Sábado, 25 Xaneiro de 2025

A Guarda agradece o traballo da Asociación Avelaíña no Día Mundial da Saúde Mental

O Concello da Guarda sumouse á campaña que leva a cabo a Asociación Avelaíña ao longo do mes de outubro, co obxectivo de sensibilizar e informar á poboación sobre a enfermidade mental, co acendido do alumeado de cor verde na fachada do consistorio, ademais da pancarta conmemorativa que dende o pasado luns luce nos balcóns do concello. Este acendido estenderase ao longo desta semana.

O 10 de outubro celebrouse o Día Mundial da Saúde Mental, conmemoración que pretende sensibilizar e informar sobre a importancia do coidado da saúde mental e a defensa dos dereitos das persoas que teñen algún problema desta índole. Este ano, o tema elixido a nivel mundial para esta conmemoración é a saúde mental nun mundo desigual, chamando a atención sobre aqueles factores que impiden que o coidado da saúde mental poida chegar a todas as persoas en igualdade de condicións.

A Asociación Avelaíña

A Asociación Avelaíña é unha entidade sen ánimo de lucro que nace no ano 1997 na comarca do Baixo Miño, coa misión de potenciar a inclusión das persoas con problemas de saúde mental mediante a promoción da súa calidade de vida e a dos seus familiares. Foi declarada Entidade de Utilidade Pública no ano 2010.

Tras 24 anos de andadura, na actualidade a asociación está integrada por 18 profesionais e máis de 400 persoas socias con enfermidade mental, familiares, coidadores e persoas sensibilizadas ante este problema de saúde. Sendo o seu ámbito de actuación a provincia de Pontevedra.

Hoxe en día Avelaíña está presente   no Baixo  Miño, Val  Miñor,  no  Condado,  na  Paradanta  e en Salceda  de  Caselas e conta con numerosos convenios e concertos con organismos públicos, promovendo  aquelas  intervencións  na  área  da saúde mental non cubertas polas institucións existentes e  procurando unha mellor relación entre a persoa e o seu medio.