10.2 C
Pontevedra
Venres, 29 de Marzo de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoTomiñoMedrando en Familia volve con novos obradoiros prenatais e para bebés

    Medrando en Familia volve con novos obradoiros prenatais e para bebés

    Con este programa o Concello de Tomiño busca apoiar ás familias na crianza da cativada, propoñendo accións de estimulación temperá e resolvendo inquedanzas

    O programa Medrando en Familia volve este mes de outubro para continuar acompañando e apoiando a nais e pais na crianza, creando un espazo de confianza e unha rede de apoio coa que axudar e guiar ás familias e influír no benestar dos nenos e nenas.

    O Servizo de Educación e Apoio Familiar da Concellería de Benestar pon en marcha tres novos obradoiros dirixidos a xestantes e a familias con bebés de ata 18 meses co obxectivo de “estimular o establecemento de pautas básicas no eido familiar, fomentando hábitos positivos de comunicación e interacción entre nais, pais e fillos ou fillas. A través de encontros e talleres promovemos a estimulación nun sentido amplo, adaptándonos ás necesidades das familias e da súa relación cos menores e propiciando aprendizaxes e cambios significativos na súa contorna”.

    Este mes de outubro poranse en marcha o obradoiro de acompañamento prenatal ‘Preparando a benvida’, dirixido a xestantes, que arrancará o vindeiro 27 de outubro e que se celebrará un mércores ao mes de 19.30 a 20.30 horas. Antes, o día 20 de outubro, comezan os talleres dirixidos a bebés: ‘Descubrindo o mundo a través dos sentidos’, para bebés de 0 a 7 meses que se realizará mércores alternos de 16.30 a 17.30 horas, e ‘Conquistando a autonomía’, cativos e cativas de 8 a 18 meses tamén mércores alternos de 18.00 a 19.00 horas.

    As persoas interesadas en participar nestes obradoiros de balde poden inscribirse xa a través da páxina web do Concello. O lugar de celebración está aínda pendente de confirmar, polo que se avisará ás persoas inscritas cando dea comezo a actividade.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.