Martes, 18 Marzo de 2025

Este Nadal fotografía O Rosal!

O Concello anima a toda a veciñanza a sacarse unha foto coa decoración de nadal dos espazos públicos, subila ás redes co hashtag #NadalnoRosal e etiquetando ao concello

O Concello continúa propoñendo iniciativas para dinamizar os espazos públicos do municipio nestas datas tan sinaladas. Así, dende este venres 18 de novembro, pon en marcha a mostra de fotografías ‘Nadal no Rosal’, un xogo que busca dar visibilidade á localidade rosaleira a través de imaxes. Anímase a toda a veciñanza a sacarse fotografías nas que apareza algún elemento decorativo de Nadal instalado polo Concello en espazos públicos, como os Reis Magos, arcos de luces, caixa de luz, árbores, luces… e a subilo ás redes sociais.

Non se trata dun concurso, senón dun espazo aberto a toda a poboación no que se pedirá compartir en Facebook imaxes de persoas e familias desfrutando do Nadal en zonas públicas do Rosal acompañadas do hashtag #NadalnoRosal, etiquetando ao @concellodorosal e indicando o lugar onde se realizou a fotografía.

No caso de que aparezan menores de idade, darase por feito que os adultos responsables dan o seu consentimento expreso para a utilización da imaxe en redes sociais. Ademais, o feito de compartir a fotografía suporá a conformidade para o emprego por parte do Concello da imaxe para futuros usos, como exposicións ou arquivo.

Pídese que todas estas fotografías se publique en redes do 18 ao 31 de decembro.