Defender os dereitos humanos como proxecto vital e político nunha das rexións máis perigosas do mundo para levalo a cabo. Este é o nexo en común das tres protagonistas da colección ‘Defensoras de Dereitos’ que onte presentouse no Museo de Pontevedra nun acto que contou coa presidenta provincial Carmela Silva, a portavoz da Coordinadora Galega de ONGD, Lorena Seijo, e Marusia López, Co-fundadora de IM-Defensoras, que se conectou desde México. Os libros, escritos pola xornalista Lara Dopazo, están enmarcados no proxecto da Deputación e a Coordinadora, en colaboración coa Iniciativa Mesoamericana de Mujeres Defensoras de Derechos Humanos, e narran as vidas e o compromiso de Miriam Suazo, Estela Ángeles Mondragón e María Cuc Choc, tres activistas de Honduras, México e Guatemala, que forman parte das máis de 2.000 mulleres defensoras organizadas en Mesoamérica.
A colección pon en valor e visibiliza o imprescindible labor de mulleres defensoras de dereitos humanos que sementan o cambio e transforman o mundo a diario. Xunto ás súas historias, os libros falan do contexto social e político que está a provocar as situacións de desigualdade e inxustiza que afrontan as protagonistas. A colección está dirixida ao público xuvenil e ten un formato adaptado para que, desde os centros educativos e os espazos de educación non regrada como os centros socioculturais, se reflexione e traballe colectivamente o seu contido.
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, enxalzou ás mulleres da Iniciativa Mesoamricana como Marusia. “A realidade é diferente depende de onde naces ou vivas porque hai lugares onde nin sequera as estruturas son democráticas, onde nacer xa é un risco para a supervivencia. Sodes un exemplo de vida, dixo, e merecedes un recoñecemento global”. A presidenta provincial, que avanzou que “faremos un esforzo enorme por achegar estes libros a todos os centros educativos porque son un regalo de vida e porque estas experiencias teñen que chegar a todas partes”, tamén recoñeceu un dobre sentimento: “a indignación que sempre temos porque é intolerable que tiñamos que defender os dereitos da metade da poboación, pero tamén a alegría de ver estas redes de mulleres, o vínculo que temos que crear porque a loita dunha muller é a loita de todas e a loita nun lugar é a loita en calquera lugar”. “Esta loita, afirmou, é unha loita planetaria e debe ter unha resposta global, porque non remata nun territorio”. Carmela Silva insistiu en que “a Deputación o que fai é unha obriga porque as administracións teñen que apoiar as iniciativas que nacen da sociedade civil e que buscan xustiza. Só somos un instrumento e temos a responsabilidade de dar respostas”. E rematou con optimismo. “É un longo camiño hacia o que de momento é unha utopía, pero a utopía se transforma en realidade cando rematas ese camiño no que temos que estar todas e todos”.
“
Os libros, dirixidos ao público xuvenil, enmárcanse na iniciativa da Deputación de Pontevedra e a Coordinadora Galega de ONGD xunto á Iniciativa Mesoamericana de Mujeres Defensoras de Derechos Humanos
Pola súa banda, a portavoz da Coordinadora Galega de ONGD, Lorena Seijo, subliñou a importancia de “tecer rede con organizacións de países onde traballamos as ONGD galegas e de dar coñecer, entre a mocidade de Galicia, as causas das inxustizas e desigualdade que viven as comunidades das protagonistas dos libros”.
Miriam Suazo e a digna rabia(a partir de 12 anos) aborda a defensa dos dereitos das mulleres en Honduras; Estela Ángeles Mondragón e o camiño a Baqueachi (a partir de 14 anos) narra a loita polos dereitos territoriais da comunidade indíxena rarámuri do norte de México; e María Cuc Choc o corazón en alto(a partir de 15 anos) percorre a pugna pola recuperación das terras usurpadas por empresas extractivistas en Guatemala e a defensa dos dereitos das mulleres indíxenas maia q’eqchi’. Os tres libros distribuiranse gratuitamente a quen os solicite e poden atoparse en formato dixital nas distintas páxinas web das organizacións implicadas. A autora, Lara Dopazo é actualmente voluntaria da Asociación AGARESO que será quen acompañará os centros educativos que soliciten traballar os contidos dende as aulas. No acto de presentación, a escritora destacou “a valentía e forza das mulleres defensoras de dereitos malia as inxustizas e violencias que atravesan as súas vidas como consecuencia do seu traballo”. Segundo datos de IM-Defensoras, as alertas recibidas por esta organización dende o inicio da pandemia incrementáronse un 123%: medraron as detencións arbitrarias, as campañas de desprestixio, a represión e a criminalización. Dende marzo, 10 defensoras mesoamericanas foron asasinadas.
‘Defensoras de dereitos’, tamén contou nesta segunda edición cunha exposición fotográfica que ata o 20 de decembro poderá verse nos escaparates de 20 comercios de Gondomar e A Estrada. #Defensoras Semillas de Cambio recolle os retratos e as historias de vida de 15 mulleres defensoras de dereitos Humanos de Honduras, Guatemala, El Salvador, México e Nicaragua.