10 C
Pontevedra
Mércores, 24 de Abril de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoO RosalO Concello comeza as obras de recuperación de hábitats naturais no espazo...

    O Concello comeza as obras de recuperación de hábitats naturais no espazo Rede Natura nas Eiras

    Crearase un aparcamento amplo ao marxe da estrada e impedirase o acceso de vehículos ata a praia, ademais de proceder á retirada de varias especies exóticas invasoras

    O Concello do Rosal acaba de poñer en marcha o proxecto de recuperación de hábitats naturais no espazo Rede Natura nas Eiras, unhas obras que comezaron a executarse esta mesma semana e que se prolongarán durante o ano 2021 coas que se busca dar un impulso á recuperación e posta en valor das ribeiras do Miño ao seu paso polo municipio. Para a realización destas actuacións o Concello conseguiu unha subvención de máis de 24.000 euros da Xunta de Galicia ao abeiro das axudas a investimentos non produtivos vinculadas á realización de obxectivos agroambientais e climáticos en concellos incluídos na Rede Natura 2000, cofinanciadas con fondos Feader no marco do Prorgama de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020.

    Esta zona, integrada nunha franxa continua da ribeira galega do curso baixo do río Miño considerada Zona de Especial Conservación e Zona de Especial Proteccións para as Aves, vese afectada na época estival “pola grande afluencia de persoas que acoden a ela a desfrutar da praia ou da ruta homologada da Senda dos Pescadores, enchendo en ocasións de vehículos ata a beira mesma do río, ocupando áreas potenciais para actividades de lecer, deteriorándose a paisaxe e provocando danos á vexetación”, explica a concelleira de Medio Ambiente do Rosal, Sara Vicente.

    Para evitar o progresivo deterioro, o Concello realizará varias intervencións que permitan a reordenación do espazo público empregando modelos máis respectuosos coa natureza, retirando os vehículos motorizados da contorna da praia das Eiras e da beira do río. Para iso xa está a habilitar unha zona de aparcamento en batería no límite do espazo natural, coincidente coa marxe da estrada local próxima á ribeira e con capacidade para coller ao moitos dos turismos que accedían ata a beira.

    Esta medida complementarase coa instalación de estruturas que impidan o acceso dos vehículos ata a praia e cortando a pista existente na actualidade, que quedará para uso exclusivo de peóns e bicicletas, así como de ambulancias ou máquinas da comunidade de montes para o mantemento da zona. Todo isto vai permitir a rexeneración da zona e “mellorar o estado de conservación dos tipos de hábitat naturais así como as condicións do seu ámbito nos espazos protexidos Rede Natura 2000 con tipoloxía de zonas húmidas e corredores fluviais”.

    Por outra banda, promoverase a información e concienciación ambiental a través da instalación de sinalización que permita comprender os obxectivos beneficiosos de limitar o acceso de vehículos a motor e potenciar o uso peonil. As actuacións rematarán coa eliminación de especies invasoras dispersas, así como do foco de robinia ou falsa acacia, unha árbore orixinaria do norte de América de presenza menos frecuente que a acacia negra pero cun comportamento invasor máis agresivo e de maior resistencia aos tratamentos. Estes traballos de erradicación son complementarios a outros levados a cabo noutras zonas do Baixo  Miño, como os que se desenvolven nas ribeiras de San Xoán de Tabagón e San Miguel de Tabagón por iniciativa das respectivas comunidades de montes.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.