Temos obxectivos ambiciosos na redución de residuos orgánicos e mellora na separación e reciclaxe de lixo e tamén consideramos como liña estratéxica a xestión da auga. Temos que acadar unha optimización dos recursos hídricos que consigan afrontar períodos de seca con subministro propio, de forma independente ao subministro de Tui.
Por último, o equipo de goberno considera como liña estratéxica mellorar a eficiencia enerxética das edificacións, neste caso hai unha pequena parte que corresponde a entidade local, coas dependencias municipais pero, hai outra parte que, corresponde ás vivendas privadas onde conseguir os obxectivos vai a depender de toda a cidadanía, pero que tamén neste ámbito, hai que traballar con campañas de concienciación e incluso coa adaptación de tributacións, se elo fora posible.
Baiona poderá gozar durante esta fin de semana de varias funcións teatrais da man do Circuito Gallego de Teatro Amador. Esta actividade está enmarcada dentro do BaiOutono, programación realizada pola Concellería de Cultura.
Hoxe ás 20:00 horas no Auditorio V Centenario a compañía Atrezo Fontevella ofrecerá o seu espectáculo Balneario a Condesiña. Esta obra conta os amores, desamores, acordos e desacordos dun grupo de persoas que se achegan ata o Balneario A Condesiña para pasar unhas inesperadas vacacións. A función está recomendada para todos os públicos. O sábado 24 á mesma hora e tamén no Auditorio V Centenario poderase gozar coa peza teatral Facendo as Partixas a cargo de Axóuxere Teatro. Unha obra de recordos, encontros e desencontros. Nela, dous irmáns atópanse despois de 20 anos para repartir a herdanza familiar.
E o domingo haberá sesión dobre. En primeiro lugar a praza do concello acollerá ás 12:00 horas a Andaravía Teatro coa súa Brincacontos. Por último, Ou Trasno Novo teatro pechará a tarde do domingo ás 20:00 horas coa súa obra En venda no Auditorio V Centenario.
O Circuito Gallego de Teatro Amador da FEGATEA (Federación Galega de Teatro Afeccionado) consiste nunha programación de catro funciones teatrais por sede repartidas por toda Galicia, onde os grupos actuarán fóra do seu círculo xeográfico. Desta forma o circuíto promove a mobilidade xeográfica dos grupos de teatro.
FEGATEA e Lohengrín teatro organizan o circuíto coa colaboración da Concellería de Cultura do Concello de Baiona.
Desde o Concello de Baiona mándase unha mensaxe de tranquilidade á cidadanía xa que se van a poñer as medidas de seguridade e preventivas necesarias, cumprindo a normativa marcada pola Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia. O obxectivo xeral é reducir ao máximo o risco de contaxio e transmisión da pandemia á vez que se goza da oferta cultural.
O obxectivo é proporcionar actividades de lecer aos veciños e veciñas e visitantes nunha contorna segura e, para iso, o acceso e o aforo estará controlado e tomaranse todas as medidas de seguridade pertinentes.
A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, e o concelleiro de Deportes, Nacho González, recibiron na tarde de hoxe aos remeiros de categoría infantil do Club de Remo Chapela que veñen de proclamarse brillantes campións de España de bateis nos campionatos celebrados en augas de Moaña. Os infantís do Club de Remo Chapela proclamáranse xa Campións Galegos, título que lles daba acceso directo aos Campionatos de España nos que se proclamaron brillantes gañadores.
Nestes mesmos campionatos, o club de Chapela, asinaba un extraordinario papel nas outras categorías co 4º e 5º posto que acadaban os equipos femininos xuvenil e cadete, respectivamente; o 4º posto do sénior feminino e a 6ª praza do xuvenil masculino. A estes éxitos engadíase tamén o Campionato Galego acadado polas remeiras da categoría alevín feminino.
Tanto Digna Rivas como Nacho González, expresaron “o seu orgullo por ter, en Redondela, un equipo infantil de bateis Campión de España”. A alcaldesa de Redondela tamén amosou a súa satisfacción polo traballo que realiza o Club de Remo Chapela, “non só á hora de formar deportistas, senón tamén de inculcarlles valores como o esforzo, sacrificio e traballo en equipo”, valores, engadiu Digna Rivas, que “que son de aplicación na vosa vida cotiá e contribúen a facer de todos e todas vos, non só mellore deportistas, senón mellores persoas”.
Tanto a alcaldesa coma o concelleiro, lamentaron que “ese recoñecemento que agora vos facemos, non se poida realizar este ano nun acto solemne como é a Gala do Deporte”, suspendida polas actual crise sanitaria “pero –engadiu a rexedora local redondelá– teredes ese recoñecemento público, merecidamente gañado, na Gala que desenvolveremos, se a evolución da pandemia así o permite, no verán do vindeiro 2021”.
A recepción das e dos deportistas do Club de Remo Chapela, fíxose ao aire libre, na Praza do Concello, seguindo un estrito protocolo de seguridade sanitaria, polo que os remeiros e remeiras, foron divididos en grupos de 10 de cara a poder manter a distancia de seguridade recomendada.
Unha representación do comité de Maderas Iglesias, empresa do Porriño que atravesa unha situación crítica que ameaza a súa supervivencia, estivo presente antonte durante o debate da proposición non de lei presentada polo BNG no Parlamento galego na que se instaba a Xunta a apoiar as demandas do cadro de persoal e a colaborar nas actuacións dirixidas a garantir a continuidade da empresa e dos postos de traballo.
Tamén se reclamaba que o vicepresidente da Xunta e conselleiro de Industria reciba ao comité de empresa no prazo de tempo máis breve posíbel, así como a creación dunha mesa de negociación coa propiedade e coa representación das traballadoras/es para estudar a viabilidade da continuidade da compañía negociando a entrada de inversores externos.
O responsábel autonómico respondeu que se están a facer xestións para intentar salvar a empresa, aínda que non ofreceu ningún detalle, ao tempo que lembrou que a Xunta “xa apoiou a empresa en anos anteriores”. Unha das últimas esixencias do Goberno galego para apostar por Maderas Iglesias era a presentación dun plan de viabilidade, que a representación do cadro de persoal continúa sen recibir a día de hoxe.
Ademais, dende o comité explican que o pasado luns tivo lugar unha xuntanza entre o Igape, un suposto grupo inversor interesado en Maderas Iglesias e os bancos cos que a empresa mantén unha débeda de 35 millóns de euros. “Din que van a seguir coas conversas, pero non sabemos nada máis. O único que sabemos é que a día de hoxe segue sen concretarse a reunión entre todas as partes: comité, Igape, empresa, bancos, alcaldes e grupo inversor”.
Por outra banda, o BNG tramitou tamén unha pregunta para a súa contestación na comisión de Industria para que a Xunta faga públicas as xestións que realizou para favorecer a viabilidade da empresa e que aclare se participou nas negociacións para a entrada de posíbeis inversores. En caso positivo, demandan que explique cales foron os resultados, así como que adiante que actuacións vai levar a cabo para defender os 148 postos de traballo actuais.
O Concello de Salvaterra de Miño vén de aprobar en Xunta de Goberno o inicio do procedemento de contratación de diversas obras, que se realizarán a través do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, serán un total de tres obras as que se desenvolverán: dúas de pavimentación e unha de saneamento.
Mellora da pavimentación en Costa (Oleiros) e Arantei-Entenza
As obras incluídas neste proxecto consisten na mellora da pavimentación de dous camiños municipais, un deles no lugar de A Costa na parroquia de Oleiros, e outro que conecta a parroquia de Arantei ata o límite do concello coa parroquia de Entenza en Salceda de Caselas. Para a pavimentación definitiva estenderase e compactarase unha capa de rodadura de mestura bituminosa en quente tipo AC 16 Surf 50/70 D, en total máis de 4.800 m2
Pavimentación en Chan da Igrexa (Pesqueiras) e Cotodouro-Gandarachán (Alxén)
Os traballos a realizar consisten na mellora dos camiños en Chan da Igrexa na parroquia de Pesqueiras e outro entre os barrios de Cotodouro e Gandarachán na parroquia de Alxén. A actuación consiste na limpeza de marxes, apertura de cunetas para despois estender e compactar unha capa de 5 cm de espesor de mestura bituminosa en quente tipo AC16Surf50/70D en máis de 4.650 m2.
“Saneamento en Lodeiro (Salvaterra), Martín (Fornelos) e Poza e Cerdeiral (Cabreira)
Nestes traballos desenvolveranse a construción de varios tramos de colector de saneamento no lugar de Lodeiro en Salvaterra, Martín en Fornelos e Poza e Cerdeiral na parroquia de Cabreira, co fin de ir ampliando a rede municipal. As obras consisten na canalización de 627 metros de tuberías de PVC de 250 mm de diámetro destinadas á rede de saneamento, incluíndo todas as actuación complementarias como escavación, pozos e reposicións
A dor, a soidade e a terrible situación que está a provocar a pandemia entre as vítimas da violencia machista combínanse desde hoxe na fachada do Pavillón Novo de Tui onde xa se pode ver o mural que a artista urbana Nana elaborou ao abeiro do programa ‘Mulleres en Acción. Violencia Zero’ da Deputación de Pontevedra, ao que puxo o simbólico e significativo título de ‘Queda na casa’. A presidenta, Carmela Silva, acompañada do alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, coñeceu esta tarde a obra desta muller, experta en deseño urbano e graffiti, que soubo poñer imaxe á situación de terror que viviron no confinamento durante a primeira onda da pandemia as mulleres e crianzas que se miraron obrigadas a convivir pechadas cos seus maltratadores.
O mural, que queda xa como símbolo da loita contra a violencia machista no concello do Baixo Miño, está situado na fachada de acceso ao pavillón polideportivo, mide tres por cinco metros, e amosa unha muller que se tapa os ollos mentres detrás dela a súa casa está ardendo. A artista quixo con este traballo, no que destacan as cores azul, laranxa e vermella, chamar a atención sobre o que supuxo este tempo de pandemia para as vítimas. “Queda na casa é a frase coa que será recordado este 2020, a recomendación para sobrevivir ao virus era permanecer a salvo nos nosos fogares –sinalou Nana–. Pero en moitos casos, lembrou, o fogar non é un sitio seguro. En plena pandemia mundial mulleres e nenas e nenos sofren o terror de ser confinadas cos seus maltratadores e danse tamén novos casos a raíz desa convivencia”.
Carmela Silva: “co tempo […] recordaremos que no 2020 houbo unha pandemia onde as vítimas da violencia ademais da pandemia sufriron a tortura do machismo”
A presidenta da Deputación, Carmela Silva, expresou o seu agradecemento a Nana pola elección do tema para o mural. “Cando estivemos confinadas nos dicían en clave positiva Queda na Casa porque iso era sinónimo de salvagarda da saúde. Pero non ocorría con todas as persoas. Para as mulleres vítimas de violencia era unha condena porque tiñan que estar na casa pechadas co maltratador, 24 horas xunto á violencia más brutal e iso é un drama terrible”. “Este mural ten un enorme valor, dixo, pero co tempo aínda terá máis porque recordaremos que no 2020 houbo unha pandemia onde as vítimas da violencia ademais da pandemia sufriron a tortura do machismo”. A presidenta lembrou as 37 mulleres, “asasinadas das maneiras máis crueis”, no que vai de ano. ”Vivimos unha conmoción pola pandemia global, pero como sempre quen mais padece as consecuencias son as mulleres, e particularmente as vítimas de violencia machista”.
Carmela Silva fixo un recoñecemento a Nana, “unha muller poderosa, empoderada, que racha con teitos e estereotipos. Estamos moi orgullosas das artistas que colaboran con Violencia Zero, e no caso da arte urbana son mulleres cun especial compromiso. É arte que deixa pegada, dixo a presidenta, que transforma as mentes de quen mira o mural“. Tamén agradeceu ao goberno municipal de Tui que “unha vez máis se comprometera con este programa e coa igualdade”, e rematou cunha mensaxe aos violentos. “Que saiban que non teñen cabida nesta sociedade e que lles imos a gañar a batalla máis pronto que tarde”.
“
Enrique Cabaleiro: “É unha lacra que nos avergonza, que debe comprometer a toda a sociedade e hai que poñer en marcha todas as accións necesarias para erradicala”
Pola súa banda, o alcalde de Tui agradeceu á Deputación que “unha vez máis contase con nós para esta campaña e pola súa loita a prol da igualdade”. Enrique Cabaleiro lembrou que a violencia machista “é unha lacra que nos avergonza día a día, que debe comprometer a toda a sociedade e que o conxunto das administracións teñen a responsabilidade de levar adiante cantas accións e mecanismos sexan posibles”. O alcalde eloxiou o mural de Nana “que ilustra un momento especialmente difícil como foi o confinamento e que para as mulleres vítimas supuxo unha condena engadida polo que temos a obriga de visibilizalo”. “Ogallá que algún día, dixo, a violencia de xénero sexa un mal soño. Mentres tanto temos moito traballo que facer”
A de esta tarde en Tui foi a vixésima acción desta quinta edición do programa Violencia Zero da Deputación, despois do seu paso por Pontevedra, Vigo, Lalín, Ponteareas, A Cañiza, Forcarei, Crecente, Mos, Redondela, Cangas, Marín, Gondomar, O Grove, Cambados, O Rosal, Mondariz, Pontecesures, Sanxenxo e Cerdedo-Cotobade. O proxecto, que ten por obxecto visibilizar á loita contra as violencias machistas, así como dar a coñecer o labor de novas artistas que están a traballar a prol da igualdade, inclúe accións de performance, poesía, música, graffiti, acción escénica ou danza contemporánea.
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, participou na tarde de onte na reunión do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde, na que todas as comunidades autónomas valoraron positivamente o documento de actuacións de resposta coordinada para o control da transmisión da COVID19, que foi aprobado sen oposición.
Na reunión, o conselleiro valorou que o documento recolla, no seu texto final, que se trata dun marco común para o desenvolvemento das comunidades, e que os indicadores e restricións sexan flexibles, como xa adiantara con anterioridade á reunión.
O departamento sanitario galego insiste en engadir máis indicadores ao documento, pois segue sen considerarse a urxencia hospitalaria dentro dos indicadores asistenciais.
A Consellería de Sanidade considera que o problema pode estar nas comunidaddes con poboacións de menos de 20.000 habitantes, en donde os indicadores de incidencia acumulada poden inducir a error. A tal efecto, o departamento sanitario galego axustará ditos indicadores e os niveis de alerta en función da poboación, como ten feito ata agora.
O documento hoxe aprobado permite introducir novos indicadores e a Consellería de Sanidade introducirá o de urxencias e os cualitativos, cos que xa traballa agora.
Por último, no documento se flexibilizan os niveis de alerta para decisións individualizadas en cada comunidade autónoma.
Respecto ás restriccións nocturnas, o titular da carteira sanitaria manifestou que Galicia está a favor de ter capacidade de utilizar restriccións, tal e como xa lle indicou ao Ministerio que solicitara o comité clínico galego. Porén, opúxose a ligar estas restricións ao estado de alarma, senón ás peticións da autoridade sanitaria e de saúde pública ao Tribunal Superior de Xustiza. É dicir, que se manexe no ámbito da comunidade autónoma coa xustiza da propia comunidade, e sempre baseándose en criterios epidemiolóxicos.
Esta medida pódese incorporar na lexislación ordinaria modificando a Lei 3/86 e, nese sentido, xa hai unha iniciativa presentada no mes de agosto no Parlamento nacional cos trámites xa feitos e informe favorable para tramitación, e que podería estar lista en 15 días.
A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas anunciou hoxe unha serie de medidas que o Concello adoptará para “frear, na medida do posible, o avance da COVID-19 e garantir a saúde e seguridade das nosas veciñas e veciños”.
Logo da publicación dunha edición extraordinaria do Diario Oficial de Galicia na que se especifican as limitacións na celebración de diversas actividades de cara a poñer freo a escalada de contaxios que se están a dar na comunidade autónoma, o Concello redondelán decidiu suspender unha serie de actividades previstas dado o risco que a súa celebración supón para a saúde colectiva.
Entre as medidas, cabe salientar a suspensión do mercado quincenal que tería que celebrarse o 6 de novembro. Suspéndense tamén os cursos de taichí, celebración de roteiros e visitas guiadas ao cemiterio de Eidos.
Doutra banda, o Goberno local optou pola suspensión de todos os actos culturais programados, ao non poderse celebrar coas actuais restricións ditadas pola Consellería de Sanidade. Do mesmo xeito, os parques públicos e instalacións similares permanecerán pechados de 00 horas a 06 horas.
Do mesmo xeito, extremaranse as medidas de seguridade no mercado de abastos, de cara a que a veciñanza poida facer, de xeito ordenado e sen risco, as súas compras. Asemade o Concello enviou correos electrónicos aos centros culturais e asociacións do municipio nos que se lles lembra que o aforo de cinco persoas para a realización de actividades.
Dende o Concello, a alcaldesa Digna Rivas volveu a lembrar a necesidade urxente “de cumprir coas medidas preventivas publicadas dende o Concello, como medio máis eficaz para evitar a propagación da COVID-19”. Non podemos permitirnos o luxo, asegurou a alcaldesa de Redondela, “de ignorar recomendacións que poden ser o único medio para evitar volver a un confinamento que tería unhas consecuencias incalculables”.
Rivas fixo tamén un chamamento para que veciñas e veciños “limiten o contacto con persoas non convivintes”, como medio para protexer “non só a súa propia saúde, senón a das súas familias”.
A rexedora local lembrou que, pese ao nivel de contaxios que se están a dar na comunidade autónoma, “Redondela está en nivel 1, polo que a situación é menos grave que noutros concellos”. Aínda así, insistiu a alcaldesa de Redondela, “o segimento estrito das normas preventivas recollidas na campaña ‘Faino por Todxs’ segue a ser unha das mellores ferramentas que temos na nosa man para combater a expansión da COVID”.
O Concello de Ponteareas vén de reforzar a súa aposta polos parques forestais coa realización de novos investimentos nos situados nos montes veciñais das parroquias de Ribadetea e Xinzo, segundo informou a concelleira de Medio Ambiente do Concello ponteareán, Rosa Covelo.
“Neste momento están en execución os traballos de prevención de incendios; roza de faixas auxiliares, áreas cortalumes e tratamentos silvícolas de podas, incluíndo a eliminación de especies invasoras, sobre unha superficie de 28 hectáreas na zona do parque forestal denominado Seixiforna-Viveiro nos montes veciñais destas dúas parroquias lindantes entre sí e que chega ata o límite co concello de Mos”, explicou a concelleira nacionalista.
“Con estas actuacións dase continuidade aos traballos xa realizados na fase anterior que teñen como finalidade protexer os montes e que estes espazos, con valores naturais, culturais e paisaxísticos sexan lugares da recreo para a veciñanza”, salientou Rosa Covelo. Anteriormente xa se realizaron outros investimentos en medidas de defensa contra incendios forestais e iniciativas para a posta en valor do patrimonio arqueolóxico e cultural existente nos montes veciñais desas dúas parroquias cun investimento de 59.000 euros.
O alcalde de Ponteareas, Xosé Represas amosouse satisfeito coa liña de colaboración coas comunidades de montes, “dende 2015 hai un antes e un despois nas relacións entre o Concello e as Comunidades de Montes Veciñais, rematamos coa confrontación de etapas anteriores e estamos nun momento de plena colaboración e apoio ao labor das comunidades, realizando importantes melloras” sinalou Represas, engadindo que “todas as actuacións están encadradas no proxecto técnico de parque forestal, elaborado por iniciativa do Concello en colaboración coas comunidades propietarias do monte.”
O goberno de Ponteareas conseguíu para este proxecto o financiamento da Deputación de Pontevedra que aportará o 70% mentres o 30 % restante é financiado polo Concello con fondos propios.
Na actualidade están en marcha tres parques forestais que atinxen a 7 comunidades de montes, cunha superficie de 600 hectáreas: A Picaraña, Seixiforna-Viveiro e San Cibrán-Muiños de Couso, sendo Ponteareas o Concello que máis parques forestais promoveu nos últimos anos, grazas ao apoio da institución provincial.
Rosa Covelo e Xosé Represas agradeceron a colaboración das comunidades de montes das parroquias de Ribadetea e Xinzo que puxeron todas as facilidades para acometer estas actuacións nos terreos da súa propiedade para unhas actuacións das que poderá disfrutar calquera veciño/a
O Rosal reanuda esta fin de semana a súa axenda cultural de outono tomando todas as medidas de prevención establecidas polo comité clínico de Sanidade da Xunta de Galicia ante a situación epidemiolóxica. A configuración da propia axenda permite que o Concello siga apostando pola cultura dun xeito seguro, limitando aforos, realizando actividades para grupos reducidos e levando a cabo todos os protocolos de seguridade establecidos.
Deste xeito, a actividade cultural botará a andar de novo este venres 23 cun espectáculo dirixido a público infantil que terá un aforo limitado a 50 persoas. Unha cita musical de formato individual na que Magín Blanco procurará descubrir ‘O que levas na maleta’ interpretando temas propios dun xeito moi próximo ao público e buscando a participación de nenos e nenas na interpretación das cancións e na resolución de distintas cuestións que plantexará. Será ás 17.30 horas no salón de exposicións do Concello.
Tamén continúa aberta no salón de exposicións a mostra fotográfica ‘Auga. O sangue da terra’, unha fascinante colección de imaxes que traslada ao público a distintos puntos do planeta na procura do ben máis prezado: a auga. Manuel Valcárcel é o autor deste coidado proxecto co que se pretende poñer o foco de atención nun factor vital para o funcionamento do mundo e que moitas veces pasa desapercibido en Occidente. A mostra, para todos os públicos, estará aberta ata o vindeiro 31 de outubro martes e xoves de 18.00 a 20.00 h e venres e sábado de 11.00 a 13.00 horas.
Por outra banda, o Concello apraza ata novo aviso as I Xornadas do Patrimonio, que tiñan previsto arrancar este mesmo venres 23 de outubro. O motivo do aprazamento é a imposibilidade de realizar as saídas de campo na actual situación epidemiolóxica.
Dende o Concello lémbrase que é o momento de ser máis responsables que nunca para tratar de evitar novos contaxios e axudar a que a situación epidemiolóxica evolucione de xeito favorable. Por este motivo non se debe acudir ás citas culturais en grupos de máis de 5 persoas, deben manterse as distancias de seguridade, empregar máscara e levar a cabo calquera outra medida de prevención, como a desinfección.
O alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, deu conta hoxe da concesión dunha subvención para mellorar o funcionamento das minidepuradoras existentes nas parroquias de Bugarín, Prado e Padróns.
O goberno de Ponteareas do BNG e PSOE, despois de realizar unha auditoría do estado das instalacións das minidepuradoras para realizar as melloras, presentou o proxecto para lograr un funcionamento máis eficiente das instalacións das tres minidepuradoras de augas residuais, á convocatoria do Instituto para a Diversificación e o Aforro de Enerxía (IDAE), organismo dependente do Ministerio de Transición Ecolóxica que vén de comunicar ao Concello a concesión dunha subvención de 93.632,73 euros, ó 80 % do custe da obra, asumindo o Concello o 20 % restante, 23.408,19
Con esta actuación, ademáis de reducir o elevado coste de mantemento destas instalacións para as arcas municipais, permitirá mellorar a minidepuradora de Bugarín, situada na Freixa, a máis antiga e que recibe un maior caudal e que estaba a causar varias incidencias no seu funcionamento.
“Estas actuacións, que teñen unha repercusión positiva para as parroquias nas que se van acometer e para o medio ambiente en xeral, forman parte da estratexia -Ponteareas hábitat saudable- iniciada a partir de 2015 e é tamén un dos compromisos do Pacto das Alcaldías europeo para a eficiencia enerxética, a redución de emisións de CO2 e a adaptación ao cambio climático”, manifestou Represas.
A resolución favorable recibida polo Concello está financiada con fondos europeos dentro do programa operativo FEDER 2014-2020, dentro da medida 7, de mellora da eficiencia enerxética das instalacións de depuración de augas residuais. Medida que ten como obxectivo reducir o consumo de enerxía e as emisións de CO2 mediante a reforma das instalaciones existentes de depuración e a súa substitución por outras tecnoloxías mais eficientes.
Coas accións previstas lograrase axustar o consumo enerxético ás necesidades exactas do proceso de depuración en cada momento; só funcionarán cando o proceso o requira. Ao mesmo tempo tamén se axustará o proceso de depuración biolóxica.
A partir de agora o Concello ten un prazo máximo de 30 meses para executar os traballos de mellora das citadas instalacións de depuración. A tramitación dos procedementos de contratación estarán iniciados antes de 6 meses.
De cara a evitar aglomeracións o día 1 de novembro, festividade de Todos os Santos, e dada a actual situación de emerxencia sanitaria, o Goberno local de Redondela recomenda á veciñanza adiantar a compra de flores e o arranxo das tumbas nos cemiterios, “como medida para evitar aglomeracións de última hora e cumprir coas ordes das autoridades sanitarias ao respecto”.
Asemade, o Concello que preside Digna Rivas, anunciou a adopción de medidas estritas de control nos cemiterios de titularidade municipal –Eidos e Mañó– cuxo cumprimento será vixiado por Protección Civil e Policía Local.
Así, estableceranse itinerarios de entrada e saída nos camposantos municipais e limitarase o aforo polo que o Concello, de cara a cumprir este límite de ocupación, “aconsella ás familias que as visitas non excedan os 30 minutos”, sinala o concelleiro responsable de Cemiterios, Vicente Lamas, ademais de cumprir as medidas de protección como o uso obrigatorio de máscara en todo momento, mantemento da distancia de seguridade e a prohibición de fumar sen descartar “que nos momentos de máxima afluencia, e se así o aconsella a situación, establézanse sentidos de marcha dentro dos propios cemiterios para evitar cruzamentos de persoas”.
As medidas de protección, sinala a alcaldesa Digna Rivas, deben aplicarse á hora de acudir as florerías para mercar as flores, polo que é importante “que adianten a súa compra para evitar as aglomeracións de persoas, prohibidas polas recomendacións sanitarias da Xunta de Galicia”.
A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, fixo tamén un chamamento á responsabilidade da veciñanza que, lembrou, “durante o confinamento tivo un comportamento exemplar que segue mantendo nesta época complicada”.
En todo caso, engadiu a rexedora local, as medidas que adopte o Concello nos cemiterios da súa competencia, “dependerán das directrices que marque nas próximas horas a Consellería de Sanidade e da evolución da pandemia na comunidade autónoma”.
Digna Rivas rematou asegurando que “veciñas e veciños poderemos seguir honrando aos nosos defuntos pero seguindo, en todo momento, as normas de seguridade sanitaria que impón esta situación excepcional”.
A Deputación de Pontevedra destaca a grande acollida do proxecto Depofroitos, a iniciativa desenvolvida para impulsar o cultivo de froitos do bosque ecolóxico entre persoas interesadas en emprender en zonas rurais da provincia, á que se sumaron este ano preto dun cento de participantes e que vén de finalizar. O proxecto enmárcase no programa Empleaverde, a través do cal a Fundación Biodiversidade do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico desenvolve a súa actividade como Organismo Intermedio do Programa Operativo Emprego, Formación e Educación (POEFE) do Fondo Social Europeo (FSE) para o período de programación 2014-2020.
A través deste proxecto, que se enmarca no firme compromiso da Deputación na defensa do medio ambiente cara a transición ecolóxica e no seu apoio ao medio rural, creouse un servizo de acompañamento específico para empresas de nova creación, no que se asesorou ás persoas participantes e se lles informou sobre diferentes aspectos como a tramitación de axudas e subvencións e a elaboración de plans de viabilidade técnica, económica e financeira, entre outros. Ademais, durante as sesións usáronse ferramentas innnovadoras como un simulador de negocio sobre o cultivo de froitos do bosque e unha aplicación para facilitar a internacionalización das súas vendas, cunha serie de recomendacións de actuación.
Coa execución de Depofroitos a Deputación quixo cumprir unha serie de obxectivos entre os que destacan a creación de emprego verde, o impulso da innovación social con impacto positivo, a promoción e a creación de empresas verdes e a loita contra a desertización, así como a mellora da taxa de emprego neste sector, con especial incidencia sobre aquelas persoas con dificultades para acceder ao mercado laboral. Os froitos do bosque, entre os que se atopan a mora, o arando ou a framboesa, son un tipo de froita de recente introdución no mercado español que nos últimos anos medrou considerablemente e que está a ter unha grande capacidade de comercialización. Os produtos que se procura poñer en valor son moi prezados polos consumidores, esixen pouco terreo para a súa produción e teñen un custe inicial pequeno, polo que son unha boa opción para obter unha boa rendibilidade a curto prazo e xerar emprego.
O Porriño entrou hoxe en alerta vermella (nivel 3) segundo publica o mapa que diariamente difunde o Servizo Galego da Saúde. O Porriño aparece en nivel de alerta 3 por ter máis de 21 casos de covid activos nos últimos 7 días.
Despois de coñecer este dato, de xeito extraoficial, a alcaldesa Eva García contactou coa Consellería de Sanidade que lle informou que hoxe hai 26 casos activos de infectados pola Covid-19 no termo municipal.
A alcaldesa declarou que “a actitude da Xunta de Galicia prodúcenos preocupación e angustia porque carecemos dunha información directa e periódica”. A rexedora sinalou que a Xunta de Galicia “comportase cos concellos con desconfianza o que causa prexuízo aos cidadáns por que produce que reaccionemos tarde”.
A alcaldesa avisou á veciñanza que “teremos que adoptar medidas duras e incomodas que non gustarán pero son polo ben común” e pediu que “todos os porriñeses e porriñesas cumpran cos protocolos de distancia e protección para evitar a propagación do virus”.
A exposición ‘De casa para um mundo…’ integrada na XXI Bienal de Arte de Cerveira, segue o seu percorrido por distintas vilas e cidades tendo programadas xa as súas próximas paradas na Galería de Arte CTJV de Monção e no Centro Cultural Portugês Camões, Instituto da Cooperação e da Lingua, en Vigo. Trátase dun proxecto concibido por Manuel de Novaes Cabral e Sobral Centeno, que reuniu, en tempos de pandemia, nomes ben coñecidos das artes visuais e da literatura contemporánea e que reúne 30 obras de 15 escritores e escritoras, 15 artistas plásticos e 15 compositores e compositoras.
O resultado da ídea foi a creación, a distancia, de obras colectivas que foron expostas ao público na XXI Bienal Internacional de Arte de Cerveira, no Solar dos Castros. Máis aló da exposición, a iniciativa completábase cun programa que incluíu visitas guiadas, mesas redondas e opinións dos protagonistas en streaming e gravados.
O éxito do proxecto foi tal que agora segue viaxe para Monção e Vigo co que, segundo a comisaria da mostra, María de Fátima Lambert “cúmprese o propósito de itinerancia, ese movemento e liberdade que vemos condicionados polas circunstancias aínda vividas. As viaxes das obras abrense a novos horitontes sendo Monção o primeiro destino deste Grand Tour tan especial”.
En total son presentadas 30 obras de 15 escritores e 15 artistas plásticos acompañadas de pequenas composicións de 15 músicos, establecendo un diálogo entre creadores que non se puideron encontrar persoalmente pero que se comunican a través da arte.
A iniciativa conta coa coaboración dos designers Beatriz Horta Correia, Francisco Providência, Joana Machado, Miguel Gaspar e Nuno Coutinho.
De recordar que a bienal de arte de Cerveira é a mais antiga do país e da Península Ibérica e mantén as portas abertas ata o 31 de decembro, estando igualmente disponible a visita virtual ás diferentes exposicións.
Artistas participantes
Capicua, Albuquerque Mendes e Ana Seara
Afonso Reis Cabral, Ana Fonseca e Pedro Pinto Figueiredo
Daniel Maia-Pinto Rodrigues, Ana Pérez-Quiroga e Sara Carvalho
Bernardo Pinto de Almeida, António Olaio e Nuno Peixoto de Pinho
Pedro Eiras, Avelino Sá e Jaime Reis
João Gesta, Cristina Ataíde e Ângela da Ponte
Paulo José Miranda, Francisco Laranjo e Inês Badalo
Francisco Duarte Mangas, Graça Pereira Coutinho e António Pinho Vargas
Maria do Rosário Pedreira, Isaque Pinheiro e Carlos Marecos
Rosa Alice Branco, Susana Piteira e Francisco Monteiro
Nuno Higino, Jorge Abade e Carlos Caires
Gonçalo M. Tavares, Pedro Calapez e Sérgio Azevedo
Hugo Mezena, Pedro Tudela e Isabel Pires
Manuel Novaes Cabral, Sobral Centeno e Luís Soldado
Filipa Leal, Zulmiro de Carvalho e António Victorino D’Almeida
O vindeiro luns día 26 de outubro de 2020 ás 16:00h o Campo de fútbol da Sangriña acolle a acción “Reguetón” de Lúa Mosquera a través da Campaña da Deputación de Pontevedra “Mulleres en Acción. Violencia Zero”.
Poesía feminista con base musical de reguetón. Trátase dunha enumeración de varios micromachismos que se sofren a diario (baseado en testemuños reais) cunha reflexión final que invita a cuestionarse certas actitudes cotiás.
Collemos un xénero musical tipicamente machista para concienciar sobre actitudes que nos prexudican e toleramos completamente de maneira inconsciente. Incita ao cambio e á busca da igualdade.
Lúa Mosquetera (Miño, 1988)
Lúa Mosquetera naceu en 1988 e estudou Filoloxía Galega na Universidade de Santiago de Compostela. Publicou o seu primeiro poemario (autoeditado), Rasrás, en 2018, e desde entón participou en numerosos festivais recitando a súa poesía, sempre acompañada da guitarra do músico Mori4rty.
Destacan as súas intervencións no festival Elas Son Artistas, no Festival de Música e Artes Loro Facu ou no FestivalInternacional de Poesía e Performance Kerouac .
A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 5.675, deles 911 son da área da Coruña, 542 da de Lugo, 1.489 da de Ourense, 564 da de Pontevedra, 995 da área de Vigo, 891 da de Santiago, e 283 da de Ferrol.
Do total de pacientes positivos, 47 están en UCI, 317 en unidades de hospitalización e 5.311 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 24.255 persoas curadas, rexistrándose 847 falecementos. O número de PCR realizadas é de 609.516.
Os datos de centros residenciais de servizos sociais corresponden aos que achegan con carácter diario os propios centros.
Os datos de escolas infantís e centros de ensino non universitario corresponden aos rexistrados diariamente a través da Central de Seguimento de Casos, os propios centros e as xefaturas territoriais.
O Concello de Nigrán rematará esta semana as obras de conexión á rede municipal de saneamento nun camiño do barrio de Sanromán (Priegue), tal e como tiñan demandado os veciños. Deste xeito, os interesados xa poden tramitar esta conexión que beneficia a media ducia de vivendas e que completaría este núcleo. A través do persoal municipal, o Concello emprendeu estas obras que inclúen a reposición do pavimento e está a realizar a conexión mediante a instalación de preto de 50 metros de tubaxe en PVC.
“Desde o concello de Nigrán, e xa sexa con noso persoal municipal como en este caso, a través da concesionaria Aqualia ou plan concellos da Deputación ou co uso de remanente, temos como obxectivo completar o saneamento en todos os barrios e vivendas posibles porque o tratamento inadecuado das augas residuais xeneradas polas actividades humanas é unha das principais causas de contaminación das augas”, sinala Juan González, alcalde de Nigrán.
Tal e como informou o Concello aos veciños, estes deben acudir á oficina de Aqualia na Avda.Val Miñor, 2 (de luns a venres, de 09:00 a 13:00 horas) para solicitar a conexión ao mesmo.
A Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) de Tomiño, coma membro da rede EURODESK e no marco da campaña europea “TIME TO MOVE”, está a traballar este mes de outubro nunha serie de actividades presenciais e en liña conectando a xente de toda a xeografía europea. Estas actividades están organizadas por persoas expertas pertencentes á rede EURODESK que brindan orientación sobre distintas actividades internacionais como voluntariado presencial ou virtual, prácticas no extranxeiro, intercambios xuvenís, etc.
Como froito da súa participación na campaña, a OMIX realizou un vídeo con mocidade que, nalgún momento, estivo en contacto coa oficina por mor da participación nalgún dos programas europeos de mobilidade, onde contan a súas experiencias no proxecto. Nel participan rapaces e rapazas daquí, doutras partes do Estado como Ceuta ou Gran Canaria e tamén de países como Portugal, Estonia, Rumanía ou Alemaña. O vídeo pode verse en Youtube:
Ademais, a OMIX puxo en marcha un concurso na rede social Instagram no que calquera mozo ou moza pode compartir unha foto de si mesmo/a nalgún lugar de Europa cos hashtags #MocidadeTomiñesaPorEuropa, #ttm e #EuEnEuropa etiquetando a @omixtomino e enviándolles por mensaxe directa unha captura de pantalla. Entre todas as persoas que envíen unha foto sortearase un lote de regalos entre os que figuran un exemplar do libro Claro de Lúa, adicado pola súa autora, Puri Ameixede, profesora do IES de Tomiño.
As actividades levaranse a cabo durante todo o mes de outubro, polo que en moitas delas aínda está aberto o prazo de inscrición a través da seguinte ligazón: https://timetomove.eurodesk.eu/es/#about
A Consellería de Cultura, Educación e Universidade publicou onte no Diario Oficial de Galicia (DOG) a resolución pola que se habilita o procedemento para a presentación de solicitudes de inclusión nas listas de interinidades e substitucións dos corpos docentes nun total de 7 especialidades diferentes. No corpo de mestres os candidatos poderán anotarse na especialidade de Lingua estranxeira francés, mentres que na de profesorado de ensino secundario ábrense as listaxes de Lingua castelá e literatura, Francés, Sistemas electrónicos e Sistemas electrotécnicos e automáticos. No caso do corpo de profesores técnicos de formación profesional abriranse as listaxes para as especialidades de Equipos electrónicos e de Instalacións electrotécnicas.
A Consellería abre estas listaxes para atender as necesidades que poidan xurdir ao longo do curso para a contratación de profesorado, de forma concreta nalgunhas especialidades. Tendo en conta o Real Decreto-Lei 31/2020, de 29 de setembro, polo que se adoptan medidas urxentes no ámbito da educación non universitaria, así como a disposición transitoria asinada cos sindicatos ao Acordo do 20 de xuño de 1995, polo que se regulan o acceso e as condicións de traballo do persoal docente interino e substituto, a resolución publicada no DOG establece a exención temporal do requisito do Máster do Profesorado ou equivalente cando non sexa posible nomear a candidatos que estean en posesión desta formación pedagóxica. Esta medida aplícase só ao actual contexto covid.
Terán prioridade á hora da contratación, en todo caso, as persoas que conten co Máster do Profesorado ou equivalente. De non contar con ela, tal e como establece a disposición transitoria asinada cos sindicatos, deberá realizar a formación que está a deseñar a Consellería a través do Centro Autonómico de formación e Innovación (CAFI). En calquera caso, as persoas que accedan á docencia sen contar co Máster non consolidarán o dereito á prioridade na lista; polo que os dereitos do profesorado quedan plenamente garantidos. Cómpre lembrar que en Galicia, os procesos selectivos dos últimos anos garanten que hai profesorado ben formado e con coñecementos pedagóxicos; polo que se estima que a contratación de docentes sen máster ou equivalente será residual.
O Concello de Ponteareas, a través da concelleira de Saúde, Cristina Fernández Davila, informa que a localidade vén de entrar no nivel 1 de alerta sanitaria, segundo fixo público a Xunta de Galicia. Isto implica que, nos últimos sete días, os novos casos positivos confirmados de COVID-19 sitúanse entre 7 e 14, non superando en todo caso os 14 nas últimas dúas semanas.
A concelleira de Saúde, que mantén o contacto permanente coa coordinadora do Centro de Saúde da localidade, informa que a situación epidemiolóxica oscila nas últimas semanas entre o nivel 0 e o nivel 1.
Neste sentido, Fernández Davila insta á veciñanza a “manter a prudencia e a responsabilidade, xa que neste momento a prevención é a maior garantía para non incrementar os valores epidemiolóxicos e manter un nivel baixo de novos contaxios”.
A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, afirma estar “segura de que o Concello de Vigo e o seu alcalde non se atreverán a quitarlle a PassVigo aos cidadáns de fóra da cidade olívica, vista a sentencia do TSXG na que se deixa ben claro que a utilización do transporte de viaxeiros non pode ser discriminatoria, como tampouco poden introducirse discriminacións por razón do territorio ou da residencia (artículo 82 da lei galega), rechaza calquera tarifa que diferencie a uns usuarios de outros en razón ao lugar onde residan e declara que supón un trato desfavorecido e discriminado sendo improcedentes as vantaxes tarifarias en razón ao lugar de empadroamento”.
Polo que retirar a PassVigo á veciñanza non empadroada na cidade sería prevaricar, tal e como llo explicou onte aos veciños dunha das parroquias mosenses interesadas, Torroso, o asesor xurídico do Concello, avogado que levou este caso, nunha xuntanza mantida nos exteriores do local social da Asociación de Veciños, coa alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e o concelleiro da parroquia de Torroso, Alberto Méndez.
A rexedora local mosense está convencida de que “o alcalde de Vigo non se atreverá a quitarnos a Pass Vigo, pero si se atreve a facelo, serán os propios veciños individualmente os que denunciarán persoándose como parte directamente afectada, e desde o Concello apoiarémolos asumindo os gastos derivados do xuízo”.
A veciñanza fundamentalmente interesada neste tema é a das parroquias de Torroso, Dornelas e Guizán, que colle diariamente o Vitrasa en Peinador.
Se as accións legais as emprende directamente a veciñanza afectada progresará a favor da mesma, porque o motivo da desestimación do recurso de apelación interposto polo Concello de Mos non é máis que unha cuestión meramente formal baseada en que a administración local mosense non ten facultades para alzarse fronte a actuacións que repercutan na esfera patrimonial dalgúns dos veciños do municipio por máis que poidan ser ilegais, nin exercitar accións en defensa dalgún grupo de veciños, para o que non ostenta lexitimación. O que quere dicir que se fosen os propios veciños afectados os que tiveran presentado o recurso, este sí houbese sido estimado.
O Concello de Baiona comezou as labores de poda das árbores que se atopan repartidas nos cinco núcleos de poboación do municipio.
A Concellería de Medio Ambiente iniciou a tempada de poda co obxectivo de previr que coa caída da folla atásquense os sumidoiros da rede de augas pluviais.
Comezáronse os traballos, propios desta época do ano, que necesitan as árbores. A primeira actuación realizouse no parque da Palma, continuarase no centro urbano da vila e pola Avenida Monterreal. Nos próximos días acometerase a poda das árbores nos atrios das igrexas e nas restantes zonas con arboreda das parroquias baionesas. Concretamente, na parroquia de Baíña, actuarase tamén na zona arborizada da estrada de Santa Marta e no parque infantil do Cruceiro. En Baredo, no entrono do centro cultural. En Belesar, na zona do torreiro da igrexa, e no do xogo de birlos Portameán e Urgal. En Santa Cristina da Ramallosa, na contorna da praza de abastos e na praza Vitoria Cadaval, na Avenida Benito Fariñas, na Avenida Praia Ladeira.
Os traballos realízanse en altura polos traballadores, quen leva a cabo esta campaña en condicións de máxima seguridade, sen causar danos ás árbores e no menor tempo posible xa que dispoñen das ferramentas necesarias para ocasionar as menores molestias nos paseos e zonas máis frecuentadas pola cidadanía.
A este traballo, súmase ás actuacións de conservación e mantemento na desembocadura dos ríos en Baíña, Baredo e Sabarís, que se iniciaron hai unhas semanas e que se continúan acometendo. Consisten na retirada de maleza e podas que obstruyen as canles, co fin de mellorar o estado ecolóxico dos ríos e suavizar o impacto que poden producir a choivas durante o inverno.
Desde o Concello de Baiona están a levarse a cabo todos estes traballos co fin de previr posibles incidencias provocadas polos efectos invernais.
Ante a declaración de ALERTA VERMELLA recibida por parte do SERGAS no Concello de Salvaterra de Miño no día de hoxe, o grupo do Goberno local informou a todos os grupos da oposición sobre as novas medidas que se adoptarán para evitar a propagación do virus, así como compartir as diferentes impresións sobre a situación actual na que se atopa a comarca.
Todo isto para garantir un cumprimento das normas e unha unidade fronte á crise sanitaria que está a vivirse neste ano 2020.
As medidas de obrigada necesidade son as seguintes:
Peche do Mercadillo Municipal (martes e xoves)
Peche dos pavillóns
Peche das aulas de actividades das distintas Casas de Cultura
Peche do Parque de A Canuda e a zona Polideportiva
Peche do Museo
Estas medidas entrarán en vigor a partires de mañá xoves 22 de outubro ata novo aviso.
Desde o Concello faise un chamamento a toda a poboación para extremar as medidas distanciamento e actuar coa responsabilidade que require a situación.
O AECT Río Minho vén de posicionarse claramente en contra do aproveitamento por parte do goberno portugués dunha posible mina de litio na Serra da Arga, no territorio do Alto Miño luso. Así o manifestou o deputado e vicedirector do agrupamento, Uxío Benítez, logo de manter un encontro co Movemento SOS Serra d’Arga.
Benítez destacou que o AECT vai artellar un posicionamento transfronteirizo conxunto, xa que os recursos da zona, aínda estando en territorio administrativo portugués, son comúns ao Baixo Miño galego. “Estaremos vixiantes ante as posibles afeccións no río, no territorio, nos recursos naturais da zona e na calidade da auga. Antes o Miño era un lugar que parecía que non era de ninguén, nin o defendían dun lado nin doutro, pero agora existe o AECT e imos defendelo conxuntamente os concellos galegos e as cámaras portuguesas”, subliñou.
Facendo súas as palabras do director e presidente da Câmara Municipal de Vila Nova de Cerveira Fernando Nogueira, Benítez subliñou que “non hai fronteiras na protección do medio ambiente na defensa dun patrimonio común que é o río Miño”. Afirmou que os problemas ambientais que afectan ao río son comúns no Alto Minho portugués e no Baixo Miño galego e que “sobre a mesa hai unha causa xusta, porque a defensa da Serra d’Arga xunto coa veciñanza portuguesa é a defensa do patrimonio común do Val do Miño ”.
Estas declaracións foron realizadas logo de manter un encontro co Movemento SOS Serra d’Arga en Vila Nova de Cerveira, no que o colectivo ambientalista solicitou a intervención do AECT na sensibilización de alcaldes e movementos asociativos a favor dunha defensa consensuada do territorio común da Serra d’Arga, no ámbito do proceso de minería de litio.
Enmarcado no conxunto de reunións mantidas cos concellos do Alto Minho que integran o perímetro da Serra d’Arga, este encontro transfronteirizo buscou potenciar a importancia da conca do río Minho. Non obstante, desde agosto, o Movemento SOS Serra d’Arga promove tamén contactos directos con diversas asociacións galegas, co fin de esbozar accións de sensibilización e chamamento popular á implicación nunha causa común.
A representante do Movemento SOS Serra d’Arga, Ludovina Sousa, reafirmou que “co río Minho como enlace, este encontro tiña como obxectivo sensibilizar á entidade transfronteiriza sobre os posibles e prexudiciais impactos nas augas internacionais do río Miño, se o o proxecto mineiro do goberno portugués ten lugar nesta rexión do Alto Miño ”.
Ao remate da reunión, a AECT Río Minho comprometeuse a tomar unha posición de consenso coas xa coñecidas por todos os alcaldes de ambas as beiras do río e das asociacións para a defensa do medio ambiente respecto ao expediente en cuestión, plasmado en iniciativas conxuntas coa participación da cidadanía. É preciso lembrar que nestes momentos está en marcha a creación da Área de Paisaxe Rexional Protexida Serra d’Arga, aprobada polos catro concellos portugueses (Vila Nova de Cerveira, Caminha, Viana do Castelo e Ponte de Lima), sendo o seguinte paso a constitución dunha asociación de municipios con fins específicos para garantir a súa xestión. Este proxecto contribuirá á conservación da natureza e da biodiversidade presente nos montes e, polo tanto, no noroeste peninsular, coa perspectiva de promover condicións que permitan o desenvolvemento socioeconómico sostible da zona, con beneficios para as comunidades locais e a exploración. dende o punto de vista do turismo, a educación e a sensibilización ambiental
A Deputación de Pontevedra, veu referendada hoxe a súa aposta irrenunciable polo medio ambiente e a transición ecolóxica como eixo transversal das súas políticas, coa súa elección como vocal, na figura da presidenta Carmela Silva, do Consello de Goberno da Rede de Entidades Locais para desenvolver os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da Axenda 2030 (REDODS) impulsada pola FEMP, unha Rede composta polos gobernos locais que se comprometen a localizar e aplicar os 17 ODS de forma transversal nas súas políticas.
A Rede presidida polo alcalde de Palma, José Ila, celebrou hoxe a asemblea constitutiva que aprobou os nomeamentos do Consello de Goberno, o Plan de Traballo e orzamento anual así como as normas de funcionamento. Integra a un total de 167 entidades locais adheridas entre concellos, deputacións, consells e cabildos, que representan a máis de 16 millóns de persoas,
A actividade está dirixida a favorecer a coordinación de actuacións entre os gobernos locais co fin de acadar mellores resultados na aplicación da Axenda 2030 en municipios e provincias e, nese senso, lles ofrece ferramentas para que alcancen os obxectivos. Amais, aportará pautas, información e propostas para facer fronte á crise provocada pola COVID-19, tendo moi presente unha das principais premisas da Axenda 2030: non deixar a ninguén atrás.
Entre os obxectivos da REDODS está a promoción do coñecemento e sensibilización dos ODS nas entidades locais, así como o fortalecemento do papel estratéxico que estas entidades xogan no desenvolvemento da Axenda 2030 en España, promovendo o traballo en rede, o intercambio de experiencias e a procura de alianzas que impulsen políticas de cohesión a nivel local e unha adecuada articulación entre os ámbitos central, autonómico e local. Neste momento, o traballo cos gobernos locais en liñas de actuación trala crise sanitaria será outro dos fins prioritarios, a fin de dar unha resposta no territorio aliñada coa Axenda 2030.
A adhesión da Deputación de Pontevedra á Rede, que foi aprobada este verán polo pleno da corporación, e a súa elección hoxe para formar parte do Consello de Goberno, supón un novo chanzo do compromiso por unha provincia sostible que ten a institución provincial, na que a axenda medioambiental e a igualdade marcan as políticas desde a entrada do actual Goberno hai cinco anos e constitúen a súa folla de ruta. De feito, a Deputación de Pontevedra alcanza actualmente un cumprimento ao 100% da Axenda 2030 cos programas e actividades en marcha relacionadas con cada un dos 17 ODS.
Tui entrou esta mañá en alerta vermella por COVID 19 segundo o mapa da Xunta. Ante esta situación o Concello de Tui acordou o e peche das instalacións municipais de carácter deportivo e cultural, coa salvidade da Biblioteca e do Teatro, e dos pavillóns onde se celebren competicións federadas e actividades escolares. Mantéñense abertos os parques infantís, ao ser espazos ao aire libre que se desinfectan periodicamente, e mañá terá lugar o mercado semanal coas medidas de seguridade establecidas dende que retomou a actividade.
Amais dende o Concello, tal e coma acordaban onte á tarde na Xunta de Voceiros, recomendan aos centros culturais privados, xestionados por asociacións, a suspensión de calquera tipo de actividade nos mesmos.
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, indica que “cómpre ser extremadamente cautos” xa máis aló do número concreto de casos positivos que hai neste momento, un total de 32, hai un número de veciños e veciñas de Tui en corentena. Explicaba que a adopción destas medidas ten por obxectivo “restrinxir a mobilidade nos ámbitos de carácter público” agardando que “estas medidas axuden a paliar a gravidade da situación, porque é unha situación complicada que nos preocupa, e á que chegamos polo inicio de dous brotes nunha parroquia que foron desencadenando a situación na que nos atopamos agora”.
Dende o Concello de Tui lémbrase amais as novas medidas impostas pola Xunta que entrarán en vigor esta medianoite coa limitación de reunións tanto públicas coma privadas a 5 persoas. A isto súmase tamén a limitación ao 50% dos aforos en establecementos de restauración, e a prohibición de consumo en barra. Por último o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, reitera o chamamento á prudencia e responsabilidade de todos e cada un de nós, ante a situación que estamos a vivir.
Durante a pasada fin de semana (16, 17 e 19 de Outubro), unhas 30 entidades e máis de 600 persoas sumaron os seus esforzos ao longo do litoral galego para limpar as praias e denunciar, xunto con ADEGA, a problemática ambiental do lixo mariño na IX Limpeza Simultánea de Praias. Nesta edición volveu a acompañar o bo tempo, un sol que fixo as limpezas máis divertidas e amenas, e centos de persoas achegáronse á costa para limpar os areais de Galiza, pois desta vez non quedou ningunha limpeza adiada. As limpezas tiveron lugar nun total de 30 praias das 3 provincias costeiras.
Como noutras edicións participaron centros de ensino, surfeiros, ONG ecoloxistas, asociacións culturais, de piragüistas, ciclistas, ANPAS e particulares. Todas e todos tiñan a mesma fin: limpar as súas praias e crear conciencia.
Participaron arredor dunhas de 600 persoas e recolléronse preto de 4.000 kg de lixo, a maioría de orixe plástica, pero tamén predominaron restos de cordas, cabichas e pauciños dos ouvidos.
A problemática do lixo mariño
O lixo mariño é un dos maiores problemas ambientais do planeta, as principais causas son: a insensibilidade dos modelos de consumo e produción da nosa sociedade, as malas estratexias na xestión dos nosos residuos e a falta de sensibilización da poboación. Todo iso fai que cada ano 10 millóns de toneladas de lixo rematen nos océanos. Moito deste lixo provén da industria do mar (pesca, extraccións…), pero unha grande parte chega a través dos ríos, debido a unha mala xestión en terra.
Máis de 1.000.000 de aves mariñas e 100.000 mamíferos e tartarugas morren cada ano enredados ou por inxesta do lixo mariño. Tamén pode afectar directamente á saúde humana, xa que moitos destes produtos conteñen substancias tóxicas, bioacumulativas e persistentes, que entran na cadea alimentaria. Por último outro dos graves problemas asociados a estes residuos, é que provocan perdas económicas importantes, debido a varios factores como son a diminución da pesca comercial, a degradación de lugares aptos para actividades recreativas e turísticas, ou o enorme investimento requirido para as limpezas de praias.
Coidemos das praias todo o ano
ADEGA quere subliñar que as limpezas de praias non debe ser un feito illado, e convida a calquera persoa a recoller o lixo do noso litoral sempre que poida. As limpezas de praias deben facerse de xeito manual, respectando os ecosistemas dunares, e tendo especial coidado coa fauna e flora que nelas habita. O obxectivo principal deste tipo de actuacións é crear conciencia e alertar da cantidade de plástico que producimos e tiramos, e as consecuencias que isto ten.
ADEGA agradece enormemente a participación de todas as persoas que organizaron e participaron como voluntarias en todas as limpezas.
Táboa de resultados da IX Limpeza simultánea de praias
A Eurocidade Cerveira-Tomiño, a partir do ano 2014, envolvendo nas súas accións a máis de 10.000 persoas, afondou e consolidou as relacións institucionais a través dunha programación e xestión conxunta e partillada de distintos servizos públicos e do envolvemento da cidadanía na formulación de solucións comúns para a resolución de problemas comúns. Ditas accións fixéronse no marco da “Axenda Estratéxica para a Cooperación Transfronteiriza Amizade Cerveira-Tomiño”, cofinanciada polo FEDER a través do Programa Interreg V A España-Portugal (POCTEP).
Neste camiño conxunto pódense salientar algunhas accións distintivas, nomeadamente, a nivel da participación pública e da implicación da cidadanía, que se citan a continuación:
i) Orzamento Participativo Transfronteirizo (OPT), proxecto pioneiro que permite á cidadanía e/ou entidades presentar proxectos comúns que son posteriormente votados polos electores de ambos os dous concellos. Entre 2016 e 2019, máis de 2000 votantes escolleron 10 proxectos, dun total de 25 candidaturas presentadas, que envolveron perto de 3000 participantes, en áreas como cultura, deporte, ambiente ou accesibilidade para todas as persoas.
ii) Valedoras da Cidadanía Transfronteiriza, figura única en Europa, que ten como función dar informacións sobre dereitos e deberes da cidadanía transfronteiriza e aínda rexistrar eventuais ocorrencias que poidan contribuír para corrixir problemas e mellorar o relacionamento entre as persoas e as institucións dos dous lados da fronteira. No ámbito da súa acción destácase a recomendación para a eliminación das barreiras á mobilidade infantoxuvenil, problemática que foi albo de análise no ámbito do proxecto B- solutions da Comisión Europea.
iii) No que respecta á planificación e xestión conxunta de equipamentos e servizos de utilización colectiva, destácase a creación dunha Plataforma Tecnolóxica de Xestión de Servizos Partillados, que facilitará o acceso da veciñanza a varios servizos na Eurocidade.
Para conclusión do proxecto serán realizadas as II Xornadas Amizade Cerveira Tomiño, que terán lugar o próximo día 23 de outubro, no Centro de Apoio ás Empresas de Cerveira e que servirán tamén para facer o balance dos resultados alcanzados. As conferencias poderán seguirse en streaming na web da Eurocidade (eurocidadecerveiratomino.eu).
O Concello de Ponteareas pon en marcha unha nova convocatoria de axudas para reactivar a actividade económica local, unha medida creada para axudar a paliar os efectos económicos, sociais e laborais derivados da Covid-19 nos negocios e pequenas empresas locais.
As bases desta nova convocatoria de axudas, xestionadas polas Concellerías de Promoción Económica, que dirixe Eva Gil, e Emprego, que dirixe Vanesa Fernández, foron consensuadas por todos os grupos políticos da Corporación e contan cunha partida económica de máis de 230.000 euros. As axudas irán destinadas principalmente a traballadores/as autónomos/as, e pequenas empresas da localidade.
Nesta convocatoria, autónomos ou empresas que por diversos motivos non puideran beneficiarse da primeira convocatoria poderán ter a ocasión de presentarse e recibir apoio xa que se procurou a aprobación dunhas bases inclusivas para eses casos. O obxectivo de toda a Corporación é chegar a todos os negocios que se viron danados na súa actividade pola pandemia
Esta liña de axudas para autónomos e pequenas empresas ten como finalidade apoiar a reactivación da actividade económica e acompañar aos negocios locais para que poidan superar esta grave crise económica como consecuencia da crise sanitaria. O goberno local do BNG e do PSOE adianta esta convocatoria que nos vindeiros días será publicada no Boletín Oficial da Provincia e que ao igual que a convocatoria anterior de axudas directas contará cun espazo propio na web municipal na que figurarán as bases e toda a información de tramitación.
As concelleiras explican que a presente convocatoria pretende preservar o tecido empresarial, protexer o interese xeral, apoiando aos traballadores autónomos e pequenas empresas. lograr a reactivación da economía da nosa localidade e incentivar a utilización das tecnoloxías da información e as comunicacións.
Esta é unha convocatoria de concurrencia competitiva á que se poderán presentar persoas físicas ou xurídicas, así como as comunidades de bens, autónomos que presten servizos, sociedades civís ou outras entidades económicas sen personalidade xurídica, legalmente constituídas que leven a cabo as súas actividades empresariais en Ponteareas.
Entre os gastos subvencionables están importes de alugueiros, cuotas bancarias correspondentes co pago de préstamos por compra de locais comerciais, mantemento do negocio e adaptacións ás novas circunstancias, transición cara o comercio on line, dixitalización, asesoramento profesional ou adquisición de equipamentos, entre outros moitos gastos, sendo a axuda dun importe máximo de 1.500 € por beneficiario. Dende a publicación no BOP, o prazo de presentación de solicitudes é de 20 días naturais, Unha vez concedidas, o goberno local ten previsto anticipar os pagos das axudas tendo posteriormente ata o 31 de xaneiro de 2021 prazo para xustificar a axuda recibida.
As axudas deberanse solicitar a través da sede electrónica do Concello e serán compatibeis con calquera outra estatal ou autonómica.
O Concello de Redondela vén de anunciar o adiamento da Gala do Deporte, que tradicionalmente celébrase no mes de decembro, ata o verán do 2021 dada “a actual situación de risco sanitario que fai imposible o seu normal desenvolvemento”, sinalou o concelleiro de Deportes, Nacho González.
A Gala do Deporte “debe ser unha auténtica festa” na que non só se recoñezan os méritos e traballo de deportistas, clubs e asociacións, “senón que o poidan celebrar nunha gala acompañados dos seus familiares e amigos, algo que nestes momentos, coa actual escalada da COVID-19, supoñería un grave risco sanitario”, engade o concelleiro.
En todo caso, apunta a alcaldesa Digna Rivas, “a Gala do Deporte non se suspende, senón que de apraza ata o verán 2021 no que se desenvolverá ao aire libre, nun lugar por determinar, e que no caso de continuar en alerta sanitaria permitiría a súa celebración con todas as garantías”.
Pese ao adiamento da Gala do Deporte, o Concello de Redondela e a Concellería de Deportes que xestiona Nacho González, seguen facendo actos de recoñecemento na Casa do Concello aos e ás deportistas e clubs do municipio polos seus éxitos deportivos nas máis diversas disciplinas.
Ese recoñecemento, importante polo que supón de posta en valor do traballo de deportistas e clubs, “ten que ser recollido nun acto de agradecemento e felicitación conxunta a todos aqueles que, ano tras ano, fan que Redondela siga sendo un referente no eido deportivo”, e ese é, precisamente, o espírito da Gala do Deporte “que debe ser unha auténtica festa, algo que as actuais circunstancias de emerxencia sanitaria, non fan posible”, apunta Rivas.
A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 5.457, deles 905 son da área da Coruña, 518 da de Lugo, 1.494 da de Ourense, 538 da de Pontevedra, 900 da área de Vigo, 851 da de Santiago, e 251 da de Ferrol.
Do total de pacientes positivos, 48 están en UCI, 294 en unidades de hospitalización e 5.115 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 24.012 persoas curadas, rexistrándose 836 falecementos.
O número de PCR realizadas é de 602.975.
A Xunta continúa a traballar desde a máxima coordinación interdepartamental e co Ministerio de Sanidade, tamén mantendo o contacto con todos os axentes socioeconómicos de Galicia. Neste senso, Sanidade reitera que segue alerta actualizando todas as medidas e recomendacións e en vixilancia permanente.
Os datos de centros residenciais de servizos sociais corresponden aos que achegan con carácter diario os propios centros.
Os datos de escolas infantís e centros de ensino non universitario corresponden aos rexistrados diariamente a través da Central de Seguimento de Casos, os propios centros e as xefaturas territoriais.
Uso do 061 para casos graves e emerxencias e o 900 400 116 para dúbidas
A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.
Sinalar, ademais, que o Sergas ten a disposición da cidadanía a páxina web https://coronavirus.sergas.gal/ na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.
Así mesmo, o departamento sanitario galego ten a disposición da poboación o teléfono 900 400 116, para dar información xeral sobre o coronavirus. Neste número pódense resolver todas as dúbidas da cidadanía ao respecto e tamén consultar sintomatoloxía leve.
Rexistro de viaxeiros no 881 00 20 21 e obrigatoriedade do uso da máscara
Lémbrase que as persoas que visiten Galicia nas vindeiras datas e procedan ou estivesen, durante os 14 días previos á súa chegada, nalgún dos territorios con alta incidencia epidemiolóxica incluídos na listaxe publicada Diario Oficial de Galicia, deberán facilitar os seus datos de contacto ao Servizo Galego de Saúde, ben a través do teléfono 881 00 20 21 ou ben a través do formulario da web do Sergas.
Ademais, reitérase o carácter obrigatorio do uso da máscara tanto en espazos abertos como pechados, poñendo especial énfase na súa utilización nos locais e establecementos comerciais e de hostalería.
Recomendacións
Os técnicos da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade volven reiterar as recomendacións consensuadas entre as comunidades autónomas e o Ministerio de Sanidade, e lembran que, en liñas xerais, aconséllase adoptar as medidas de autoprotección e limitación da diseminación do virus común a calquera infección respiratoria, como a gripe. Así, extremarase a hixiene de mans, lavándoas frecuentemente, especialmente despois de tusir ou soarse, e cubrirase o nariz e a boca cun pano -preferentemente desbotable- ao tusir ou esbirrar, ou se non se dispón de pano, na cara interna do cóbado. Ademais, evitarase tocar os ollos, o nariz e a boca coas mans.
É importante tamén procurar unha axeitada ventilación dos espazos interiores optando preferentemente por espazos abertos e tratando de evitar aglomeracións. Non se debe esquecer o mantemento da distancia de seguridade, o uso axeitado da máscara e atender ás restricións específicas que se poidan establecer en cada comarca ou concello.
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) ven de desestimar o recurso contencioso-administrativo interposto polo Concello de Mos ante a pretensión de Vigo de aplicar tarifas discriminatorias no transporte público urbano en función do empadroamento a través da tarxeta PassVigo. Faino por un criterio exclusivamente formal, pero dándolle a razón a Mos respecto da ilegalidade da discriminación por empadroamento e advertindo de que o Concello de Vigo non pode beneficiar nin perxudicar a cidadáns en función da súa residencia á hora de aplicar tarifas no transporte, polo que deberá continuar a concederlle as vantaxes da Pass Vigo a calquera viaxeiro, sexa cal sexa o seu municipio de residencia.
É por elo que a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, congratúlase deste logro do seu Concello, cuxo principal obxectivo é “defender os intereses dos seus veciños”, declarou, explicando que “aínda que o recurso estea desestimado, o importante é que nos dan a razón no fondo, e recoñecen a ilegalidade do que pretendía facer o señor Caballero”.
“Vivo esta sentencia como un éxito”, expresou a rexedora local mosense, “porque fomos ata o final na defesa da veciñanza mosense e finalmente déronnos a razón, así que a desestimación do recurso por un fallo de forma é o de menos, xa que ao recoñecer a ilegalidade do que denunciábamos, o efecto final da sentencia vai ser o mesmo que pretendíamos desde o Concello de Mos”.
A xuíza do TSXG expón literalmente na súa sentencia que o motivo da desestimación do recurso de apelación interposto polo Concello de Mos non é máis que unha cuestión meramente formal baseada en que a administración local mosense “non ten facultades para alzarse fronte a actuacións que repercutan na esfera patrimonial dalgúns dos veciños do municipio por máis que poidan ser ilegais, nin exercitar accións en defensa dalgún grupo de veciños, para o que non ostenta lexitimación”. O que quere dicir que se fosen os propios veciños afectados os que tiveran presentado o recurso, este sí houbese sido estimado.
Sen embargo a letrada deixa moi claro que non comparte “o acordo de 17/01/14 polo que se dictaba que non se discriminaba de forma negativa aos viaxeiros que non estaban empadroados no municipio de Vigo” e establece a esixencia de que a utilización do transporte de viaxeiros “non pode ser discriminatoria, como tampouco poden introducirse discriminacións por razón do territorio ou da residencia (artículo 82 da lei galega)”, polo que rechaza “calquera tarifa que diferencie a uns usuarios de outros en razón ao lugar onde residan”. E insiste en que “non pode compartir esta sala o matiz que introduciu o xulgador de instancia negando a discriminación ante o feito de que os veciños de Mos paguen a tarifa ordinaria”, apuntando que “supón un trato desfavorecido e discriminado” e destacando a “improcedencia das vantaxes tarifarias en razón ao lugar de empadroamento”. Por último aclara e establece que ademais “é a concesionaria a que debe soportar a operación sen que as arcas municipais do Concello de Vigo deban realizar aportación algunha” polo que o argumento do alcalde vigués, Abel Caballero, de que a reducción de tarifas para os veciños de fóra de Vigo gravaría aos vigueses, é mentira.
“En definitiva e o máis importante que se deriva desta sentencia”, concluíu Arévalo, “é que o alcalde de Vigo non poderá retomar a taxa discriminatoria para os usuarios de fóra da cidade como pretendía”.
O AECT Rio Minho presentou hoxe o proxecto piloto para que as Eurocidades do Miño dispoñan dun servizo de préstamo de bicicletas eléctricas que permita á cidadanía cruzar libremente a un lado e outro da fronteira. Segundo explicou o deputado de Cooperación Transfronteiriza Uxío Benítez, trátase dunha iniciativa de ‘bike sharing’ pioneira na fronteira ibérica para potenciar a mobilidade suave, ou o que é o mesmo, o uso alternativo aos vehículos a motor.
Segundo explicou Benítez, este sistema de xestión compartida para bicicletas eléctricas centrarase nos seis núcleos urbanos de elevada mobilidade que son as tres eurocidades do Miño, e estará ligado á rede transfronteiriza de rutas, sendas e ecopistas do río Miño transfronteirizo. Apuntou que a iniciativa enmárcase dentro do Plan de Mobilidade Sustentable Transfronteiriza (PMST), promovido pola Deputación de Pontevedra no ámbito do proxecto ‘Estratexia de cooperación intelixente do río transfronteirizo do Miño’ Smart_Miño_ cofinanciado polo Programa Interreg VA.
O deputado subliñou que o servizo ten un atractivo non soamente para a veciñanza galega e portuguesa, se non para as miles de persoas visitantes que percorren as vilas transfronteirizas e as sendas fluviais do Miño, moi transitadas xa a día de hoxe por bicicletas, tal e como se comprobou na propia presentación. Lembrou que, de feito, ademais da mobilidade sustentable outro dos obxectivos estratéxicos do AECT é a promoción do territorio do rio Minho transfronteirizo e a súa marca Rio Minho para atraer máis turismo.
Benítez aproveitou para facer unha reflexión sobre os Fondos de Recuperación Económica da UE e destacou que o servizo que hoxe presentou o AECT encaixa na Estratexia 2030. “Estamos a facer as cousas cun horizonte e un obxectivo claro para desenvolver este territorio. Somos maduros para acceder aos fondos dos que se está a debater. Sabemos onde queremos ir e somos maiores de idade para desenvolver un Investimento Territorial Integrado no río Miño”, reivindicou.
A presidenta da Deputación de Pontevedra, pola súa parte, agradeceu ao AECT Río Miño e ao mundo local, ás alcaldesas, alcaldes e presidentes das cámaras das vilas portuguesas que participan na iniciativa, pola súa “creatividade” e por ser capaces “de poñer en marcha proxectos moi novidosos que responden ás demandas da Axenda 2030 e do novo mundo que temos que construír”. Así, Carmela Silva subliñou que se trata dunha iniciativa “que nos sitúa como referencia das economías máis avanzadas e como modelo innovador ligado á sustentabilidade”. Tamén destacou a presidenta a importancia deste programa piloto ligado á mobilidade sostible “que sitúa a este territorio único, especial, con grandes valores culturais, históricos e medioambientais, no centro dun grande proxecto que está a impulsar como se merece a esta zona”.
As persoas que saen circulando en bicicleta na fotografía non están utilizando as bicicletas eléctricas do ‘bike sharing’ das Eurocidades, senón que son persoas usuarias da ecopista de Vila Nova de Cerveira
Amais a presidenta provincial aproveitou a ocasión para esixir “fondos europeos para o mundo local. Temos que ter a capacidade de xestionar recursos para proxectos coma este que se quedan no territorio e fan posible xerar economía”. Neste eido, Carmela Silva reivindicou tamén que “os fondos europeos non estarán en mellores mans que no mundo local, onde cada proxecto xestionando é un éxito”.
No acto de presentación, ademais dos representantes da Deputación estivo tamén o director do AECT Rio Minho e presidente da Cámara de Cerveira Fernando Nogueira, as alcaldesas de Tomiño e Salvaterra Sandra González e Marta Valcárcel, o alcalde de Tui Enrique Cabaleiro, así como os presidentes das cámaras de Valença e Monçao, xunto ao representante da empresa concesionaria Nuno Oliveira.
Uso a través dunha APP
O deputado Uxío Benítez explicou que nun primeiro momento haberá 42 bicicletas repartidas en grupos de sete para cada concello das Eurocidades. Poderanse utilizar a través dunha APP virtual que permitirá o desbloqueo da bicicleta previo rexistro e utilizar esta tanto para recados da veciñanza como para circuítos de lecer. A vontade, indicou o nacionalista, é que despois do proxecto piloto, que comezará na primavera, se amplíe a iniciativa tanto en número de vehículos como en concellos implicados. Tamén anunciou que se solicitarán máis fondos europeos para vindeiras convocatorias do Interreg.
Cada bicicleta terá un sistema de localización GPS, polo que estará permanentemente localizada. As bases de recollida non disporán de ancoraxes físicas físicas, senón que haberá espazos (a decidir polos concellos) nos que estarán situadas para a súa utilización, podendo despois deixalas noutros espazos simplemente cancelando a sesión de uso na APP, co que as bicicletas quedarían bloqueadas. A empresa encargada do subministro e mantemento inicial é Soltráfego, responsable do ‘bike sharing’ en Lisboa ou Porto.
A ludoteca municipal de Ponteareas, “Ludotea” é un espazo lúdico-educativo, ubicado na rúa Castelao, nº 23, desta localidade, e comezou a súa andaina en febreiro de 1998. Desde entón, son moitos os nenos e nenas que teñen acudido para gozar das súas múltiples actividades.
As súas portas están novamente abertas para todos os cativos/as de 6 a 12 anos que queiran acudir, sempre en grupos pequenos e cumprindo con todos os protocolos de actuación necesarios fronte á Covid-19.
Para inscribirse, poden acudir directamente á propia ludoteca, achegar un email a [email protected], ou ben chamar por teléfono ou mediante whatsApp ao número: 673 79 47 60.
A ludoteca, dependente da Concellería de Benestar Social que dirixe Verónica Carrera, adianta que a súa actividades comezou xa na derradeira semana de setembro e que o prazo de inscrición permanecerá aberto todo o ano.
Utilizamos cookies para mejorar su experiencia y nuestros servicios, analizando la navegación en nuestro sitio web. Si continua navegando, consideramos que acepta su uso. Puede obtener más información pulsando aquí:.Saber MásAceptar
Cookies
Privacy Overview
This website uses cookies to improve your experience while you navigate through the website. Out of these, the cookies that are categorized as necessary are stored on your browser as they are essential for the working of basic functionalities of the website. We also use third-party cookies that help us analyze and understand how you use this website. These cookies will be stored in your browser only with your consent. You also have the option to opt-out of these cookies. But opting out of some of these cookies may affect your browsing experience.
Necessary cookies are absolutely essential for the website to function properly. This category only includes cookies that ensures basic functionalities and security features of the website. These cookies do not store any personal information.
Any cookies that may not be particularly necessary for the website to function and is used specifically to collect user personal data via analytics, ads, other embedded contents are termed as non-necessary cookies. It is mandatory to procure user consent prior to running these cookies on your website.