O alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, deu conta hoxe da concesión dunha subvención para mellorar o funcionamento das minidepuradoras existentes nas parroquias de Bugarín, Prado e Padróns.
O goberno de Ponteareas do BNG e PSOE, despois de realizar unha auditoría do estado das instalacións das minidepuradoras para realizar as melloras, presentou o proxecto para lograr un funcionamento máis eficiente das instalacións das tres minidepuradoras de augas residuais, á convocatoria do Instituto para a Diversificación e o Aforro de Enerxía (IDAE), organismo dependente do Ministerio de Transición Ecolóxica que vén de comunicar ao Concello a concesión dunha subvención de 93.632,73 euros, ó 80 % do custe da obra, asumindo o Concello o 20 % restante, 23.408,19
Con esta actuación, ademáis de reducir o elevado coste de mantemento destas instalacións para as arcas municipais, permitirá mellorar a minidepuradora de Bugarín, situada na Freixa, a máis antiga e que recibe un maior caudal e que estaba a causar varias incidencias no seu funcionamento.
“Estas actuacións, que teñen unha repercusión positiva para as parroquias nas que se van acometer e para o medio ambiente en xeral, forman parte da estratexia -Ponteareas hábitat saudable- iniciada a partir de 2015 e é tamén un dos compromisos do Pacto das Alcaldías europeo para a eficiencia enerxética, a redución de emisións de CO2 e a adaptación ao cambio climático”, manifestou Represas.
A resolución favorable recibida polo Concello está financiada con fondos europeos dentro do programa operativo FEDER 2014-2020, dentro da medida 7, de mellora da eficiencia enerxética das instalacións de depuración de augas residuais. Medida que ten como obxectivo reducir o consumo de enerxía e as emisións de CO2 mediante a reforma das instalaciones existentes de depuración e a súa substitución por outras tecnoloxías mais eficientes.
Coas accións previstas lograrase axustar o consumo enerxético ás necesidades exactas do proceso de depuración en cada momento; só funcionarán cando o proceso o requira. Ao mesmo tempo tamén se axustará o proceso de depuración biolóxica.
A partir de agora o Concello ten un prazo máximo de 30 meses para executar os traballos de mellora das citadas instalacións de depuración. A tramitación dos procedementos de contratación estarán iniciados antes de 6 meses.