O grupo de participación infantil e adolescente do Concello de Redondela vén de poñerse un nome e de escoller un logotipo co que darse a coñecer publicamente. Este grupo de nenos, nenas e adolescentes do concello redondelán reúnese quincenalmente para avaliar a situación da infancia e a adolescencia no municipio e facer propostas de cambio e de mellora para todos e para todas.
Actualmente está formado por mozas e mozos de 11 aos 14 anos, aínda que o grupo está a aberto para todas as persoas de 10 aos 17 anos. A súa canle de comunicación pública é un perfil de Instagram, creado polo propio grupo, co nome: ‘Axentes do cambio’: https://www.instagram.com/axentesdocambio/.
Este grupo, que comezou a xuntarse telematicamente por mor da pandemia, estase a reunir presencialmente dende o mes de maio, co apoio de Karina, única adulta destas reunións, que exerce como dinamizadora do mesmo. Dende as súas xuntanzas traballan en temas como o bullying, os dereitos da infancia e a adolescencia, o medio ambiente e o coidado animal, entre outros.
O desexo deste pequeno colectivo é facerse máis grande, implicando a outros nenos, nenas e adolescentes do noso municipio, e traballar para mellorar Redondela, grazas á interlocución co Concello.
A existencia deste grupo, que funciona paralelamente aos plenos infantís do Consello Municipal de Infancia e Adolescencia, responde á preocupación do Concello de Redondela por favorecer o dereito dos nenos e nenas a ter unha opinión, a expresarse e mais a seren escoitados, tal e como se recolle na Convención dos Dereitos do Neno e da Nena.
O logo
O logotipo do grupo, escollido polos propios nenos e nenas, fai alusión á Coca de Redondela, e emprega as cores verde e violeta por ser representativas da natureza –a primeira–, e da creatividade e tamén da igualdade de xénero –a segunda–. O deseño foi realizado pola empresa redondelá VypEstudio, co apoio da Concellería de Ensino de Redondela.