10.2 C
Pontevedra
Venres, 29 de Marzo de 2024
Máis
    HomeO CondadoPonteareasPonteareas reafirma a súa aposta polos parques forestais con novos investimentos nos...

    Ponteareas reafirma a súa aposta polos parques forestais con novos investimentos nos de Ribadetea e Xinzo

    Coas actuacións contratadas xa se levan investidos máis de 93.000 euros no parque forestal Seixiforna-Viveiro

    O Concello de Ponteareas vén de reforzar a súa aposta polos parques forestais coa realización de novos investimentos nos situados nos montes veciñais das parroquias de Ribadetea e Xinzo, segundo informou a concelleira de Medio Ambiente do Concello ponteareán, Rosa Covelo.

    “Neste momento están en execución os traballos de prevención de incendios; roza de faixas auxiliares, áreas cortalumes e tratamentos silvícolas de podas, incluíndo a eliminación de especies invasoras, sobre unha superficie de 28 hectáreas na zona do parque forestal denominado Seixiforna-Viveiro nos montes veciñais destas dúas parroquias lindantes entre sí e que chega ata o límite co concello de Mos”, explicou a concelleira nacionalista.

    “Con estas actuacións dase continuidade aos traballos xa realizados na fase anterior que teñen como finalidade protexer os montes e que estes espazos, con valores naturais, culturais e paisaxísticos sexan lugares da recreo para a veciñanza”, salientou Rosa Covelo. Anteriormente xa se realizaron outros investimentos en medidas de defensa contra incendios forestais e iniciativas para a posta en valor do patrimonio arqueolóxico e cultural existente nos montes veciñais desas dúas parroquias cun investimento de 59.000 euros.

    O alcalde de Ponteareas, Xosé Represas amosouse satisfeito coa liña de colaboración coas comunidades de montes, “dende 2015 hai un antes e un despois nas relacións entre o Concello e as Comunidades de Montes Veciñais, rematamos coa confrontación de etapas anteriores e estamos nun momento de plena colaboración e apoio ao labor das comunidades, realizando importantes melloras” sinalou Represas, engadindo que “todas as actuacións están encadradas no proxecto técnico de parque forestal, elaborado por iniciativa do Concello en colaboración coas comunidades propietarias do monte.”

    O goberno de Ponteareas conseguíu para este proxecto o financiamento da Deputación de Pontevedra que aportará o 70% mentres o 30 % restante é financiado polo Concello con fondos propios.

    Na actualidade están en marcha tres parques forestais que atinxen a 7 comunidades de montes, cunha superficie de 600 hectáreas: A Picaraña, Seixiforna-Viveiro e San Cibrán-Muiños de Couso, sendo Ponteareas o Concello que máis parques forestais promoveu nos últimos anos, grazas ao apoio da institución provincial.

    Rosa Covelo e Xosé Represas agradeceron a colaboración das comunidades de montes das parroquias de Ribadetea e Xinzo que puxeron todas as facilidades para acometer estas actuacións nos terreos da súa propiedade para unhas actuacións das que poderá disfrutar calquera veciño/a

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.