Luns, 17 Marzo de 2025

O Rosal retoma a súa programación cultural de outono agás as I Xornadas de Patrimonio que adíanse ao non poderse realizar as saídas de campo

O Rosal reanuda esta fin de semana a súa axenda cultural de outono tomando todas as medidas de prevención establecidas polo comité clínico de Sanidade da Xunta de Galicia ante a situación epidemiolóxica. A configuración da propia axenda permite que o Concello siga apostando pola cultura dun xeito seguro, limitando aforos, realizando actividades para grupos reducidos e levando a cabo todos os protocolos de seguridade establecidos.

Deste xeito, a actividade cultural botará a andar de novo este venres 23 cun espectáculo dirixido a público infantil que terá un aforo limitado a 50 persoas. Unha cita musical de formato individual na que Magín Blanco procurará descubrir ‘O que levas na maleta’ interpretando temas propios dun xeito moi próximo ao público e buscando a participación de nenos e nenas na interpretación das cancións e na resolución de distintas cuestións que plantexará. Será ás 17.30 horas no salón de exposicións do Concello.

Tamén continúa aberta no salón de exposicións a mostra fotográfica ‘Auga. O sangue da terra’, unha fascinante colección de imaxes que traslada ao público a distintos puntos do planeta na procura do ben máis prezado: a auga. Manuel Valcárcel é o autor deste coidado proxecto co que se pretende poñer o foco de atención nun factor vital para o funcionamento do mundo e que moitas veces pasa desapercibido en Occidente. A mostra, para todos os públicos, estará aberta ata o vindeiro 31 de outubro martes e xoves de 18.00 a 20.00 h e venres e sábado de 11.00 a 13.00 horas.

Por outra banda, o Concello apraza ata novo aviso as I Xornadas do Patrimonio, que tiñan previsto arrancar este mesmo venres 23 de outubro. O motivo do aprazamento é a imposibilidade de realizar as saídas de campo na actual situación epidemiolóxica.

Dende o Concello lémbrase que é o momento de ser máis responsables que nunca para tratar de evitar novos contaxios e axudar a que a situación epidemiolóxica evolucione de xeito favorable. Por este motivo non se debe acudir ás citas culturais en grupos de máis de 5 persoas, deben manterse as distancias de seguridade, empregar máscara e levar a cabo calquera outra medida de prevención, como a desinfección.