Xoves, 20 Marzo de 2025

Salvaterra de Miño inicia a contratación das obras do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra

O Concello de Salvaterra de Miño vén de aprobar en Xunta de Goberno o inicio do procedemento de contratación de diversas obras, que se realizarán a través do Plan Concellos  da Deputación de Pontevedra, serán un total de tres obras as que se desenvolverán: dúas de pavimentación e unha de saneamento.

Mellora da pavimentación en Costa (Oleiros) e Arantei-Entenza

As obras incluídas neste proxecto consisten na mellora da pavimentación de dous camiños municipais, un deles no lugar de A Costa na parroquia de Oleiros, e outro que conecta a parroquia de Arantei ata o límite do concello coa parroquia de Entenza en Salceda de Caselas. Para a pavimentación definitiva estenderase e compactarase unha capa de rodadura de mestura bituminosa en quente tipo AC 16 Surf 50/70 D, en total máis de 4.800 m2

Pavimentación en Chan da Igrexa (Pesqueiras) e Cotodouro-Gandarachán (Alxén)

Os traballos a realizar consisten na mellora dos camiños en Chan da Igrexa na parroquia de Pesqueiras e outro entre os barrios de Cotodouro e Gandarachán na parroquia de Alxén. A actuación consiste na limpeza de marxes, apertura de cunetas para despois estender e compactar unha capa de 5 cm de espesor de mestura bituminosa en quente tipo AC16Surf50/70D en máis de 4.650 m2.

“Saneamento en Lodeiro (Salvaterra), Martín (Fornelos) e Poza e Cerdeiral (Cabreira)

Nestes traballos desenvolveranse a construción de varios tramos de colector de saneamento no lugar de Lodeiro en Salvaterra, Martín en Fornelos e Poza e Cerdeiral na parroquia de Cabreira, co fin de ir ampliando a rede municipal. As obras consisten na canalización de  627 metros de  tuberías de PVC de 250 mm de diámetro  destinadas á rede de saneamento, incluíndo todas as actuación complementarias como escavación, pozos e reposicións