15.1 C
Pontevedra
Xoves, 25 de Abril de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaAberto o prazo de inscrición para unha nova quenda das rutas ornitolóxicas...

    Aberto o prazo de inscrición para unha nova quenda das rutas ornitolóxicas “Voando nas Rías Baixas”

    A camiñada para observar aves desenvolverase de xeito gratuíto o 24 de outubro no Complexo Intermareal Umia-O Grove

    A Deputación de Pontevedra abre hoxe luns, 11 de outubro, o prazo de inscrición para a terceira das rutas ornitolóxicas programadas dentro da cuarta edición da iniciativa “Voando nas Rías Baixas”, organizada pola institución provincial en colaboración con SEO Birdlife. O obxectivo é dar a coñecer a riqueza ornitolóxica da provincia e concienciar sobre a preservación de espazos naturais protexidos. Esta nova ruta, que se desenvolverá o 24 de outubro, permitirá coñecer a riqueza ornitolóxica e paisaxística do Complexo Intermareal Umia- O Grove, nos concellos de Cambados, O Grove, Meaño e Sanxenxo. Ofértanse 20 prazas para esta camiñada guiada de carácter gratuíto e as persoas interesadas poden anotarse  na páxina web da Deputación (https://www.depo.gal/voando-nas-rias-baixas).

    O Complexo Intermareal Umia-O Grove trátase dun espazo protexido pola Rede Natura 2000 como Zona Húmida de Importancia Internacional e como Zona de Especial Interese Comunitario pola importancia da súa biodiversidade. No ano 2014 unha parte deste espazo foi declarado reserva ornitolóxica de SEO/BirdLife, sendo a reserva ornitolóxica máis grande de España, a única de Galicia e a única que conta con medio mariño. Trátase dunha das mellores zonas de España para a observación de aves acuáticas invernantes, tanto pola diversidade coma pola cantidade, pois máis de 18.000 exemplares pasan os meses fríos nesta reserva. Entre as numerosas especies que se concentran no Complexo Intermareal Umia-O Grove destacan cullereiros, gabitas, virapedras, pilros, mazaricos, píllaras, biluricos, parrulos, garzas, gaivotas, carráns e corvos mariños.

    A  andaina estará conducida por dúas experimentadas persoas guías ornitolóxicas de SEO Birdlife Pontevedra. Como recomendacións para as/os participantes, aconséllase levar roupa cómoda e calzado apropiado para moverse polo campo, así como protector solar. Cada participante terá á súa disposición prismáticos de observación de aves, así como dous telescopios terrestres de alta gama para poder desfrutar das aves sen molestalas. Tamén recibirán como material didáctico unha Guía de aves, así como unha lista de aves para que elaboren a súa lista durante a ruta. No caso daquelas persoas que dispoñan de prismáticos e guías de campo recoméndase que os leven, ao igual que unha pequena libreta para aprender a facer un caderno de campo.

    Despois desta terceira ruta, o resto continuará a partir do mes de novembro, coa camiñada pola Enseada de San Simón (Redondela, Soutomaior, Pontevedra e Vilaboa) o día 14, coas inscricións abertas desde o día 2 de novembro. “Voando nas Rías Baixas” concluirá o 19 de decembro coa ruta polo Estuario do Río Miño (A Guarda) e pola Foz da Ramallosa (Nigrán). Neste caso, as persoas interesadas poderán anotarse desde o 7 de decembro.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.