Sábado, 8 Febreiro de 2025

O CNPonteareas presenta a oficialmente a tempada 2021-22

O pasado día sábado, 9 de outubro, foi a data fixada para presentar de xeito oficial os equipos cos que o CNPonteareas afrontará a tempada 2021-22. Nesta nova campaña serán preto de 150 nadadores, en todas as categorías federadas, os que representarán ao club do Condado.

Na gala de presentación do sábado estiveron presentes dende os “promesas” (os máis novos), ata o equipo máster (osveteráns). Ademais, asistiron diversas autoridades, como o concelleiro de Deportes do Concello de Ponteareas, Miguel Bouzó, ou Gorka Gómez, deputado de Deportes da Deputación de Pontevedra, patrocinadores e amizades que arrouparon ao club nunha emotiva gala, con numerosas sorpresas, que tivo lugar nas instalacións do hotel Nande, en As Neves.

O director deportivo do club, Andrés Carrera, sinalou como aspecto destacado a implantación do programa “Nadar es vida” en colaboración co complexo Deportivo Álvaro Pino e a federación española de natación, como elemento de crecemento tanto na calidade do ensino como na canteira do club.

Asemade agradeceu ás familias, patrocinadores, adestradores e deportistas o seu compromiso e ilusión un ano máis e animou a todos os presentes a seguir a máxima da cultura do esforzo para acadar éxitos.

O acto de presentación pechou coas fotos de cada un dos equipos, as intervencións de Gorka Gómez e Miguel Bouzó, amosando o recoñecemento e respaldo das institucións ao proxecto do club ponteareán e Terio Carrera, presentador do evento, rematou a gala desexando a mellor das sortes nas vindeiras competicións.