A Agrupación local do PSdeG-PSOE de Redondela quixo hoxe cortar posibles especulacións sobre as manifestacións realizadas por AER, nas que a formación asemblearia e compoñente do Goberno local, aseguraba que no vindeiro ano “decidirán se manterse no Goberno ou pasarse á oposición”.
O secretario xeral dos socialistas redondeláns, Leonardo Cabaleiro, subliñou que o comunicado enviado por AER aos medios, “foi a primeira noticia que tivemos sobre esta postura”, algo que lle estraña “porque sempre mantivemos unha relación transparente e de total colaboración que, ao noso entender, é o único xeito de que funcione un Goberno de coalición”.
O secretario xeral dos e das socialistas de Redondela, evitou entrar a valorar os motivos da postura adoptada por AER pero asegurou ser partidario “do diálogo aberto e honrado” como un dos mellores medios para solucionar os problemas. “Cando o PSdeG-PSOE chega a un acordo de Goberno como o que se acadou en Redondela, o cumprimos de xeito escrupuloso”, motivo polo non acerta a comprender “cales son os posibles puntos de desencontro” nun Goberno no que as relacións entre os concelleiros e concelleiras de ámbalas dúas formacións coaligadas “son fluídas, de absoluta normalidade e total colaboración”.
Gobernar en coalición non é doado, afirma o secretario xeral do PSdeG-PSOE de Redondela “pero pódese facer nun clima de normalidade sempre e cando as dúas partes compartan un obxectivo común que, no noso caso, é o desenvolvemento de Redondela en todos os aspectos e devolverlle a normalidade democrática logo de anos de gobernos conservadores”.
Finalmente, Leonardo Cabaleiro quixo deixar claro o respaldo “total e sen fisuras” á xestión da alcaldesa de Redondela Digna Rivas e insistiu en estar “abertos ao diálogo tanto con AER coma con todas as forzas políticas que teñan unha visión progresista da sociedade”.