Luns, 13 Xaneiro de 2025

O Concello de Ponteareas estrea a súa sección web adicada a igualdade

Nela pódese acceder a recursos e a información para construír unha sociedade inclusiva

O Concello de Ponteareas continúa dando pasos para converterse nun municipio inclusivo e libre para todos e para todas coa estrea dun novo apartado web adicado a igualdade. A concelleira de Igualdade, Verónica Carrera, explica que a través del toda a veciñanza poderá acceder a información e recursos “para aprender a educar en valores, para loitar contra a discriminación e para dar visibilidade ao colectivo LGBTQI+ da vila do Tea”.

A sección de igualdade na web conta con cinco eixos: Recursos, LGBTQI+, Educar en igualdade, Violencia de xénero e Políticas de igualdade de trato e oportunidades, así como un deseño informativo sobre o CIM de Ponteareas. En Recursos a veciñanza poderá acceder a guías de boas prácticas e de linguaxe inclusiva, en LGBTQI+ recóllese información sobre actividades que realiza o colectivo, en  Educar en igualdade hai propostas de xogos educativos, en Violencia de xénero recóllense os dereitos das mulleres en situación de maltrato e o protocolo de actuación e, por último, en Políticas de igualdade de trato de oportunidades a veciñanza pode coñecer como traballa o CIM e o Plan de Igualdade do Concello.

Esta acción pretende “outorgar as ferramentas precisas para defender a igualdade no noso concello cun só clic”, destaca Verónica Carrera, ao tempo que indica que Ponteareas é “unha vila de liberdade” para todas as persoas, sen importar a súa identidade de xénero, afinidade sexual ou raza, na que “as persoas que actúan como representantes públicos deben traballar para continuar construíndo unha sociedade inclusiva con oportunidades para todos e para todas”.