Martes, 22 Xullo de 2025

A Unidade Móbil de inspección técnica de vehículos estará no Rosal en xaneiro

0

A Unidade Móbil de inspección técnica de vehículos desprazarase ao concello do Rosal o vindeiro mes de xaneiro para a revisión tanto de ciclomotores como de turismos. Esta unidade estará o mércores 20 de xaneiro no Pavillón Municipal e o horario de atención ao público será de 09.00 a 13.30 e de 15.15 a 18.00 horas.

As persoas interesadas poden solicitar cita previa:

  • Por teléfono: 902 30 90 00.
  • A través da páxina web www.sycitv.com – Cita previa

Dende a inspección técnica sinalan que a admisión de vehículos con características particulares estará condicionada á posibilidade de realizar as operacións de inspección regulamentaria.

Contacontos inclusivo e en liña para festexar o Nadal coas Bibliotecas Municipais de Redondela

0

As bibliotecas municipais de Redondela celebran o Nadal cunha actividade retransmitida en liña a través das súas redes sociais.

A proposta é un contacontos inclusivo da compañía ContAz. Co título “Perdido?” preséntannos unha historia baseada nun conto de Oliver Jeffers  onde a lingua de signos terá grande protagonismo. Será retransmitido  en directo a través do Facebook das bibliotecas de Redondela o próximo luns 21 de decembro, ás 18:00 h.

A actividade realízase grazas á Fundación Filomena Rivero Alonso, que pretende deste xeito achegar o Nadal ás bibliotecas e aos fogares dos seus usuarios e usuarias, nun espazo de seguridade frente ao Covid-19.

Redondela recupera a contorna da antiga industria téxtil de Regojo reconvertida nun parque público

0

Redondela conta, dende onte, cunha nova zona de esparexemento público situada nunha áreas máis novas do casco urbano, a denominada urbanización Regojo que ocupa boa parte dos terreos que, no seu tempo, albergou a unha industria téxtil de renome nacional e internacional.

No acto de inauguración deste espazo, a alcaldesa Digna Rivas e a delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias estiveron acompañadas por Pedro Regojo –representante da familia Regojo e que durante anos estivo ao fronte do Clúster Textis Moda de Galicia (Cointega) amais de ser un dos principais artífices da unificación das distintas asociacións galegas da moda e confección–, a directora do curso, Imelda Barrio, e concelleiros e concelleiras do Grupo de Goberno e da Corporación Municipal.

[su_image_carousel source=”media: 27490,27489,27491,27482,27481,27488,27486,27485,27483,27479,27484,27480″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

Os novos xardíns foron presentados ao público nun acto que, ao mesmo tempo, marcaba o fin do obradoiro de emprego ‘Redondela Vila Bela III’ cuxo alumnado-traballador das especialidades de cantería e xardinaría foi o encargado de darlle forma a este parque.

As amplas zonas verdes están salpicadas de elementos en pedra relacionados coa industria téxtil Regojo mentres que panéis informativos –realizados polo alumnado do obradoiro de garantía xuvenil ‘Redondela Sostible’, xa rematado– explican a historia da fábrica de xeito rápido, ilustrativo e ameno.

O novo parque é un amplo espazo –ao redor de 3.000 metros cadrados distribuído ao redor da cheminea da antiga fábrica– que pola súa distribución en socalcos ofrece numerosas vantaxe á hora de distribución tanto dos espazos coma dos distintos elementos que irán dentro dos mesmos.

Todos os elementos, realizados polos alumnos da especialidade de cantería do ‘Redondela Vila Vela III’, están directamente relacionados coa industria téxtil da que Regojo foi un referente a nivel nacional e internacional. Así, veciñanza e visitantes poderán ver, con excepcional mestría, agullas, máquinas, carretes de fío ou as míticas ‘camisas Dalí’.

Un rápido percorrido polos paneis achega á cidadanía á importancia que tivo unha industria como a de Regojo que, nos anos 70, era a fábrica de camisas máis importante de España, facendo 12.000 camisas diarias, exportando 30.000 unidades a Alemaña mensualmente e cunha rede de máis de 15.000 tendas en toda España.

A maiores dos xardíns, os laterais aproveitáronse para establecer dúas zonas de xogos para nenos e adultos, tamén elaborados en pedra e que contribúen a darlle un novo valor a todo o espazo. Finalmente, a cheminea, que preside toda a zona, testemuña da historia da fábrica, será dotada de alumeado.

O Concello de Redondela, tal e como explicou a alcaldesa Digna Rivas, busca con esta iniciativa, manter o dobre compromiso de “dotar de zonas verdes e de esparexemento para goce da veciñanza e, ao mesmo tempo, poñer en valor a importancia dunha industria como a de Regojo, que foi quen de situar Redondela no mapa de Europa”.

Pedro Regojo, cualificaba de “fundamental para o futuro do municipio facer cursos e formarse”. A formación que acabades de recibir –asegurou– “é vital para o voso futuro”. Regojo quixo tamén agradecer “tanto á Xunta como a alcaldesa esta obra que será un recordo para toda a vida. O agradecemento é unha cousa escasa neste mundo e cando un pobo ou a Xunta lembran, con este parque, a obra da miña familia, é de agradecer”.

Digna Rivas agradeceu “aos alumnos/as traballadores/as así como a dirección do obradoiro “o extraordinario traballo realizado e que tiña a complexidade de, nunha mesma actuación, crear un novo espazo para a cidadanía e ao mesmo tempo resaltar e manter para coñecemento das futuras xeracións a importancia que a fábrica Regojo tivo no desenvolvemento de Redondela”.

O Concello insiste para que a Xunta realice un cribado en Ponteareas ao manterse o peche perimetral

“Se a Xunta nos di que temos que seguir co peche perimetral porque se mantén a incidencia da pandemia en Ponteareas, é urxente que tomen o asunto en serio e actúen en consecuencia procedendo á realización dun cribado con probas masivas á nosa veciñanza. Dende o Concello xa lles temos as instalacións preparadas e recursos humanos á súa disposición”. Así o manifestou a concelleira de Saúde de Ponteareas e alcaldesa en funcións, Cristina Fdez. Davila, na xuntanza mantida este xoves coa Xerencia da Área Sanitaria de Vigo e a Secretaría Xeral da Consellería de Sanidade da Xunta.

Os datos comunicados neste encontro por parte da Xunta reflicten que o número de casos positivos de Covid-19 en Ponteareas continúa na última semana por enriba do medio cento, situándose este pasado xoves en 52. Isto implica unha incidencia acumulada superior a 200, polo que a Xunta mantén a Ponteareas en situación de peche perimetral, coas mesmas restricións que na actualidade.

O goberno local leva semanas insistindo ante a Xunta na necesidade de que a administración autonómica realice test masivos en Ponteareas. “Solicitámolo nos encontros semanais que mantemos, e ademais puxémonos en contacto co Xerente da área sanitaria de Vigo para lembrarlle a necesidade e a nosa total disposición a colaborar. A día de hoxe aínda non nos concretaron esta medida, que consideramos fundamental, xa que permitiría detectar a persoas que sendo asintomáticas poden estar contribuíndo á expansión do virus”, lembrou Fdez. Davila.

O espazo público singular de Salvaterra de Miño obtén a marca “Q de Calidade Turística”

O Espazo Público Singular de Salvaterra de Miño, entorno conformado polo Museo da Ciencia do Viño e a Casa do Conde, ven de conseguir a Marca “Q de Calidade Turística”.

Se hai uns meses o Concello de Salvaterra de Miño asinaba a adhesión do Castelo de Dona Urraca á “Red Nacional de Patrimonio Histórico Castillos y Palacios de España”, hoxe suma un novo selo distintivo que recoñece o esforzo e o compromiso coa calidade e a mellora continua.

O conxunto arquitectónico conformado polo Museo da Ciencia do Viño e a Casa do Conde é un espazo de uso que destaca polo seu alto valor patrimonial, histórico e cultural, así coma polo carácter divulgativo da actividade vitivinícola local.  É unha realidade, que dende a inauguración deste espazo museístico, en febreiro do ano 2019, o municipio de Salvaterra de Miño estase a converter nun destino turístico de referencia tanto a nivel nacional coma internacional.

A marca de garantía “Q  Calidade Turística” é unha marca española de recoñecido prestixio dirixida á certificación voluntaria dos servizos turísticos. Este selo supón o recoñecemento da implantación dun sistema de xestión que garante ós clientes dos establecementos niveis altos de calidade, tanto nas instalacións coma nos servizos prestados. Esta distinción expídea o Instituto para a Calidade Turística Española (ICTE) e está amparada pola Secretaría de Estado de Turismo, contando co apoio da Xunta de Galicia neste caso.

Unha organización turística obtén a “Q de Calidade Turística” cando evidencia o cumprimento dos requisitos técnicos que a súa norma correspondente ditamina. Ademais, os establecementos avalados con este distintivo teñen que pasar estritas auditorías que aseguran que a prestación de servizo é garantía de calidade, seguridade e profesionalidade, co fin de asegurar ós clientes a mellor experiencia turística posible.

A obtención da Marca implica, a nivel externo, para os establecementos un aumento da satisfacción dos seus clientes (fomentando a fidelización directa e indirecta), unha mellora na reputación da organización e a ostentación dun selo diferencial fronte o cliente potencial. A nivel interno, mellora a xestión e eficacia das actividades que se realizan, optimiza os recursos, motiva o persoal e establece un sistema para controlar de forma eficaz o desempeño da organización.

En resumen, a marca “Q de Calidade Turística” aporta ós establecementos turísticos adheridos que a ostentan prestixio, diferenciación, fiabilidade, rigorosidade e promoción. O Espazo Público Singular de Salvaterra de Miño, coa obtención deste distintivo de calidade, ven de subir un chanzo máis na súa meta cara a excelencia turística.

O Concello comeza as obras de recuperación de hábitats naturais no espazo Rede Natura nas Eiras

0

O Concello do Rosal acaba de poñer en marcha o proxecto de recuperación de hábitats naturais no espazo Rede Natura nas Eiras, unhas obras que comezaron a executarse esta mesma semana e que se prolongarán durante o ano 2021 coas que se busca dar un impulso á recuperación e posta en valor das ribeiras do Miño ao seu paso polo municipio. Para a realización destas actuacións o Concello conseguiu unha subvención de máis de 24.000 euros da Xunta de Galicia ao abeiro das axudas a investimentos non produtivos vinculadas á realización de obxectivos agroambientais e climáticos en concellos incluídos na Rede Natura 2000, cofinanciadas con fondos Feader no marco do Prorgama de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020.

Esta zona, integrada nunha franxa continua da ribeira galega do curso baixo do río Miño considerada Zona de Especial Conservación e Zona de Especial Proteccións para as Aves, vese afectada na época estival “pola grande afluencia de persoas que acoden a ela a desfrutar da praia ou da ruta homologada da Senda dos Pescadores, enchendo en ocasións de vehículos ata a beira mesma do río, ocupando áreas potenciais para actividades de lecer, deteriorándose a paisaxe e provocando danos á vexetación”, explica a concelleira de Medio Ambiente do Rosal, Sara Vicente.

Para evitar o progresivo deterioro, o Concello realizará varias intervencións que permitan a reordenación do espazo público empregando modelos máis respectuosos coa natureza, retirando os vehículos motorizados da contorna da praia das Eiras e da beira do río. Para iso xa está a habilitar unha zona de aparcamento en batería no límite do espazo natural, coincidente coa marxe da estrada local próxima á ribeira e con capacidade para coller ao moitos dos turismos que accedían ata a beira.

Esta medida complementarase coa instalación de estruturas que impidan o acceso dos vehículos ata a praia e cortando a pista existente na actualidade, que quedará para uso exclusivo de peóns e bicicletas, así como de ambulancias ou máquinas da comunidade de montes para o mantemento da zona. Todo isto vai permitir a rexeneración da zona e “mellorar o estado de conservación dos tipos de hábitat naturais así como as condicións do seu ámbito nos espazos protexidos Rede Natura 2000 con tipoloxía de zonas húmidas e corredores fluviais”.

Por outra banda, promoverase a información e concienciación ambiental a través da instalación de sinalización que permita comprender os obxectivos beneficiosos de limitar o acceso de vehículos a motor e potenciar o uso peonil. As actuacións rematarán coa eliminación de especies invasoras dispersas, así como do foco de robinia ou falsa acacia, unha árbore orixinaria do norte de América de presenza menos frecuente que a acacia negra pero cun comportamento invasor máis agresivo e de maior resistencia aos tratamentos. Estes traballos de erradicación son complementarios a outros levados a cabo noutras zonas do Baixo  Miño, como os que se desenvolven nas ribeiras de San Xoán de Tabagón e San Miguel de Tabagón por iniciativa das respectivas comunidades de montes.

A Deputación adelanta as liñas do Plan Estratéxico de Turismo 21-23 que converterá á provincia no primeiro territorio intelixente certificado

“Somos así de ambiciosas e ambiciosos, queremos converter á provincia no primeiro territorio intelixente certificado”, informou hoxe a presidenta da Deputación Carmela Silva, na presentación das grandes liñas de traballo do Plan Estratéxico de Turismo 2021-2023. A presidenta provincial detallou os obxectivos e fases de traballo do novo plan, que estará centrado na aposta pola dixitalización e no impulso do conxunto do ecosistema turístico cara un modelo de crecemento sostible en liña coa Axenda 2030. Carmela Silva subliñou “os importantes recursos que se destinarán. Só no 2021 serán 4,5 millóns de euros que, amais, se verán reforzados co financiamento europeo”.

“Para nós o turismo é un sector fundamental –destacou- e as administracións temos que ter todo organizado para que unha vez que as vacinas cheguen e haxa inmunidade suficiente como para poder recibir a un número relevante de visitantes, poidamos ter un turismo aínda máis avanzado do que impulsamos nos últimos cinco anos”. Neste contexto, a presidenta explicou que o novo Plan Estratéxico de Turismo 2021-2023 pretende dar “un salto cualitativo, fortalecer as liñas estratéxicas marcadas no anterior e camiñar cara a transformación dixital do sector turístico de xeito inclusivo e sostible, facendo fronte a tres retos: ofrecer ás persoas viaxeiras hiperconectadas do século XXI experiencias óptimas durante todo o ciclo dunha viaxe, impulsar propostas turísticas competitivas e innovadoras e identificar o destino polo desenvolvemento da cadea de valor turística”.

En concreto, a través do Plan Estratéxico 2021-2023 preténdese conseguir sete obxectivos xerais centrados nunha metodoloxía adaptada ás novas necesidades do sector, no fortalecemento da capacidade institucional en todos os niveis administrativos, na redución da fenda dixital e a desigualdade territorial na conectividade no territorio, na consolidación de esquemas colaborativos público-privados baseados na innovación e no protagonismo da big data, na interoperabilidade das solucións tecnolóxicas no territorio, na converxencia de orzamentos no marco de financiamento europeo plurianual 2021-2027 e no Plan de Recuperación e na maximización do valor que ten a marca do destino Rías Baixas.

Ata o momento, tal e como informou a presidenta, xa está realizada a análise da oferta e da demanda, que “sitúa á provincia de Pontevedra como líder en Galicia en todos os parámetros de destino turístico”. Neste eido, a presidenta provincial recordou que conta con 281 establecementos distinguidos no SICTED, 128 entidades certificadas coa Q de calidade, 52 praias con bandeira azul, 5 portos deportivos coa mesma distinción, 52 festas declaradas de interese turístico, 5 rutas recoñecidas do Camiño de Santiago, así como o maior número de “Estrelas Michelin” da comunidade.

Amais da análise da oferta e demanda, xa realizada, nestes momentos estase a realizar o aliñamento do Plan coa Axenda 2030 e co Plan de Sustentabilidade do destino Rías Baixas 2020-2023. O vindeiro paso, tal e como explicou Carmela Silva, será a celebración de mesas de traballo participativas, previstas para o mes de xaneiro en diferentes puntos da provincia, nas que se abordarán as perspectivas da dixitalización e a sostibilidade, así como cuestións relacionadas coa mobilidade, servizos turísticos, comercialización dixital, Axenda 2030, emprendemento rural e vixilancia tecnolóxica. Estas mesas, nas que participarán axentes turísticos, representantes institucionais e colectivos vinculados co turismo, veranse reforzadas, segundo adiantou a presidenta, con entrevistas a 20 persoas expertas nos distintos obxectivos do Plan e nos recursos estratéxicos da nosa provincia.

As dependencias de Servizos Sociais de Redondela exhiben dende hoxe un mural realizado por usuarios e usuarias da Asociación Lenda

0

Dende hoxe, as dependencias de Servizos contan cun fermoso mural que, co nome de ‘Mulleres, tecendo esperanza e futuro’, quere ser un recordatorio permanente ao traballo e historia das mulleres de Redondela. Manuel, José Ángel, Elisa, Benjamín, María, Alfonso e Claudia, alumnos e alumnas do Obradoiro de Terapia Ocupacional e pintura mural, tomaron como base unha pintura de M Granel, pintor e poeta galego nado na Coruña en 1914 e finado en Vigo en 1991.

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, achegouse na tarde do xoves ata os Servizos Sociais para admirar o mural, felicitar aos seus autores e autoras, e facerlles entrega dun diploma acreditativo do seu traballo.

Rivas salientou que “grazas ao traballo destes alumnos e alumnas, as dependencias de servizos sociais amosan un recordatorio a importante contribución das mulleres ao longo da historia de Redondela”. Ao mesmo agradeceu á Asociación Lenda “o seu traballo incansable a prol da integración social das persoas con problemas de saúde mental, un traballo ao que actividades como estas, que espertan a creatividade e fomentan o traballo en equipo, son fundamentais”.

A elección do motivo deste mural o marcou o feito de estar os Servizos Sociais de Redondela na contorna da antiga fábrica de Regojo, polo que optouse por resaltar a importancia que as mulleres tiveron en toda a actividade laboral do municipio.

Rematan as obras de mellora da Rúa Calvario na Guarda

0

O pasado mércores día 16 de decembro rematáronse as obras de mellora da Rúa Calvario entre os números 48 e 73.

O alcalde da Guarda; Antonio Lomba, a tenente de alcalde; Montserrat Magallanes, e o concelleiro de Vías e Servizos, Miguel Español, visitaron os últimos retoques destas obras xunto cos técnicos da empresa adxudicataria.

Esta actuación conta cunha parte central para a recollida de augas pluviais, substituíndo o asfaltado por un novo pavimentado de pedra en continuidade cos tramos xa mellorados en fases anteriores nesta mesma rúa, incorporando tamén parte das pedras antigas que se atoparon debaixo da vella capa de rodadura.

Executouse unha nova rede de abastecemento de auga, así coma a incorporación de bocas de incendios e a substitución da rede de augas pluviais e residuais, dispondo as novas acometidas a pozos e eliminado as acometidas que non se podía controlar ou rexistrar.

O prazo de execución destas obras prolongouse pouco máis dun mes e, tal e como manifestaron veciños, a rúa “quedou en perfectas condicións”. Estas obras contaron cun orzamento total 121.951,87€ IVE incluído con cargo ao Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.

Este sábado goza da retranca do humorista galego Sergio Pazos en Ponteareas

Este sábado dia 19 de decembro ás 20 horas poderemos gozar do espectáculo “Rebento se non o conto” de Sergio Pazos. A Concelleria de Cultura, que dirixe Fernando Groba, convida a toda a veciñanza a desfrutar deste monologuista que se atreve nesta actuación a analizar unha realidade tan próxima e tan afastada como a que conforma España, os seus tópicos, as súas mentiras piadosas e as súas medias verdades coa ironía como único bisturí. 

No seu percorrido retranqueiro desta realidade reflexionará sobre os monólogos e de por que el non os fai (ou si), sobre xeito de sermos os galegos e sobre a idiosincrasia de Mariano Rajoy (que é galego ao 100%). Tamén esmiuzará a apocalipse, os recortes e, sobre todo, falará da crise: na Casa Real, dos políticos, do goberno, entre outras cousas. 

O público poderá adquirir as súas entradas dende as 18:00 horas do sábado 19 no propio auditorio municipal de Ponteareas. 

Esta actuación enmárcase dentro da programación estable que ofrece a concellaría de Cultura e enmarcada no convenio con AGADIC.

O alcalde de Baiona mantén unha reunión telemática coa Consellería de Sanidade e suspende a programación cultural do Nadal ata nova orde

0

Carlos Gómez Prado, alcalde de Baiona, mantivo onte xoves ao mediodía unha reunión telemática con responsables da Consellería de Sanidade na que se valorou a evolución epidemiolóxica da Covid-19, despois de que se comunicase que o municipio se atopa en nivel de alerta máxima. Tras analizar pormenorizado a situación, o rexedor baionés ha decidido suspender as actividades da programación cultural do Nadal Bai Nadal ata nova orde marcada pola Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia.

O alcalde apela, máis que nunca, á responsabilidade colectiva e individual para que se reverta a curva de contagios e volvamos a unha situación de certa normalidade, como acontecía ata fai non moito. Ademais Gómez Prado tamén se reuniu co oficial xefe da policía local, co fin de analizar a situación e as medidas para implementar a nivel local.

O rexedor sinala que “é preciso que manteñamos a tranquilidade e a serenidade, e que interioricemos cal é a nosa nova normalidade”, ademais de chamar a unha actitude “dun pobo cohesionado e unido”. Así mesmo, insístese en que a cidadanía manteña as medidas de seguridade e hixiene establecidas polas autoridades sanitarias, como son o uso obrigatorio da máscara, o mantemento da distancia interpersoal, o lavado continuado de mans e a utilización de xel hidroalcólico.

Desde esta medianoite, as veciñas e veciños de Baiona non poden entrar nin saír da vila excepto en casos estritamente necesarios e xustificados. Así mesmo, prodúcense algunhas modificacións en canto ás reunións sociais e funcionamento dalgúns sectores produtivos. Neste sentido limítanse os grupos para o desenvolvemento de calquera actividade ou evento de carácter familiar ou social na vía pública, espazos de uso público ou espazos privados, a un máximo de catro persoas, excepto no caso de persoas conviventes en que non se aplicará esta limitación .

Ademais, nos establecementos de hostalería e restauración estará prohibido o consumo no interior, e tan só permitiranse as terrazas ao 50 %, cun horario de peche ás 17.00 h. A ocupación máxima será de 4 persoas por mesa ou agrupación de mesas, respectando a distancia mínima de seguridade interpersoal entre elas. No documento oficial da Xunta de Galicia, establécese o peche temporal de certas actividades consideradas non esenciais, entre as que se atopan as dos locais de lecer nocturno, salas de festas ou centros de lecer infantil, entre outras.

A alcaldesa pediu a Sanidade a realización dun cribado masivo no Porriño ante o aumento de contaxios

Eva García solicitou onte ao Conselleiro de Sanidade que o Sergas realice un cribado masivo no Porriño ante o incremento de contaxios que ven producíndose nos últimos días. A alcaldesa propuxo a Julio García Comesaña que o Servizo Galego de Saúde “retome esa idea que se manexou semanas atrás cando O Porriño estaba cunha incidencia moi elevada pero que logo desestimouse pola melloría”, segundo manifestou Eva Garcia durante a reunión telemática por vídeo conferencia que hoxe mantivo co Conselleiro de Sanidade e os demais alcaldes e alcaldesas da área sanitaria de Vigo.

A rexedora porriñesa valorou que os datos que lle participou o conselleiro sobre o repunte de contaxios “son preocupantes”. O Porriño rexistrou 17 novos contaxios nos últimos 3 días; 30 nos últimos 7 e 66 casos activos nos últimos 14 días. E ademais a taxa de incidencia pasou de 180 a 307 o que supón a máis alta na área sanitaria de Vigo.

A alcaldesa indicou de “de momento” non hai cambios nas restricións que afectan ao Porriño que seguen a ser: aforos do 30% no interior e 50% nas terrazas dos establecementos da hostalaría que deberán pechar ás 17 horas; reunións limitadas a 4 persoas, sexan ou non conviventes; aforos de 250 persoas en recintos deportivos pechados e 500 en recintos abertos e observar todos os demais protocolos de hixiene e distancia. A alcaldesa exhortou á veciñanza a que “sexamos conscientes de que parar o virus está na nosa man e polo tanto seremos responsables das consecuencias na saúde, na economía e na demora na volta á normalidade”, manifestou García de la Torre.

O mar de novo en alerta

A Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET) informa dun novo aviso de nivel laranxa no mar que afectará ao litoral Noroeste, Oeste e Suroeste da provincia da Coruña e a todo o litoral da provincia de Pontevedra, con ondas que poderán alcanzar ata os 6 m. Agárdase que esta situación comece a partir desta madrugada.

litoral da provincia de Lugo verase afectado por este episodio cun nivel de alerta amarelo.

Ante isto, cómpre que sigamos estas medidas de protección necesarias para así evitar posibles riscos.

Espérase un fenómeno meteorolóxico adverso no mar que require da adopción de medidas de autoprotección, xa que, o máis probable é que se produza unha forte ondada e vento no litoral. 

Por iso, o que nos podemos atopar é:

  • Pequenas embarcacións ou outras estruturas marítimas á deriva
  • Desbordamenteos puntuais polo suba da marea
  • Obxectos e mobiliario urbano próximo ao mar que pode ser arrastrado

Para tratar de paliar estes efectos da situación meteorolóxica adversa, cómpre adoptar as seguintes medidas de autoprotección:

  • Afastarse de praias, paseos marítimos, rompentes ou diques
  • Evitar navegar, nadar ou practicar deportes acuáticos
  • Non deterse a sacar fotografías
  • Aseguar a embarcación

Tomiño continúa ampliando a súa rede de saneamento

0

O Concello de Tomiño continúa traballando por levar a rede de saneamento ao máximo número de vivendas posible, especialmente a aquelas máis achegadas á rede xa existente, onde resulta máis eficiente realizar a conexión.

Esta ampliación foi levada aos barrios de Paredes, O Ral, Pazos, A Costa, San Lourenzo ou O Rexidouro, entre outros. Entre as vivendas que se sumaron grazas ás ampliacións da rede feita no presente ano e aquelas que se conectaron a unha rede xa existente, sumáronse en total 45 novas incorporacións á rede de saneamento.

Aparte da ampliación da rede, realizáronse tamén obras de mellora na rede existente, como a renovación do colector en Centinela, Goián. Aproveitando as obras de peonalización realizadas no presente ano na rúa República Arxentina e na rúa A Guarda, o Concello aproveitou para reunirse cos propietarios dos edificios colindantes para facer tamén a separativa entre as augas pluviais e a rede de saneamento, aliviando así a carga que esta viña soportando. Esta obra está previsto que sexa realizada tamén nas áreas do núcleo de Goián que están sendo remodeladas na actualidade, como o caso da Avenida Ordóñez.

No presente ano 2020 o Concello de Tomiño investiu preto de 100.000 euros en realizar unha serie de melloras na rede. Desde a institución lembran que para aquelas familias que aínda non puideran conectarse á rede de saneamento, o Concello ofrece desde finais do ano 2017 un servizo de baleirado de fosas sépticas. Os pasos e condicións para acceder a este servizo poden ser consultados na web municipal a través da ligazón https://tomino.gal/medio-ambiente/.

Hoxe rexístranse 5.641 casos activos por coronavirus en Galicia

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 5.641, deles 861 son da área da Coruña, 401 da de Lugo, 480 da de Ourense, 897 da de Pontevedra, 1.302 da área de Vigo, 1.144 da de Santiago, e 556 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 55 están en UCI, 309 en unidades de hospitalización e 5.277 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 51.373 persoas curadas, rexistrándose 1.332 falecementos.

O número de PCR realizadas é de 1.023.225. A Xunta continúa a traballar desde a máxima coordinación interdepartamental e co Ministerio de Sanidade, tamén mantendo o contacto con todos os axentes socioeconómicos de Galicia. Neste senso, Sanidade reitera que segue alerta actualizando todas as medidas e recomendacións e en vixilancia permanente.

Os datos de centros residenciais de servizos sociais corresponden aos que achegan con carácter diario os propios centros.

Os datos de escolas infantís e centros de ensino non universitario corresponden aos rexistrados diariamente a través da Central de Seguimento de Casos, os propios centros e as xefaturas territoriais.

Uso do 061 para casos graves e emerxencias e o 900 400 116 para dúbidas

A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.

Sinalar, ademais, que o Sergas ten a disposición da cidadanía a páxina web https://coronavirus.sergas.gal/ na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.

Así mesmo, o departamento sanitario galego ten a disposición da poboación o teléfono 900 400 116, para dar información xeral sobre o coronavirus. Neste número pódense resolver todas as dúbidas da cidadanía ao respecto e tamén consultar sintomatoloxía leve.

Rexistro de viaxeiros no 881 00 20 21 e obrigatoriedade do uso da máscara

Lémbrase que as persoas que visiten Galicia nas vindeiras datas e procedan ou estivesen, durante os 14 días previos á súa chegada, nalgún dos territorios con alta incidencia epidemiolóxica incluídos na listaxe publicada no Diario Oficial de Galicia, deberán facilitar os seus datos de contacto ao Servizo Galego de Saúde, ben a través do teléfono 881 00 20 21 ou ben a través do formulario da web do Sergas.

Ademais, reitérase o carácter obrigatorio do uso da máscara tanto en espazos abertos como pechados, poñendo especial énfase na súa utilización nos locais e establecementos comerciais e de hostalería.

Recomendacións

Os técnicos da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade volven  reiterar as recomendacións consensuadas entre as comunidades autónomas e o Ministerio de Sanidade, e lembran que, en liñas xerais, aconséllase adoptar as medidas de autoprotección e limitación da diseminación do virus común a calquera infección respiratoria, como a gripe. Así, extremarase a hixiene de mans, lavándoas frecuentemente, especialmente despois de tusir ou soarse, e cubrirase o nariz e a boca cun pano -preferentemente desbotable- ao tusir ou esbirrar, ou se non se dispón de pano, na cara interna do cóbado. Ademais, evitarase tocar os ollos, o nariz e a boca coas mans.

É importante tamén procurar unha axeitada ventilación dos espazos interiores optando preferentemente por espazos abertos e tratando de evitar aglomeracións.

Non se debe esquecer o mantemento da distancia de seguridade, o uso axeitado da máscara e atender ás restricións específicas que se poidan establecer en cada comarca ou concello.

O Concello de Nigrán desbloquea a situación administrativa do antigo ambulatorio de Panxón para poder obter a cesión a inicios de ano

0

O Concello de Nigrán ven de desbloquear esta semana a situación administrativa do antigo ambulatorio de Panxón que impedía, ata agora, a cesión da Tesorería General de la Seguridad Social a favor do consistorio. Un conflito na escritura, na que non figuraba a parte da parcela correspondente ao inmoble e adquirida ao Concello por subasta pública en 1975 polo Instituto Social da Marina, impedía que se materializase, circunstancia que esta semana foi definitivamente solventada ante notario  tras obter o informe favorable dos respectivos servizos xurídicos. Concretamente, o Concello elevou a escritura pública a compra-venda na que se recolle a segregación previa da parcela orixinal, dando así o último paso de cara a pronta cesión ao solventarse este asunto urbanístico complexo froito tamén das respectivas competencias e cambios entre I.S.M e T.G.S.S.

Paralelamente, o Concello volverá a trasladar esta mesma semana formalmente á delegación da Tesorería General da Seguridade Social en Pontevedra a solicitude na que se inclúe o uso social que o goberno  local desexaría outorgarlle, preferentemente Centro de Día e para a terceira idade, aspecto do que a oficina provincial confirmou xa verbalmente que responderá favorablemente para despois dar traslado ao Ministerio de Sanidade, sendo Gestión Patrimonial del Estado quen resolva a cuesión atendendo aos informes enviados.

“Tras anos de bloqueo e complexísimo traballo burocrático, damos o último paso de cara a obter a cesión, sendo a previsión que o inmoble pase a ser de titularidade municipal a inicios de ano”, sinala o alcalde, Juan González, quen esta mesma mañá comunicou ao xerente do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar a intención do goberno local de facer un Centro de Día mediante unha concesión a unha entidade sen ánimo de lucro. “O Centro de Día da Mancomunidade resulta insuficiente e hai lista de agarda; o noso compromiso coa veciñanza de Panxón sempre foi adicar o inmoble á terceira idade, agora estamos xa avanzando de cara á mellor fórmula de xestión do  mesmo”, explica González, quen celebra que, ao fin, esté xa moi cerca o cambio de titularidade tras infinitos de problemas administrativos.

Este desbloqueo foi exposto esta mañá polo propio alcalde aos representantes veciñais da parroquia de Panxón, que históricamente demandaban este uso social concreto para o inmoble.

A Guarda da por rematadas as obras de mellora da rúa Calvario

0

O pasado mércores día 16 de decembro rematáronse as obras de mellora da Rúa Calvario entre os números 48 e 73, obras que contaron cun orzamento total 121.951,87 € con cargo ao Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.

O alcalde da Guarda; Antonio Lomba; a tenente de alcalde, Montserrat Magallanes, e o concelleiro de Vías e Servizos, Miguel Español, visitaron estas obras xunto cos técnicos da empresa adxudicataria.

[su_image_carousel source=”media: 27384,27385,27386″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

Esta actuación conta cunha parte central para a recollida de augas pluviais, substituíndo o asfaltado por un novo pavimentado de pedra en continuidade cos tramos xa mellorados en fases anteriores nesta mesma rúa, incorporando tamén parte das pedras antigas que se atoparon debaixo da vella capa de rodadura.

Executouse unha nova rede de abastecemento de auga, así coma a incorporación de bocas de incendios e a substitución da rede de augas pluviais e residuais, dispondo as novas acometidas a pozos e eliminado as acometidas que non se podía controlar ou rexistrar.

O prazo de execución destas obras prolongouse pouco máis dun mes e, tal e como manifestaron veciños, a rúa “quedou en perfectas condicións”.

O Concello licita a explotación da cafetaría do parque das Pombas

O Concello de Ponteareas anunciou a licitación da explotación da cafetaría do Parque das Pombas. A instalación hostaleira está pechada desde finais do pasado ano cando o anterior adxudicatario renunciou a continuar coa súa xestión. O anterior contrato e as súas condicións tiñan a súa orixe no ano 1998 cando o goberno do Partido Popular de José Castro adxudicara a xestión da cafetaría por un prazo de 30 anos e cun canon de 600 euros anuais, é dicir, 50 euros ao mes.

Daquela, a oposición formada polas forzas políticas que actualmente gobernan na localidade, criticara o procedemento, a escasa contía do canon e a excesiva duración do contrato que obrigaba ao Concello a manter esas condicións até o ano 2028.

O concelleiro de Bo Goberno, Transparencia e Participación Cidadá, Roberto Mera, salientou que “afortunadamente para os intereses municipais, o actual Goberno recuperou xa a cafetaría para facer unha nova concesión, con outras condicións acordes aos tempos actuais deixando atrás un contrato obsoleto e prexudicial para o Concello”.

No novo prego de condicións establécese como renda mínima mensual 250 euros, non aceptándose propostas inferiores a esta cifra. O prazo de duración da concesión será de 5 anos prorrogábeis un máximo de 2 máis. O concesionario deberá ademais realizar varias obras: adaptación dun dos aseos ás condicións de accesibilidade esixidas, instalar saída de fumes no caso de que pretenda introducir na oferta alimentos quentes e dotar de auga quente os aseos e cociña.

O criterio de adxudicación será a maior contía do canon mensual ofertado. No caso de empate, os criterios serán a maior porcentaxe de persoas traballadoras con diversidade funcional ou en situación de exclusión social, menor porcentaxe de contratos temporais de persoal e maior porcentaxe de mulleres empregadas.

Establécese a apertura de luns a sábado como mínimo de 13:00 a 21:00 horas e os domingos de 11:00 a 21:00 horas, podendo fixarse un día de luns a xoves como día de descanso.

As proposicións poden presentarse até o 11 de xaneiro no Rexistro Xeral do Concello e os pregos poden consultarse na plataforma de contratación do sector público nesta ligazón.

O concelleiro Roberto Mera salientou que “coa humanización da rúa Redondela que en breve se concluirá, o parque das Pombas e a súa cafetaría reforzarán o seu atractivo ao mellorarse a súa comunicación peonil co centro urbano a través dun traxecto amábel e de calidade”.

O Porriño e Maceda poñen o peche final á Copa de Galicia de Ciclocross 2020

A Asociación deportiva Avanza apura ata o último detalle de cara a xornada do sábado, na que o velódromo municipal do Porriño acollerá unha xa clásica proba do ciclocross galego. Nerviosismo e emoción entre os e as deportistas da Escola da Asociación Deportiva Avanza para participar nas dúas probas que se disputarán na fin de semana e que suporán o peche final da Copa Galicia de Ciclocross.

Non se pode esquecer que os riders da escola de ciclismo Avanza chegan a este punto con catro maiots de líder entre as súas filas. David Fernández que no mes de setembro conseguía proclamarse campión de España Sub 23 na modalidade de Enduro, agora amósanos a súa valía tamén na modalidade de Ciclocross intentando manter o maiot de líder ata a xornada do domingo.

David Fernández (esquerda) e André Martínez

Na categoría Júnior Feminino Laura Mira, que no mes de xaneiro proclamábase campiona de España na categoría cadete, atópase agora ás portas de proclamarse campiona da Copa Galicia de Ciclocross. André Martínez, na categoría Júnior, vén realizando unha magnífica tempada e atópase en condicións de repetir o titulo de Campión Galego da Copa de ciclocross, o que xa fixo na tempada pasada. Na categoría cadete feminino, Uxía Soto, campiona Galega 2019, subcampiona da Copa Galicia de ciclocross na tempada pasada e Subcampiona de España e, por último, non se pode deixar de mencionar a Marta Estévez que ven pedaleando en posición de bronce no ranking da Copa Galicia.

Desde a Escola de ciclismo Avanza cruzan os dedos, coñecedores da incertidume que nos esta a acompañar durante todo este ano 2020. O Club está en permanente co Concello do Porriño para adaptarse as novas normalidades que impón a evolución da pandemia da COVID e conseguir sacar a proba adiante.

Cómpre lembrar que a copa Galicia de Ciclocross 2019 contou cunha veintena de probas e na edición do 2020  tan conta con cinco probas, unha das graves consecuencias xeradas pola pandemia, xa non só en temas de saúde, se non tamén económicas. Unha pandemia que agravou aínda mais as necesidades económicas de moitas familias ante a destrución de postos de traballo. Así, a Asociación deportiva Avanza fai un chamamento a solidaridade dos corredores que acudan a participar é da veciñanza que, a pesar de que as probas disputaránse sen público, poidan achegarse para colaborar achegando alimentos non perecedoiros, recollida que se levará a acabo durante toda a xornada para, posteriormente, distribuírse entre as familias máis necesitadas.

Carmela Silva apela á suma de sinerxias para captar fondos europeos e “seguir a ser o destino turístico tan potente que somos”

“Imos dispoñer de recursos moi importantes para poder facer fronte a esta situación, para modernizar e facer que medre o sector turístico, e necesitamos sumar sinerxías para poder captar fondos europeos e seguir a ser o destino tan potente que somos”. Con esta afirmación, a presidenta da Deputación, Carmela Silva, pechou hoxe a primeira parte da xornada “Turismo: Reinventar o presente”, impulsada polo Clúster de Turismo e a institución provincial. Na intervención, a presidenta trasladou ao sector as cifras económicas que manexa o Goberno do Estado para enfrontar a crise, dando a coñecer os datos avanzados esta mesma mañá por Fernando Valdés, secretario de Estado de Turismo, durante a xuntanza da Comisión Executiva da Rede de Destinos Turísticos Intelixentes, da que a Deputación é a única integrante galega.

“Dos 72 mil millóns de euros non reembolsables, que chegarán de Europa, ata 44 mil millóns terán impacto no sector turístico”, informou Carmela Silva citando as palabras desta mañá do secretario do Estado, quen tamén adiantou na xuntanza da Rede de Destinos Turísticos Intelixentes que o Consello de Ministros vai aprobar o 28 de decembro o Real Decreto Lei de Flexibilización da Xestión dos Fondos. A presidenta explicou na xornada do Clúster que o goberno de España prevé que ata 21.150 millóns irán para accións de seguridade, sanidade e entorno empresarial; 8.180 millóns para a apertura de mercados e a sustentabilidade; 8.700 millóns para o desenvolvemento de infraestruturas, axenda urbana e mobilidade e outros 6.200 millóns de € para a conservación e posta en valor do patrimonio cultural e natural. Neste eido, Carmela Silva trasladou a importancia de traballar unidas e unidos para “dar resposta aos grandes retos que veñen por diante para modernizar o sector, entre os que se atopan a dixitalización, a sustentabilidade, a xeración de riqueza no territorio, as canles de distribución e a excesiva dependencia da turoperación”.

A presidenta fixo extensivo que dende o goberno do Estado estase a incidir na colaboración interinstitucional. Deste xeito, amosoulle ao Clúster de Turismo a súa vontade de “dedicar moitas horas para poñer en marcha plans potentes para que os recursos cheguen ao sector e fagan que sigamos a ser un modelo turístico” e pediulle tamén que “nos obrigue ás administracións públicas a sentarnos, porque para poder transformar todo o sector turístico en Galicia precisamos plans globais nos que todas e todos participen”. A presidenta aproveitou a ocasión para poñer en valor ao Clúster e ao sector “que con xornadas como “Turismo: Reinventar o presente” está a amosar que non se vai render, que vai converter a situación actual nunha oportunidade”.

A xornada do Clúster de Turismo, que hoxe remata, está a abordar diferentes aspectos para impulsar o sector turístico nesta situación de pandemia. Ao respecto, Cesáreo Pardal, presidente do Clúster, que agradeceu á Deputación á súa implicación na actividade, puxo como exemplo á institución provincial en canto á “colaboración público-privada” e enxalzou a súa “aposta pola promoción do turismo desde unha concepción contemporánea e rigorosa”. En canto aos retos de futuro, Pardal subliñou que “enfrontámonos a unha transición dende a inactividade ata a recuperación da normalidade, nun momento no que temos comprobado o importante que é a mobilidade e as relacións humanas. Tarde ou cedo recuperaremos a normalidade aínda que esta crise marcará un antes e un despois no turismo”. Deste xeito, o presidente do Clúster apelou a “sentar as bases dun novo tempo” no que as TIC, a intelixencia artificial, o traballo colaborativo e o big data serán fundamentais e para o que haberá que “perfeccionar experiencias e adecualas ás esixencias das e dos turistas, dende que comezan a planificar a súa viaxe ata que comparten a experiencia memorable”.

‘Turismo: Reinventar o presente’ concentrou hoxe as conferencias de Fabián González (Phocuswright) sobre ‘Innovación en tempos de covid-19’, de David Bonilla (Manfred) sobre ‘Recruiting en tempo de covid-19’ e de Sixto Arias (fundador de Capaball) sobre ‘Aprender a aprender’. Tamén desenvolveuse unha mesa de debate sobre ‘Protocolos e resiliencia aplicadas ao turismo’ con José Carlos Campos (director comercial de Paradores), Rosa Muñoz (Asociación Española de Directores de Hotel) e Tania Marcos (responsable de Cidades Intelixentes da Asociación Española de Normalización), e outra sobre ‘O dato: pilar da intelixencia turística’ con Iván Leanizbarrutia (nethodolo.gy), Raúl Serapio (Neuromobile) e Gerson Beltrán (MiMundoGeo).

A xornada pecharase este venres coas conferencias de Nacho Alcalde (CEO de Citifocus) sobre ‘Territorios intelixentes: valores, visión e tecnoloxía’; de Mónica Deza (CEO de BendIT) sobre ‘Comunicación e xestión de marca en épocas de crises’ e Francisco Javier García (director de Digital Public Services de Red.es) sobre ‘O programa de Destinos Turísticos Intelixentes’.

Baiona levará a Pleno unha declaración institucional de apoio ao Baíña F.S.

0

O Grupo de Goberno do Concello de Baiona levará ao pleno telemático de hoxe venres, 18 de decembro, unha Declaración Institucional de apoio ao Baíña F.S. logo de que a Federación ameace con baixalo de categoría e expoñerse a sancións ao negarse o club a iniciar a liga “por responsabilidade” ante o complicado momento que se está a vivir pola pandemia da COVID.

A declaración institucional di, textualmente:

“Con esta declaración institucional queremos mostrar o noso máis firme apoio á causa emprendida polo club deportivo do noso municipio Baíña F.S. de non iniciar a liga por responsabilidade dados os complicados momentos que Galicia está a vivir como consecuencia da segunda onda do Covid-19”, manifesta o Alcalde, Carlos Gómez Prado.

“Este grupo de goberno mostra todo o seu apoio á directiva e xogadores do club baionés na súa decisión responsable e considera exemplar a determinación tomada polo club”. Ademais, o rexedor considera inxusta a decisión da Federación que despois de varias reunións, a única solución que se lles ofreceu é a renuncia á praza de Terceira e/ou expoñerse as posibles sancións.

“En ambos os casos o club descendería á última categoría (liga local) e non podería volver xogar nesa categoría durante un número de anos, algo tremendamente inxusto para este club tan arraigado na nosa localidade. Sería un gran prexuízo para o club e para o deporte baionés, que chegou a Terceira a base dun proxecto e un traballo constante desde hai máis de 20 anos. Crear un proxecto serio cunha ampla base social, con xogadores da canteira (unha canteira que conta con máis de 120 xogadores), cun gran traballo non só de xogadores, técnicos e directivos, senón tamén de todo un pobo como Baiona que apoiou ao club en todo momento, cun gran esforzo de moitos patrocinadores, e un gran traballo das institucións que desde o minuto uno do proxecto axudaron aos baiñistas a crecer e ir ascendendo categorías ano a ano”. conclúe o rexedor.

O club non se deu nunca por vencido e continúa loitando por non iniciar a liga nestes momentos. Seguirá solicitando o aprazamento ata xaneiro, xa que nada indica que nas próximas datas a situación mellore senón todo o contrario. En caso de ser sancionados de forma tan grave, levarán a cabo distintas medidas e recorrerán á Xunta de Galicia ou outras institucións para evitar esta situación tan gravosa e que por querer ser responsables e apostar pola saúde, castiguen ao club dunha forma tan dura.

O Baíña non está só nesta petición, outros 3 clubs (Vila de Cee, Outeiro de Rei e Unión GR9) tamén solicitan este aprazamento alegando que, mobilizar cada semana a máis de 15 persoas para adestramentos e partidos por toda Galicia non é conveniente e só axudaría á propagación do virus. Ademais, os protocolos non son os correctos e son caros, o cal elevaría os custos do club nun ano onde a situación non é nada boa.

No caso do Baíña, a maioría dos xogadores son estudantes universitarios de dous campus diferentes da provincia e conviven cos seus pais e familiares. O xogar nestes momentos expoñeríaos xa non só a contagios, senón tamén a confinamentos constantes como está a pasar noutras ligas que se están tentando disputar por Galicia.

Comezan as obras, a través do programa Rede Natura, para a creación dunha área recreativa en Oleiros-Teans

O Concello de Salvaterra de Miño ven de adxudicar as obras de creación da Área Recreativa de Teans en Oleiros, financiadas a través das axudas e inversión non produtivas vinculadas a realización de obxectivos agroambientais e climáticos en concellos incluídos en Rede Natura 2000 da  Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, por importe de  23.262,67€ .

Un espazo de uso recreativo que busca potenciar os espazos naturais e que se atopa ao lado do Espazo Termal que o Concello está construíndo: unha zona de baños con catro charcas que se abastecen dende un manantial de auga quente captado a beira do río.

Esta área recreativa busca ser un complemento a esta actuación, xa que o que pretende o Concello é implantar nunha parcela anexa de propiedade municipal, un área recreativa de 4.150m2. As accións contempladas serán a pavimentación con xabre, delimitación por un bordillo da zona, crear unha zona verde e dotar o espazo con mobiliario urbano. Esta actuación é un primeiro paso para emprender a rexeneración deste sistema natural na marxe do Río Miño e que busca ser un espazo de esparcemento para os veciños e veciñas do municipio,

Familias Azuis ofrece formación para familiares de persoas con autismo

A Concellería de Benestar Social e Igualdade, que dirixe Verónica Carrera, convida a participar na charla “Unha familia con autismo na miña familia” organizada por Familias Azuis en colaboración con Autismo Galicia e co apoio do Concello de Ponteareas.

Esta formación está dirixida a familiares de persoas con autismo e terá lugar mañá venres 17 de decembro entre as 16 e as 20 horas na sala de conferencias do auditorio municipal. 

A psicóloga Cristina Couto Pena, de Autismo Galicia, falará coas e cos participantes das súas experiencias, do apoio no fogar, dos recursos e das axudas ás que poden optar.

A formación será presencial e as persoas interesadas poden inscribirse no enderezo electrónico [email protected].

O Concello de Nigrán agasalla con cestas de Nadal ao seu voluntariado do Banco de Alimentos, Roupeiro Municipal e eliminación de velutinas

0

O alcalde de Nigrán, Juan González, e as ediles de Servizos Sociais e Voluntariado, Bibiana Peixoto e Patricia Diego, xunto ao de Sanidade, Alfonso Vázquez, entregaron esta mañá persoalmente ao grupo de voluntariado do Concello as xa tradicionais cestas de Nadal.

O goberno  local agradece cada ano deste xeito o esforzo deste grupo que traballa desinteresadamente no Banco Municipal de Alimentos, o Roupeiro Municipal ou, como é o caso de Jesús Barros, exterminando avispas velutinas co concelleiro de Sanidade.

“Grazas a vos é posible que saian adiante cuestións claves para este goberno local que se encadran na vertente social de ‘Un Nigrán para todos’ e tamén na loita pola contención e erradicación da avispa asiática na localidade. Estades ao servizo da veciñanza de xeito totalmente desinteresado durante todo o ano e desde o Concello  compre agradecelo tamén públicamente. Grazas pola vosa solidariedade, compromiso e bo facer”, subliñou o alcalde, Juan González.

[su_image_carousel source=”media: 27350,27349″ crop=”5:4″ captions=”yes” link=”lightbox” autoplay=”0″]

A Casa de Papá Noel mantén viva a ilusión polo Nadal dos nenos e nenas de Redondela

0

A Casa de Papá Noel, que o martes abría as súas portas pese as condicións meteorolóxicas adversas, estase a converter nun dos atractivos deste Nadal para os nenos e nenas de Redondela. Cúmprese dese xeito, un dos obxectivos fundamentais do Concello de Redondela nestas festas que non é outro “que conseguir, pese á Covid e a situación sanitaria, que os nosos nenos e nenas non perdan a ilusión e que poidan gozar dun Nadal cheo de ilusión, ledicia e actividades”.

Precisamente as medidas de seguridade sanitaria farán que, este ano, a visita á Casa de Papá Noel sexa diferente á do ano pasado. Nenos e nenas non poderán acceder ao interior da casa –aínda que poderán mirala dende a porta e as ventás– e Papá Noel os saudará e falará con cada un deles dende a porta.

“O importante é que Papá Noel estea aí, que a pesar da pandemia, teña vido a Redondela a esta casa que temos especialmente preparada para el e que poidan recibir as peticións das e dos máis pequenos do municipio”.

A Casa de Papá Noel terá un amplo horario de visita para evitar as aglomeracións. Así dende onte día 15 de decembro e ata o 23 de decembro, nenas e nenos poderán achegarse a saudar a Papá Noel entre as 17 horas e as 19:30 horas.

O día 24 de decembro, véspera de Nadal, o horario amplíase e a casa estará aberta de 11 h e 14 horas e de 16:30 h a 19 horas.

Mos emprende o camiño cara unha nova Casa Consistorial

0

“Chegou o momento de que Mos teña que pensar nunha nova Casa Consistorial xa que os traballadores/as municipais atópanse distrubuídos en 8 edificios pola falla de espazo, o que provoca a incomodidade tanto do funcionariado como da veciñanza que acode a facer xestións. E esta incomodidade multiplícase agora en momentos de crise sanitaria pola Covid-19. Os protocolos e medidas de seguridade obrígannos a establecer ata 3 turnos de traballo diarios diferentes entre traballo presencial e teletraballo. É o momento de que o persoal municipal comece a traballar en condicións”. Así llo plantexaba a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, ao presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, nunha xuntanza mantida entre ambos esta tarde en Santiago de Compostela.

Arévalo asume que “este trátase dun momento complicado, económicamente falando, para pensar nun Concello novo, pero precisamente é a pandemia a que me obriga a elo, porque agora non hai condicións de traballo”.

A rexedora local mosense logrou arrincar o compromiso da Xunta de Galicia para que as administracións municipal e autonómica vaian da man neste proceso que arrancará próximamente cun concurso de ideas para o anteproxecto.

Arévalo informou á saída da reunión de que o concurso, unha vez iniciado, prolongarase durante un prazo duns 3 meses, e a continuación virá a elaboración do proxecto. Para este proceso desde a administración local mosense estímase un orzamento duns 300.000 euros dos que proxecto podería chegar a levarse 200.000 euros.

A alcaldesa asegura que “estamos pensando nun edificio austero pero que teña todos os servizos municipais concentrados”.

Por outra banda Nidia Arévalo tratou tamén con Núñez Feijóo otros asuntos de importancia capital para o Concello de Mos. En primeiro lugar a axilización da conversión do edificio do Rebullón en residencia.

Sobre este tema desde o Concello lévase xa máis dun ano traballando conxuntamente coa Consellería de Sanidade, dada a necesidade de cada vez máis prazas de residencia nestes intres de crise sanitaria.

Á súa vez á alcaldesa explicoulle ao presidente como van os trámites do novo proxecto en Veigadaña do Polígono Cebral-2 e trasladoulle a importancia da acometida do vial de acceso directo á Veigadaña desde a Autovía A-55.

Por último abordaron proxectos cruciais para Mos na presente lexislatura, fundamentalmente de saneamento e humanización, que a alcaldesa levou no seu programa electoral dos pasados comicios municipais. Entre eles atópase o proxecto de humanización e mellora integral da contorna de San Eleuterio, así como a optimización e reforma das zonas comúns exteriores do barrio de San Rafael, un polígono de vivendas dos anos 40 do século pasado no que os propietarios sempre asumiron e realizaron as reformas e mantemento. E por suposto unha proposta de proxecto final de saneamento en Mos para poder acadar finalmente o 100% da instalación municipal. Posto que agora só quedan pendentes os tramos máis difíciles que suporán unha inversión total de 1,3 millóns de euros; dos que se solicita á Xunta cofinanciamento.

Gonzalo Caballero propón “rescatar para o público” o hospital Álvaro Cunqueiro

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, visitou onte o Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo para esixir a súa incorporación plena ao sistema sanitario público, logo de que o principal socio da concesionaria vendera a súa parte a un fondo de inversión francés. En compañía do voceiro de Sanidade do PSdeG no Parlamento, Julio Torrado; da deputada viguesa Isaura Abelairas e do responsable do PSdeG en Vigo, Abel Losada, Gonzalo Caballero anunciou unha iniciativa neste sentido que se debaterá no pleno do Parlamento da semana que vén.

Porque, como dixo o líder dos socialistas galegos, a incorporación do HAC ao Sergas “pódese facer, reduciría os custes do hospital para as arcas públicas” e isto “será garantía de que o hospital está en mans dos vigueses e das viguesas, e non en mans dun fondo de investimento francés”.

De feito, Gonzalo Caballero incidiu en que a citada venta da concesionaria do hospital vigués “evidencia a gran farsa de Feijóo” e urxiu “un cambio”. “Feijóo enganou en tantos temas á cidade de Vigo… en cuestións como as caixas, as infraestruturas, a ETEA, a área metropolitana, e tamén no ámbito da sanidade pública”, criticou.

Ao fío disto, o máximo responsable socialista en Galicia preguntou como se pode afirmar que o Álvaro Cunqueiro é un hospital “plena e integramente público” cando “parte dese hospital (máis dun 40 %) está en mans dunha sociedade de investimento francés”.

Ademais, o líder do PSdeG recordou que a Xunta “paga ao redor de 73 millóns de euros a unha sociedade privada para poder dar o servizo sanitario” dende o hospital Álvaro Cunqueiro, unha fórmula “pouco eficiente” e que “resultou extremadamente custosa e gravosa para as contas públicas”.

Neste senso, Gonzalo Caballero sinalou que “este pago é máis custoso que reverter as condicións no mercado actual”, polo que instou a “aproveitar” que “o ano que vén hai uns orzamentos expansivos”, “máis fondos en sanidade” e “que as condicións financeiras do mercado permiten conseguir fondos de xeito máis accesible”.

Máis de 150 millóns ao ano para pagar a empresas privadas

O voceiro de Sanidade do Grupo Parlamentario Socialista, Julio Torrado, criticou que o sistema público “estea pagando 73 millóns de euros no Hospital Álvaro Cunqueiro e 75 millóns de euros nas cotas de Povisa”, o que supón “150 millóns de euros ao ano para pagar a empresas privadas o traballo que debe ser público”.

“Os socialistas cremos que a sanidade debe ser unha competencia plenamente pública e esa é a nosa proposta”, destacou. Así, Torrado incidiu en que “a operación é grande, pero é posible” e recalcou que “só necesitamos que o PP decida se quere que a sanidade sexa plenamente pública”.

Por último, lembrou que a proposta presentada polo goberno progresista de Emilio Pérez Touriño para o Hospital Álvaro Cunqueiro implicaba un custe duns “400 millóns de euros” de investimento e “1.200 camas”, pero “chegou o comandante e mandou parar”: A entrada de Feijóo no goberno supuxo “duplicar o gasto” do hospital e poñer menos camas a funcionar de forma efectiva.

“Temos en Vigo unha anomalía no sistema. Hoxe, un cidadán de Vigo ten, probablemente, a súa atención non plenamente no sistema público, senón que a ten nun centro coma este, que ten cotitularidade privada, ou nun centro privado que está axudado polo sistema público, como Povisa”, aseverou o socialista.

Restricións

En paralelo, en relación ás novas restricións por mor da pandemia, Gonzalo Caballero pediu ao goberno galego “que tome todas as decisións en base aos criterios do comité clínico” e “que sexa transparente á hora de explicar á cidadanía e ás administracións locais cales son as decisións que se toman en cada concello e en base a que criterios e protocolos se toman”.

O líder dos socialistas galegos lembrou que en concellos como Santiago se adoptaron medidas que, posteriormente, houbo que modificar por “risco de rebrotes” que “poñen en ameaza todo aquilo conseguido” ata o de agora.

Así, instou á “responsabilidade ante unha crise difícil de xestionar” e pediu ao goberno galego “mellorar en materia de transparencia, onde a Xunta amosou debilidades e déficits evidentes”.

Por último, fixo un “chamamento á prudencia” ante a “apertura de certas medidas que poden supor riscos de rebrotes e contaxios”. Así, instou a amosar “todas as cautelas necesarias” de cara ás festas de Nadal, “nas que todo o mundo quere atoparse coa familia, pero nas que a prudencia e a loita contra o virus teñen que ser a regra”.

A Xunta comeza as obras de ampliación da escola infantil de Salvaterra de Miño

O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, acompañado da delegada  territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, e da alcaldesa de Salvaterra de Miño, Marta Valcárcel Gómez, participou no inicio das obras de ampliación da escola infantil a Galiña Azul da localidade.

As obras, cuxo proxecto ascende a algo máis de 200.000 euros, teñen un prazo de execución estimado de seis meses, e a previsión é que os novos espazos estean a disposición das familias para o vindeiro curso 2021-2022. O centro conta na actualidade con catro unidades e 61 prazas. Tras estas actuacións ampliará o número de prazas ata un máximo de 82 e seis unidades.

O xerente do Consorcio destacou que esta actuación vén cubrir unha necesidade que existía no municipio, xa que as instalacións levaban anos rexistrando listaxe de agarda, polo que a ampliación mellorará as posibilidades de conciliación das familias de Salvaterra e tamén da súa comarca.

Aulas, aseos e sala de usos múltiples

O proxecto prevé a creación, nunha edificación anexa, de dúas aulas e dous aseos, así como a ampliación da sala de usos múltiples e a habilitación dunha zona para o aparcamento dos carriños. As obras permitirán ampliar a superficie útil da escola en preto de 250 metros cadrados. As actuacións, aínda que se desenvolverán durante o curso, están planificadas para evitar as molestias mentres a escola estea en funcionamento, creando accesos independentes para as familias e os operarios. Ademais, evitaranse os ruídos durante os momentos de descanso das nenas e nenos.

A Consellería de Política Social, a través do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, asinou un convenio co Concello para o financiamento destas obras por un importe de algo máis de 200.000 euros. A Xunta investirá 161.000 euros e o Concello de Salvaterra de Miño asumirá a cantidade restante, ademais dos custes derivados da redacción do proxecto e dirección de obra, entre outros traballos. Está previsto que a Consellería de Política Social invista, unha vez executadas as obras, 38.000 euros máis para o equipamento das aulas.

O Concello de Tui instala un novo desfibrilador no Campo Municipal de Fútbol de Guillarei

0

Dende o día de onte, o Campo Municipal de Fútbol de Guillarei conta cun desfibrilador semiautomático externo, que dará seguridade aos deportistas usuarios da instalación ante os posibles riscos cardíacos que se poidan producir durante a práctica deportiva.

O concelleiro de deportes de Tui, Rafael Estévez e o presidente do Club de Fútbol de Guillarei, Manuel Rodríguez, estiveron presentes durante a instalación do desfibrilador na instalación, e remataron a coordinación do curso certificado que o 061, a través do médico Rosendo Bugarín, impartirá a seis directivos do club local.

O Concello de Tui xa conta con sete desfibriladores nas súas instalacións deportivas, que dan cobertura a dez instalacións: Pavillón novo (da cobertura ao pavillón vello),  Campo Municipal de Fútbol “Álvarez Durán”, Centro Interfederado (con cobertura ao Centro Municipal de Remo e o de Piragüismo “Enrique Míguez”), Pavillón da Macoca, Campo Municipal de Fútbol de Caldelas, de Ribadelouro e, dende onte, no de Guillarei.

A intención do Concello de Tui é ter todas as instalacións deportivas municipais cardioprotexidas, polo que, no próximo ano 2021, instalará un novo desfibrilador nas pistas municipais de tenis de Areas e, co apoio do médico tudense Rosendo Bugarín, seguirá impartindo obradoiros básicos sobre o manexo destes aparatos entre os directivos, adestradores e deportistas dos clubs deportivos tudenses.

Concello, Deputación e Fundación Érguete clausuran o programa de emprego inclusivo da Fundación Érguete en Nigrán

0

Fundación Érguete-Integración, Deputación de Pontevedra e o Concello de Nigrán celebraron esta mañá no Auditorio Municipal a clausura do curso ‘Acompañante de transporte escolar e comedor escolar’ e ‘Auxiliar de Comercio’ de mellora da empregabilidade dirixido a desempregados. Ao acto acudíu o alcalde de Nigrán, Juan González; a presidenta da fundacion, Carmen Avendaño; e as deputadas provinciais Raquel Giráldez (Nigrán) e Iria Lamas (Gondomar).

O proxecto Emprego Inclusivo, promovido pola Deputación de Pontevedra, e desenvolvido coa colaboración do Concello de Nigrán e Zona Franca, estivo dirixido a desempregados, facilitando a súa incorporación ou reincorporación ao mercado laboral, mediante formación ou capacitación técnica e prácticas en empresa, e Itinerarios Individualizados de Inserción, que engaden á formación, os servizos de orientación e intermediación laboral. Precisamente, 5 persoas están xa actualmente a traballar a raíz destes cursos programados pola maior demanda destes perfís laborais debido á Covid-19.

No curso  aprenderon a realizar as tarefas de coidado e atención dos alumnos usuarios do servicio de comedor, inculcando bos hábitos alimenticios e ensinando ós nenos a comer de xeito saudable, e o control das saídas e entradas dos alumnos para que ningún abandone o recinto sen permiso. Na parte de acompañante de transporte escolar: o coidado dos menores durante o transporte e as operacións de acceso e abandono do vehículo, así como, no seu caso, da recollida e acompañamento dos/das alumnos/as dende e ata o interior do recinto escolar.

O de ‘Auxiliar de Comercio’ desenvolveuse no Centro de Negocios de Porto do Molle dirixido tamén a mellorar a empregabilidade entre persoas en busca activa de emprego. Esta formación proporcionou a persoas en busca de emprego os coñecementos e as habilidades necesarias para realizar o traballo no sector do comercio e impulsar a súa inserción laboral. Entre as competencias xerais que adquiriron as persoas asistentes estiveron a prestación de atención e información  protocolarizada e estruturada ao cliente; así como realizar actividades auxiliares de reposición e acondicionamento no punto de venda.

Luisa Piñeiro reafirma o “máximo compromiso” da Xunta con Concello de Crecente e anuncia os orzamentos de 2021

0

A delegada territorial da Xunta en Pontevedra, Luisa Piñeiro, reafirmou esta mañá o “máximo compromiso” do Goberno galego co Concello de Crecente durante a súa visita institucional ao municipio, na que tamén anunciou que o proxecto de Orzamentos Autonómicos 2021 recolle uns investimentos iniciais por 357.000€.

A representante autonómica mantivo unha reunión de traballo co alcalde, Julio César García-Luengo, para recoller as súas solicitudes para a Xunta de Galicia e comprometeuse a comezar coa súa xestión ante as distintas consellerías co obxectivo de ver as posibilidades de execución. Entre as peticións figuran a ampliación da residencia da terceira idade San Pedro e concesión dun Plan Básico Municipal para a xestión urbanística.

Luisa Piñeiro, que con este encontro completou as súas visitas institucionais polos 47 concellos da área territorial de Pontevedra garantiu a continuidade da “colaboración e apoio” da Xunta de Galicia co Concello de Crecente no marco do clima de entendemento entre ambas administracións e lembrou que o executivo galego investiu 4,5 millóns de euros neste municipio nos últimos catro anos, con especial incidencia nas áreas de saneamentos públicos, medio rural e política social. Ademais, a delegada territorial tamén anunciou que o Concello de Portas vaise beneficiar, alomenos, de 357.000€ en investimentos e servizos da Xunta de Galicia o vindeiro ano, con especial protagonismo para obras de abastecemento e saneamento, segundo se recolle no proxecto autonómico de orzamentos, aínda que adiantou que estas partidas son as específicas e que a contía aumentará coas ordes de axudas e outros plans.

O PSdeG-PSOE de Redondela, sorprendido polas declaración de AER sobre a súa continuidade no Goberno

0

A Agrupación local do PSdeG-PSOE de Redondela quixo hoxe cortar posibles especulacións sobre as manifestacións realizadas por AER, nas que a formación asemblearia e compoñente do Goberno local, aseguraba que no vindeiro ano “decidirán se manterse no Goberno ou pasarse á oposición”.

O secretario xeral dos socialistas redondeláns, Leonardo Cabaleiro, subliñou que o comunicado enviado por AER aos medios, “foi a primeira noticia que tivemos sobre esta postura”, algo que lle estraña “porque sempre mantivemos unha relación transparente e de total colaboración que, ao noso entender, é o único xeito de que funcione un Goberno de coalición”.

O secretario xeral dos e das socialistas de Redondela, evitou entrar a valorar os motivos da postura adoptada por AER pero asegurou ser partidario “do diálogo aberto e honrado” como un dos mellores medios para solucionar os problemas. “Cando o PSdeG-PSOE chega a un acordo de Goberno como o que se acadou en Redondela, o cumprimos de xeito escrupuloso”, motivo polo non acerta a comprender “cales son os posibles puntos de desencontro” nun Goberno no que as relacións entre os concelleiros e concelleiras de ámbalas dúas formacións coaligadas “son fluídas, de absoluta normalidade e total colaboración”.

Gobernar en coalición non é doado, afirma o secretario xeral do PSdeG-PSOE de Redondela “pero pódese facer nun clima de normalidade sempre e cando as dúas partes compartan un obxectivo común que, no noso caso, é o desenvolvemento de Redondela en todos os aspectos e devolverlle a normalidade democrática logo de anos de gobernos conservadores”.

Finalmente, Leonardo Cabaleiro quixo deixar claro o respaldo “total e sen fisuras” á xestión da alcaldesa de Redondela Digna Rivas e insistiu en estar “abertos ao diálogo tanto con AER coma con todas as forzas políticas que teñan unha visión progresista da sociedade”.

A proposta de #DefensorasdeDereitos e a Deputación para sementar o cambio dende a lectura

Defender os dereitos humanos como proxecto vital e político nunha das rexións máis perigosas do mundo para levalo a cabo. Este é o nexo en común das tres protagonistas da colección ‘Defensoras de Dereitos’ que onte presentouse no Museo de Pontevedra nun acto que contou coa presidenta provincial Carmela Silva, a portavoz da Coordinadora Galega de ONGD, Lorena Seijo, e Marusia López, Co-fundadora de IM-Defensoras, que se conectou desde México. Os libros, escritos pola xornalista Lara Dopazo, están enmarcados no proxecto da Deputación e a Coordinadora, en colaboración coa Iniciativa Mesoamericana de Mujeres Defensoras de Derechos Humanos, e narran as vidas e o compromiso de Miriam Suazo, Estela Ángeles Mondragón e María Cuc Choc, tres activistas de Honduras, México e Guatemala, que forman parte das máis de 2.000 mulleres defensoras organizadas en Mesoamérica.

A colección pon en valor e visibiliza o imprescindible labor de mulleres defensoras de dereitos humanos que sementan o cambio e transforman o mundo a diario. Xunto ás súas historias, os libros falan do contexto social e político que está a provocar as situacións de desigualdade e inxustiza que afrontan as protagonistas. A colección está dirixida ao público xuvenil e ten un formato adaptado para que, desde os centros educativos e os espazos de educación non regrada como os centros socioculturais, se reflexione e traballe colectivamente o seu contido.

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, enxalzou ás mulleres da Iniciativa Mesoamricana como Marusia. “A realidade é diferente depende de onde naces ou vivas porque hai lugares onde nin sequera as estruturas son democráticas, onde nacer xa é un risco para a supervivencia. Sodes un exemplo de vida, dixo, e merecedes un recoñecemento global”. A presidenta provincial, que avanzou que “faremos un esforzo enorme por achegar estes libros a todos os centros educativos porque son un regalo de vida e porque estas experiencias teñen que chegar a todas partes”, tamén recoñeceu un dobre sentimento: “a indignación que sempre temos porque é intolerable que tiñamos que defender os dereitos da metade da poboación, pero tamén a alegría de ver estas redes de mulleres, o vínculo que temos que crear porque a loita dunha muller é a loita de todas e a loita nun lugar é a loita en calquera lugar”. “Esta loita, afirmou, é unha loita planetaria e debe ter unha resposta global, porque non remata nun territorio”. Carmela Silva insistiu en que “a Deputación o que fai é unha obriga porque as administracións teñen que apoiar as iniciativas que nacen da sociedade civil e que buscan xustiza. Só somos un instrumento e temos a responsabilidade de dar respostas”. E rematou con optimismo. “É un longo camiño hacia o que de momento é unha utopía, pero a utopía se transforma en realidade cando rematas ese camiño no que temos que estar todas e todos”.

Os libros, dirixidos ao público xuvenil, enmárcanse na iniciativa da Deputación de Pontevedra e a Coordinadora Galega de ONGD xunto á Iniciativa Mesoamericana de Mujeres Defensoras de Derechos Humanos

Pola súa banda, a portavoz da Coordinadora Galega de ONGD, Lorena Seijo, subliñou a importancia de “tecer rede con organizacións de países onde traballamos as ONGD galegas e de dar coñecer, entre a mocidade de Galicia, as causas das inxustizas e desigualdade que viven as comunidades das protagonistas dos libros”.

Miriam Suazo e a digna rabia(a partir de 12 anos) aborda a defensa dos dereitos das mulleres en Honduras; Estela Ángeles Mondragón e o camiño a Baqueachi (a partir de 14 anos) narra a loita polos dereitos territoriais da comunidade indíxena rarámuri do norte de México; e María Cuc Choc o corazón en alto(a partir de 15 anos) percorre a pugna pola recuperación das terras usurpadas por empresas extractivistas en Guatemala e a defensa dos dereitos das mulleres indíxenas maia q’eqchi’. Os tres libros distribuiranse gratuitamente a quen os solicite e poden atoparse en formato dixital nas distintas páxinas web das organizacións implicadas. A autora, Lara Dopazo é actualmente voluntaria da Asociación AGARESO que será quen acompañará os centros educativos que soliciten traballar os contidos dende as aulas. No acto de presentación, a escritora destacou “a valentía e forza das mulleres defensoras de dereitos malia as inxustizas e violencias que atravesan as súas vidas como consecuencia do seu traballo”. Segundo datos de IM-Defensoras, as alertas recibidas por esta organización dende o inicio da pandemia incrementáronse un 123%: medraron as detencións arbitrarias, as campañas de desprestixio, a represión e a criminalización. Dende marzo, 10 defensoras mesoamericanas foron asasinadas.

‘Defensoras de dereitos’, tamén contou nesta segunda edición cunha exposición fotográfica que ata o 20 de decembro poderá verse nos escaparates de 20 comercios de Gondomar e A Estrada. #Defensoras Semillas de Cambio recolle os retratos e as historias de vida de 15 mulleres defensoras de dereitos Humanos de Honduras, Guatemala, El Salvador, México e Nicaragua.

A alcaldesa de Redondela, vogal da Comisión de Benestar Social e Accesibilidade Universal da FEMP

0

A alcaldesa Digna Rivas participou esta semana na Comisión de Benestar Social e Accesibilidade Universal da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), da que a rexedora redondelá entrou a formar parte como vogal. A alcaldesa amosou a súa satisfacción polo feito de que “Redondela comece a contar e ter voz naqueles foros nos que se adoptan decisións importantes para os concellos”.

No terceiro punto da orde do día sobre ‘Propuestas de actuaciones relacionadas con la reconstrucción social y económica’, Digna Rivas defendeu a necesidade de que tanto o Estado coma as comunidades autónomas, “axuden aos concellos que nesta pandemia estiveron asumindo competencias que non lle corresponden para que os seus veciños e veciñas, non quedasen desamparados”, afirmou.

Rivas fixo especial fincapé na situación en Galicia na que os concellos tiveron que destinar “a maior parte dos nosos recursos económicos a asuntos relacionados coa COVID-19, tanto no que fai referencia á protección sanitaria das nosas veciñas e veciños, coma a evitar que as familias máis vulnerables quedara desprotexidas”.

A alcaldesa de Redondela considerou “moi importante” a presenza de Redondela nesta comisión da FEMP, “porque é –dixo– poñer en valor a importancia do noso municipio como cuarto da provincia e que nos da a oportunidade de ter voz nun foro de extraordinaria importancia á hora de adoptar decisións que inciden directamente sobre os concellos”.

Ponteareas reforza o apoio a entidades sociais asinando convenios con Afaga e Avelaíña

A alcaldesa accidental de Ponteareas, Cristina Fernández Davila mantivo encontros co presidente de Afaga, Juan Carlos Rodríguez, e cunha representación da directiva da Asociación Avelaíña, de cara á sinatura de senllos convenios que supoñen un apoio económico municipal para desenvolver os programas que ambas entidades levan a cabo en Ponteareas.

O Goberno local e Afaga (Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer e outras Demencias de Galicia) asinaron un convenio por importe total de 6.000 €, que permite a axuda no financiamento para desenvolver o Programa de estimulación cognitiva e funcional para persoas con demencia neurodexenerativa que se vén desenvolvendo no Centro Asprodico dúas tardes á semana. Este programa inclúe unha serie de obradoiros que teñen como obxectivos específicos manter as capacidades mentais e funcionais o máximo tempo posible, evitar a desconexión e fortalecer as relacións sociais, facilitar un descanso ós coidadores e/ou familiares e mellorar o seu estado emocional.

Sinatura do convenio entre o Concello de Ponteareas e Avelaíña

Por outro lado, o convenio asinado coa asociación Avelaíña, por un importe de 4.700 €, permite apoiar o Programa de integración de persoas con enfermidade mental no seu ámbito comunitario, que inclúe unha serie de obradoiros que teñen como obxectivos mellorar a calidade de vida das persoas con enfermidade mental, os seus familiares e achegados e mellorar a súa atención no seu entorno psicosocial e comunitario máis próximo.

A alcaldesa accidental, Cristina Fernández Davila, e a concelleira de Benestar Social, Verónica Carrera, queren agradecer unha vez máis a labor tan importante que estas entidades veñen desenvolvendo na nosa vila. “As persoas con demencia ou con algunha enfermidade mental sufriron en maior medida as consecuencias do confinamento provocado pola COVID-19, sendo estas entidades un apoio imprescindíbel para estas persoas e as súas familias”, indicaron.

Salceda aposta pola cultura segura nun programa de Nadal con máis dunha ducia de actividades centradas no público infantil

A Casa da Cultura Castelao acolleu esta mañá a presentación da programación de Nadal do Concello de Salceda de Caselas, que se estenderá ata o día 5 de xaneiro con máis dunha ducia de actividades centradas no público infantil pois, tal e como definiu o Concelleiro de Cultura, Alex Rodríguez, “os nenos e nenas lévano pasando mal todo o ano, e temos que admitir que son os que mellor o están a facer, polo que se merecen este recoñecemento ao seu esforzo”.

A pandemia fixo este ano inviable a celebración de citas tradicionais como o certame de panxoliñas das corais, os concertos da banda e da escola de música ou a carreira San Silvestre, que este ano non poderán celebrarse. Pero dende o Concello se algo teñen claro é que os nenos e nenas non podían perder a ilusión do Nadal, polo que se programan citas para eles como a visita dos Bolechas ou a das máis populares figuras de Nadal: o Apalpador, Papá Noel e os Reis Magos. Estes últimos, ante a imposibilidade de realizar a tradicional cabalgata, recibirán aos cativos e cativas na tarde do 5 de xaneiro con tódalas medidas de seguridade. Este ano, ademais, poderán entregarlle a carta ás súas maxestades dentro da campaña que se porá en marcha e que lles facilitará os modelos de carta en galego en colaboración coa Mesa pola Normalización Lingüística.

O prato forte será sen dúbida o Pequeno Circo de Nadal, que chega a Salceda por segundo ano consecutivo da man da compañía Nelson Quinteiro, e que se instalará na Praza do Concello, con actividades dende o 21 ata o 24 de decembro: concertos, visitas de personaxes, danza, pintura, etc. Unha das novidades este ano serán as visitas virtuais de Papá Noel, que se deberán solicitar previamente por whatsapp no 635886929. Ademais todas as actividades do Pequeno Circo de Nadal serán retransmitidas en streaming na canle de youtube do Concello de Salceda de Caselas para que ningún neno ou nena se quede sen poder velas.

Verónica Tourón, Concelleira de comercio, presentou tamén as diversas actividades para a dinamización do comercio organizadas dende o Concello: o segundo concurso de escaparates de Nadal no que participan 15 comercios da vila, as iniciativas do “Noites na Rúa” que volverán celebrarse a principios de xaneiro ou a plataforma de venda online “De Barrio”, que conta xa con 15 establecementos adheridos e que segue a medrar día tras día. Aproveitou tamén a ocasión para adiantar que o vindeiro domingo 19 de decembro o comercio da vila permanecerá aberto para facilitar as últimas compras de Nadal.

Loli Castiñeira, “a cultura é unha actividade esencial”

Loli Castiñeira, Alcaldesa de Salceda, destacou que Salceda conta a día de hoxe con 1.590 nenos e nenas de 0 a 14 anos, polo que non se podería elaborar unha programación de Nadal na que non fosen protagonistas. A alcaldesa defendeu a cultura como unha “actividade esencial”, e que así foi considerada sempre en Salceda, pois o Concello conseguiu sacar adiante durante a pandemia dous ciclos culturais, os actos institucionais do Cristo e salcedenses distinguidos/as, a who rules Galicia para a xuventude, ou agora este ciclo de actividades de Nadal, que definiu como “moi ambicioso para un Concello do tamaño do noso”. Lembrou ademais que todos os actos que se levaron a cabo durante o ano contaron con rigorosos protocolos de seguridade, deixando claro unha vez máis que a cultura é segura, e que dende o Concello se vai seguir apoiando ao sector cultural como sempre se fixo, como demostra o feito de que se mantivesen os máis de 90.000 € en axudas ao tecido asociativo nun ano no que moitas das asociacións mantiveron paradas as súas actividades.

Quixo a alcaldesa mencionar tamén o alumeado de Nadal, destacando que “Non somos Vigo pero temos máis de 400.000 leds nas nosas rúas cun deseño elegante e sobrio, de cores cálidas, e polo que moitas persoas nos levan trasladado xa os parabéns”. O alumeado de Nadal foi instalado ademais por unha empresa local, contribuíndo deste xeito tamén á dinamización económica de Salceda.

Por último, a alcaldesa agradeceu o traballo de Protección Civil ao longo de todo o ano, lembrando que para que estes actos sexan posibles resulta fundamental a súa laboura de control das medidas de seguridade.

Este Nadal fotografía O Rosal!

0

O Concello continúa propoñendo iniciativas para dinamizar os espazos públicos do municipio nestas datas tan sinaladas. Así, dende este venres 18 de novembro, pon en marcha a mostra de fotografías ‘Nadal no Rosal’, un xogo que busca dar visibilidade á localidade rosaleira a través de imaxes. Anímase a toda a veciñanza a sacarse fotografías nas que apareza algún elemento decorativo de Nadal instalado polo Concello en espazos públicos, como os Reis Magos, arcos de luces, caixa de luz, árbores, luces… e a subilo ás redes sociais.

Non se trata dun concurso, senón dun espazo aberto a toda a poboación no que se pedirá compartir en Facebook imaxes de persoas e familias desfrutando do Nadal en zonas públicas do Rosal acompañadas do hashtag #NadalnoRosal, etiquetando ao @concellodorosal e indicando o lugar onde se realizou a fotografía.

No caso de que aparezan menores de idade, darase por feito que os adultos responsables dan o seu consentimento expreso para a utilización da imaxe en redes sociais. Ademais, o feito de compartir a fotografía suporá a conformidade para o emprego por parte do Concello da imaxe para futuros usos, como exposicións ou arquivo.

Pídese que todas estas fotografías se publique en redes do 18 ao 31 de decembro.

A Xunta recomenda que as xuntanzas de Nadal se cingan exclusivamente a unha única unidade familiar de conviventes

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, presentou esta mañá en rolda de prensa o conxunto de medidas acordadas na derradeira xuntanza do Comité clínico, de cara á celebración das vindeiras festas de Nadal. Así, sinalou que a recomendación principal da Xunta Galicia é que as xuntanzas das celebracións navideñas se cingan a unha única unidade familiar, composta exclusivamente por persoas conviventes.

García Comesaña puntualizou que no caso de non ser posible o cumprimento desta recomendación, o número máximo de unidades familiares aconsellado non debe exceder de dúas.

Por outra banda, no caso de reunirse persoas que pertencen a máis de dúas unidades familiares, o número de persoas adultas que se poden reunir, non poderá exceder da cifra de seis. Sobre este último apuntamento, o conselleiro precisou que os nenos e nenas menores de 10 anos non computarían na contabilización global.

O responsable da carteira sanitaria galega explicou que “é preciso limitar ao máximo as interaccións sociais durante os vindeiros días, co obxectivo de atallar a expansión do coronavirus na comunidade galega”, destacando que, Galicia permanecerá pechada entre o 23 de decembro e o 6 de xaneiro, agás no caso de visitar aos familiares os días de celebración do Nadal, ou por motivos laborais, sanitarios ou educativos.

No que atinxe á mobilidade nocturna e aos horarios de regreso ao domicilio, os días 24 e 31 de decembro, o grupo de expertos que asesora ao Executivo galego fixou ás 1:30 horas como límite para retorno ao fogar.

Decálogo de recomendacións para o Nadal

Co ánimo de optimizar as medidas de prevención e reducir ao máximo a expansión do virus Sars-Cov-2 durante os festexos, o Comité clínico de expertos definiu un decálogo de medidas a ter en conta durante as vindeiras datas.

Así, e xunto coa recomendación de cinguir exclusivamente as xuntanzas navideñas a unidades de familiares de conviventes, aconsella que na medida do posible estas celebracións teñan lugar en espazos ao aire libre ou con boa ventilación, e en mesas de amplas dimensións.

O decálogo apunta que as mesas deben ser postas pola mesma persoa, quen ademais desinfectará as súas mans dun xeito continuo. Así mesmo, a totalidade dos comensais deberán manter a máscara durante a cea -sempre que sexa posible-, recomendando non compartir nin bebidas nin alimentos durante o festexo.

Nesta mesma liña, o conselleiro de Sanidade subliñou que as unidades familiares que se xunten nas noites do 24 e 31 de decembro deberán de ser as mesmas en ambos días, e non ter carácter rotatorio con outra familia.

Por último, o conselleiro de Sanidade lembrou que as persoas que visiten aos seus familiares durante as festas de Nadal, e procedan de territorios cun alta incidencia epidemiolóxica, teñen a obriga de inscribirse no rexistro de viaxeiros de Galicia, unha conxuntura que pode levar aparellada a realización dunha proba diagnóstica. Estas probas tamén serán extensivas a todos os estudantes que proveñan de fóra de Galicia, -independentemente do lugar de procedencia-, e incluso se lle realizara a aqueles que se desplacen polo interior da comunidade autónoma, sempre que se inscriban no rexistro de viaxeiros.

O titular de Sanidade apelou unha vez máis á responsabilidade cidadá e ao cumprimento das medidas e recomendacións establecidas, incidindo en que “debemos limitar ao máximo os contactos sociais fóra das unidades familiares”, pois ”non podemos tirar pola borda, todo o traballo e esforzo que levamos realizado nestes meses”.

As medidas acordadas poderán ser obxecto de modificacións de acordo á evolución epidemiolóxica que rexistre a comunidade galega, así, cómpre lembrar que o vindeiro 21 de decembro voltará a reunirse o Comité clínico.

Remate o prazo para o pagamento dos recibos de lixo, vaos de garaxe e taxa pola reserva da vía pública (taxis) do 2020 en Redondela

0

O Concello de Redondela pon en coñecemento de todos os interesados e interesadas que o vindeiro 18 de decembro, remata o prazo para o pagamento en período voluntario dos recibos da Taxa pola recollida do lixo, Taxa por entrada de vehículos (vaos) e a Taxa pola reserva da vía pública (taxis) correspondentes ao exercicio 2020.

As e os contribuíntes que non recibiran no seu domicilio as cartas de pagamento (recibos) necesarios para realizar o pago en calquera das entidades bancarias colaboradoras –Abanca, Caixabank Banco Bilbao Vizcaya ou na Oficina Virtual Tributaria–, poderán solicitar un duplicado dos mesmos na Oficina de Recadación e Xestión Tributaria do Concello de Redondela sita. na Rúa Ernestina Otero 35 bx. (horario de atención ó público: mañás de luns a venres de 9:00 h a 14:00 h e tardes de luns a xoves de 16:00 h a 19:00 horas) ou na Oficina de Chapela situada na Avenida de Redondela 19 (horario de atención ao público os mércores de 9:00 h a 14:00 h).

Cómpre salientar que por mor da situación sanitaria, atenderase presencialmente de modo preferente mediante cita previa. Para mais información, interesadas e interesados poden dirixirse ao teléfono de atención ao contribuínte 986 408 374, ao correo electrónico [email protected] ou a través da Oficina Virtual Tributaria https://redondela.tributoslocales.es

Unha vez finalizado este prazo de período voluntario de pagamento, o cobro realizarase por vía executiva aplicando as recargas de apremio regulamentarias.

O Concello da Guarda presenta o orzamento para o 2021

0

O equipo de goberno do Concello da Guarda presentará este venres 18 de decembro os  orzamentos  do próximo exercicio para a súa aprobación inicial polo Pleno Municipal.

O pasado mes de outubro comezaron os traballos de confección dun novo orzamento para o exercicio 2021, xa que o concello estaba traballando co prorrogado do ano 2018 e se atopaba con moitos problemas e moitas limitacións á hora de solucionar determinadas necesidades da veciñanza. Dende o mes de outubro se trasladou información aos diferentes grupos municipais e houbo reunións cos grupos que así o propiciaron coa vontade de chegar a acordos.

Co novo orzamento, que supera os 7 millóns de euros, o concello vai poder afrontar subvencións de diferentes administracións que requiren aportación municipal para poder levalas a cabo. Contempla tamén a transferencia á Xunta de Galicia por 281.294€ que é a aportación municipal para a construción da nova Escola Infantil, que está nestes intres en proceso de licitación.

Estes orzamentos contemplan un importante  esforzo orzamentario  na partidas de servizos sociais que superan a cifra de 616.000€,  producíndose un importante  incremento de máis do 40% dos recursos adicados a este departamento, onde o concepto que experimenta a maior suba é o que se refire á atención das persoas dependentes. O incremento do número de horas que se prestan ao coidado das persoas maiores fan que sexa necesario dotar máis crédito para poder afrontar a execución do gasto. Tamén  hai un incremento do 20% nas partidas adicadas a emerxencia social.

Así mesmo, estes orzamentos prevén a cobertura de novas necesidades ocasionadas pola pandemia e que terán que ser afrontadas no 2021.  Entre outros destacamos os  gastos ocasionados pola necesaria desinfección de espazos públicos, mantemento e reforzo de limpeza en espazos naturais,  acondicionamento de sendas, material de protección ante a covid  e o reforzo de limpeza  para a desinfección en escolas e centros educativos do municipio. En definitiva,  continuar traballando co orzamento de 2018 suporía non atender ás actuais demandas e paralizar o concello.  Co novo orzamento o equipo de goberno pretende  satisfacer as necesidades da veciñanza por medio da prestación dos servizos que son competencia municipal, afrontar os retos que prantexa o 2021 e respostar ás diferentes  problemáticas que orixina ter que convivir coa pandemia orixinada pola Covid-19.