Carlos Gómez Prado, alcalde de Baiona, mantivo onte xoves ao mediodía unha reunión telemática con responsables da Consellería de Sanidade na que se valorou a evolución epidemiolóxica da Covid-19, despois de que se comunicase que o municipio se atopa en nivel de alerta máxima. Tras analizar pormenorizado a situación, o rexedor baionés ha decidido suspender as actividades da programación cultural do Nadal Bai Nadal ata nova orde marcada pola Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia.
O alcalde apela, máis que nunca, á responsabilidade colectiva e individual para que se reverta a curva de contagios e volvamos a unha situación de certa normalidade, como acontecía ata fai non moito. Ademais Gómez Prado tamén se reuniu co oficial xefe da policía local, co fin de analizar a situación e as medidas para implementar a nivel local.
O rexedor sinala que “é preciso que manteñamos a tranquilidade e a serenidade, e que interioricemos cal é a nosa nova normalidade”, ademais de chamar a unha actitude “dun pobo cohesionado e unido”. Así mesmo, insístese en que a cidadanía manteña as medidas de seguridade e hixiene establecidas polas autoridades sanitarias, como son o uso obrigatorio da máscara, o mantemento da distancia interpersoal, o lavado continuado de mans e a utilización de xel hidroalcólico.
Desde esta medianoite, as veciñas e veciños de Baiona non poden entrar nin saír da vila excepto en casos estritamente necesarios e xustificados. Así mesmo, prodúcense algunhas modificacións en canto ás reunións sociais e funcionamento dalgúns sectores produtivos. Neste sentido limítanse os grupos para o desenvolvemento de calquera actividade ou evento de carácter familiar ou social na vía pública, espazos de uso público ou espazos privados, a un máximo de catro persoas, excepto no caso de persoas conviventes en que non se aplicará esta limitación .
Ademais, nos establecementos de hostalería e restauración estará prohibido o consumo no interior, e tan só permitiranse as terrazas ao 50 %, cun horario de peche ás 17.00 h. A ocupación máxima será de 4 persoas por mesa ou agrupación de mesas, respectando a distancia mínima de seguridade interpersoal entre elas. No documento oficial da Xunta de Galicia, establécese o peche temporal de certas actividades consideradas non esenciais, entre as que se atopan as dos locais de lecer nocturno, salas de festas ou centros de lecer infantil, entre outras.