Mércores, 13 Novembro de 2024

Ponteareas destina 230.000 euros en axudas para reactivar a economía local

As bases foron consensuadas por todos os grupos da Corporación

O Concello de Ponteareas pon en marcha unha nova convocatoria de axudas para reactivar a actividade económica local, unha medida creada para axudar a paliar os efectos económicos, sociais e laborais derivados da Covid-19 nos negocios e pequenas empresas locais.

As bases desta nova convocatoria de axudas, xestionadas polas Concellerías de  Promoción Económica, que dirixe Eva Gil, e Emprego, que dirixe Vanesa Fernández, foron consensuadas por todos os grupos políticos da Corporación e contan cunha partida económica de máis de 230.000 euros. As axudas irán destinadas principalmente a traballadores/as autónomos/as, e pequenas empresas da localidade.

Nesta convocatoria, autónomos ou empresas que por diversos motivos non puideran beneficiarse da primeira convocatoria poderán ter a ocasión de presentarse e recibir apoio xa que se procurou a aprobación dunhas bases inclusivas para eses casos. O obxectivo de toda a Corporación é chegar a todos os negocios que se viron danados na súa actividade pola pandemia

Esta liña de axudas para autónomos e pequenas empresas ten como finalidade apoiar  a reactivación da actividade económica e acompañar aos negocios locais para que poidan superar esta grave crise económica como consecuencia da crise sanitaria. O goberno local do BNG e do PSOE adianta esta convocatoria que nos vindeiros días será publicada no Boletín Oficial da Provincia e que ao igual que a convocatoria anterior de axudas directas contará cun espazo propio na web municipal na que figurarán as bases e toda a información de tramitación.

As concelleiras explican que a presente convocatoria pretende preservar o tecido empresarial, protexer o interese xeral, apoiando aos traballadores autónomos e pequenas empresas. lograr a reactivación da economía da nosa localidade e incentivar a utilización das tecnoloxías da información e as comunicacións.

Esta é unha convocatoria de concurrencia competitiva á que se poderán presentar persoas físicas ou xurídicas, así como as comunidades de bens, autónomos que presten servizos, sociedades civís ou outras entidades económicas sen personalidade xurídica, legalmente constituídas que leven a cabo as súas actividades empresariais en Ponteareas.

Entre os gastos subvencionables están importes de alugueiros, cuotas bancarias correspondentes co pago de préstamos por compra de locais comerciais, mantemento do negocio e adaptacións ás novas circunstancias, transición cara o comercio on line, dixitalización, asesoramento profesional ou adquisición de equipamentos, entre outros moitos gastos, sendo a axuda dun importe máximo de 1.500 € por beneficiario. Dende a publicación no BOP, o prazo de presentación de solicitudes é de 20 días naturais, Unha vez concedidas, o goberno local ten previsto anticipar os pagos das axudas tendo posteriormente ata o 31 de xaneiro de 2021 prazo para xustificar a axuda recibida.

As axudas deberanse solicitar a través da sede electrónica do Concello e serán compatibeis con calquera outra estatal ou autonómica.