9.6 C
Pontevedra
Xoves, 28 de Marzo de 2024
Máis
    HomeO CondadoSalvaterra de MiñoA Xunta comeza as obras de ampliación da escola infantil de Salvaterra...

    A Xunta comeza as obras de ampliación da escola infantil de Salvaterra de Miño

    O centro pasará de catro unidades e 61 prazas a seis unidades e 82 prazas

    O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, acompañado da delegada  territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, e da alcaldesa de Salvaterra de Miño, Marta Valcárcel Gómez, participou no inicio das obras de ampliación da escola infantil a Galiña Azul da localidade.

    As obras, cuxo proxecto ascende a algo máis de 200.000 euros, teñen un prazo de execución estimado de seis meses, e a previsión é que os novos espazos estean a disposición das familias para o vindeiro curso 2021-2022. O centro conta na actualidade con catro unidades e 61 prazas. Tras estas actuacións ampliará o número de prazas ata un máximo de 82 e seis unidades.

    O xerente do Consorcio destacou que esta actuación vén cubrir unha necesidade que existía no municipio, xa que as instalacións levaban anos rexistrando listaxe de agarda, polo que a ampliación mellorará as posibilidades de conciliación das familias de Salvaterra e tamén da súa comarca.

    Aulas, aseos e sala de usos múltiples

    O proxecto prevé a creación, nunha edificación anexa, de dúas aulas e dous aseos, así como a ampliación da sala de usos múltiples e a habilitación dunha zona para o aparcamento dos carriños. As obras permitirán ampliar a superficie útil da escola en preto de 250 metros cadrados. As actuacións, aínda que se desenvolverán durante o curso, están planificadas para evitar as molestias mentres a escola estea en funcionamento, creando accesos independentes para as familias e os operarios. Ademais, evitaranse os ruídos durante os momentos de descanso das nenas e nenos.

    A Consellería de Política Social, a través do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, asinou un convenio co Concello para o financiamento destas obras por un importe de algo máis de 200.000 euros. A Xunta investirá 161.000 euros e o Concello de Salvaterra de Miño asumirá a cantidade restante, ademais dos custes derivados da redacción do proxecto e dirección de obra, entre outros traballos. Está previsto que a Consellería de Política Social invista, unha vez executadas as obras, 38.000 euros máis para o equipamento das aulas.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.