17.2 C
Pontevedra
Luns, 7 de Outubro de 2024
Máis
    HomeVal MiñorBaionaO Dorsia Covirán de Valencia gaña a liga Nacional Feminina de Vela...

    O Dorsia Covirán de Valencia gaña a liga Nacional Feminina de Vela 2021

    O Dorsia Covirán da Marina Burriananova (Castellón) foi finalmente o vencedor da liga Nacional Feminina de Vela 2021 que, tras o seu paso polo País Vasco e Mallorca, esta fin de semana celebrou en Galicia as súas últimas e definitivas probas.

    O circuíto nacional feminino impulsado pola Real Federación Española de Vela chegou a Baiona co equipo valenciano como favorito, tras vencer nas dúas fases iniciais, e ningunha das outras tripulacións en liza lograron arrebatarlle a vitoria final.

    Tras saberse vencedora, a armadora Nuria Sánchez mostrábase moi satisfeita por conseguir o triunfo nunha tempada que foi -dixo- moi boa para o seu equipo e para a muller. “Estamos moi contentas coa gran tempada que fixemos. O equipo fixo un traballo enorme para poder chegar onde estamos, e nun ano moi importante para a muller no deporte da vela. O noso compromiso coa igualdade é seguir sendo claras embaixadoras dos valores en prol da muller e de en un deporte que está cambiado, aínda que aínda quede moito camiño por andar. Grazas ao RCMASC, ao RCNP e ao MRCYB por apostar pola vela feminina e axudarnos a chegar ata aquí”.

    O equipo que máis preto estivo de arrebatarlles a vitoria ás mozas do Dorsia foi o Decoexa do Real Club Náutico de San Sebastián, liderado por Olatz Muñoz. As vascas foron as vencedoras das últimas probas da liga, disputadas este domingo en Baiona baixo a organización do Monte Real Club de Yates co patrocinio de Grupo Isonor.

    Tras unha primeira xornada en branco a causa do vento e a néboa, este domingo as condicións meteorolóxicas foron as propicias para que o comité de regata puidese poñer en xogo as catro últimas probas da competición.

    Aínda que estaba previsto celebrar unicamente tres, as boas condicións de vento (do norte-nordeste con 7 nós de media e picos de 10) e o feito de non poder competir o sábado, animaron á organización para poñer en liza unha manga máis, co que se propiciou, ademais, a entrada en xogo dun descarte. A navegación foi, en case todas as probas, bastante áxil e algúns pasos por boia moi axustados, o que favoreceu o espectáculo.

    Nas catro mangas disputadas, o Decoexa asinou dous primeiros e dous segundos, e converteuse automaticamente en gañador da fase galega. En segunda posición, cuns parciais de 2-2-4-3 , quedou o Pousado, de Alejandra Suárez, do Real Club Náutico de Vigo; e o AGD de Helena Alegre, do Real Club Náutico de Palma, resultou terceiro, con 3-4-7-1 nos seus marcadores.

    Unha vez resolta a clasificación da última fase celebrada en Baiona e sumados os puntos á clasificación xeral da liga Nacional, o Dorsia Covirán resultou vencedor, deixando a prata e o bronce do circuíto feminino ao AGD Desamiantados de Helena Alegre (RCN Palma) e o Decoexa de Olatz Muñoz (RCN San Sebastián) respectivamente.

    O Decoexa (en primeiro plano) foi o vencedor da fase celebrada en Galicia – Foto Jacobo Bastos ©

    O punto e final da competición chegou coa entrega de premios aos gañadores nun acto celebrado nos xardíns do Monte Real Club de Yates ao que asistiron o presidente e vicepresidente do club, José Luis Álvarez e Alejandro Retolaza; o director xeral de Grupo Isonor, Jorge González, patrocinador do evento; o alcalde de Baiona, Carlos Gómez; o deputado de Deportes da Deputación de Pontevedra, Gorka Gómez; e o xefe provincial de deportes da Xunta de Galicia, Daniel Benavides.

    A celebración da última fase da liga Nacional Feminina de Vela no Monte Real Club de Yates enmárcase dentro o seu programa de “Vela en Femenino”, a través do cal o club busca impulsar á muller no mundo da vela. Durante todo este ano, creáronse tripulacións exclusivamente femininas, conseguiuse que o Campionato Gallego de dous en dous tivese un premio específico para mulleres, enviáronse equipos a participar nas competicións máis destacadas de España e puxéronse en marcha iniciativas de navegación con mulleres vítimas de violencia machista, entre outras actuacións.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.