21.8 C
Pontevedra
Martes, 15 de Outubro de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaPreto dun cento de persoas participaron no programa Depofroitos que impulsa as...

    Preto dun cento de persoas participaron no programa Depofroitos que impulsa as plantacións de froitos de bosque ecolóxico

    A través deste proxecto, que se enmarca no compromiso da institución provincial co medio ambiente e o apoio ao medio rural, as persoas participantes recibiron formación e asesoramento para emprender en zonas rurais da provincia

    A Deputación de Pontevedra destaca a grande acollida do proxecto Depofroitos, a iniciativa  desenvolvida para impulsar o cultivo de froitos do bosque ecolóxico entre persoas interesadas en emprender en zonas rurais da provincia, á que se sumaron este ano preto dun cento de participantes e que vén de finalizar. O proxecto enmárcase no programa Empleaverde, a través do cal a Fundación Biodiversidade do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico desenvolve a súa actividade como Organismo Intermedio do Programa Operativo Emprego, Formación e Educación (POEFE) do Fondo Social Europeo (FSE) para o período de programación 2014-2020.

    A través deste proxecto, que se enmarca no firme compromiso da Deputación na defensa do medio ambiente cara a transición ecolóxica e no seu apoio ao medio rural, creouse un servizo de acompañamento específico para empresas de nova creación, no que se asesorou ás persoas participantes e se lles informou sobre diferentes aspectos como a tramitación de axudas e subvencións e a elaboración de plans de viabilidade técnica, económica e financeira, entre outros. Ademais, durante as sesións usáronse ferramentas innnovadoras como un simulador de negocio sobre o cultivo de froitos do bosque e unha aplicación para facilitar a internacionalización das súas vendas, cunha serie de recomendacións de actuación.

    Coa execución de Depofroitos a Deputación quixo cumprir unha serie de obxectivos  entre os que destacan a creación de emprego verde, o impulso da innovación social con impacto positivo, a promoción e a creación de empresas verdes e a loita contra a desertización, así como a mellora da taxa de emprego neste sector, con especial incidencia sobre aquelas persoas con dificultades para acceder ao mercado laboral. Os froitos do bosque, entre os que se atopan a mora, o arando ou a framboesa, son un tipo de froita de recente introdución no mercado español que nos últimos anos medrou considerablemente e que está a ter unha grande capacidade de comercialización. Os produtos que se procura poñer en valor son moi prezados polos consumidores, esixen pouco terreo para a súa produción e teñen un custe inicial pequeno, polo que son unha boa opción para obter unha boa rendibilidade a curto prazo e xerar emprego.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.