14.5 C
Pontevedra
Venres, 19 de Abril de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaBenítez chama aos concellos "á acción" para recuperar o espazo pública

    Benítez chama aos concellos “á acción” para recuperar o espazo pública

    O deputado de Mobilidade participou en Carballo no Encontro da Rede de Cidades que Camiñan como representante da única Deputación convidada

    O deputado de Mobilidade Uxío Benítez participou en Carballo no Encontro da Rede de Cidades que Camiñan como representante da única Deputación convidada para explicar o ‘modelo Ágora’. Alí aproveitou para chamar aos concellos “á acción” e a executar con determinacións modelos de recuperación do espazo público, ao tempo que subliñou que os gobernos provinciais deben servir de “motor” para impulsar a iniciativa local.

    A acción e a determinación, segundo o nacionalista, son dúas das premisas básicas que deben ter os gobernos locais á hora de realizar transformacións urbanas coas persoas como centro. Destacou que está moi ben compartir na teoría os principios da mobilidade sustentable e a aposta polos colectivos máis vulnerables, pero subliñou que “coas ideas nos papeis” non se constrúen cidades amables que melloren a calidade de vida da cidadanía.

    “Hai que executar, hai que pasar á acción”, insistiu, ao tempo que asumiu que pode haber unha certa contestación inicial, pero garantindo que todos os exemplos de recuperacións de espazo para as persoas acaban recibindo un grande aplauso colectivo por parte dos sectores que ao principio eran reticentes.

    En canto ao papel dos gobernos provinciais, o deputado de Mobilidade recoñeceu que ata o de agora as deputacións, de maneira xenérica, non se involucraran en temas de deseño urbano, mais subliñou que teñen moita capacidade de pulo. Como única deputación presente no encontro da Rede de Cidades que Camiñan, indicou que os gobernos provinciais poden e deben servir de “motor” para acompañar aos gobernos locais interesados nas transformacións urbanas, tal e como está a facer a institución pontevedresa dende o departamento de Mobilidade.

     Benítez explicou as bases de ‘Ágora’, unha rede de acción institucional entre a Deputación de Pontevedra e os concellos da provincia para valorizar o espazo público como un dereito da cidadanía baixo o fundamento de que as rúas e prazas de vilas e  cidades son o escenario natural da vida colectiva. Lembrou que a Deputación puxo en marcha unha convocatoria de subvencións de 2,4 millóns de euros para realizar obras e proxectos que permitan gañar espazo ao tráfico motorizado, que ten en marcha a Facultade Ágora de formación a representantes técnicos e políticos, e que existe un asesoramento continuo por parte da equipa provincial a todos os concellos que queren abordar actuacións.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.