Venres, 13 Xuño de 2025

A Guarda agradece o traballo da Asociación Avelaíña no Día Mundial da Saúde Mental

0

O Concello da Guarda sumouse á campaña que leva a cabo a Asociación Avelaíña ao longo do mes de outubro, co obxectivo de sensibilizar e informar á poboación sobre a enfermidade mental, co acendido do alumeado de cor verde na fachada do consistorio, ademais da pancarta conmemorativa que dende o pasado luns luce nos balcóns do concello. Este acendido estenderase ao longo desta semana.

O 10 de outubro celebrouse o Día Mundial da Saúde Mental, conmemoración que pretende sensibilizar e informar sobre a importancia do coidado da saúde mental e a defensa dos dereitos das persoas que teñen algún problema desta índole. Este ano, o tema elixido a nivel mundial para esta conmemoración é a saúde mental nun mundo desigual, chamando a atención sobre aqueles factores que impiden que o coidado da saúde mental poida chegar a todas as persoas en igualdade de condicións.

A Asociación Avelaíña

A Asociación Avelaíña é unha entidade sen ánimo de lucro que nace no ano 1997 na comarca do Baixo Miño, coa misión de potenciar a inclusión das persoas con problemas de saúde mental mediante a promoción da súa calidade de vida e a dos seus familiares. Foi declarada Entidade de Utilidade Pública no ano 2010.

Tras 24 anos de andadura, na actualidade a asociación está integrada por 18 profesionais e máis de 400 persoas socias con enfermidade mental, familiares, coidadores e persoas sensibilizadas ante este problema de saúde. Sendo o seu ámbito de actuación a provincia de Pontevedra.

Hoxe en día Avelaíña está presente   no Baixo  Miño, Val  Miñor,  no  Condado,  na  Paradanta  e en Salceda  de  Caselas e conta con numerosos convenios e concertos con organismos públicos, promovendo  aquelas  intervencións  na  área  da saúde mental non cubertas polas institucións existentes e  procurando unha mellor relación entre a persoa e o seu medio.

Arbo, viño e adegas

0

O municipio de Arbo é o prototipo de zona que conta cun microclima propio. A influencia atlántica da que gozan estas terras, con temperaturas suaves e precipitacións abundantes, permítelle dispoñer das horas de sol necesarias para que as uvas alcancen o seu punto exacto de madurez e, chegado o momento, poida dar un viño de excepcional calidade lexitimado por unha historia secular.

Encadrados dentro da Denominación de Orixe Rías Baixas, os viños de Arbo presentan exhaustivos controis de calidade que comezan xa nas propias parcelas, coa inspección das mesmas e o estudo das características dos viñedos. Estes rigorosos controis continuarán, posteriormente durante a vendima, comprobando a uva que entra en cada unha das adegas.

“Un total de doce adegas conforman a industria do viño en Arbo, sendo a actividade vitivinícola base da economía para os arbenses, que de forma tradicional seguen mantendo os seus viñedos e os seus viños, moitas delas cunha tradición familiar, con coñecementos transmitidos de pais a fillos”, informa o alcalde de Arbo, Horacio Gil.

As adegas de Arbo souberon estar á altura das circunstancias e adecuáronse ás novas técnicas de produción, pero sobre todo souberon atopar o máis difícil, o punto xusto de compatibilidade entre o cultivo e recollida artesanal da uva e a aplicación posterior de tecnoloxías de vangarda para a súa produción, mantendo unha calidade excepcional en todos os seus caldos.

“Os viños de Arbo, nas súas distintas variedades, son o acompañamento ideal para toda clase de pratos. Por iso supoñen un magnifico complemento á coidada gastronomía da zona” , prosegue o rexedor.

Do mesmo xeito que sucede co propio municipio, ofrecen magníficos contrastes. Variedades como o caíño, brancello, espadeiro e pedral, dan como froito un apetecible tinto. Albariño, Torrontés, Treixadura ou Loureiro, brindan viños brancos de exquisito padal e delicada fragrancia, monovarietales de albariño e polivarietales de albariño treixadura e loureira, que, do mesmo xeito que sucede cos demais brancos de Denominación de Orixe Rias Baixas, son secos, intensamente afrutados e cun retrogusto moi fino e prolongado.

A ribeira do Miño e os viñedos configuran a paisaxe e descobren unha antiga historia; Pesqueiras e Viñas conviven desde hai séculos nunha perfecta harmonía natural, necesaria e complementaria. Entre o tempo que transcorría entre armar e levantar a rede na captura do peixe, os arbenses, aprendían a plantar, enxertar, podar.

“A nosa gastronomía complétase cos mellores produtos da terra e, por suposto, cun bo viño. Cada final de verán, as nosas adegas recollen a uva de forma artesanal. O enoturismo é un dos nosos puntos fortes. O visitante goza tanto observando a vendima como catando un bo condado ou Albariño”, manifesta Horacio Gil.

O enoturismo vívese en Arbo e, a través dos roteiros guiados polas adegas, o visitante poderá coñecer de primeira man, o labor tan interesante que realizan os adegueiros deste Municipio. Algunhas das adegas, están situadas en antigos pazos, casas señoriales…
Na visita, non poden deixar de gozar do Enoturismo en Arbo: un turismo diferente, cheo de arraigamento, cultura e tradición.

Aberto o prazo de inscrición para unha nova quenda das rutas ornitolóxicas “Voando nas Rías Baixas”

A Deputación de Pontevedra abre hoxe luns, 11 de outubro, o prazo de inscrición para a terceira das rutas ornitolóxicas programadas dentro da cuarta edición da iniciativa “Voando nas Rías Baixas”, organizada pola institución provincial en colaboración con SEO Birdlife. O obxectivo é dar a coñecer a riqueza ornitolóxica da provincia e concienciar sobre a preservación de espazos naturais protexidos. Esta nova ruta, que se desenvolverá o 24 de outubro, permitirá coñecer a riqueza ornitolóxica e paisaxística do Complexo Intermareal Umia- O Grove, nos concellos de Cambados, O Grove, Meaño e Sanxenxo. Ofértanse 20 prazas para esta camiñada guiada de carácter gratuíto e as persoas interesadas poden anotarse  na páxina web da Deputación (https://www.depo.gal/voando-nas-rias-baixas).

O Complexo Intermareal Umia-O Grove trátase dun espazo protexido pola Rede Natura 2000 como Zona Húmida de Importancia Internacional e como Zona de Especial Interese Comunitario pola importancia da súa biodiversidade. No ano 2014 unha parte deste espazo foi declarado reserva ornitolóxica de SEO/BirdLife, sendo a reserva ornitolóxica máis grande de España, a única de Galicia e a única que conta con medio mariño. Trátase dunha das mellores zonas de España para a observación de aves acuáticas invernantes, tanto pola diversidade coma pola cantidade, pois máis de 18.000 exemplares pasan os meses fríos nesta reserva. Entre as numerosas especies que se concentran no Complexo Intermareal Umia-O Grove destacan cullereiros, gabitas, virapedras, pilros, mazaricos, píllaras, biluricos, parrulos, garzas, gaivotas, carráns e corvos mariños.

A  andaina estará conducida por dúas experimentadas persoas guías ornitolóxicas de SEO Birdlife Pontevedra. Como recomendacións para as/os participantes, aconséllase levar roupa cómoda e calzado apropiado para moverse polo campo, así como protector solar. Cada participante terá á súa disposición prismáticos de observación de aves, así como dous telescopios terrestres de alta gama para poder desfrutar das aves sen molestalas. Tamén recibirán como material didáctico unha Guía de aves, así como unha lista de aves para que elaboren a súa lista durante a ruta. No caso daquelas persoas que dispoñan de prismáticos e guías de campo recoméndase que os leven, ao igual que unha pequena libreta para aprender a facer un caderno de campo.

Despois desta terceira ruta, o resto continuará a partir do mes de novembro, coa camiñada pola Enseada de San Simón (Redondela, Soutomaior, Pontevedra e Vilaboa) o día 14, coas inscricións abertas desde o día 2 de novembro. “Voando nas Rías Baixas” concluirá o 19 de decembro coa ruta polo Estuario do Río Miño (A Guarda) e pola Foz da Ramallosa (Nigrán). Neste caso, as persoas interesadas poderán anotarse desde o 7 de decembro.

Nigrán iluminouse de verde no Día Mundial da Saúde Mental

0

O Concello de Nigrán uniuse á conmemoración, onte 10 de outubro, do Día Mundial da Saúde Mental, celebración que pretende sensibilizar e informar sobre a importancia do coidado da saúde mental e a defensa dos dereitos das persoas que teñen algún problema desta índole. Este ano, o tema elixido a nivel mundial é a saúde mental nun mundo desigual, chamando a atención sobre aqueles factores que impiden que o seu coidado poida chegar a todas as persoas en igualdade de condicións.

Baixo o lema “saúde mental, un dereito necesario”, preténdese denunciar as desigualdades que existen ao redor da saúde mental e que poden ocorrer por diversos motivos (económicos, por idade, por xénero, por educación ou por lugar xeográfico), así como reivindicar a importancia de que a atención á saúde mental sexa igual para todas as persoas. Ademais, o lema pretende concienciar sobre o feito de que a saúde mental afecta a todo o mundo e que, por iso, todos e todas debemos coidala.

Con este obxectivo, a asociación Avelaíña de axuda ás persoas con problemas de enfermidades mentais, con sede no Val Miñor, instalará unha mesa informativa o mércores 15 en Nigrán, na Praza do Concello, de xeito que tamén podan divulgar o traballo que realizan e os recursos que hai na comarca.

Asociación Avelaíña

A Asociación Avelaíña é unha entidade sen ánimo de lucro que nace no ano 1997 na comarca do Baixo Miño, coa misión de potenciar a inclusión das persoas con problemas de saúde mental mediante a promoción da súa calidade de vida e a dos seus familiares. Foi declarada Entidade de Utilidade Pública no ano 2010.

Tras 24 anos de andadura, na actualidade a asociación está integrada por 17 profesionais e máis de 400 persoas socias con enfermidade mental, familiares, coidadores e persoas sensibilizadas ante este problema de saúde. Sendo o seu ámbito de actuación a provincia de Pontevedra, hoxe en día Avelaíña está presente no Baixo Miño, no Val Miñor, no Condado, na Paradanta e en Salceda de Caselas e conta con numerosos convenios e concertos con organismos públicos, promovendo aquelas intervencións na área da saúde mental non cubertas polas institucións existentes e procurando unha mellor relación entre a persoa e o seu medio.

O Rosal presume das súas pinturas

0

O Rosal presume das súas pinturas coa apertura dunha exposición adicada a cinco artistas locais. Ata o vindeiro martes as persoas interesadas poderán visitar o baixo do Concello para inspirarse e descubrir as novas creacións artísticas dos seus veciños. A alcaldesa, Ánxela Fernández, explica que esta actividade enmárcase dentro da programación das Festas do Outuno do Pilar e é unha “gran oportunidade para desfrutar da calidade pictórica que hai no noso concello”.

A entrada a exposición é de balde e está aberta de mañá, de 11.30 a 13.30 horas, e de tarde, de 16.30 a 21.00 h. As persoas que asistan poderán desfrutar das pinturas de Antonio Baños, pintor sevillano e autodidacta que despois dunha longa traxectoria pintando polo mundo afíncouse no Rosal, de María del Carmen Velasco, estudou debuxo na Universidade de Zaragoza e é unha gran namorada da natureza como reflexa nas súas pinturas, de Antonio Martínez, antigo pintor de “brocha gorda” que ten no carboncillo o seu modo de expresarse en imaxes, de Charo Trigo, pintora dende cativa e experta no óleo sobre lenzo, e de Severino Pérez, artista autodidacta que ten no acrílico o seu material preferido.

SmartPeme pon en marcha esta semana catro novos obradoiros online

A Deputación de Pontevedra, a través de SmartPeme, oferta esta próxima semana catro novas accións formativas impartidas de xeito online, enmarcadas na carteira de obradoiros que se imparten de forma telemática. As accións versarán sobre a utilización de Instagram enfocado á empresa, o Copywriting aplicado á web, a fabricación dixital e os motores de reservas para empresas turísticas.

En concreto, este mércores 13 impartirase o obradoiro “Como utilizar Instagram para promover a túa empresa I”. Estará a cargo de Esther Garcinuño, Diplomada en Ciencias Empresariais, quen exporá a utilización sinxela deste aplicación e a forma de aproveitar o seu público potencial. Xa pola tarde, terá lugar o obradoiro Copywriting aplicado á web e redes sociais”, a cargo de Fátima Faílde, Licenciada en Publicidade e Relacións Públicas, onde falarase do significado deste termo e como empregalo correctamente.

O xoves 14 será a quenda de “Fabricación dixital. Impresoras de Filamento” de Manuel Freire, experto universitario en Robótica, quen dará a coñecer as tecnoloxías implicadas na fabricación dixital e permitirá deseñar unha peza 3D. O itinerario inclúe, amais da formación teórica,  unhas 20h de practicas en impresores e escáner 3D. Para finalizar, pola tarde, Sonia Torres, Técnica de Empresas e Actividades Turísticas, falará dos “Motores de reservas para empresas turísticas”, obradoiro que centrarase na boa utilización de do noso motor de reservas, entre outros conceptos, para sacarlle o máximo partido ao noso negocio turístico.

As persoas interesadas poden inscribirse a través do sitio web de SmartPeme na url de cada evento. Tamén é posible facelo enviando un correo ao enderezo [email protected] ou no teléfono 886 202 020.

A Asociación Avelaíña realizou máis de 130 intervencións en Tomiño no que vai de ano

0

En Galicia case 60.000 persoas contan cun certificado de discapacidade por enfermidade mental, arredor de 24.500 na provincia de Pontevedra, o que a sitúa como a segunda causa de discapacidade despois da física. Dende hai 25 anos, a comarca do Baixo Miño conta co encomiable labor da Asociación Avelaíña, unha entidade sen ánimo de lucro declarada de Utilidade Pública en 2010 que presta importantes servizos de atención a persoas con enfermidade mental, familiares e profesionais asociados. No que vai de 2021, realizaron máis de 130 intervencións en Tomiño, unha cifra que acadou os case 250 servizos ao longo de todo 2020: 59 intervencións de información, 174 asesoramentos e 14 acompañamentos   integrais. A asociación conta no Concello cun servizo de información e asesoramento.

“O seu labor é fundamental para a nosa veciñanza sobre todo nos últimos anos, cunha crise sanitaria que foi especialmente dura coas persoas con problemas de enfermidade mental”, salienta a alcaldesa, Sandra González. Por este motivo, co gallo do Día Mundial da Saúde Mental, o Concello quere agradecer o labor tan encomiable que está a facer a Asociación Avelaíña no municipio e no Baixo Miño. Precisamente un dos logros desde 2021 é a posta en marcha dunha Unidade de Saúde Mental na comarca que dará cobertura a toda a poboación, cunha reorganización dos cupos sanitarios e evitando desprazamentos moito máis longos aos pacientes que se tiñan que desprazar ata o de agora a Vigo.

Avelaíña conta con máis de 20 profesionais, máis de 400 socios e socias, persoas con enfermidade mental, familiares, coidadores e coidadoras, achegados e persoas sensibilizadas coa problemática. Na actualidade presta, entre outros, servizos de rehabilitación psicosocial, de apoio comunitario, de atención domiciliaria, de respiro familiar, de acompañamento integral, de orientación e integración laboral, de información e asesoramento, de ocio e deportes ou de apoio psicolóxico. Ademais ten en marcha diferentes campañas de sensibilización e leva a cabo o proxecto de ‘Promoción da autonomía persoal en persoas con enfermidade mental grave’, co que trata de instaurar hábitos de vida saudables e promocionar o uso axeitado dos recursos comunitarios da contorna.

A oficina de turismo de Baiona rexistra un aumento dun 125 % con respecto ao ano 2020

0

O número de visitas nos meses de xullo e agosto de 2021 da oficina de turismo do Concello de Baiona superou nun 125 por certo os niveis de 2020 en plena pandemia xerada pola Covid-19.

Un total 17.900 persoas pasaron polas instalacións do Paseo Ribeira para solicitar información na súa visita á Real Villa, fronte ás 7.973 que se rexistraron no mesmo período do ano 2020, segundo os datos facilitados polo departamento municipal de turismo.

A recuperación do sector turístico apréciase neste ano en comparación co pasado. O balón de osíxeno está a selo o viaxeiro residente en España, en base ás estatísticas elaboradas polo servizo municipal reflicten que o 90% dos visitantes de xullo e agosto son de orixe nacional. Por comunidades autónomas, destacan os procedentes de Madrid, País Vasco, Cataluña e Castela León.

As principais diferenzas atendendo ás procedencias radican en que en 2020 houbo máis afluencia de persoas procedentes de Galicia e en 2021 aumentaron en máis do dobre as chegadas procedentes das comunidades autónomas do levante e sur do país, sobre todo, de Cataluña que este verán posicionouse como unha das principais procedencias na afluencia da oficina.

É importante sinalar que os excursionistas de día, aínda que lonxe de chegar aos números habituais doutros anos, comezan a ter unha presenza máis representativa. Con respecto aos excursionistas de grupo, destaca Portugal, que retoma aos poucos as visitas organizadas a Baiona, sobre todo, a fin de semana e #Reino Unido, marcado pola chegada dalgún cruceiro ao porto de Vigo no mes de xullo.

En canto á procedencia internacional, tamén se aprecia a recuperación d en comparación co pasado. Por países, Portugal, Francia e Reino Unido son en ambos os anos os principais países emisores de turismo a Baiona pero, este ano, seguidos moi de preto por Italia yAlemania. En 2021 recibíronse visitantes de 42 países diferentes (21 países en 2020 e 52 países en 2021).

Estas cifras son unha parte dos que nos visitan, xa que moitos outros tantos veraneantes xa coñecen a vila doutros anos e non adoitan pasar pola oficina de turismo do municipio xa que coñecen de primeira man o lugar.

En canto á tipoloxía de aloxamento elixido o hotel e o cámping sitúanse no ranking. A continuación, con gran presenza, atoparíase ao Parador, autocaravanas pero tamén a segunda residencia e o alugueiro de vivendas.

A ocupación media dos establecementos hostaleiros da Vila no mes de agosto foi de 95%, liderando a ocupación en agosto da Provincia de Pontevedra. A ocupación deste mes supera á dos anos anteriores á pandemia, 75% en 2020 e 88% en 2019. A estes datos hai que sumar a pernoita en autocaravanas, fóra do cámping, a segunda residencia e os alugueiros de vivendas particulares e de uso turístico que,segundo diversos informes inmobiliarios, esgotáronse durante o mes de agosto.No mes de xullo foi do 85%, situándose tamén en pódium da provincia. En xullo de 2020, a ocupación media foi do 58%. En xullo 2019, a ocupación media foi do 67%.
“O punto máis positivo é o aumento da porcentaxe de turistas aloxados en Baiona así como a porcentaxe de ocupación hostaleira. A porcentaxe de ocupación tanto de xullo como de agosto é o mellor nos últimos 5 anos, é dicir, mellora os números de antes da pandemia. A nosa constante aposta pola calidade e de destino seguro fai que non só cheguen novos visitantes a Baiona senón que aqueles que xa nos coñecen volvan elixir como destino vacacional”, sinala o Alcalde, Carlos Gómez Prado.

Gómez Prado destaca a importancia da “boa promoción” deste destino como “destino de calidade, seguro, sostible e multiexperencial” que se reflicte no feito de que o 90% dos visitantes foron nacionais cunha media de idade entre 36 e 60 anos que permanecen na localidade entre 7 e 15 días manifestando un interese prioritario polo lecer.
Segundo o rexedor, os datos mostran que en moitos parámetros mesmo mesmo se supera aos datos de antes da pandemia con Baiona liderando a ocupación hostaleira e recibindo visitantes, sobre todo, de orixe nacional.

Segundo explicou, trátase de “un salto importantísimo” con respecto a xullo do 2020,, “o que sitúa a Baiona como un destino moi potente e resiliente”, valora o rexedor, que se mostrou convencido de que “cando finalice a tempada turística que está a piques de chegar ao seu fin, Baiona estará moi ben posicionada en Pontevedra, Galicia e no conxunto do Estado”.

Abertas as inscricións para o Trail do Monte Aloia

0

O Trail do Monte Aloia, que sita en Tui, acadará os vindeiros días 6 e 7 de novembro unha edición que poderase convertir na mellor da súa historia. Xa está aberto o prazo de inscrición para dous días intensos.

O sábado 6 de novembro será para os máis novos, en entre 5 e 15 anos de idade, e o domingo para os adultos. Neste caso o percorrido será de 15 quilómetros.

Será unha experiencia única, tal e como se pode comprobar a través da páxina web traildoaloia.es, desde onde pódense realizar as inscricións. O proceso de inscrición tamén está aberto na plataforma championchipnorte.com.

As probas que terán que afrontar os máis novos estarán adaptadas ás súas idades. Cabe lembrar que a inscrición no trail é de balde para todos eles. Ademais da excepcional paisaxe que percorre os 15 quilómetros, tamén será o contacto coa natureza. A saída e a chegada serán nas instalacións de A Macoca, en Tui. A organización ten previsto prestar alí os seus os servizos que os atletas precisen.

A Deputación lanza o concurso “Lebres como Gacelas” en homenaxe a Xela Arias

De xeito paralelo e complementario á exposición “Lebres como Gacelas”, inspirada na obra de Xela Arias que ata o 28 de novembro se pode ver na sede provincial en Vigo, a Deputación vén de lanzar o concurso escolar do mesmo título entre o alumnado de Secundaria da provincia, un certame que se enmarca tamén nas actividades en homenaxe á autora das Letras Galegas 2021. O concurso, que busca achegar a figura e o legado de Arias ao público máis novo amais de fomentar a súa creatividade une, como no caso da mostra, poesía e fotografía e premiará tanto aos é ás estudantes como aos centros onde estudan.

Para participar, o alumnado de Secundaria dos centros de ensino da provincia deberá realizar creacións artísticas (unha por autor/a) que combinen fotografías e poesías inéditas. Unha persoa responsable do centro educativo, unha mestra ou un mestre ou a Dirección do centro, presentará cada una das creatividades realizadas polos alumnos e alumnas, identificadas co nome, coa idade e co centro da persoa participante. A proposta artística enviarase en formato JPG ou PDF e cunha alta resolución ao correo electrónico: [email protected] e o prazo de entrega finalizará o 5 de novembro.

A Deputación recoñecerá ao instituto gañador cun mural dedicado a Xela Arias que realizará a artista Tania Solla e unha actividade lúdica e interactiva sobre Xela impartida polo Correo do Vento. Pola súa banda, a moza ou o mozo gañador recibirá unha cámara Polaroid e un agasallo didáctico. Amais, concederanse tamén dous accésit, unha actividade lúdica e interactiva sobre Xela Arias para o centro, mentres que a moza ou o mozo recoñecidos con este outro premio recibirán un agasallo didáctico.

O Rosal recoñece ao seu cineasta Gon Caride

0

A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández, quixo recoñecer o traballo do cineasta internacional e veciño Gon Caride cun recibimento no Concello. A rexedora recibiu ao artista despois de que a súa última curta “Deux Options” fora seleccionada en máis de 55 festivais internacionais e acumule 9 premios de prestixio, entre eles, mellor guión e mellor actuación masculina no Festival de Cans, mellor curtametraxe no Kazan International Muslim Film Festival (Rusia) e mellor director e mellor drama nos Independent Short Awards (EEUU).

“Gon Caride é un gran profesional e tamén un gran veciño”, destacou a alcaldesa durante o recibimento. A rexedora explicou que no Concello quixeron premialo con este recoñecemento por ser “un artista que enriquece as nosas vidas coas súas creacións e que, con elas, é embaixador da cultura do Rosal polo mundo”, ademais dun “exemplo para moitos veciños e veciñas que soñan con contar historias con imaxes”, concluíu.

Gon Caride sempre estivo interesado polo cine e as historias audiovisuais, tanto que decidiu saltar o charco para cumprir o seu soño emigrando a Nova York, onde estudou realización e dirección de fotografía. Durante os seguintes 10 anos viviu e traballou como guionista, realizador, fotógrafo, analista de guión e director de fotografía en Estados Unidos, Reino Unido, Polonia e Francia.

A súa primeira curtametraxe “October” rodouna en Polonia, con fala rusa, e foi seleccionada por varios festivais internacionais e tamén polo Instituto Cervantes dentro do seu programa itinerante “El Nuevo Talento del Cortometraje Español”. Despois chegaron “Impermanencia” e “Deux Options” e, agora, Gon Caride busca financiamento para levar a cabo tres novos curtametraxes de ficción.

Cerca de 5.000 persoas pasaron pola oficina de turismo de Oia este verán

0

Un total de 4.846 persoas pasaron pola oficina de turismo de Oia durante o servizo da tempada de verán, que se estendeu este ano entre o 18 de xuño e o 17 de setembro. Estas cifras, acadadas no segundo ano de pandemia da Covid-19 supoñen un aumento próximo ao 45% sobre os datos do ano anterior, cando se rexistraron un total de 3.348 visitas (período 4 de xullo-23 de setembro de 2020).

Segundo a información recompilada polo persoal da oficina de turismo, das 4.846 visitas contabilizadas, 2.850 correspondéronse con turistas e 1.996 con peregrinos. En canto a estes últimos, foron os que rexistraron o incremento máis salientable, posto que duplicaron as cifras acadadas no verán de 2021 (856 peregrinos).

No que respecta ao lugar de orixe dos visitantes que fixeron uso da oficina, dos procedentes do territorio español recibíronse principalmente turistas doutras localidades galegas e das comunidades de Madrid, Andalucía, Castela e León e Andalucía. En canto a outras nacionalidades, os máis habituais foron os visitantes de países como Portugal, Alemaña, Italia e Francia.

Durante este verán dúas persoas traballaron na oficina de turismo, situada no barrio histórico do Arrabal, ambas contratadas polo Concello de Oia. A Administración local contou cunha subvención da Deputación de Pontevedra que cubriu o 75% do custo dun dos dous contratos (subvención destinada ao financiamento dos custos e dotación de persoal para a realización de tarefas de información en oficinas de turismo adheridas á Rede de Oficinas de Turismo Info Rías Baixas durante o ano 2021).

Valoración dos datos

A alcaldesa de Oia, Cristina Correa, destacou a boa evolución dos datos acadados este ano respecto do pasado, e incidiu na aposta do Concello pola adecuación de espazos destinados a actividades de turismo e lecer ao aire libre, tan demandadas durante a pandemia. A ese respecto, destacou os traballos de sinalización de diversas rutas de sendeirismo postas en marcha nos últimos anos, tanto nas parroquias da costa como nas zonas interiores do municipio. Na mesma liña, lembrou que actualmente se está a traballar nun novo itinerario que unirá atractivos de interese natural, patrimonial e paisaxístico das parroquias de Burgueira e Loureza, a cal estará concluída antes de fin de ano.

RS Motor Power Solutions doa un gran motor para instalar nunha rotonda do polígono

A empresa “RS Motor Power Solutions”, situada no polígono PPI 5, informou á alcaldesa Eva García de que doarán un gran motor para instalalo na rotonda situada fronte ás instalacións da compañía na Granxa.

A alcaldesa, acompañada por Lourdes Moure, concelleira de Vías e Obras, e José Antonio Olmedo, xefe de persoal, visitaron o almacén de “RS Motor” onde foron recibidos por Ramón Gómez Rúa e Agustín Alonso, socios propietarios, xunto con Celia Villar, xefa de administración e Analía Martínez, community manager da firma.

A alcaldesa agradeceu no nome do Concello a doazón que fará a empresa. A comitiva comprobou no lugar o punto onde se instalará, na rotonda onde conflúen tres estradas.

O motor, un “Deutz” de 10 toneladas que foi retirado dunha depuradora, será restaurado pola propia empresa para a súa posterior instalación na rotonda, en colaboración cos servizos técnicos municipais.

Nigrán reanuda o seu programa de turismo social cunha excursión de maiores a Pedrafita

0

O Concello de Nigrán retoma o seu programa de turismo social destinado á veciñanza da terceira idade cunha excursión o xoves 21 de outubro a Pedrafita do Cebreiro (Lugo). Trátase da primeira saída desde a crise da Covid-19 e o Concello irá programando novas. O custe é de 22 € e cubre transporte, comida e visitas guiadas. O prazo de inscrición abre este xoves e venres, 14 e 15 de outubro, sendo no Pavillón Municipal de Panxón (cada solicitante pode anotar só a un acompañante e debe levar sendos DNI). As 110 prazas dos dous autobuses cubriranse por rigorosa orde de inscrición, así como as reservas dos asentos.

A excursión, con saída ás 08:00 horas en autobús dende a Casa do Concello, inclúe visita guiada a Pedrafita do Cebreiro e a súa feira de outono, ao conxunto etnográfico do Cebreiro coas súas senlleiras pallozas, á igrexa pre-románica de Santa María e unha pequena andaina pola entrada do Camiño Francés nesta marabillosa contorna natural dos Ancares. Ademáis, visitaranse queixerías do Cebreiro e de Fonfría. O menú consta de polvo á feira, carne, café, postre e bebida.

O goberno local de Nigrán entende que viaxar para as persoas maiores despois da inactividade do Covid-19 é especialmente importante. “Non só serve para descubrir lugares novos, senón que aporta moitísimos beneficios especialmente útiles para eles, como a mellora do ánimo, aumento da creatividade, mellora da capacidade de resolver problemas, estimulación da actividade cerebral e reconstituínte da memoria e da atención”.

Nese sentido, o alcalde de Nigrán, Juan González, deixa clara a súa aposta por este programa, “porque a todos estes beneficios hai que engadir que se socializarán e, en definitiva, faraos sentir máis felices e vitais”.

Novo reservatório de abastecimento de água de Candemil

Está praticamente concluída a empreitada de instalação de um reservatório em Candemil que vai permitir um reforço de abastecimento de água não só às populações de Candemil, como também às freguesias vizinhas de Gondar, Mentrestido e Sapardos. Com uma capacidade de 250 m3, o espaço envolvente já foi preparado para uma expansão de mais 250 m3, se necessário.

O autarca cerveirense, Fernando Nogueira, sublinha que esta obra pretende eliminar, de forma definitiva, os constrangimentos de falta de água, ciclicamente sentidos em alguns pontos destas freguesias, em especial na época de verão. Complementarmente, esta infraestrutura também vai garantir a distribuição de água com qualidade necessária, uma vez que o atual sistema de abastecimento nestas freguesias é o que apresenta maiores inconformidades analíticas, penalizando os consumidores no consumo e o município nos indicadores nacionais, assim como visa constituir-se como reserva de emergência para combate a incêndios.

Esta empreitada de execução de sistemas de abastecimento de água enquadra-se nas Candidaturas do Aviso POSEUR-12-2017-05 – Ciclo Urbano da Água – Município de Vila Nova de Cerveira – Lote 2 SAA Castanheira/ Insalde, com um valor do contrato na ordem de 1ME.

A Concellería de Cultura de Redondela presenta a programación cultural para os vindeiros catro meses

0

A Concellería de Cultura que xestiona Iria Vilaboa vén de presentar a programación cultural dos vindeiros catro meses –outubro/febreiro–, unha programación variada e para todos os públicos e que, nas datas do Nadal, prestará especial atención ás actividades dirixidas aos máis pequenos e pequenas.

A programación deseñada busca que Redondela poida recuperar a normalidade cultural e de programación nos seus auditorios, tanto o de Redondela como o de Chapela, algo fundamental “dado que no inverno téñense que limitar moito as actuacións ao aire libre por motivos climatolóxicos obvios”, apunta a edil de Cultura.

Teatro

O teatro, tanto para adultos como infantil, terá un espazo destacado na programación cultural e, para volver a encher os auditorios, aposta pola rebaixa de prezos das entradas que pasarán a costar 3 € en lugar dos 5 ou 7 euros que custaban en anos pasados. “Rebaixamos o prezo e mantemos a calidade –asegura a reponsable de Cultura–. Redondela sempre tivo tradición de teatro e nós poñemos o noso gran de area para que a veciñanza poida volver a gozar dunha das máis atractivas formas de expresión creativa”.

Pero se o teatro é un valor cultural seguro en Redondela, é preciso que dende a infancia as nenas e nenas poidan comezar a aprecialo. Con ese obxectivo, a programación cultural presentada aposta forte polo IV Ciclo de Teatro Infantil. Unha tarde de domingo de cada mes, as mellores compañías galegas daranse cita en Redondela para ofrecer unha actuación de altísima calidade “buscando promover entre a costume do teatro e o amor polo teatro como contrapunto aos entretementos dixitais tan utilizados”.

Iria Vilaboa destacou especialmente a estrea da produción de Tanxarina,A Cazola de Lola que se vai estrear o 23 de outubro con dúas funcións. Tivo especiais palabras para esta compañía redondelá “que leva case que 40 anos de éxito nos escenarios de Galicia e España e que, indubidablemente, é un orgullo para Redondela. Por iso énchenos de satisfacción que aquí, ‘na casa’ vaian esterar a súa nova produción en dobre función”.

Aprazar e non suspender

Durante a pandemia, na que a actividade cultural de todos os concellos baixou a mínimos nunca antes coñecidos, foron moitas as administracións que optaron por suspender os actos previstos. A concelleira Iria Vilaboa lembra que, naqueles momentos “o Goberno local e a alcaldesa Digna Rivas recalcaron que Redondela aprazaba as actuacións e non as suspendía”. Agora, o ciclo de monólogos Humor na súa tinta cumpre ese compromiso e recupera as actuacións que no seu momento foron aprazada reafirmando a aposta clara do Goberno socialista redondelá pola Cultura e as súas xentes.

El Sevilla, Beatriz Rico, Rafa Maza e Xavier Deltell, disfrazarán de humor e ironía situacións reais, e non tan reais, nunha actividade que sempre contou co apoio do público.

A programación Cultural vístese de música, moita e boa música coa presentación do novo disco de Efémeras, pero cunha aposta clara polos grupos e artistas locais. “Redondela ten talento en moitísimas facetas da cultura –asegura rotunda a concelleira de Cultura– e a nosa obriga como administración máis próxima, e darlles apoio e os medios necesarios para que poidan facer chegar ese talento e creatividade ao público”.

As e os máis pequenos terán tamén música e diversión a cargo de Troula Animación con Uxía Lambona ou Paco Nogueiras con Radio Bulebule.

Finalmente, no programa, ten un especial relevo a VIII Batalla de Rande, “a conmemoración dun feito histórico do que foi testemuña a nosa enseada e que se celebrará os días 16, 23 e 24 de outubro organizado pola Asociación Deportiva e Cultural de Rande co apoio do Concello”, conclúe Iria Vilaboa.

Rivas salientou a importancia dunha actividade cultural “estable e programada”. “Redondela levaba meses sen coñecer, con antelación, os actos ou actividades que se ian desenvolver. Se de verdade queremos reactivar a cultura e imprescindible que as nosas veciñas e veciños coñezan a programación e poidan elixir, con antelación, aquelas actividades do seu interese”.

Francisco Castro, «O cemiterio de barcos»

Francisco Castro regresa de novo á novela xuvenil, un territorio no que xa ten demostrado que se desenvolve con soltura, para presentarnos unha narración que se move en dous planos diferentes. Por unha banda, unha fermosa historia de amor entre dous adolescentes que é todo un alegato contra a violencia de xénero, e pola outra, unha nova inmersión nas consecuencias dos abusos derivados da guerra civil española, tal e como fixera coa súa anterior entrega «Tantos anos de siencio».

O protagonista é David, un mozo adolescente que, coma todos os veráns, vai pasar un tempo á vila natal do seu pai, malia que ese ano en concreto non lle apeteza o máis mínimo. Pero ao pouco de chegar coñece a Lucía, unha rapaza coa que rapidamente establece unha conexión moi especial. Lucía mantén unha relación tóxica con outro veciño, fillo do cacique local e excesivamente pagado de si mesmo, na que o dominio, o control, a posesión e o abuso, son parte do día a día. A moza deberá desprenderse desta relación, non sen esforzo, coa axuda de David, que guiará os seus pasos cara a esa ruptura. Aí é onde se debuxa a fermosa historia de amor entre estes dous rapaces, que agocha, ademais, algunhas das páxinas máis inspiradas da novela.

O cemiterio de barcos ao que fai referencia o título é un antigo estaleiro abandonado, onde os rapaces corrican de cando en vez. Un día descobren nas ruínas do edificio a un vello con aspecto de mendicante. A chegada desta personaxe á vila será quen de abrir a caixa dos tronos e de sacar do esquecemento a historia que antes apuntabamos, relacionada cos abusos do franquismo que se extenden ata a actualidade. David e Lucía veranse involucrados nas pescudas necesarias para reparar unha inxustiza histórica e, de paso, tratar de deter certa operación especulativa que ameaza con rachar a tranquilidade da vila e na que está implicado o pai do seu mozo, o antedito cacique local. Velaí os dous planos diferentes de que falabamos nas primeiras liñas, perfectamente ensamblados.

Son moitos os temas que aparecen nesta novela: amor, paixón, violencia, posesión, memoria histórica, inxustiza, corrupción, intrigas familiares… Algúns están pouco máis ca perfilados, pero outros son tratados a fondo a través dunha historia de desenvolvemento áxil e de lectura doada. Cunha linguaxe clara e directa, sen grandes adobíos e a través de capítulos breves, Castro mergúllanos na trama dosificando a intriga e aportando novos azos ao lector a través de certos xiros máis ou menos previsibles, pero que axudan a manter a tensión narrativa.

Unha vez máis, só me resta lembrarvos que non lle fagades moito caso ás categorizacións das novelas. Achagádevos a ela sen prexuízos porque, cando está ben escrita, non importa para que tipo de público foi pensada: todos, mozos e maiores, gozaremos da súa lectura.

Francisco Castro

«O cemiterio de barcos»

Galaxia

A Deputación subvenciona a máis dun cento de entidades sociais da provincia

A Deputación de Pontevedra volveu a aprobar en Xunta de Goberno novos recursos dirixidos a “promover a igualdade de oportunidades e garantir os dereitos das persoas máis vulnerables”. Fíxoo ao conceder subvencións por valor de 470.000 euros a 103 entidades sen fins de lucro da provincia “para que poidan actuar nas políticas sociais”, tal e como anunciou Carmela Silva en rolda de prensa. As achegas, recordou, concedéronse valorando “criterios obxectivos, con transparencia e por concorrencia competitiva”.

Con estas subvencións a institución provincial sufraga “programas a través dos cales se fomenta a posibilidade de que as persoas con máis dificultades poidan ter axuda para a estimulación cognitiva así como outros de musicoterapia, autonomía persoal, emprego no rural para persoas con diversidade funcional, atención especializada a persoas que padecen diferentes tipos de enfermidades ou aqueles destinados ao éxito educativo de adolescentes migrantes”. En concreto, as achegas irán a parar a entidades de 21 concellos de toda a provincia. Na comarca do Deza as subvencións chegarán a entidades de Lalín (5), A Estrada (1) e Silleda (1), na de Arousa a Valga (1), Vilagarcía (6) e Vilanova (1). As achegas tamén irán a parar á comarca dePontevedra, en concreto aos concellos de Moraña (1) e Pontevedra (17) así como ao Morrazo, con entidades subvencionadas en Bueu (1) e Cangas (6). Para a comarca deVigo foron aprobadas achegas para Redondela (1), Mos (1), Vigo (47), O Porriño (1), Pazos de Borbén (1) e Nigrán (1). Os fondos provinciais tamén chegarán ao Condado-Paradanta, con entidades beneficiarias en Crecente (1) e Ponteareas (2), e ao Baixo Miño, con subvencións para A Guarda (3), Tomiño (2) e Tui (3).

O Concello de Baiona, premio á mellor xestión deportiva de Galicia 2020

0

A Sociedade Galega de Xestores Deportivos (Agaxede) concedeu ao Concello de Baiona o premio ao mellor concello de Galicia en xestión deportiva na categoría de concellos de menos de 15.000 habitantes que concede anualmente os Premios Galicia á Xestión Deportiva.

Baiona resultou vencedora neste categoría na undécima edición. Así o resolveu o xurado, composto por representantes de Agaxede, como promotora e organizadora, ademais de diferentes entidades, como a Secretaria Xeral para ou Deporte, a Fegamp, a prensa deportiva, a Ufedega, as Facultades de Ciencias do Deporte da Coruña e de Vigo e o Colef-Galicia.

O alcalde de Baiona, Carlos Gómez, felicita a AGAXEDE polo continuo labor de promoción e impulso ao deporte que levan a cabo a nivel rexional e mostrouse “agradecido e satisfeito” ao coñecer a noticia, porque “máis aló do resultado final, constitúe un aliciente ao magnífico labor que realizan todos e cada un dos profesionais, amantes e afeccionados que directa e indirectamente están vinculados a esta área nun municipio que, como Baiona, é Deporte”.

O lema “Baiona co deporte” agrega o rexedor “é algo máis que palabras e que reflicte o esforzo que realizamos a diario neste Concello para poñer ao servizo dos baioneses e baionesas, deportistas federados e non federados, amantes do deporte en xeral que temos no noso municipio”.

O galardón recoñece a Baiona como o pequeno concello galego que mellor desenvolve o potencial do seu deporte local e fomenta os hábitos de vida saudables entre os veciños e veciñas. Baiona destaca na xestión de plans ou proxectos de actividades, de espazos ou infraestruturas que contribúen a mellorar o desenvolvemento do deporte no ámbito territorial da súa competencia.
Gómez Prado agradece este galardón, que atribúe a “a profesionalidade e compromiso do equipo de persoal técnico do concello”, así como a “unha poboación cada día máis concienciada pola práctica de hábitos saudables”.

O mandatario explica que este recoñecemento reafirma “o bo camiño de Baiona no que a instalacións e actividades deportivas refírese” e destaca a gran oferta existe nestes momentos “con varios eventos consolidados e convertidos en referente”.

A gala de entrega será no Auditorio do Centro Social de Arteixo o martes, 19 de outubro, ás 20 horas. Os premios outorgados corresponden ao ano 2020, que por razóns sanitarias non puideran concederse.

‘Axentes do cambio’, o grupo de participación infantil e xuvenil do Concello de Redondela presenta o seu logo identificativo

0

O grupo de participación infantil e adolescente do Concello de Redondela vén de poñerse un nome e de escoller un logotipo co que darse a coñecer publicamente. Este grupo de nenos, nenas e adolescentes do concello redondelán reúnese quincenalmente para avaliar a situación da infancia e a adolescencia no municipio e facer propostas de cambio e de mellora para todos e para todas.

Actualmente está formado por mozas e mozos de 11 aos 14 anos, aínda que o grupo está a aberto para todas as persoas de 10 aos 17 anos. A súa canle de comunicación pública é un perfil de Instagram, creado polo propio grupo, co nome: ‘Axentes do cambio’: https://www.instagram.com/axentesdocambio/.

Este grupo, que comezou a xuntarse telematicamente por mor da pandemia, estase a reunir presencialmente dende o mes de maio, co apoio de Karina, única adulta destas reunións, que exerce como dinamizadora do mesmo. Dende as súas xuntanzas traballan en temas como o bullying, os dereitos da infancia e a adolescencia, o medio ambiente e o coidado animal, entre outros.

O desexo deste pequeno colectivo é facerse máis grande, implicando a outros nenos, nenas e adolescentes do noso municipio, e traballar para mellorar Redondela, grazas á interlocución co Concello.

A existencia deste grupo, que funciona paralelamente aos plenos infantís do Consello Municipal de Infancia e Adolescencia, responde á preocupación do Concello de Redondela por favorecer o dereito dos nenos e nenas a ter unha opinión, a expresarse e mais a seren escoitados, tal e como se recolle na Convención dos Dereitos do Neno e da Nena.

O logo

O logotipo do grupo, escollido polos propios nenos e nenas, fai alusión á Coca de Redondela, e emprega as cores verde e violeta por ser representativas da natureza –a primeira–, e da creatividade e tamén da igualdade de xénero –a segunda–. O deseño foi realizado pola empresa redondelá VypEstudio, co apoio da Concellería de Ensino de Redondela.

O Concello de Tui asina un convenio de colaboración coa Asociación de Muiñeiros do Tripes

0

O Concello de Tui asina un convenio anual de colaboración coa Asociación de Muiñeiros do río Tripes. Na propia senda dos Muíños do Tripes así o daba a coñecer o alcalde, Enrique Cabaleiro, xunto ao presidente deste colectivo, Miguel Méndez, o presidente de honra, Alberto Romer, e o vogal Cristián Lago.  

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, expresaba “o noso compromiso con esta asociación polo traballo que levan feito para recuperar unha parte da nosa historia e do noso patrimonio coma son os muíños e aqueles espazos naturais onde están ubicadas estas xoias patrimoniais”. Un compromiso que se ven de plasmar agora na sinatura por primeira vez con esta asociación dun convenio de colaboración, polo que o concello destinará unha partida de 10 mil euros do orzamento municipal para “axudarlle neste traballo que é importante para todos”, indicab,a lembrando que están sendo “un reclamo para as persoas que nos visitan ao longo do ano”.  

Por outra parte, o rexedor tudense expuxo que están traballando na modificación do proxecto da senda que uniría os muíños do Tripes co río Miño que ten “importancia estratéxica porque conecta dous espazos naturais coma é a Rede Natura do Miño co Parque Natural do monte Aloia”. Nese senso expuña que tras a modificación do proxecto buscarán financiamento para viabilizala.

Mentres tanto Miguel Méndez, presidente da Asociación de Muiñeiros do río Tripes, coma Alberto Romer, presidente de honra, amosaron o seu agradecemento ao concello por esta colaboración. Miguel Méndez destacou que se trata “dun momento histórico” para unha asociación que naceu no ano 2007. Avanzou que grazas a esta achega, parte da mesma se destinará a recuperación do tellado do Muíño de Dorna de Abaixo cun investimento superior os 4 mil euros, que se sumará a realizada no Muíño de Dorna de Arriba o ano pasado con fondos propios.  Precisaba tamén a importancia de levar a cabo obras de mantemento nos muíños para evitar o seu deterioro. Na actualidade a senda dos muíños do Tripes consta de 26 muíños, dos que 4 están en funcionamento e 15 rehabilitados que precisan de labores de mantemento.

Alberto Romer “agradeceu ao concello a sensibilidade cos muíños do río Tripes”. Insistiu na importancia de manter os muíños, así coma os camiños e o entorno do Tripes.

Cristián Lago, membro da Asociación de Muiñeiros do río Tripes, explicou que as actividades previstas este mes de outubro, plantexadas dentro deste convenio co concello,  “baséanse en dar a coñecer o legado que nos deixaron os nosos devanceiros, e ese traballo que fixo xente coma Alberto Romer”, nas mesmas incidía que se aúna “a actividade deportiva, co patrimonio e o entorno natural”. 

Coma novidade realizarán un percorrido de 9 quilómetros circular dende o Lavadoiro de Riomuíños até a senda do Tripes percorrendo varios tramos do camiño Real a Baiona e que segundo explicaba “hai tramos moi ben conservados que gardan parte da nosa historia”.  A outra ruta será pola senda propiamente dita cun percorrido de 4,5 quilómetros.  Terán lugar nas fins de semana e tamén nesta ponte festiva con inscrición previa (Formulario de inscrición) xa que o número de prazas está limitado a 25.

Programa de Rutas do mes de outubro

Rutas “polo Camiño Real aos Muíños do Tripes”

Ás rutas sairán dende o Lavadoiro de Riomuíños ás 10h. Percorrido circular de 9 quilómetros. Duración estimada 4 horas. Cada día haberá unha temática diferente.

  • Sábado 9 ás 10 h . Aproximación ao Camiño Real e os Muíños.
  • Luns 11 ás 10 h.  Recuperación de camiños históricos, a A Asociación Muíñeiros do río Tripes: pasado, presente e futuro.
  • Domingo 17 ás 10h. Arquitectura e oficios tradicionais.
  • Sábado 23 ás 10 h. A vida no S. XVIII: camiños e muíños
  • Domingo 31 ás 10 h. Lendas, contos e cantigas.

Visitas guiadas pola Senda dos Muíños do Tripes

Ás visitas sairán do  punto de inicio da Senda ás 11h. Percorrido circular de 4’5 quilómetros. Duración estimada 3 horas. Cada día haberá unha temática diferente

  • Domingo 10 ás 11h. Aproximación aos Muíños e a cultura muiñeira.
  • Martes 12 ás 11 h. A Asociación Muíñeiros do río Tripes: pasado, presente e futuro
  • Domingo 24 ás 11 h. Os muíños no S. XVIII
  • Sábado 30 ás 11 h. Lendas, contos e cantigas.

Máis información: https://muineirosdotripes.blogspot.com/

Medrando en Familia volve con novos obradoiros prenatais e para bebés

0

O programa Medrando en Familia volve este mes de outubro para continuar acompañando e apoiando a nais e pais na crianza, creando un espazo de confianza e unha rede de apoio coa que axudar e guiar ás familias e influír no benestar dos nenos e nenas.

O Servizo de Educación e Apoio Familiar da Concellería de Benestar pon en marcha tres novos obradoiros dirixidos a xestantes e a familias con bebés de ata 18 meses co obxectivo de “estimular o establecemento de pautas básicas no eido familiar, fomentando hábitos positivos de comunicación e interacción entre nais, pais e fillos ou fillas. A través de encontros e talleres promovemos a estimulación nun sentido amplo, adaptándonos ás necesidades das familias e da súa relación cos menores e propiciando aprendizaxes e cambios significativos na súa contorna”.

Este mes de outubro poranse en marcha o obradoiro de acompañamento prenatal ‘Preparando a benvida’, dirixido a xestantes, que arrancará o vindeiro 27 de outubro e que se celebrará un mércores ao mes de 19.30 a 20.30 horas. Antes, o día 20 de outubro, comezan os talleres dirixidos a bebés: ‘Descubrindo o mundo a través dos sentidos’, para bebés de 0 a 7 meses que se realizará mércores alternos de 16.30 a 17.30 horas, e ‘Conquistando a autonomía’, cativos e cativas de 8 a 18 meses tamén mércores alternos de 18.00 a 19.00 horas.

As persoas interesadas en participar nestes obradoiros de balde poden inscribirse xa a través da páxina web do Concello. O lugar de celebración está aínda pendente de confirmar, polo que se avisará ás persoas inscritas cando dea comezo a actividade.

Os veciños de Ribadetea indignados polo retraso do saneamento

Os veciños de Ribadetea amosan a súa indignación polo retraso do saneamento da parroquia.

Dende a Plataforma Veciñal de Ribadetea queren lembrarlle, unha vez máis, á Consellería de Infraestructuras e Mobilidade, que Ribadetea está dentro da Rede Natura 2000, polo que hai máis de 10 anos que deberían ter rematado as obras de saneamento das súas augas residuais.

Son, probablemente, un dos maiores núcleos de poboación rural de Galicia, con preto de 1000 persoas, que non conta con saneamento en toda a Comunidade Autónoma.

Dende a  primavera de 2020 está feito o proxecto da rede de saneamento de toda a parroquia de Ribadetea, financiado por Augas de Galicia. No devandito proxecto contémplanse varias fases de execución e una valoración económica que resulta moi eficiente dada densidade de poboación  de Ribadetea e a súa situación xeográfica en pendente na ladeira de un monte , ocupando a ribeira dereita do río Tea, e dicir ten un custe por habitante moi baixo para o é o medio rural en Galicia. 

A empresa pública Augas de Galicia está a financiar obras de Saneamento en Salvaterra, Moraña, Tui, Soutomaior, A Estrada etc. Tal como aparece na súa páxina web, polo que non poden esquecerse de Ribadetea, xa que hai razóns económicas, técnicas, demográficas e medioambientais que avalan a reclamación dos veciños de Ribadetea.

Dende a Plataforma de Veciños de Ribadetea convidan á conselleira a visitar a parroquia para comprobar sobre o terreo a necesidade urxente de acometer as obras de saneamento na parroquia.

O programa municipal MULLER Tui cumpre un ano actividade prestando servizo de atención psicolóxica e xurídica a mulleres

0

O programa municipal de atención integral a mulleres Muller Tui vén de cumprir un ano de actividade prestando servizo  de atención psicolóxica e xurídica.

Este servizo municipal presta atención especializada a mulleres vítimas de violencia de xénero, facéndose extensivo a todas aquelas que se atopan en calquera situación de vulnerabilidade, como mulleres maiores, desempregadas, do medio rural,  con fillos/ as menores a cargo, etc. Tamén ten por obxectivo o fomento da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes e a prevención e eliminación da violencia de xénero.

O Concello de Tui asumiu este ano con fondos propios a continuidade do programa Muller Tui, que se puxera en marcha en agosto de 2020 a través dunha subvención da Dirección Xeral de Igualdade. A concelleira de Igualdade, Ana Mª Núñez, explica que “a falla de recursos por parte da Xunta na convocatoria de 2021 deixou sen achega económica a moitos concellos de tamaño medio coma é o caso de Tui” polo que optaron por dar continuidade o servizo con fondos propios  “nun momento de especial necesidade de apoio das mulleres”.

Dende a posta en marcha de Muller Tui o programa deu cobertura a 90 mulleres vulnerables ou vítimas de violencia de xénero, derivadas principalmente dende os Servizos Sociais Municipais. A metade viven nas parroquias tudenses e a outra metade no centro urbano.

O servizo de atención xurídica de Muller Tui atendeu no último ano a 65 mulleres, das que 18 son estranxeiras, o 70% teñen entre 25 e 54 anos, e o 46% teñen fillo ou fillas menores a cargo. O 80% das usuarias do programa no momento de acceder ao mesmo estaban en situación de desemprego o que segundo a concelleira de Igualdade “da conta da situación de precariedade na que a maioría están, feito que incrementa a  súa  vulnerabilidade”.

O 50% das mulleres que se achegaron a este programa refiren ter vivido algunha situación de malos tratos. 19 delas presentaron denuncia por violencia de  xénero,  ben antes ou ben  despois de  seren atendidas,  e 12 das mulleres  vítimas atendidas  contan  ou contaron con  Orde de  Protección.

A través do servizo de atención xurídica realízanse:

  • Consultas persoais e individualizadas de interese para as usuarias.
  • Estudo dos seus asuntos e, no seu caso,  documentación , detección da necesidade e posibles solucións xurídicas ao caso concreto.
  • Comunicación con terceiros para facilitar recursos e alternativas ( organismos públicos e privados,  FFCC de seguridade, profesionais intervenientes, etc)
  • Redacción de escritos e documentos que a usuaria poida precisar , así como a remisión de solicitudes de Xustiza Gratuíta, de axudas e prestacións ( cando non competen aos Servizos Sociais municipais) e, en xeral, o acceso a recursos necesarios en cada caso.

A atención psicolóxica a mulleres  vítimas de violencia de  Xénero é derivada  ao Colexio de  Psicoloxía de Galicia e á Xunta de Galicia que ofrecen  gratuitamente á muller alternativas entre os distintos centros e  profesionais existentes  na contorna do  Concello de Tui, segundo  as posibilidades. Amais dende os Servizos Sociais Municipais en coordinación coa xurídica do programa xestiónase o servizo ATEMPRO.

Por outra parte o Servizo Municipal de Orientación Laboral asesora e orienta ás usuarias de Muller Tui na súa empregabilidade co obxectivo de que poidan acadar a independencia económica e a autonomía.

O servizo préstase, de forma presencial ou telefónica, en función das necesidades de mulleres, previa solicitude de cita nos Servizos Sociais Municipais.

A concelleira de Igualdade, Ana Mª Núñez, expón que “os servizos a disposición das mulleres son, sen dubida, o mellor xeito de aplicar os recursos das políticas de prevención e loita contra a violencia de xénero.”

Dende a concellería de Igualdade trabállase en distintas accións para dar cumprimento ao IV Plan Municipal de Igualdade.

O 15 de outubro finaliza o período de pagamento voluntario dos recibos do IBI

0

O Concello de Redondela lembra á veciñanza que o vindeiro día 15 de outubro remata o prazo para o pagamento, en período voluntario, dos recibos do Imposto sobre Bens Inmobles 2021 (IBI rústica e urbana).

Os contribuíntes que aínda non recibiran no seu domicilio as cartas de pagamento (recibos) necesarios para realizar o pago a través da Oficina Virtual Tributaria ou en calquera das sucursais de Abanca, Caixabank ou Banco Bilbao Vizcaya, poderán obter un duplicado dos mesmos na Oficina Virtual Tributaria https://redondela.tributoslocales.es, na Oficina de Recadación e Xestión Tributaria do Concello de Redondela –rúa Ernestina Otero 35 baixo– en horario de atención ó público de luns a venres de 9:00 h a 14:00 horas e de luns a xoves de 16:00 h a 19:00 horas ou na Oficina de Chapela sita. no Camiño do Piñeiral 22 no horario de atención ao público (tódolos mércores de 9:00 h a 14:00 horas.

Os recibos tamén poden ser solicitados a través do teléfono de atención ó contribuínte 986 408 374 ou no correo electrónico: [email protected].

Cómpre lembrar que unha vez finalizado o prazo de pagamento voluntario (o 15 de outubro) o cobro realizarase pola vía executiva coas recargas de apremio regulamentarias.

Todo disposto en Gondomar para a III ‘Gladiator kids’

0

O vindeiro sábado 16 de outubro celebrarase finalmente esta divertida carreira de obstáculos para grande e pequenos, e que o Goberno local pospuxo o pasado mes de agosto como precaución ante o aumento de casos da COVID en toda España. Agora vén con moitas ganas e probas que farán rir a máis dun e dunha.

A proba mantén o número de inscricións cubertas no seu momento, preto de 200, e desde as concellerías de Deportes e Xuventude, organizadoras deste evento, pídese a quen non poidan participar polo cambio de data que o comuniquen chamando ao teléfono 986 369 746 ou ben enviando un correo a [email protected]

O Parque da Coelleira converterase, por primeira vez, no circuíto que deberán cubrir os corredores e as corredoras, de idades comprendidas entre os 3 e 12 anos, que deben participar acompañados por un adulto. A Gladiator Kids é unha carreira na que a competitividade se deixa ao carón para dar paso a momento divertidos e compartir unha experiencia distinta e de colaboración entre os participantes.

A entrega de dorsais realizarase a partir das 15.00 horas e as probas arrincarán ás 16.00 horas. En primeiro lugar participará o grupo integrado por pequenos e pequenas de idades comprendidas entre os 3 e os 6 anos. Unha hora máis tarde, ás 17.00 horas, será a quenda dos participantes cuxas idades estean entre os 7 e os 12 anos

En ambos os circuítos atoparanse con diferentes retos, sempre adaptadas a idade dos participantes, nas que se poñerá a proba as súas habilidades á hora de facer fronte a obstáculos que atoparán no percorrido que deberán ir sorteando ata chegar á meta, un obxectivo que vén marcado sobre todo polo “carácter lúdico e non competitivo, primando a diversión e o momento que se comparte coa familia”.

Os GDRs Eurural e Condado Paradanta organizan tres cursos centrados na gandería

Por primeira vez, dous grupos de desenvolvemento rural veciños únense para levar a cabo accións formativas de xeito conxunto. Os GDRs Eurural e Condado Paradanta veñen de poñer en marcha tres cursos de balde centrados na gandería que se celebrarán ao longo dos meses de outubro e novembro en tres municipios de ambos territorios: Tomiño, Fornelos de Montes e Ponteareas.

Sandra González, presidenta de Eurural e alcaldesa de Tomiño, e Juan Pablo Castillo, presidente do GDR Condado Paradanta e rexedor de Covelo, presentaron este venres estes novos cursos cos que os grupos de desenvolvemento rural buscan seguir traballando para contribuír a un maior desenvolvemento e crecemento da economía local. Os cursos, organizados en colaboración coa Axencia Galega de Calidade Alimentaria e Beealia, van dirixidos a gandeiros e gandeiras para a súa formación continua.

González salientou “a importancia de establecer colaboracións entre territorios veciños con moitos aspectos en común, unha cooperación que continuaremos impulsando”. Unha idea que ratificou Castillo, quen asegurou que se trata “dun primeiro paso, xa que seguiremos realizando xuntos novos proxectos”.

Tres accións formativas

O primeiro curso celebrarase os vindeiros 24 e 25 de outubro e estará centrado na ‘Iniciación e mellora da gandería de vacún de carne’. A acción formativa será de 09.00 a 14.00 horas na Aula Temática da CMVMC de Pinzás, en Tomiño. O obxectivo do curso é achegar os coñecementos básicos para iniciar unha gandería deste tipo ou de revisar e establecer estratexias de produción reais e con perspectiva de futuro para as persoas que xa as teñan. Repasaranse as principais áreas de coñecemento da gandería e realizarase unha visita de campo para a posta en práctica de todo o aprendido.

Do 8 ao 10 de novembro a actividade formativa trasládase a Aula da Comunidade de Montes de As Estacas, en Fornelos de Montes. Durante as sesións, de 09.00 a 14.00 horas, as persoas participantes afondarán sobre a convivencia e prevención de ataques de lobos á gandería. Será un curso participativo co que se busca coñecer as ferramentas dispoñibles para evitar ataques, analizando a situación do lobo en Galicia, os mitos, as medidas preventivas eficaces, o seu financiamento e a súa situación a nivel europeo. A formación rematará cunha práctica de campo sobre a realización correcta de peches de diversos tipos para a protección do gando.

A actividade rematará en Ponteareas cun curso de ‘Iniciación e mellora de gandería de ovino e cabrún’ do 15 ao 19 de novembro. Tamén de 09.00 a 14.00 h no Centro Cultural Irmáns Barcia, en Padróns, as e os participantes aprenderán as nocións básicas para iniciar unha gandería deste tipo, tanto de carne como de leite, ou poderán establecer estratexias de futuro en caso de xa dispoñer dunha. Razas, sistemas de cría, comercialización, manexo da reprodución, pastos, cambio climáticos, análise económico… serán algún dos aspectos nos que se afondará durante as sesións.

As persoas interesadas poderán inscribirse xa a través dos formularios habilitados.

Benítez chama aos concellos “á acción” para recuperar o espazo pública

O deputado de Mobilidade Uxío Benítez participou en Carballo no Encontro da Rede de Cidades que Camiñan como representante da única Deputación convidada para explicar o ‘modelo Ágora’. Alí aproveitou para chamar aos concellos “á acción” e a executar con determinacións modelos de recuperación do espazo público, ao tempo que subliñou que os gobernos provinciais deben servir de “motor” para impulsar a iniciativa local.

A acción e a determinación, segundo o nacionalista, son dúas das premisas básicas que deben ter os gobernos locais á hora de realizar transformacións urbanas coas persoas como centro. Destacou que está moi ben compartir na teoría os principios da mobilidade sustentable e a aposta polos colectivos máis vulnerables, pero subliñou que “coas ideas nos papeis” non se constrúen cidades amables que melloren a calidade de vida da cidadanía.

“Hai que executar, hai que pasar á acción”, insistiu, ao tempo que asumiu que pode haber unha certa contestación inicial, pero garantindo que todos os exemplos de recuperacións de espazo para as persoas acaban recibindo un grande aplauso colectivo por parte dos sectores que ao principio eran reticentes.

En canto ao papel dos gobernos provinciais, o deputado de Mobilidade recoñeceu que ata o de agora as deputacións, de maneira xenérica, non se involucraran en temas de deseño urbano, mais subliñou que teñen moita capacidade de pulo. Como única deputación presente no encontro da Rede de Cidades que Camiñan, indicou que os gobernos provinciais poden e deben servir de “motor” para acompañar aos gobernos locais interesados nas transformacións urbanas, tal e como está a facer a institución pontevedresa dende o departamento de Mobilidade.

 Benítez explicou as bases de ‘Ágora’, unha rede de acción institucional entre a Deputación de Pontevedra e os concellos da provincia para valorizar o espazo público como un dereito da cidadanía baixo o fundamento de que as rúas e prazas de vilas e  cidades son o escenario natural da vida colectiva. Lembrou que a Deputación puxo en marcha unha convocatoria de subvencións de 2,4 millóns de euros para realizar obras e proxectos que permitan gañar espazo ao tráfico motorizado, que ten en marcha a Facultade Ágora de formación a representantes técnicos e políticos, e que existe un asesoramento continuo por parte da equipa provincial a todos os concellos que queren abordar actuacións.

O Rosal súmase ao sendeirismo inclusivo

0

O Rosal continúa dando pasos para convertese nun municipio accesible e inclusivo para todos e todas. O Concello acaba de adquirir unha cadeira todo terreo para que as persoas con mobilidade reducida poidan realizar e desfrutar as sendas naturais da súa contorna. Manuel Sobrino e persoas da asociación San Xerome Emiliani foron os primeiros en probala nunha pequena ruta pola Explanada do Horizonte, na que estiveron acompañados da alcaldesa, Ánxela Fernández, e varios concelleiros e concelleiras. Esta primeira xornada estivo destinada a coñecer e a probar a cadeira e foi, en palabras da rexedora, “unha experiencia moi positiva” grazas “ao bo facer de Manuel e dos rapaces e monitores da asociación”.

Con esta cadeira o Concello pretende crear un servizo permanente para que as persoas con mobilidade reducida poidan facer sendeirismo de xeito programado acompañado dun equipo de voluntarios e voluntarias que xa se están a procurar.  Para a alcaldesa esta adquisición “é un paso máis cara a inclusión integral que o Concello comezou co proxecto Cocreando Sociedade” e explica que, agora, soamente falta coñecer máis e mellor o seu funcionamento en distintos escenarios. Na seguinte xornada de proba Manuel percorrerá a ruta dos muíños do Folón e do Picón.

A cadeira todo terreo conta soamente cunha roda e con dous elementos de agarre, un traseiro e outro dianteiro. A persoa que a utilice debe ir acompañada de polo menos dúas persoas, xa que unha debe asegurar o seu equilibrio e outra encargarse da tracción e da dirección. Durante a xornada da Explanada do Horizonte tanto Manuel, como as persoas usuarias da asociación, e o equipo de goberno puideron comprobar de primeira man o mecanismo de funcionamento da cadeira e xa están listos para rutas con maior grao de dificultade.

Esta aposta polo sendeirismo inclusivo enmárcase dentro do proxecto Cocreando Sociedade, co que o Rosal trata de estreitar lazos entre tecido asociativo, administración local e entidades que traballan a prol da diversidade para deseñar de forma conxunta estratexias e iniciativas inclusivas.

Jimena Fernández de la Vega cunha camelia na súa honra no Parque das Ciencias de Santiago

A pioneira da Xenética Médica en España, Jimena Fernández de la Vega, tivo onte o seu xusto e merecido recoñecemento co homenaxe que lle brindou a RACG no Día da Ciencia en Galicia que se celebrou en Santiago. Desde onte, a científica conta cunha placa nun banco na súa honra no Parque das Ciencias da cidade compostelá e tamén, cedida pola Deputación de Pontevedra, cunha camelia que leva o seu nome e que é a segunda que se planta nun espazo público despois da existente no Xardín do Castelo de Soutomaior. A presidenta provincial, Carmela Silva, participou na plantación deste exemplar xunto á presidenta do Consello de Estado e sobriña de Jimena Fernández, Teresa Fernández de la Vega, así como outros familiares que estiveron presentes no acto organizado pola Real Academia.

Carmela Silva, agradeceu á Real Academia e ao alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, a invitación para participar na homenaxe “a unha muller que admiramos moitísimo e que é unha desas mulleres que nos teñen aberto o camiño a todas”. Explicou que a camelia Jimena Fernández de la Vega forma parte do Xardín de Camelias no Nome de Muller que a Deputación comezou a plantar hai un ano e que xa conta con exemplares dedicados a Rosalía de Castro e Pardo Bazán, e subliñou que se dedicará outra á irmá xemelga da homenaxeada, Elisa, que xunto a ela foron as primeiras mulleres licenciadas en Medicina pola Universidade de Santiago no ano 1919.

Engadiu a presidenta que aínda que se está “a dar impulso” ao recoñecemento das mulleres científicas é necesario seguir a reivindicalas “porque moitas das cousas que usamos e que son de primeira necesidade as inventaron mulleres”.  “Temos que recuperar o nome das mulleres que son as nosas mestras, son o vínculo que nos permite seguir traballando polo valor humano máis  decente que existe, que é a igualdade , que nós, a metade do mundo poidamos ter a metade de todo”, subliñou tras apuntar que De la Vega e Ángeles Alvariño son as dúas únicas mulleres nas 13 persoas recoñecidas ata o momento no Día da Ciencia en Galicia.

Amais de participar xunto á familia de Fernández de la Vega na plantación deste exemplar, a presidenta fixo entrega á presidenta do Consello de Estado e ao seu irmán Jesús de dúas esculturas de camelia realizadas pola artista Ana Tenorio, que ambos recibiron con emoción. “As dúas irmás xemelgas Fernández de la Vega eran tan fortes, tan potentes, tan extraordinarias, que foron as tías dunha muller que chegou para defendernos a todas, María Teresa –dixo Carmela Silva-. Con ela chegamos todas. É fundamental que as mulleres saibamos que non basta con que chegue unha, temos que chegar todas”.

Pola súa banda, Teresa Fernández de la Vega agradeceu a homenaxe brindada a súa tía e subliñou que “houbera estado moi feliz, e creo que non se podería nin crer todo o que está pasando”. “Que Jimena estea a formar parte dun Xardín de Camelias con nome de muller xunto a Pardo Bazán ou Rosalía de Castro  é algo que para ela houbese sido impensable –destacou-, pero estou segura de que se van reencontrar dunha forma moi grata. Ela forma parte dunha loita e unha historia común de mulleres que o tiveron moi difícil e que fai que nós o teñamos hoxe máis fácil. Forman parte do noso patrimonio de vida e da nosa forma de ser e estar porque son un exemplo para todas nós”. Neste senso, apuntou que “hai que seguir nesta batalla polos dereitos, porque queda moito traballo por facer”.

 “Ela merece esta homenaxe –engadiu a presidenta do Consello de Estado- porque foi unha muller comprometida coa cidadanía, coa ciencia, co coñecemento e co progreso”. Teresa Fernández de la Vega remarcou tamén que “é un recoñecemento a todas as mulleres, porque Jimena, sen sabelo incluso cando empezou, foi unha feminista comprometida. Ter o valor como tiveron as irmás xemelgas de facer a carreira por libre naquela época, porque as expulsaron nun acto intolerable de discriminación, avala tamén o capital que temos neste país e, nesta terra de Galicia de maneira particular, de mulleres comprometidas coa igualdade, coa diversidade”.

A reforma do auditorio de Goián chega ao seu ecuador

0

As obras de mellora no auditorio de Goián chegan ao seu ecuador. O Concello está a levar a cabo traballos de reforma tanto na cuberta do edificio como nas propias instalacións interiores co obxectivo de adecualas ás actuais necesidades de uso. Precisamente para poder retomar a actividade habitual no auditorio á maior brevidade de tempo posible, dende a Concellaría de Obras deuse prioridade aos traballos realizados no interior do auditorio e que afectan directamente á zona de escenario, butacas e cabina de control.

Deste xeito levouse a cabo unha ampliación do escenario, retirando as escaleiras situadas ao fondo, xa innecesarias trala creación dun novo acceso lateral na intervención realizada no 2015 no edificio para habilitar os espazos necesarios para a creación da Escola de Música. Xa se instalou o novo pavimento de madeira e se están a realizar os trabalos de pintado. Ademais, tamén se está a levar a cabo unha ampliación da cabina de control, coa que se permitirá aos técnicos ter unha referencia directa do que acontece no escenario.

Estes traballos están sendo acompañados dunha mellora do equipamento técnico das instalacións, tanto na iluminación como no son e no audiovisual. Instaláronse luminarias tipo LED a ambos lados do escenario e dende a parte superior da parede frontal da cabina que permitirá iluminar cada un dos recunchos do espazo. No eido audiovisual, estase a substituír o sistema de proxección para axeitalo a diversas funcionalidades e un novo equipo de son garantirá unha cobertura homoxénea en todo o salón.

Por outro lado, novos carrís permitirán a mobilidade da estrutura de aluminio sobre a que se dispoñen os elementos escénicos como cortinas ou panos, permitindo o seu desprazamento inmediato durante as actuacións. “Con estas obras conseguimos que o escenario poida adaptarse facilmente aos distintos usos que ten na actualidade e mellorar notablemente a calidade das actuacións, facilitando ademais o traballo do persoal técnico”, salienta o concelleiro de Obras, Alexandre Pérez.

As obras rematarán no exterior completando a impermeabilización do edificio a través da intervención na cuberta do auditorio.

O proxecto de mellora conta cun orzamento total de 110.000 euros que serán financiados ao abeiro do Plan Concellos 2020 da Deputación de Pontevedra.

Mos, epicentro do innovador proxecto ‘Fútbol a Pie’ na área

0

Onte tivo lugar a presentación do proxecto ‘Fútbol a Pie’ no Campo de Fútbol de Cototorrón ás 13.30 horas coa presenza de Nidia Arévalo, alcaldesa de Mos, Fernando Iglesias Figueroa, vicepresidente da Federación Galega de Fútbol, José Areal, concelleiro de Deportes, Patricio Farrapeira, presidente do Club Louro Tameiga, José María Rial Chapela, director do proxecto ‘Fútbol a Pie’ e Manuel Núñez, coordinador de zona do proxecto ‘Fútbol a Pie’.

Con esta presentación ábrese o prazo de inscrición para as persoas da área metropolitana que estean interesadas en practicar esta orixinal disciplina, xa que Mos, concretamente o Campo de Fútbol de Cototorrón do Club Louro Tameiga, será sede e centro neurálxico de ‘Futbol a Pie’ na zona.

Nas últimas semanas xa se veñen realizando sesións de proba e demostración da actividade en Cototorrón, para que os interesados comproben de primeira man se lles gusta e, cos que se animen, poder formar un grupo para comezar a adestrar. A actividade desenvólvese todos os luns e mércores en horario de 19.30 horas a 20.30 horas.

Iglesias e Núñez, promotores do proxecto, explicaban esta mañá que “a idea nace dunha maneira moi simple. Existe moitísima xente á que lle gusta o fútbol e que algunha vez na súa vida, xa ben fose de maneira máis ou menos profesional, practicou este deporte ou lle gustaría facelo, sen embargo cando chegan as limitacións físicas da idade ou de calquera problema de saúde, máis ou menos grave, estas impídenllo”.

“Cremos firmemente”, continuaron o director e coordinador de ‘Fútbol a pie’ “que se pode adaptar a todo tipo de xente, sen importar idade nin xénero, e cumprir así un soño para moitos, como sería comezar ou volver practicar un deporte que segue sendo o número un, en canto a número de seguedores e practicantes”.

No ‘Fútbol a Pie’ as tarefas e os esforzos a realizar serán sempre supervisadas por un médico e serán dirixidas por persoas co perfil adecuado para elo.

O obxectivo da actividade baséase en tres aspectos fundamentais: aspecto físico (manter ás persoas activas realizando unha actividade de moi baixo impacto como camiñar e recomendada pola OMS, que xa considerou o sedentarismo como unha enfermidade), aspecto psicolóxico (aumentar a autoestima e estimular a concentración a través dunhas normas ás que se lle debe prestar moita atención), e aspecto social (promover as relacións sociais de persoas sen distinción de idade ou xénero e tratar de que sexa un tempo divertido, agradable e ameno. Gozar e facer gozar aos demais nun ambiente de cordialidade absoluta, sen o máis mínimo signo de competitividade).

Poderíanse resumir claramente os obxectivos expostos en: deporte, saúde, e benestar emocional.

Trátase dunha actividade a desenvolver en dúas ou tres sesións semanais. Estas sesións estarán debidamente estruturadas e preparadas para que se cumpra o consello da OMS de realizar asiduamente unha actividade saudable tanto física como psicoloxicamente para manter un nivel aceptable de forma.

As sesións constan de 10 minutos iniciais de quecemento como introdución á parte principal na que se irá progresivamente preparando aos practicantes para afrontala sen risco algún de lesións (aquí os estiramentos e a mobilidade articular serán unha parte fundamental), seguidos dos 45 minutos da parte princial consistente nun partido de fútbol a pé que terá unha duración de dous tempos de 20 minutos separados por un descanso de 5 minutos entre eles. Para rematar finalízase con 5 minutos de volta á calma, parte fundamental de relaxación e estiramentos.

A práctica do ‘Fútbol a Pie’ está recomendada tanto para mulleres como homes con independencia da súa idade, condición física ou o seu estado de saúde.

As relacións sociais e o benestar emocional son o obxectivo fundamental, así como fomentar o envellecemto activo.

Cada grupo de adestramento non superará as 14 persoas (7 por equipo) e contará cun híbrido entre “adestrador” e “árbitro” coa misión de facer cumprir as regras do xogo e de formar técnica e tácticamente ás persoas participantes.

O Concello da Guarda renova o pavimento do Pavillón Municipal da Sangriña

0

O Concello da Guarda realizou ao longo do verán obras de mantemento correctivo do pavimento do pavillón municipal de cara ao inicio da tempada deportiva 2021/22, consistentes  no acoitelado, lixado e  vernizado  do parquet  deportivo,  a reparación  do pavimento  en zonas danadas, o pintado dos bordes do campo  cun acabado  con propiedades antideslizantes e o marcaxe e pintado do campo de balonmán  e zonas a resaltar.

Nestas obras no pavillón destináronse preto de 30.000€, asumidos con recursos propios do Concello da Guarda dentro do  Plan de  Inversións previstas para este 2021.

Estas obras eran moi demandadas polo club de balonmán Atlético  Guardés e necesarias para unha correcta práctica da actividade deportiva.

Hai que ter en conta que no club, ademais da División de Honra, tamén hai equipos de xuvenil, cadete, infantil e benxamín, e ademais neste ano  creouse un equipo de autonómico masculino, polo cal foi preciso facer estas obras para que a práctica deportiva se realice con todas as medidas de seguridade e en condicións óptimas para os nosos deportistas.

O Concello de Baiona aluméase de verde no Día Mundial da Saúde Mental

0

O Concello de Baiona alumearase estes días de verde para conmemorar o Día Mundial da Saúde Mental que se celebra o vindeiro 10 de outubro. Súmase así á campaña que está a levar a cabo a Asociación Avelaíña ao longo de todo este mes co obxectivo de sensibilizar e informar á poboación sobre as enfermidades mentais. Para chamar a atención sobre esta realidade, este venres 8 instalouse unha mesa informativa na bifurcación das rúas Elduayen con Carabela Pinta de 10.30 h a 13.30 horas a través da que a veciñanza puido coñecer máis sobre a saúde mental e o traballo que realiza a asociación no Val Miñor.

Desde hoxe o balcón do consistorio loce unha pancarta de apoio para sensibilizar e visibiliar a Sáude Mental.

O alcalde de Baiona, Carlos Gómez, e a concelleira de Servicios Sociais, Conchy Vara, acercáronse ata a mesa informativa para mostrar o seu apoio e coñecer de primeria man a información e a situación tanto da propia entidade, coma dos veciños e veciñas que precisan da atención.

O 10 de outubro celébrase o Día Mundial da Saúde, conmemoración que pretende sensibilizar e informar sobre a importancia do coidado da saúde mental e a defensa dos dereitos das persoas que teñen algún problema desta índole. Este ano, o tema elixido a nivel mundial é a saúde mental nun mundo desigual, chamando a atención sobre aqueles factores que impiden que o coidado da saúde mental poida chegar a todas as persoas en igualdade de condicións.

Cabe destacar que, o alcalde e mais a concelleira “teñen un profundo coñecemento das trabas coas que se encontran estas persoas a hora de acudir os profesionais correspondentes, xa que o recurso para a vila encontráse no Centro de Saude do Val Miñor, con un equipo escaso de persoal, sendo as citas programadas como mínimo con dous ou tres meses. Creando así un detrimento na atención de estas persoas, ainda que grazas a asociacións como Avelaiña pódese paliar os casos máis leves dos cales manteñen unha relación de traballo conxunta con bo resultado, pero non suficiente”.

A Asociación Avelaíña é unha entidade sen ánimo de lucro que naceu no ano 1997 no Baixo Miño para potenciar a inclusión das persoas con problemas de saúde mental mediante a promoción da súa calidade de vida e a dos seus familiares. Declarada Entidade de Utilidade Pública en 2010, tras 24 anos de andadura, na actualidade a asociación conta con máis de 18 profesionais e 40 persoas socias con enfermidade mental, familiares, coidadores e persoas sensibilizadas ante este problema de saúde.

Ponteareas abre o prazo para a presentación de suxestións á futura ordenanza de mobilidade amable e utilización dos espazos públicos

O Concello de Ponteareas vén de iniciar o proceso participativo que conducirá á aprobación da Ordenanza de Mobilidade Amábel e Utilización dos Espazos Públicos. A finais de setembro o concelleiro de Mobilidade, Roberto Mera, presentou aos colectivos sociais o borrador da ordenanza nun acto enmarcado na Semana Europea de Mobilidade ao tempo que se daba traslado do documento aos grupos municipais para o seu estudo. Agora, o Concello expón publicamente na web municipal o borrador de ordenanza abrindo un prazo até o 20 de outubro para a presentación de ideas e suxestións por parte da veciñanza en xeral no correo [email protected].

A nova ordenanza pretende superar a normativa actual, que data do ano 2003, baseada nun concepto de mobilidade obsoleto, no que toda a mobilidade se centraba e supeditaba ao vehículo a motor. A Ordenanza de Mobilidade Amábel configúrase como a ferramenta xurídica necesaria para implementar o Plan de Mobilidade Urbana Sostíbel (PMUS) e o Plan de Accesibilidade, así como todo o proceso de reforma urbana posto en marcha polo goberno municipal, dirixido a recuperar o espazo público para a mobilidade e estancia das persoas, fomentar os desprazamentos saudábeis e sustentábeis a pé e en bicicleta e reducir o tráfico a motor e, polo tanto, a contaminación e a inseguridade viaria.

Esta normativa aborda a regulación da utilización do espazo público atendendo a todas as actividades e usos, garantindo o dereito das persoas a desfrutar destes espazos e rematando coa monopolización dun único uso, o do automóbil. Nesta liña apóstase polo uso plural e compartido do espazo público con prioridades claras a favor das persoas, concibíndose coma lugares non só de paso senón tamén de estancia e convivencia.

A través desta nova ordenanza regúlanse as zonas de preferencia peonil, os supostos de necesidade nos que o tráfico a motor e as paradas se permiten nestes lugares e as condicións de seguridade nas que debe realizarse. Amais, contémplase que os pasos de peóns deberán ser sempre elevados coa mesma rasante que as beirarrúas, que á súa vez deberán ter unha anchura mínima de 2,50 metros. Onde non sexa posíbel acadar esas dimensións a vía deberá ser de plataforma única con preferencia peonil. A ordenanza regula tamén a mobilidade das bicicletas e vehículos de mobilidade persoal coma os patinetes eléctricos, así como a tonelaxe dos vehículos que poden circular por zonas urbanas. En canto ás velocidades máximas en vías urbanas a norma xeral serán os 20 km/h, limitación que tamén se aplicará en todas as pistas do rural que carezan de beiravía mínima de 1,5 metros de anchura. Ademais, a velocidade máxima será de 10 km/h nas rúas de preferencia peonil ou plataforma única e nas pistas do rural cando haxa presenza de persoas.

“Ritmos da Hispanidade” , programación para o goce da cidadanía o 12 de outubro en Baiona

0

A Concellería de Cultura do Concello de Baiona deseñou unha programación con motivo da celebración do día da Hispanidade: “Ritmos da Hispanidade”.

A Concellaría de Cultura deu un paso máis na celebración desta efeméride e programou un concerto na praza de Concello ás 19:30h o propio día 12 de outubro, tras o acto institucional que se celebrará na Vila con motivo de tal efeméride.

O 12 de outubro celebrarase ás 18:00h o acto protocolario na praza do Concello para despois gozar do concerto de “Mulleres de Ultramar” facendo unha viaxe musical polos ritmos latinoamericanos a través dos repertorios de grandes mulleres compositoras e intérpretes da historia da música latina.

O rexedor baionés, Carlos Gómez Prado explica “que esta programación está diseñeda para achega a celebración da hispanidade a toda a cidadanía. Quixemos dar un cambio aos eventos que organiza o concello co obxectivo de que os gocen todos os veciños e veciñas da vila. Para que todo o pobo participe deles. Por iso o día 12 organizamos un acto aberto no que toda a cuidadanía poida gozar. O obxectivo é gozar da Hispanidade todos xuntos. O Concello de Baiona leva celebrando o acto 20 anos e había que darlle unha volta para que todo o pobo puidese participar deste evento, sempre respectando o protocolo, a celebración do día da Hispanidade deixou de ser un acto encorsetado no que participaban uns poucos para pasar a ser un acto para todos e todas”.

O acto de celebración do día da Hispanidade está subvencionado pola Deputación Provincial de Pontevedra. Este día leva celebrándose na Vila desde fai vinte anos , en colaboración coa institución provincial, debido á relación que Baiona ten con América e coa comunidade colombina, ademais do feito histórico de que Baiona foi o primeiro porto de Europa en ser coñecedor do Descubrimento de América cando chegou ao seu porto a Carabela Pinta ao mando de MartÍn Alonso Pinzón.

Todo iso terán lugar na Praza do Concello cumprindo con todas as medidas de seguridade sanitaria.

O Concello da Guarda aluméase de verde para conmemorar o Día Mundial da Saúde Mental

0

O Concello da Guarda súmase así á campaña que leva a cabo a Asociación  Avelaíña ao longo do mes de outubro, co obxectivo de sensibilizar e informar á poboación sobre a enfermidade mental.

O 10 de outubro celébrase o Día Mundial da Saúde Mental, conmemoración que pretende sensibilizar e informar sobre a importancia do coidado da saúde mental e a defensa dos dereitos das persoas que teñen algún problema desta índole. Este ano, o tema elixido a nivel mundial para esta conmemoración é a saúde mental nun mundo desigual, chamando a atención sobre aqueles factores que impiden que o coidado da saúde mental poida chegar a todas as persoas en igualdade de condicións.

A Asociación Avelaíña

A Asociación Avelaíña é unha entidade sen ánimo de lucro que nace no ano 1997 na comarca do Baixo Miño, coa misión de potenciar a inclusión das persoas con problemas de saúde mental mediante a promoción da súa calidade de vida e a dos seus familiares. Foi declarada Entidade de Utilidade Pública no ano 2010.

Tras 24 anos de andadura, na actualidade a asociación está integrada por 18 profesionais e máis de 400 persoas socias con enfermidade mental, familiares, coidadores e persoas sensibilizadas ante este problema de saúde. Sendo o seu ámbito de actuación a provincia de Pontevedra.

Hoxe en día Avelaíña está presente   no Baixo  Miño, Val  Miñor,  no  Condado,  na  Paradanta  e en Salceda  de  Caselas e conta con numerosos convenios e concertos con organismos públicos, promovendo  aquelas  intervencións  na  área  da saúde mental non cubertas polas institucións existentes e  procurando unha mellor relación entre a persoa e o seu medio

A Escola María Vinyals reabre as súas portas co I Encontro Nacional sobre Políticas Públicas de Igualdade

A Escola de Igualdade María Vinyals da Deputación de Pontevedra retomará por todo o alto a súa actividade presencial tras ano e medio de pandemia coa celebración a vindeira semana do I Encontro Nacional sobre Políticas Públicas de Igualdade que terá lugar no Castelo de Soutomaior. Serán dúas xornadas (14 e 15 de outubro) con 15 horas de debate a cargo das maiores 20 expertas do Estado e que, como subliñou Carmela Silva, servirán para poñer enriba da mesa a axenda feminista e “debater, reflexionar, propoñer e reivindicar” no marco das políticas de igualdade e os seus máis inmediatos desafíos.

A presidenta provincial, acompañada pola deputada de Igualdade, María Victoria Alonso, cualificou esta reapertura “de Óscar” e remarcou que neste 2021 “non se teñen feito nin a nivel nacional nin a nivel internacional en Europa unhas xornadas desta calidade coas grandes referentes do feminismo en todos os eidos, desde logo en Galicia non hai nada parecido”. A cita responde á decidida “loita diaria” da Deputación de Pontevedra e da súa Escola de Igualdade “para que a axenda feminista, a axenda das mulleres estea presente nas prioridades políticas”. “Somos a administración máis feminista de toda Galicia e eu diría e das máis feministas de todo o Estado e así se nos recoñece”, afirmou.

O encontro, que está coordinado pola doutora en Ciencias Políticas e Socioloxía, profesora universitaria, referente feminista e escritora Rosa Cobo, debaterá e analizará o estado actual da igualdade e os retos de futuro no desenvolvemento de políticas públicas da man “das mulleres que son a grande referencia da igualdade”, a través de seis mesas redondas e unha conferencia inaugural que serán retransmitidas en directo por streaming. Nas dúas xornadas abordaranse as Políticas Públicas Nacionais, Políticas Autonómicas, Políticas Municipais, Políticas de Igualdade en Medios de Comunicación; Políticas de Igualdade no Sistema Xudicial e Propostas de Políticas de Igualdade no Movemento Feminista.

“Creo que vai dar moito que falar esta xornada –engadiu a presidenta- porque imos reclamar que ten que haber unha axenda feminista como prioridade. Queremos que se mellore a Lei contra a Violencia de Xénero e a Lei de Igualdade. Queremos que haxa unha lei de abolición da prostitución e unha posición clara e recollida taxativamente nas normas contra os ventres de alugueiro. Queremos rachar coa brecha salarial, que nas palestras esteamos representadas ao 50% de xeito paritario e que nos libros de texto aparezan as mulleres científicas e innovadoras, artistas e escritoras que non están. Polo tanto, que haxa referencias para que as nenas e os nenos saiban que hai mulleres moi potentes”.

As relatoras

Amais de Rosa Cobo, que pronunciará a conferencia inaugural, participarán no encontro Soledad Murillo, exsecretaria de Estado de Igualdade; Beatriz Gimeno, exdirectora do Instituto das Mulleres; Izaskun Landaida, directora do Instituto Vasco da Muller; Nuria Varela, directora xeral de Igualdade do Principado de Asturias; Eva Istúriz, directora xerente do Instituto Navarro para a Igualdade; María Durán, directora do Instituto Balear da Muller; Núria Parlon, alcaldesa de Santa Coloma de Gramanet; Silvia Buabent, activista feminista e exdirectora do Instituto das Mulleres; Ana Bernal Triviño, xornalista e profesora universitaria; Emelina Fernández, expresidenta Consello Audiovisual de Andalucía; María Luisa Balaguer, maxistrada do Tribunal Constitucional; Paz Filgueira, maxistrada especialista en violencia de xénero; Sandra González Álvarez, alcaldesa de Tomiño; Marta Giráldez Barral, alcaldesa de Meis; María Xosé Porteiro, directora do Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos do Consello da Cultura Galega; Marta Cárdaba, xefa de Servizo no Observatorio de Saúde das Mulleres no Ministerio de Sanidade; Lidia Fernández, doutora en Estudos Interdisciplinares de Xénero; Concha García, voceira da Plataforma do Feminismo Radical de Galicia e Lupe Ces, mestra e activista feminista.

As seis mesas serán moderadas por xornalistas da provincia: María Varela (Diario de Pontevedra), Lara Graña (Faro de Vigo), Nieves Domínguez (La Voz), María Obelleiro (directora de Diario Nós) e Ana Fuentes (xefa de Prensa de Zona Franca). As inscricións para o congreso abríronse hai unha semana e, aínda que xa están cubertas as 100 prazas, está aberta unha lista de agarda para facilitar a asistencia ao encontro.

A Federación Española de Loita Feminina recibe os parabéns da Deputación de Pontevedra

As deportistas e técnicas da selección nacional feminina de loitas olímpicas das categorías absoluta, sub 2 e junior foron acollidas esta mañá por Carmela Silva, que se amosou “orgullosísima do deporte da provincia e, particularmente, das mulleres, que son as que nos están a dar os maiores éxitos na provincia, en Galicia, no Estado e na Unión Europea”.

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, fixo fincapé na maior dificultade que teñen as mulleres no deporte e, como consecuencia, no maior esforzo que teñen que facer, para instar ás rapazas da selección a sentirse orgullosas, “porque sodes unha grande referencia e exemplo para outras nenas e mozas que queiran practicar o deporte. É unha marabilla ter mulleres tan potentes na provincia”.

Pola súa banda, Aurora Fajardo (seleccionadora nacional feminina absoluta) agradeceulle ao ente provincial o apoio e a boa benvida que lle brinda sempre e ás deportistas o seu esforzo continuo.

Amais, en representación de todas as súas compañeiras, a 18 veces campioa en España en todas as categorías de idade, Lydia Pérez, subliñou a importancia das axudas DepoDan, que “constitúen unha parte moi importante cara a nosa preparación a diferentes eventos”. 

Nigrán comeza este sábado o ‘Mes do Teatro’ con tres pezas de microteatro de ‘Atrezo’

0

O Concello de Nigrán arranca este sábado 9 de outubro o ‘Mes do Teatro’ coa compañía viguesa Atrezo Teatro no Auditorio Municipal ás 20:00 horas con tres obras de microteatro, ‘A conciencia’ (20 minutos), ‘As camelias brancas’ (20 minutos) e ‘A chaqueto de borreguito’ (17 minutos). Esta actuación forma parte do convenio coa Federación Galega de Teatro Afeccionado baixo o título ‘Fegateatro Nigrán 2021’. A entrada é de balde ata completar o aforo autorizado.

O sábado 16 será o turno do grupo de A Estrada ‘Disfunción continua’ coa obra ‘Departamento de selección’, dirixida a un público maior de 15 anos e cunha duración de 1h10 minutos. Trátase dunha peza na que un grupo de persoas acceden a unha entrevista de traballo para entrar nunha multinacional, pero a dureza das entrevistas converterán o proceso selectivo nun xogo cruel e perverso que sacará o peor de cada personaxe. A obra supón unha crítica á deshumanización do mundo capitalista que nos converte en inimigos e competidores dispostos a emprender unha loita salvaxe na que todo vale. Está dirixida por José García e interpretada por Clara Iglesias, Rosa López, María Porto, Bea del Río e Natalia Carbajal

A programación continúa o domingo 17 ás 19:00 horas coa obra de teatro cego ‘Coa mirada nas túas mans’ da compañía Lohengrín, de San Andrés de Comesaña (Vigo). Esta función obtivo o segundo premio da categoría Teatro nos Xuventude Crea 2020. Pertence ao xénero de teatro sensitivo xa que é unha obra pensada para público cego, con visión reducida e para as persoas que o queiran presenciar cos ollos tapados. Ten unha duración dunha hora e está pensada para público maior de 14 anos.

O sábado 23, a través do programa ‘Tornar as táboas’ da Deputación de Pontevedra, acude ao Auditorio Municipal a compañía viguesa ‘Fulano, Mengano e Citano’ coa obra ‘Top Manta’. Os cortes económicos como consecuencia da crise empuxan a dous actores a cambiar os grandes escenarios polo top manta na rúa. Como todas as producións da compañía viguesa, ‘Top Manta’ é unha comedia crítica e sarcástica sobre a realidade, aínda que os seus responsables, escapan do “ politiqueo barato”.

Finalmente, o ‘Mes do Teatro’ péchase o domingo 31 coa comedia para todos os públicos ‘Lisístrata’ do grupo ourensán Teatrino.