Sábado, 25 Xaneiro de 2025

Nigrán iluminouse de verde no Día Mundial da Saúde Mental

O mércores a asociación Avelaíña instalará unha mesa informativa na Praza do Concello co obxectivo de sensibilizar sobre a importancia da saúde mental e para divulgar o seu traballo

O Concello de Nigrán uniuse á conmemoración, onte 10 de outubro, do Día Mundial da Saúde Mental, celebración que pretende sensibilizar e informar sobre a importancia do coidado da saúde mental e a defensa dos dereitos das persoas que teñen algún problema desta índole. Este ano, o tema elixido a nivel mundial é a saúde mental nun mundo desigual, chamando a atención sobre aqueles factores que impiden que o seu coidado poida chegar a todas as persoas en igualdade de condicións.

Baixo o lema “saúde mental, un dereito necesario”, preténdese denunciar as desigualdades que existen ao redor da saúde mental e que poden ocorrer por diversos motivos (económicos, por idade, por xénero, por educación ou por lugar xeográfico), así como reivindicar a importancia de que a atención á saúde mental sexa igual para todas as persoas. Ademais, o lema pretende concienciar sobre o feito de que a saúde mental afecta a todo o mundo e que, por iso, todos e todas debemos coidala.

Con este obxectivo, a asociación Avelaíña de axuda ás persoas con problemas de enfermidades mentais, con sede no Val Miñor, instalará unha mesa informativa o mércores 15 en Nigrán, na Praza do Concello, de xeito que tamén podan divulgar o traballo que realizan e os recursos que hai na comarca.

Asociación Avelaíña

A Asociación Avelaíña é unha entidade sen ánimo de lucro que nace no ano 1997 na comarca do Baixo Miño, coa misión de potenciar a inclusión das persoas con problemas de saúde mental mediante a promoción da súa calidade de vida e a dos seus familiares. Foi declarada Entidade de Utilidade Pública no ano 2010.

Tras 24 anos de andadura, na actualidade a asociación está integrada por 17 profesionais e máis de 400 persoas socias con enfermidade mental, familiares, coidadores e persoas sensibilizadas ante este problema de saúde. Sendo o seu ámbito de actuación a provincia de Pontevedra, hoxe en día Avelaíña está presente no Baixo Miño, no Val Miñor, no Condado, na Paradanta e en Salceda de Caselas e conta con numerosos convenios e concertos con organismos públicos, promovendo aquelas intervencións na área da saúde mental non cubertas polas institucións existentes e procurando unha mellor relación entre a persoa e o seu medio.