25.5 C
Pontevedra
Venres, 19 de Abril de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoTuiNana retrata en Tui o pesadelo das mulleres e crianzas confinadas cos...

    Nana retrata en Tui o pesadelo das mulleres e crianzas confinadas cos seus maltratadores no mural ‘Queda na casa’

    Carmela Silva: “Para as vítimas da violencia machista o confinamento foi unha condena engadida, 24 horas pechadas co seu maltratador xunto á violencia más brutal”

    A dor, a soidade e a terrible situación que está a provocar a pandemia entre as vítimas da violencia machista combínanse desde hoxe na fachada do Pavillón Novo de Tui onde xa se pode ver o mural que a artista urbana Nana elaborou ao abeiro do programa ‘Mulleres en Acción. Violencia Zero’ da Deputación de Pontevedra, ao que puxo o simbólico e significativo título de ‘Queda na casa’. A presidenta, Carmela Silva, acompañada do alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, coñeceu esta tarde a obra desta muller, experta en deseño urbano e graffiti, que soubo poñer imaxe á situación de terror que viviron no confinamento durante a primeira onda da pandemia as mulleres e crianzas que se miraron obrigadas a convivir pechadas cos seus maltratadores.

    O mural, que queda xa como símbolo da loita contra a violencia machista no concello do Baixo Miño, está situado na fachada de acceso ao pavillón polideportivo, mide tres por cinco metros, e amosa unha muller que se tapa os ollos mentres detrás dela a súa casa está ardendo. A artista quixo con este traballo, no que destacan as cores azul, laranxa e vermella, chamar a atención sobre o que supuxo este tempo de pandemia para as vítimas. “Queda na casa é a frase coa que será recordado este 2020, a recomendación para sobrevivir ao virus era permanecer a salvo nos nosos fogares –sinalou Nana–. Pero en moitos casos, lembrou, o fogar non é un sitio seguro. En plena pandemia mundial mulleres e nenas e nenos sofren o terror de ser confinadas cos seus maltratadores e danse tamén novos casos a raíz desa convivencia”.

    Carmela Silva: “co tempo […] recordaremos que no 2020 houbo unha pandemia onde as vítimas da violencia ademais da pandemia sufriron a tortura do machismo”

    A presidenta da Deputación, Carmela Silva, expresou o seu agradecemento a Nana pola elección do tema para o mural. “Cando estivemos confinadas nos dicían en clave positiva Queda na Casa porque iso era sinónimo de salvagarda da saúde. Pero non ocorría con todas as persoas. Para as mulleres vítimas de violencia era unha condena porque tiñan que estar na casa pechadas co maltratador, 24 horas xunto á violencia más brutal e iso é un drama terrible”. “Este mural ten un enorme valor, dixo, pero co tempo aínda terá máis porque recordaremos que no 2020 houbo unha pandemia onde as vítimas da violencia ademais da pandemia sufriron a tortura do machismo”. A presidenta lembrou as 37 mulleres, “asasinadas das maneiras máis crueis”, no que vai de ano. ”Vivimos unha conmoción pola pandemia global, pero como sempre quen mais padece as consecuencias son as mulleres, e particularmente as vítimas de violencia machista”.

    Carmela Silva fixo un recoñecemento a Nana, “unha muller poderosa, empoderada, que racha con teitos e estereotipos. Estamos moi orgullosas das artistas que colaboran con Violencia Zero, e no caso da arte urbana son mulleres cun especial compromiso. É arte que deixa pegada, dixo a presidenta, que transforma as mentes de quen mira o mural“. Tamén agradeceu ao goberno municipal de Tui que “unha vez máis se comprometera con este programa e coa igualdade”, e rematou cunha mensaxe aos violentos. “Que saiban que non teñen cabida nesta sociedade e que lles imos a gañar a batalla máis pronto que tarde”.

    Enrique Cabaleiro: “É unha lacra que nos avergonza, que debe comprometer a toda a sociedade e hai que poñer en marcha todas as accións necesarias para erradicala”

    Pola súa banda, o alcalde de Tui agradeceu á Deputación que “unha vez máis contase con nós para esta campaña e pola súa loita a prol da igualdade”. Enrique Cabaleiro lembrou que a violencia machista “é unha lacra que nos avergonza día a día, que debe comprometer a toda a sociedade e que o conxunto das administracións teñen a responsabilidade de levar adiante cantas accións e mecanismos sexan posibles”. O alcalde eloxiou o mural de Nana “que ilustra un momento especialmente difícil como foi o confinamento e que para as mulleres vítimas supuxo unha condena engadida polo que temos a obriga de visibilizalo”. “Ogallá que algún día, dixo, a violencia de xénero sexa un mal soño. Mentres tanto temos moito traballo que facer”

    A de esta tarde en Tui foi a vixésima acción desta quinta edición do programa Violencia Zero da Deputación, despois do seu paso por Pontevedra, Vigo, Lalín, Ponteareas, A Cañiza, Forcarei, Crecente, Mos, Redondela, Cangas, Marín, Gondomar, O Grove, Cambados, O Rosal, Mondariz, Pontecesures, Sanxenxo e Cerdedo-Cotobade. O proxecto, que ten por obxecto visibilizar á loita contra as violencias machistas, así como dar a coñecer o labor de novas artistas que están a traballar a prol da igualdade, inclúe accións de performance, poesía, música, graffiti, acción escénica ou danza contemporánea.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.