Luns, 2 Xuño de 2025

Camiño navideño en Mos con iluminación xacobea e concerto de Malvela

0

Onte pola tarde celebrouse na Igrexa de Santa Baia e no Pazo de Mos o acto “Acendemos o Xacobeo” promovido por Turismo de Galicia da Xunta de Galicia e o Concello de Mos, dentro da acción de iluminación de monumentos “CamiñodeSantiago2024” para dar a benvida ao novo ano, 2024.

Desde onte permanecerán iluminados ata o 8 de xaneiro a fachada do Pazo de Mos e a Igrexa de Santa Baia.

Ilumináronse de cor azul, coa proxección do logotipo do Xacobeo e a frecha amarela.

O acto contou tamén cun fermoso, entrañable e emotivo concerto de Malvela, grupo mosense que estivo acompañado pola súa gran madriña, a tamén cantante mosense Uxía.

Neste concerto especial achegaron a nosa tradición musical das festas do Nadal e cantaron algunas das panxoliñas do seu exitoso disco “O Aghinaldo” dedicado aos Cantos de Nadal. Entre o repertorio incluíron o tema titulado “Nadal en Mos”, composto pola devandita cantante mosense e productora de Malvela, Uxía.

Ao remate, todos os asistentes puideron degustar delicias do mar ofrecidas pola food truck da Xunta do programa ‘Galicia sabe a mar’ e tamén dun chocolate con churros.

Ponteareas acada a distinción “Sendero azul” para a senda do río Tea

A Senda do Río Tea vén de recibir o premio ‘Bandera Sendero Azul’, concedido pola ‘Asociación de Educación Ambiental y del Consumidor’. Un recoñecemento que destaca o compromiso pola recuperación de itinerarios que poñan en valor a educación ambiental e o desfrute responsable do entorno.

Para poder acceder a esta distinción, débense cumprir unha serie de criterios e indicadores, definidos en catro categorías distintas: características das sendas e trazados; información, sinalética e infraestruturas nos sendeiros; conservación e xestión do patrimonio natural e cultural; e uso público dos sendeiros. 

A ruta do Tea ten unha distancia total de 17 quilómetros e vai dende a praia Fluvial da Freixa, en Ponteareas, ata o parque da Canuda (xa no termo municipal de Salvaterra do Miño), nun camiño liso que mostra unha paisaxe natural impecable.

Galicia é a comunidade autónoma que máis sendeiros premiados acumula, cun total de 49, sendo Pontevedra a provincia con maior coidado dos seus carreiros, seguida da Coruña. A rede total de camiños naturais premiados ascende ata os 319 quilómetros.

A lista completa está composta por un total de 128 ‘Senderos Azules’, repartidos en 115 municipios de 21 provincias e 11 Comunidades Autónomas de todo o conxunto do Estado español.

Mondariz renovará o campo de fútbol da Lagoa coa axuda da Deputación

0

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, e a tenente de alcalde de Mondariz, Elena Naveira, asinaron este xoves un convenio de colaboración enmarcado no Programa Provincial de Infraestruturas e Dotacións Singulares para a Execución da Axenda 2030 (PON2030) a través do cal o goberno provincial financiará con máis 400.000 euros, o 85 % do orzamento, os traballos para a reforma do campo de fútbol e a creación dunha zona de deportes na Lagoa. O Concello, pola súa banda, achega o 15 % do total, preto de 75.000 euros. O protocolo asinouse este xoves no Pazo Provincial, nun acto no que Luis López reafirmou o compromiso do goberno provincial coa mellora das instalacións deportivas en todo o territorio pontevedrés.

A obra, valorada en preto de medio millón de euros, servirá para a reforma do campo de fútbol e a creación dunha zona de deportes na zona norte do complexo deportivo da Lagoa, no termo municipal de Mondariz. O proxecto baséase en cinco actuacións concretas centradas, en primeiro lugar, na substitución do pavimento actual de céspede artificial, así mesmo a construción de dúas pistas exteriores: unha de pádel e outra de baloncesto; procederase tamén á urbanización da contorna destas pistas coa instalación dunha zona de tenis de mesa, a mellora dos accesos e a implantación dunha zona verde. Do mesmo xeito, está proxectada a instalación baixo a bancada dun espazo para aulas deportivas e almacéns, así como paneis fotovoltaicos para o subministro eléctrico.

Segundo recolle o convenio, as obras deberán estar rematadas antes do 30 de abril de 2025. A sinatura deste protocolo entre a Deputación e o Concello de Mondariz realízase coa modificación das bases do programa PON2030 xa en vigor. Unha modificación que fai compatible a achega da Deputación coas subvencións doutras administracións sen que o montante concedido ao Concello polo goberno provincial se vexa reducido.

O presidente Luis López sinalou que este acordo de colaboración se trata dunha nova mostra do municipalismo que rexe a acción de goberno da Deputación e un novo paso cara acadar o obxectivo de modernizar as instalacións deportivas da provincia, que serán máis modernas e eficientes enerxéticamente.

Música, Visita de Papá Noel e Carreira de San Silvestre para a véspera da Noiteboa na Guarda

0

Sen dúbida o vindeiro fin de semana é cando se concentra o núcleo do Nadal ao celebrarse o domingo e o luns a Noiteboa e o Nadal. É por iso que ao longo do sábado 23 multiplícaranse na vila as actividades pensadas para tódolos públicos tanto en idade como en gustos.

O día comezará ás 11 h da mañá coa Carreira de San Silvetre, que partindo do Porto da Guarda, fará un percorrido de 4 kilómetros, apto para que poida participar todo aquel que o desexe, ademais terá un percorrido paralelo de 3 kilómetros en formato andaina. A carreira e andaina están abertos a tódalas idades e os interesados poden anotarse a través do QR do cartel ou o mesmo día 23, antes da carreira no Porto. Este evento está organizado polo Concello da Guarda e a Sociedade Atlética do Trega

Paralelamente outro cita deportiva terá lugar no Estadio do Trega, o I memorial Daniel González Adrover, campionato de fútbol gaélico que se disputará entre as 11 e as 14 h. No Estadio Municipal da Sangriña

Mais será cara ao medio día, entre as 12 h e as 14 horas cando o protagonista destas festas faga a súa presenza na Praza de Avelino Vicente: Papá Noel xunto os seu elfos ocupará a carpa situada en Avelino Vicente para recibir aos nenos, escoitar os seus desexos e comprobar se son merecedores dos agasallos que pediron. Recollerá as cartas dos mais pequenos para poder cumprir con todos os pedidos, mais haberá que ter coidado co Grinch, que ten pensado acudir atá aló para facer das súas, coidado rapaces!

Por último para pechar o día e xa á tardiña o grupo Awen, ofrecerá un concerto na mesma carpa de Avelino Vicente ás 20h. coas mellores versiones de soul, blues, pop e rock.

Toda esta programación estará aderezada coa decoración do Nadal nas Prazas que as asociacións da Guarda engalanaron nas localizacións de Avelino Vicente, San Benito, Rúa Galicia, Praza da Guía, O Coruto, etc e a Ruta dos Belenes que  mans de diferentes particulares pode admirarse ata en dez portais e espcaparates entre a Rúa do Porto e o colexio dos PP Somascos.

21 de decembro

  • Concerto de Nadal do conservatorio de música, ás 20:00 horas no Centro Cultural

23 de decembro

  • Carreira “San Silvestre” ás 11.00 horas no Porto da Guarda
  • Concerto do grupo Awen, ás 20:00 horas na praza de Avelino Vicente

27 de decembro

  • Xogos populares (xogos de madeira, da rá, zancos, buxainas…) de 17:00 ás 19:30 horas na praza de Avelino Vicente

28 de decembro

  • “A bailar no Nadal” espectáculo infantil. Ás 17:00 horas na praza de Avelino Vicente

29 de decembro

  • Concerto de Paco Nogueiras ás 17:00 horas na praza de Avelino Vicente

30 de decembro

  • Concerto Gold and Colt ás 20:00 horas no Centro Cultural

3 de xaneiro

  • “As palabras perdidas”, espectáculo infantil. Ás 17:00 horas na praza de Avelino Vicente

4 de xaneiro

  • Xogos de Nadal de 17:00 a 19.00 horas

5 de xaneiro

  • Cabalgata de Reis e Recepción dos Reis Magos

Concello e Confederación Hidrográfica Miño-Sil camiñarán da man na consecución do saneamento para Entenza e Soutelo

A alcaldesa de Salceda, Loli Castiñeira, acompañada do concelleiro de Axenda Ecolóxica, Marcos Troncoso, e o arquitecto municipal, Rubén Martín, reuníronse esta semana co presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Jose Antonio Quiroga, para trasladarlle diferentes cuestións do municipio afectadas polo organismo estatal.

O presidente da Confederación comprometeuse a estudiar as posibilidades de investir no saneamento das parroquias de Entenza e Soutelo unha vez se estableza a partida orzamentaria nos orzamentos xerais do Estado, establecendo este tipo de investimentos como prioritarios. O Concello traballa xa na actualización dos proxectos de saneamento existentes para estas dúas parroquias para facelos chegar canto antes.

Na reunión trasladouse tamén a preocupación polo estado da Ponte do Picado, na parroquia de Entenza, que presenta deficiencias que fixeron que por parte dos Concellos de Salceda e Salvaterra se pechase xa o tráfico na estrada que transcorre sobre a ponte para evitar posibles perigos. O Presidente de Confederación comprometeuse a colaborar coa elaboración dun informe de estado que sirva de base para a obra de reparación que haxa que acometer.

Por último, Jose Antonio Quiroga comprometeuse a revisar e acelerar aqueles permisos solicitados dende o Concello para diferentes obras que requiren autorización sectorial por parte de Confederación Hidrográfica e sen os cales non se pode continuar coa tramitación das diferentes actuacións.

Marcos Troncoso, concelleiro de Axenda Ecolóxica, agradeceu a boa predisposición do Presidente e a súa celeridade por atender a solicitude de reunión feita dende o Concello e a alcaldesa de Salceda, Loli Castiñeira, indicou que como “xa se ten demostrado, a colaboración entre administracións é fundamental, e en moitas ocasións é o único xeito de sacar proxectos de peso adiante. Pola nosa banda non imos deixar de reunirnos, xestionar e traballar con quen sexa preciso, agradecendo a atención prestada neste caso polo Presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil”.

Campaña de apoio ao comercio local na Cañiza

0

O alcalde da Cañiza, Luis Piña, e a directiva da Asociación de Comerciantes da Cañiza presentaron esta mañá a campaña de impulso e fidelización do comercio local coñecida como “A Confianza de Sempre, Agasállate este Nadal”.

O programa consiste en sortear entre os clientes dos establecementos do municipio 3.600 euros en vales de compra, para poder entrar no sorteo tan só é preciso que fagan compras por un importe igual ou superior a 20 €. Do total do premio, 500 € son doados pola Asociación de Comerciantes da Cañiza e os 3.100 euros restantes son aportados polo Concello. 

A campaña desenvolverase durante os meses de decembro de 2023 e xaneiro de 2024. Os sorteos realizaranse os días 22 e 29 de decembro de 2023 e os días 15 e 31 de xaneiro de 2024, distribuíndo en cada sorteo 18 premios de 50 euros cada un, en vales de 10 euros.

Os vales poderanse empregar ata o día 29 de febreiro do 2024, nos establecementos adheridos.

O premiado deberá gastar na compra como mínimo o total do vale (10 euros). Queda prohibida a devolución monetaria do mesmo. As bases reguladores da campaña pódense consultar na web municipal: www.caniza.org.

Baiona impulsa a reciclaxe dos envases de vidro cunha árbore de Nadal de vidro na Praza do Concello

0

Ecovidrio, a entidade sen ánimo de lucro encargada da xestión da reciclaxe dos residuos de envases de vidro en España, en colaboración co Concello de Baiona e a Deputación de Pontevedra, puxo en marcha unha campaña de sensibilización para concienciar aos habitantes sobre a importancia da reciclaxe de envases de vidro durante as celebracións de Nadal, nas que se xera ata o 20 % de todos os residuos de envases de vidro do ano.

Para iso, Ecovidrio instalou hoxe na Praza de Concello unha árbore do Nadal de 4 metros de altura formado por 65 miniglús que estivo na localidade hoxe mércores 20 de decembro.

Ademais, houbo unha caseta informativa no que educadores ambientais informaron á cidadanía sobre como separar correctamente os seus envases de vidro e os beneficios ambientais da reciclaxe de envases de vidro. Tamén repartiron os 65 miniglús entre os visitantes da caseta mediante un sinxelo xogo de preguntas e 3 en Raia. O horario desta caseta foi de 16:30 a 20:00 horas.

Beneficios ambientais da reciclaxe de vidro

O vidro que se deposita nos contedores recíclase ao 100 % e utilízase para a fabricación de novos envases, de forma indefinida e sen perder as propiedades orixinais.
Reciclar vidro é un elemento crave na loita contra o cambio climático. Ao usar calcín – vidro reciclado – na fabricación de novos envases evítase a extracción de materias primas da natureza, evitando a erosión dos chans e a deforestación da nosa contorna. Ademais, minimízase a emisión de CO2 no proceso de fabricación, afórrase enerxía e evitamos o crecemento das entulleiras.

Datos de reciclaxe de vidro en Baiona

Segundo os últimos datos oficiais de 2022, os cidadáns de Baiona reciclaron un total de 339.550 kg de envases de vidro, o que supón que cada persoa reciclou unha media de 27,5 quilogramos deste material (equivalente a uns 94 envases).

Respecto a a taxa de contenerización, Baiona sitúase cunha media de 165 habitantes por contedor, contando na actualidade cun total de 75 iglúes para os residuos de envases de vidro instalados no municipio.

O alumnado do CEIP de Angorén visita o Nadal de Vigo

0

Todo o alumado do CEIP Angorén, desde Infantil ata 6º de Primaria visitou onte a cidade de Vigo para coñecer o alumeado de Nadal e inmobles emblemáticos da urbe como o edificio de Correos. Máis de 120 nenos que, acompañados dos seus mestres e mestras, gozaron da maxia do Nadal e de lugares destacados do urbanismo vigués como a propia Porta do Sol. A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, e o concelleiro de Ensino, Iván Valles, acompañáronos en parte desta visita. Os escolares foron recibidos tamén ao pé da árbore de Nadal “máis grande do mundo” polo rexedor vigués Abel Caballero, que se achegou a saudalos.

A alcaldesa Digna Rivas destacou a boa organización da escola nesta saída, xa que ademais do coidados dos mestres e mestras, os nenos de infantil contaron no percorrido coa axuda dos seus compañeiros maiores, o alumnado de 5º e 6º de primaria, que exercen como “padriños” dos máis pequenos, o que fai de saídas como esta “unha experiencia moi enriquecedora para todos”.

A obra de teatro “O neno Groba e música” chega o venres a Mondariz Balneario

O Ciclo de Teatro da Deputación de Pontevedra “Tornar ás táboas” chega este venres 22 de decembro a Mondariz-Balneario con “O neno Groba e música”, da Fundación Rogelio Groba. A Sala da Cultura da vila acollerá a partir das 18:00 horas esta peza teatral dirixida ao público infantil e familiar con entrada libre ata completar o aforo.

 “O neno Groba e música” trátase dun achegamento á vida do mestre Groba a través do relato da súa historia cunha linguaxe adaptada á infancia e ás familias. A peza vai da man dun actor que relata a historia acompañado dun vídeo mapping e da música do propio compositor. No espectáculo, ademais, faise fincapé en que todo é posible con esforzo, traballo e tesón, vencellando estas calidades coa propia vida de Groba, un neno dunha aldea galega que, pola súa capacidade de traballo e talento, conseguiu converterse nun compositor de referencia no patrimonio musical galego.

Co ciclo teatral “Tornar ás Táboas” a Deputación de Pontevedra está a achegar, dende outubro e ata finais deste mes, un total de 49 funcións gratuítas e dirixidas a todos os públicos a outros tantos concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes. Participan neste programa provincial trinta compañías de teatro galegas que están a ofrecer por toda a xeografía de Pontevedra unha ampla variedade de espectáculos.

O Porriño e a Deputación reformarán a contorna do centro social da vila

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, e o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, asinaron este mércores un convenio de colaboración enmarcado no Programa Provincial de Infraestruturas e Dotacións Singulares para a Execución da Axenda 2030 (PON2030) a través do cal o gobernó provincial financiará con 920.000 euros, o 67 % do orzamento, os traballos da humanización da rúa Pío XII e a súa contorna. O Concello, pola súa banda, achega o 33% do total, preto de 460.000 euros. A sinatura do protocolo tivo lugar esta tarde na casa consistorial nun acto no que o presidente provincial destacou a cooperación entre ambas administracións para executar proxectos que transformen e melloren a calidade do espazo urbano no Concello do Porriño.

A obra, valorada en case 1,4 millóns de euros, forma parte dun plan máis amplo que se dividirá en tres fases e que ten o obxectivo de transformar e humanizar toda a mazá do centro social que está comprendida entre as rúas Antonio Palacios, Avenida Domingo Bueno, Pío XII e Ramón González. Con todo, o obxecto deste convenio céntrase únicamente na primeira fase deste plan, que é a humanización da rúa Pío XII. O proxecto consiste na creación dun gran espazo público pensado para dar prioridade á mobilidade peonil, e máis importancia ás zonas verdes ao tempo que se limita o paso de vehículos. Para conseguilo está prevista a creación dun espazo continuo, accesible e verde no que se mellorará a comunicación peonil entre o centro urbano e a rúa Pío XII, crearanse novas zonas de convivencia baixo a sombra de novas especies arbóreas, buscarase a apertura da contorna do centro social coa rúa e o parque e executarase a renovación integral da zona de ocio infantil. Ao mesmo tempo, na calzada de Pío XII renovaranse todas as redes de servizos, dotarase dunha plataforma única que conecte coa nova zona verde da contorna e reducirase o tráfico e a súa velocidade a 20 km/h.

Segundo recolle o convenio, as obras deberán estar rematadas antes do 30 de abril de 2025. A sinatura deste protocolo entre Deputación e Concello do Porriño realízase coa modificación das bases do programa PON2030 xa en vigor. Unha modificación que fai compatible a achega do ente provincial coas subvencións doutras administracións sen que o montante concedido ao Concello se vexa reducido.
O presidente Luis López remarcou a importancia de levar a cabo proxectos transformadores que melloren a calidade de vida da veciñanza e sitúen o espazo público urbano da provincia nos estándares máis altos de calidade que promove a Unión Europea.

Pola súa banda, o alcalde Alejandro Lorenzo agradeceu a colaboración da administración provincial que fará posible un proxecto que redeseñará o centro urbano do Porriño e avanzará na súa transformación nunha vila máis habitable, máis humana e, en definitiva, máis amable.

Nadal con pegada eco no Rosal

0

O Rosal mantén a súa aposta polo medio ambiente e a sostibilidade, tamén no Nadal. Un ano máis, veciños e veciñas das parroquias únense nestas datas para celebrar un ‘Nadal sostible’ grazas ao deseño e elaboración dunha orixinal e enxeñosa decoración realizada con diferentes materiais naturais e de refugallo.

Trátase dunha iniciativa que leva poñendo en práctica a veciñanza de barrios do Picón e Caselas dende hai moitos anos, que xa dende o pasado Nadal se estendeu a outros barrios ou parroquias e na que este ano participan tamén A Fecha, As Eiras, Fornelos, Martín, Novás, Pancenteo, Portecelo e O Xestal. Beléns feitos con madeira, estrelas de ramas, animais decorados con follas, árbores adornados con bonecos de neve feitos con botes de iogur, personaxes realizados con verde ou piñas, elementos recheos de palla, decoración feita con gancho, árbores con palés, adornos con botellas de plástico… son algúns dos elementos que decoran durante estes días as parroquias rosaleiras. Por outro lado, durante estes días está aberto ao público de 16.00 a 19.00 horas o belén da Igrexa do Rosal.

“É un orgullo ver a toda a veciñanza participar nun proxecto tan marabilloso que non só fomenta o coidado do noso medio ambiente, senón que une ás persoas e fomenta a colaboración e a socialización para gozar todas e todos xuntos da maxia do Nadal”, destaca a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.

A rexedora quere felicitar a toda a veciñanza “por participar nesta fermosa iniciativa que recalca o marcado carácter asociativo do noso concello, un dos sinais de identidade do Rosal. Esta segunda edición do noso ‘Nadal sostible’ recalca a implicación de rosaleiros en todas as actividades do municipio”. Fernández Callís convida a toda a veciñanza a ir polos barrios e visitar durante estes días estas creativas obras de arte.

A Deputación impulsa as zonas verdes investindo no Parque da Ramallosa de Nigrán

0

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, e o alcalde de Nigrán, Juan González, asinaron este xoves un convenio de colaboración enmarcado no Programa Provincial de Infraestruturas e Dotacións Singulares para a Execución da Axenda 2030 (PON2030) a través do cal o goberno provincial financiará con case 770.000 euros, o 80 % do orzamento, o proxecto de mellora e remodelación do parque da Ramallosa. O Concello, pola súa banda, achega o 20 % do total, máis de 190.000 euros. A sinatura do protocolo tivo lugar este xoves no Pazo provincial nun acto no que Luis López destacou a importancia da colaboración entre ambas as administracións para levar a cabo proxectos que melloran a calidade dos espazos urbanos e os servizos dedicados á veciñanza.

A obra, valorada en preto dun millón de euros, servirá para acometer a remodelación integral do parque da Ramallosa. Unha intervención pensada para revitalizar un espazo deteriorado e central na vida social de Nigrán a través da recuperación do seu atractivo paisaxístico. Para logralo, o proxecto contempla a mellora da accesibilidade co redeseño dos itinerarios peonís e ciclistas; a renovación e actualización dos pavimentos, a mellora ambiental e novas zonas axardinadas, a ampliación do parque da Ramallosa e do parque infantil, a renovación do mobiliario urbano con aparcamento para bicicletas, o fomento da eficiencia enerxética e a xeración de espazos para a programación de actos culturais.

Segundo recolle o convenio, as obras deberán estar rematadas antes do 30 de abril de 2025. A sinatura deste protocolo entre Deputación e Concello de Nigrán realízase coa modificación das bases do programa PON2030 xa en vigor. Unha modificación que fai compatible a achega da Deputación coas subvencións doutras administracións sen que o montante concedido ao Concello polo goberno provincial se vexa reducido.

Despois de asinar o acordo, o presidente Luis López remarcou o compromiso da Deputación para colaborar cos concellos na reforma dos espazos urbanos para adaptalos aos novos tempos, mellorando a calidade de vida da cidadanía e contribuíndo á protección do medio ambiente a través da eficiencia enerxética e a aposta pola creación de novas zonas verdes.

A Deputación prestará servizos de asesoramento empresarial a través de SmartPeme no novo Centro de Coworking de Ponteareas

A Deputación de Pontevedra prestará servizos de asesoramento empresarial a través de SmartPeme no novo Centro de Emprendemento, Dinamización Empresarial e Coworking que acaba de ser inaugurado esta mesma semana pola alcaldesa de Ponteareas e tamén deputada provincial, Nava Castro, e o deputado Alejandro Lorenzo, no edificio número 13 da Praza Maior de Ponteareas. Trátase dunha oficina moderna, nun edificio que foi reformulado por completo para que a veciñanza da vila con proxectos emprendedores poida facer realidade os seus soños.

A través da oficina SmartPeme de Ponteareas, a Deputación de Pontevedra proporcionará información e asesoramento gratuíto a persoas autónomas, pemes e emprendedores de Ponteareas e da súa contorna. Cómpre ter en conta que esta vila conta cun nutrido número de pequenos comercios, o perfil groso de empresas que son asesoradas por este servizo da institución provincial, que poderán recibir dende xa atención personalizada para dar resposta ás súas necesidades en canto a transformación dixital e competitividade empresarial.

SmartPeme conta nestes momentos cunha rede de sete oficinas situadas, ademais de en Ponteareas, en Pontevedra, Vigo, Cambados, O Porriño, Lalín e Barro. As súas principais liñas de atención aos usuarios céntranse na formación gratuíta en novas tecnoloxías da información, en materia de dixitalización do sector turístico a través de TurisTIC, ou en ciberseguridade, Intelixencia Artificial e Big Data. Ademais conta cun laboratorio equipado coas últimas novidades do mundo da fabricación dixital e organiza accións para fomentar o emprendemento e a competitividade como aceleradoras empresariais.

Dende que a institución provincial puxo en marcha o servizo, SmartPeme atendeu no conxunto da provincia de Pontevedra a 2.212 empresas, realizou 2.123 obradoiros e organizou diferentes actividades nas que participaron 22.500 persoas.

Baiona albergará o final da duodécima etapa da Volta ciclista a España 2024

0

O Concello de Baiona albergará o final da duodécima etapa da Volta ciclista a España o martes 27 de agosto segundo anunciouse na xornada de onte na presentación oficial da Volta a España 2024 na que participou o alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuiña.

Xa se desvelou por completo cal é percorrido completo da próxima edición da Volta a España 2024 e, no que respecta a a presenza en Galicia, deixa a confirmación de que Baiona terá un gran protagonismo como final da etapa con saída en Ponteareas e chegada a Baiona.

“Baiona terá o orgullo de ser un dos puntos de fin de etapa neste evento deportivo tan importante, convertendo deste xeito á nosa terra en escenario e epicentro do ciclismo. O ciclismo combina á perfección a práctica do deporte e o goce da natureza, por iso non só as persoas afeccionadas á bicicleta van ter a ocasión de vibrar coa emoción deste deporte senón que tamén será unha oportunidade única para que os participantes, a organización e as persoas que nos acompañen poidan contemplar unha impoñente paisaxe que ofrece a nosa vila mariñeira, cunhas vistas espectaculares e únicas, a desembocadura del Río Miñor, a baía de Baiona, rodeado da península de Monterreal, todo iso bañado pola inmensidade das augas do Océano Atlántico, a silueta da Virxe da Roca…”, sinala o rexedor.

Vázquez Almuiña finaliza expoñendo que “As baionesas e baioneses sentimos orgullosos e entusiasmados de acoller aos mellores equipos e ciclistas no panorama nacional, e como alcalde, é unha enorme satisfacción que a miña vila forme parte desta festa deportiva. Non hai mellor campaña para a promoción turística de Baiona que acoller un dos finais de etapa da volta ciclista. Millóns de telespectadores observarán en horario de máxima audiencia imaxes do noso municipio. Unha das mellores cartas de presentación da localidade ao mundo”.

A oitos meses vista sábese que o impacto da imaxe da vila é tan incalculable como impagable se fose unha campaña publicitaria. Unha gran oportunidade para dar a coñecer a través da televisión a beleza de Baiona a distintos países do planeta e captar visitantes que veña a coñecer en primeira persoa o que lles chegou a través dos seus televisores. A isto hai que engadir a repercusión económica que supoñerá o desprazamento de toda a organización e os equipos participantes que supoñen un consumo de moitas persoas na vila.

O municipio de Baiona xa acolleu con anterioridade en dúas ocasións un fin de etapa da volta cicilista a España: No ano 2013 o miradoiro do Cortelliño, foi o lugar elixido para poñer fin a unha dura subida dos ciclistas, un emprazamento privilexiado que deu a descubrir unha zona medio ambiental impresionante ao mundo, un balcón no que se ensinou as Rías Baixas a millóns de televidentes. No ano 2016, o punto elixido como fin de etapa foi en pleno centro de Real Villa tendo como fondo a fortaleza de Monterreal e a baía de Baiona.

Covelo aforrará a metade da factura da luz do pavillón co cambio das luces a led

0

O Concello de Covelo quere contribuír á redución da pegada de CO2 e sumarse ao cambio polo planeta tal e como asumíu na sinatura do Pacto das Alcaldías polo clima. No último mes, o Concello executou o proxecto “Mellora da eficiencia enerxética da instalación de iluminación interior do polideportivo municipal”, unha intervención na que o Concello investíu preto de vinte mil euros, 19,833,64 €.

Concretamente o Concello cambiou 300 puntos de luz actuando nas gradas, pistas deportivas e vestiarios: 138 luces, 36 ollos de boi, 2 plafóns estancos, 24 proxectores, 58 tubos led e 42 focos led. Substituíndo as luces por tecnoloxía led conséguese unha redución tanto de emisións de CO2 como de residuos radioactivos.

Impacto ambiental positivo

Coa tecnoloxía led nun tramo de uso das instalacións de 16 a 21 horas catro días á semana podemos acadar un 40% de aforro enerxético. O aforro económico producirase tanto na parte variable da factura da luz como na parte fixa xa que esta tecnoloxía de baixo consumo permite tamén baixar a potencia contratada que pasa dos 15,072 KW contratados a 9,12 KW.

A nova tecnoloxía led dura ata 10 veces máis e ten un acendido inmediato. Os 58 tubos leds que substitúen aos tubos fluorescentes tradicionais permiten un aforro do 80% da enerxía eléctrica. Outra das vantaxes é a eliminación do cebador que tamén consumía.

Todas as novas luces están deseñadas para iluminar espazos deportivos, segundo explica o alcalde, Pablo Castillo, que adianta que seguirán traballando nesta liña e intervindo nas instalacións e espazos públicos “porque dende o local tamén podemos contribuír a unha mellora global”. Ademais o alcalde salienta a importancia do aforro económico “xa que os xestores dos bens públicos debemos primar a eficacia e a eficiencia optimizando e maximizando todos os recursos, os cartos que se aforran poderán destinarse a seguir mellorando servizos e infraestruturas públicas”.

O alumnado rosaleiro descobre de forma interactiva a Axenda 2030

0

O Concello do Rosal continúa traballando para achegar á veciñanza á Axenda 2030 e deseñar un plan de acción propio coa implicación do tecido asociativo, económico, educativo e social rosaleiros. Máis de 200 nenos de educación primaria e secundaria do CPI Manuel Suárez Marquier participaron estes días en sete obradoiros deseñados para que a rapazada descubrira dun xeito divertido, participativo e interactivo os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS), especialmente o ODS11, vinculado ás cidades e comunidades sostibles e á Axenda Urbana.

O alumnado de maior idade achegouse aos ODS a través dun escape room en liña, no que se enfrontou ao desafío de decodificar a través de diferentes enigmas os ODS e descubrir a data límite para que a humanidade logre os obxectivos que permitan protexer ao planeta. En primaria a actividade sacou a relucir o lado máis creativo de nenos e nenas, facendo tormentas de ideas para detectar os problemas do mundo, idear unha máquina que puidera solucionalo e trasladalo ao papel para compartir co resto do centro educativo a través de distintos carteis. 

Estas actividades forman parte do plan estratéxico do Concello do Rosal para a localización, implementación e seguimento dos ODS da Axenda 2030 adaptados á realidade local, unha iniciativa que busca a implicación e participación de toda a veciñanza, independentemente da súa idade.

“Nun mundo cada vez máis complexo, é fundamental plantar o xermolo da sostibilidade dende ben pequenos e pequenas, porque achegar á infancia e adolescencia aos ODS e a Axenda 2030 non é só unha opción, é unha responsabilidade compartida para construír un futuro máis sostible”, salienta a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís. A rexedora destacou que con talleres como estes “introducimos a nenos e nenas neste diálogo dende unha idade temperá e lles proporcionamos as ferramentas para converterse en axentes do cambio informados e comprometidos”.

O Concello do Rosal deseña un plan de acción que funcionará como ferramenta de planificación estratéxica coa que establecer actuacións que permitan incorporar os ODS adaptados á realidade do municipio, unha liña na que o Goberno municipal leva anos traballando. O obxectivo é continuar avanzando na loita contra o cambio climático, camiñar na transición cara a economías baixas en carbono, mellorar a eficiencia enerxéticas, procurar unha economía circular e construír unha sociedade máis xusta e igualitaria.

O Concello contou para este proxecto coa subvención da Secretaría de Estado para la Agenda 2030 del Ministerio de Derechos Sociales y Agenda 2030 destinada á posta en marcha de accións para o impulso da Axenda 2030 nas entidades locais.

Os alumnos do IES Chapela repoboan un monte da parroquia

0

O alumnado de 3º da ESO da IES Chapela, formado por uns 60 mozos, está a repoboar unha parcela de monte da parroquia. Están a plantar preto dun cento de árbores nun terreo de 20.000 metros cadrados cedido pola Comunidade de Montes Chapela. A parcela en cuestión, no lugar de Parada, conta cunhas espectaculares vistas panorámicas sobre a ría de Vigo. O presidente da comunidade, Francisco Puch, afirmou que esta iniciativa “é moi positiva para que o alumnado poida coñecer máis os beneficios que ten o monte comunal como pulmón verde para a parroquia”. Guiados por Álvaro Diego Fuentes, da empresa Tarabelos, a rapazada aproveitou a xornada para coñecer mellor a contorna da cunha ruta a pé desde o instituto polo río Pugariño, unha zona de especial valor natural e etnográfico. O experto sinala que, deste xeito, o alumnado “non só fai unha actividade ambiental e aprende a distinguir árbores, senón tamén pode coñecer mellor e poñer en valor a súa propia parroquia, o monte e os camiños”.

As árbores, doadas polo Concello de Redondela, son dunha ducia diferente de especies entre as que hai castiñeiros, nogueiras, abeleiras, bidueiros, maceiras, sabugueiros, ameixeiras, cerdeiras, salgueiros, figueiras, etc. Os concelleiros de Sostibilidade, Roberto Villar, e o de Ensino, Iván Valles, visitaron este mediodía a plantación xunto aos responsables da Comunidade de Montes de Chapela. Villar avanzou que a zona vai sinalizarse para dar a coñecer este proxecto, “xa que no futuro será unha área que a veciñanza poderá usar como espazo de lecer”. O concelleiro de Cultura sinalou que se trata dunha iniciativa “moi interesante”, xa que de xeito transversal o ensino serve “para que coñezan máis a natureza e se impliquen no seu coidado”, conclúe Valles.

O Castelo de Soutomaior acolle un espectáculo de vídeo mapping e xogos de escapismo para familias

Tralo éxito das visitas teatralizadas que tiveron lugar na ponte de decembro con todas as prazas cubertas, esta semana arrancan no Castelo de Soutomaior o espectáculo de vídeo mapping e os xogos de escapismo para familias con nenos maiores de 8 anos. O deputado provincial Javier Tourís será o encargado de dar o tiro de saída, este xoves ás 19:00 horas, a estas actividades que por vez primeira promove a Deputación de Pontevedra no castelo.

O vídeo mapping será un innovador espectáculo gratuíto de luz e son proxectado sobre a Torre da Homenaxe que se poderá ver por vez primeira no castelo este xoves a partir das 19:00 horas. Proxectaranse na torre, acompañadas de música propia do Nadal, imaxes dunha máxica fada que enche de luz o castelo, así como dos Reis Magos e de bolas de Nadal, xoguetes, fogos artificiais, regalos e árbores. A peza, de seis minutos de duración, poderase ver desde as 19:00 ata as 21:00 horas entre os días 22 de decembro e 4 de xaneiro, exceptuando os días 24, 25 e 31 de decembro e o 1 de xaneiro que coinciden coas datas de peche do Castelo de Soutomaior.

Pola súa banda o xogo de escapismo está aberto a familias con nenos maiores de 8 anos e ten por obxectivo que os participantes vivan en primeira persoa o asedio ao Castelo de Soutomaior. Deste xeito, nun tempo máximo de 60 minutos, terán que resolver probas e pistas en grupos para axudar a Pedro Madruga a parar aos Irmandiños. Terá lugar os días 21, 22, 23, 26, 28, 29 e 30 de decembro e os días 3 e 4 de xaneiro en seis pases ao día dende as 11:00 ata as 14:00 horas e entre as 16:00 e as 19:00 horas. As prazas para participar na actividade están aínda abertas e as entradas (8 euros) poden adquirise na web do castelo.

O Concello de Tui recibe mil incidencias anuais a través da APP municipal

0

O Concello de Tui recibe mil incidencias anuais a través da APP municipal posta en marcha no ano 2020. A aplicación, de descarga gratuíta en Play Store e App Store, co nome de “Concello de Tui” permite o acceso ás noticias, á axenda, ao rueiro, a rutas, directorio, vídeos, ou servizos municipais. Amais as persoas usuarias reciben avisos mediante unha alerta tanto de eventos culturais ou deportivos, coma de avarías ou incidencias de tráfico.

Amais a APP permite enviar unha incidencia, achegando a xeolocalización, fotografías,… e estando informado do estado da mesma, o proceso e a resolución.

Das mil incidencias que se presentaron de media cada ano dende a posta en marcha da aplicación, foron resoltas favorablemente o 66%, o 29% están en proceso, e o 4% non procede. Dos avisos enviados pola cidadanía o 33% teñen que ver con iluminación, o 26% con pavimentos e sumidoiros, o 9% con tráfico e sinaléctica, o 8% con parques e xardíns,…

Deste xeito a APP é unha xanela aberta de comunicación as 24 horas dos 365 días do ano. Neste mes de decembro a aplicación será actualizada mellorando así o servizo que presta de comunicación coa cidadanía.

Dende o Concello de Tui convídase á cidadanía a descargar no seu dispositivo móbil a aplicación para ter así directamente a información de novas, axenda, avisos… e tamén poder presentar dende a mesma as incidencias que correspondan.

O SAT de Arbo, Salvaterra e Crecente atendeu a 87 nenos

O SAT da agrupación dos concellos de Arbo, Salvaterra de Miño e Crecente que desenvolve a súa actividade presencialmente en cada un dos concellos en instalacións destinadas a tal fin atendeu durante o último ano un total de 87 usuarios pertencentes ós tres municipios. Trátase dun servizo para a poboación infantil de 0 a 6 anos dos tres concellos que conta cun equipo multidisciplinar formado por 1 psicóloga e coordinadora do servizo, unha terapeuta ocupacional e unha logopeda.

Durante este ano de actividade, no caso de Salvaterra de Miño, atendéronse a un total de 64 nenos e nenas con trastorno no seu desenvolvemento ou risco de padecelos e as súas familias, un 11,59 % da poboación infantil desta franxa de idade. Os principais motivos da demanda deste servizo son trastornos da linguaxe ou comunicación que supón o 47 % dos casos atendidos, da psicomotricidade o 12 %, evolutivos o 11 % ou da conduta un 10 % dos casos.

Actualmente a unidade continúa traballando con entrevistas con novas familias do
concello de Salvaterra de Miño pendentes de atender e en fase de valoración.
Esta unidade conta co apoio apoio da Xunta de Galicia financiando o 90% do seu custo
e o resto finánciase con achegas dos distintos Concellos participantes, non supoñendo
custo algún para as familias usuarias da mesma.

Nadal, música e ilusión chegan da man aos colexios de Mos

0

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e a concelleira de Educación, Julia Loureiro, participaron no CEIP de Atín-Cela na actividade do conto musical de Nadal, promovida desde o Concello e impartida pola Escola de Música e Conservatorio Profesional de Torroso, titulada “O Trasno de Mos”.

Como colofón final, esta iniciativa conta coa visita do Elfo Timoteo, que lle leva ao alumnado unha mensaxe de parte de Papá Noel: “Que nunca perdan a ilusión pola maxia do Nadal”.  A cativada puido entregarlle ao Elfo Timoteo as súas cartas dirixidas a Papá Noel, que el recolleu e se encargará de entegarlle ao seu destinatario.

No conto musical “O Trasno de Mos”, o profesorado da Escola de Música e Conservatorio Profesional de Torroso pon animación musical co sonido da trompeta, trompa, saxofón, fagot e percusión a unha xornada na que o protagonismo o gañará o alumnado, cun narrador que transforma a historia nunha experiencia inmersiva.

O Trasno de Mos é unha historia inspirada no conto da autora Astrid Lindgren, “O gnomo non dorme”. Este conto, narra a vida dunha criatura fantástica que ten a súa actividade polas noites, cando os seres humanos están descansando.

No relato orixinal, o protagonista comunicase cos habitantes do bosque a través dunha lingua máxica, que neste caso como non podería ser doutro xeito é a música. Ademais, esta personaxe entrañable ten un trato de favor cara as rapazas e rapaces, que a través de tradicionais e coñecidas panxoliñas, poden ter contacto co misterioso amigo.

Canción, ritmo e movemento conxúganse nesta representación que abre apetito de fantasía, misterio e maxia. Unha experiencia perfecta para abrir as datas do Nadal.

A actividade desenvólvese nos diferentes centros educativos de Mos desde o 18 de decembro e ata o día 21 deste mes.

Tomiño presume de Nadal sostible

0

Un Nadal participativo, divertido, natural e máis sostible, tamén na súa decoración. Un ano máis o Concello de Tomiño aposta por decorar as rúas coa creativa e orixinal arte floral creada por alumnado de FPB do IES Antón Alonso Ríos e por floristas de Tomiño e Goián, vestindo os diferentes recunchos da vila con diferentes elementos decorativos baseados en plantas e flores típicas desta época e da comarca.

A alcaldesa, Sandra González, destaca a importancia deste tipo de iniciativas que “permiten debuxar un Nadal de visibilización do traballo que están a facer os nosos veciños e veciñas, un Nadal que camiñe nese presente e futuro máis sostible, dándolle un valor especial ao uso de materiais naturais e a artesanía para decorar as nosas rúas e prazas, pero tamén instalacións municipais como a propia Casa Consistorial ou os nosos mercados”.

Neste camiño, o alumnado do FPB Agroxardinería e Composicións Florais foi o encargado de deseñar, crear e colocar os adornos que xa decoran o balcón do Concello e as columnas das prazas de abastos de Goián e Tomiño, enchéndoos de verdes e vermellos. Grilandas e coroas naturais feitos con ilusión e agarimo guiados polo equipo docente e que lles permite exhibir o traballo que realizan nas aulas e a súa paixón por un sector de grande importancia no municipio.

As rúas e prazas do concello tamén se encheron de vida grazas ao traballo das floristas de Tomiño e de Goián, que decoraron diferentes recunchos cos seus orixinais arranxos florais. Carmiña, da florería Lilas; Marisa, da florería Marisa Baquero; e Reme, dedicada á venda de plantas, empregaron flores e plantas típicas da comarca para facer espectaculares centros que acompañan e complementan á perfección a decoración de madeira da Praza do Seixo, da Praza da Mina ou da Praza Pintor Antonio Fernández.

Prazas que serán tamén o epicentro dunha divertida actividade de Nadal proposta pola Asociación de Empresarios de Tomiño, ADETO. Durante todas as festas estas tres prazas contarán con tres orixinais photocall coas figuras do Apalpador, de Papá Noel e dos Reis Magos para que tomiñeses e tomiñesas poidan sacarse divertidas fotos durante o Nadal. ADETO premiará a todas as persoas que se animen a posar e inmortalizar o momento con concursos e sorteos a través das súas redes sociais.    

“É un luxo contar cunha veciñanza e cun comercio tan implicado e comprometido, con gañas de facer cousas, de colaborar e de axudar a visibilizar un sector que ten un peso moi importante no noso territorio como o viveirista e de idear orixinais iniciativas que nos permitan seguir dinamizando o noso comercio local”, salienta a alcaldesa.

Nigrán abre mañá o prazo de inscrición para a excursión a Perlim

0

O Concello de Nigrán ofrece un ano máis unha excursión ao parque temático de Nadal máis grande de Portugal, Perlim, o mércores 27 de decembro e a un prezo popular. A inscrición será o xoves 21 e venres 22 de 16:00 a 18:00 horas na Oficina de Información do Concello de Nigrán estando limitada a 50 prazas que seguirán unha rigorosa orde de inscrición con prioridade para os empadroados en Nigrán. O prezo é de 6,50 €/persoa (os menores de 3 anos non pagan) en concepto de entrada ao parque, xa que o Concello sufraga o transporte. A hora prevista de saída é as 10:30 horas e a de chegada ás 22:30 horas.

Ubicado en Santa María da Feira, cerca de Espinho e Oporto, abre as súas portas un Nadal máis para que os máis pequenos se adentren nun mundo de maxia e diversión: Laponia, o oeste, contacontos, monicreques, teatro, pista de xeo, tren, tirolinas….

Últimas prazas dispoñibles para o curso sobre prevención de violencia sexual nos locais de ocio nocturno

0

A Concellería de Igualdade do Concello de Redondela pon en marcha o programa “Fóra agresións”, no que se ofrece formación para a prevención, detección e acompañamento nas violencias sexuais nos locais de lecer nocturno.

O curso está dirixido a xerentes e traballadores de establecementos de ocio nocturno para “formalos e sensibilizalos sobres esta problemática”. A formación, de tres horas de duración, contará cunha parte teórica e outra práctica. As persoas interesadas en asistir poderán facelo mañá martes, día 19 en horario de mañá (de 10.00 a 13.00 horas) ou o xoves 21 de decembro pola tarde (de 17.00 a 20.00 horas) nas oficinas de Turismo.

A concelleira Iria Vilaboa afirma que esta formación é moi necesaria xa que “a violencia sexista ten moitas formas e maniféstase en moitos espazos e os locais de lecer e festa tamén poden ser escenario de agresións sexistas de diversa gravidade”. Lucía Pereda, educadora social e axente de igualdade, será a encargada de impartir este programa. A experta sinala que en ocasións “prodúcense actitudes e condutas que, desde a desigualdade, poden chegar á ofensa, a intimidación, o abuso ou a agresión”.

Ao finalizar a formación, entregarase a cada participante un diploma acreditativo e un distintivo para cada negocio. Inscricións no enderezo [email protected].

Máis de 150 alumnos da ESO e de Educación Especial da provincia participarán este curso en “DepoEmprende”

O Salón de Plenos da Deputación de Pontevedra acolleu a máis de 150 alumnos de seis centros de Educación Secundaria e Especial da provincia nun acto no que presentaron as 11 cooperativas coas que participan nunha nova edición de “DepoEmprende na ESO” e “DepoEmprende na Escola”. Ademais de dar a coñecer o seu traballo, o alumnado recibiu o número de identificación fiscal (NIF) de man do deputado provincial Javier Tourís, quen foi o encargado tamén de darlles a benvida. Na súa intervención, Tourís subliñou a importancia que os mozos teñen para a Deputación, “porque somos moi conscientes de que para que Pontevedra vaia a máis vós, a nosa xuventude, tendes que ser partícipes do noso proxecto”, e aproveitou a ocasión para lembrarlles que o vindeiro ano a institución contará cun servizo de Xuventude, “para organizar actividades dirixidas directamente a vós”.

O deputado explicou que “DepoEmprende” busca ser “unha ferramenta de apoio para os centros educativos que pretende espertar o interese e a curiosidade sobre o voso propio aprendizaxe, aumentando o voso desenvolvemento activo”. Neste eido, quixo agradecer o “traballo, dedicación e compromiso dos profesores, que vos están a ensinar o importante que é a cultura do esforzo para poder conseguir todo aquelo que queirades no futuro”.  

O IES Illa de San Simón de Redondela foi o primeiro en dar a coñecer as dúas cooperativas nas que está a traballar: “Project Illa” e “Eco13”. A continuación, o colexio Andersen Augalonga de Vigo explicou “Treboada”; os alumnos do CPI de Cova da Terraña de Baiona, deron a coñecer as cooperativas “CIGA”, “Colecuas”, “Famouz” e Laant”; os do IES As Barxas de Moaña revelaron que traballarán con “Renovatti”; o alumnado do CEEPR ACEESCA do Porriño presentou “O Mistral”, e os nenos do CEE Saladino Cortizo de Vigo presentaron as cooperativas “Os Cortizos” e “P.D.A.”.

O alumnado leva xa traballando nas cooperativas nas últimas semanas e nun proceso que incluíu a constitución, a creación da imaxe corporativa e o logotipo das cooperativas, así como a realización do estudo do mercado e o prototipo do produto. Agora, no que queda de curso, deberán buscar financiamento, deseñar o catálogo e os produtos, determinar os prezos e as canles de distribución, facer publicidade e márketing e preparalo para a venda nun mercado final que organizará tamén a Deputación de Pontevedra.

O obxectivo de “DepoEmprende na ESO”, dirixido ao alumnado de 4º de Educación Secundaria, e de “DepoEmprende na Escola”, do que hoxe presentaron as súas cooperativas os alumnos dos centros de Educación Especial despois de facelo onte os de Primaria, é promover competencias relacionadas coa autonomía, a iniciativa e o espírito emprendedor. Ademais, tamén pretende eliminar as barreiras que dificultan a transformación das ideas emprendedoras en proxectos concretos, poñendo ao alumnado como o protagonista da súa aprendizaxe e fomentando o traballo desde a práctica así como a súa solidariedade, xa que as cooperativas participantes no programa farán entrega de parte dos seus beneficios a diferentes ONGs e asociacións.

Asinado o convenio entre a Xunta e o Concello de Tui para destinar vivendas a alugueiro social

0

A Xunta asinou hoxe co Ministerio de Vivenda e Axenda Urbana o convenio que permitirá cofinanciar con fondos europeos a rehabilitación de 3 vivendas localizadas no número 20 da rúa Bispo Castañón, que se destinarán a alugueiro social entre os demandantes inscritos neste municipio no Rexistro único de vivendas protexidas.

O inmoble foi adquirido no seu día polo Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) no marco do Programa Rexurbe e o investimento previsto para a execución das obras ascende a 740.541,18 euros. Desta contía, case o 81% (590.541,18 euros) financiarase con achegas propias da Xunta e o resto, serán fondos procedentes da Unión Europea.

Cómpre lembrar que todas as vivendas de nova construción ou rehabilitadas financiadas con fondos europeos no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia deberán destinarse a alugueiro a prezo regulado durante un prazo mínimo de 50 anos.

Ademais, a actuación prevista pola Xunta no concello de Tui enmárcase na Estratexia para o desenvolvemento de vivenda de promoción pública e impulso da vivenda protexida en Galicia, aprobada polo Goberno galego o pasado mes de marzo e cuxo principal obxectivo é incrementar nun 50% o actual parque público residencial ata chegar ás 5.600 vivendas no horizonte do ano 2026.

Veciños de Baiona aprenden a manexar internet nos seus móbiles

0

O auditorio do centro multiusos Ángel Bedriñana de Baiona acolleu un taller de informática para maiores de 55 persoas no que participaron veciños de Baiona.

O concelleiro de Novas Tecnoloxías e Comunicación, David González Misa, foi o encargado de impartir o taller, que contou coa axuda da concelleira de Política Social, Ana María Iglesias Rodríguez.

Entre os temas tratados as persoas participantes recibiron coñecementos para descargase as aplicacións desde play store. Todo iso realizado a través da práctica coas súas propios terminais sendo un grupo dinámico e activo. Tamén practicaron como se pide cita, anúlase, modifícase a través do móbil, sen esperas ao teléfono, de diversos servizos. Así mesmo, ensinóuselle a manexar apps para realizar felicitacións do Nadal.

Desde ambas as concellerías pedíuselles e ensinóuselles que a que perdesen o medo para practicar e animóuselles a que practiquen e que se atrevan.

Visita aos residentes na Vivenda de Transición en San Eleuterio cedida polo Concello a Cogami

0

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, o presidente de Cogami, Anxo Queiruga, e a concelleira de Política Social mosense, Sara Cebreiro, visitaron ás dúas persoas que están a residir na Vivenda de Transición ubicada no piso municipal en San Eleuterio, que o Concello de Mos lle cedeu a Cogami para tal fin, mediante un convenio de colaboración que permite desenvolver á asociación o Proxecto RUMBO durante un ano.

O piso está habilitado para que convivan nel como Vivenda de Transición ata 3 residentes, como así se fará no futuro. O período de residencia é variable segundo as circunstancias de cada usuario, e cada un deles permanece na mesma hasta que esté preparado e atope vivivenda propia. Durante o ano de duración do Proxecto RUMBO, irán pasando polo piso de San Eleuterio diferentes membros de Cogami en proceso de transición cara a independencia, sempre convivindo entre un máximo de 3 persoas.

O Concello de Mos sumouse ao Proxecto RUMBO de Cogami cedendo unha das vivendas sociais das que ten en propiedade en San Eleuterio, para que pase sexa utilizado pola asociación como vivienda de transición no que conviven catro usuarios da mesma. Cogami xa dispón doutra Vivenda de transición no Rebullón.

O protocolo de colaboración asinado entre o Concello de Mos e Cogami desenvóvese para a participación no “Proxecto RUMBO: cara a un modelo de autonomía persoal conectada e inclusiva”.

O convenio ten por obxecto a colaboración de Cogami co Concello de Mos, en relación co Proxecto RUMBO: un proxecto piloto experimental, a nivel nacional (5 comunidades autónomas), co que se pretende implementar un novo modelo de apoio á autonomía persoal, mediante a combinación de servizos e recursos que permitan evitar a institucionalización e manter ás PCD na súa contorna, facilitando formas de vida inclusivas en condicións de seguridade, accesibilidade e benestar.

O proxecto Rumbo desenvólvese en diversos territorios, as entidades autonómicas vinculadas a COCEMFE, FEDACE, ASPACE, PREDIF e a Confederación Autismo España. O Proxecto RUMBO, de innovación en materia de prevención da institucionalización, desinstitucionalización e desenvolvemento de servizos de apoio comunitarios no ámbito dos coidados de longa duración, vinculados cos Fondos Next Generation e o Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, que se desenvolve en 8 liñas de traballo: servizo de adecuación e personalización da Vivenda. Servizo de vivendas de transición á vida independente. Servizo de promoción de aloxamento inclusivo. Transformación de centros residenciais cara a recursos de apoio integral á vida independente. Servizos sociosanitarios de proximidade. Servizo de apoio comunitario para a participación e promoción da cidadanía activa. Creación dun novo catálogo de servizos de promoción da autonomía persoal. Transferencia de modelo de desinstitucionalización.

O obxectivo deste protocolo de colaboración é a participación das dúas entidades nas actividades: servizo de promoción de aloxamento inclusivo, a través da investigación sobre a existencia de vivendas municipais accesibles, asesoramento e realización de formacións sobre accesibilidade universal e aloxamentos inclusivos, aos técnicos municipais.

A misión de Cogami é conseguir a plena inclusión das persoas con discapacidade en todos os ámbitos da sociedade a través da defensa e promoción dos seus dereitos, a reivindicación do cambio social, a potenciación do movemento asociativo e a prestación de servizos que satisfagan as súas necesidades e expectativas. Cogami realiza o proxecto Rumbo dende a óptica de desenvolver os seus servizos desde a perspectiva do que necesita a persoa para desenvolver o seu plan de vida na súa contorna natural, traballando conxuntamente coa comunidade, a persoa e a súa contorna efectiva para incrementar ao máximo a súa autonomía no seu lugar de desenvolvemento, evitando a institucionalización.

A finalidade de Cogami co Proxecto RUMBO é a execución das actuacións que se fixen nos seguintes plans de traballo nos que participa: servizo de adecuación e personalización da vivenda, servizo de vivendas de transición á vida independente e servizo de promoción de aloxamento inclusivo. A finalidade de Cogami co Proxecto RUMBO é, con respecto ao servizo de promoción de aloxamento inclusivo, evitar o recurso de residencias ou dependencia familiar facilitando aloxamento accesible ás PCD mediante as actividades deste paquete de traballo. A finalidade do Concello de Mos para participar no proxecto é mellorar os seus servizos dirixidos ás persoas con discapacidade para que poidan permanecer na súa contorna e poidan ter unha vida independente, ao mesmo tempo que fomentar a accesibilidade universal.

Pola súa banda o Concello de Mos cedeu a Cogami esta vivenda municipal sita en Urbanización de San Eleuterio, Tameiga, para as vivendas de transición do proxecto Rumbo. O convenio de colaboración conservará a súa vixencia ata a duración estimada do Proxecto RUMBO, decembro de 2024.

Este convenio de colaboración non comporta ningunha achega económica porque son asumidas no marco do Proxecto RUMBO, está financiado polos fondos NextGeneration da UE e polo Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030.

As Neves, Mondariz e Arbo beneficiarios do proxecto “Da túa man”

A Deputación de Pontevedra vai contratar a instalación de prazas de aparcamento reservadas e accesibles e xardineiras na contorna comercial do concello das Neves cun orzamento de 6.153 euros ao abeiro do proxecto “Da túa man” (rural II), o programa de apoio á actividade comercial a hostaleira local do rural da provincia. A iniciativa busca asegurar que os municipios conten con estacionamentos específicos para persoas con discapacidade, debidamente sinalizados e co tamaño adecuado. Ademais, contemplase embelecer a zona comercial con xardineiras, o que axudará ás persoas con discapacidade visual a orientarse na área. En concreto, no concello das Neves dotarase de accesibilidade a unha das prazas de aparcamento en batería existentes na Praza Maior, e incluiranse seis xardineiras nos lados norte e este da praza co fin de evitar accesos ou estacionamento temporal de vehículos en dita zona e para delimitar e embelecer a zona comercial.

Por outra banda, o concello de Mondariz conta cun orzamento de 6.211 euros para dotar de accesibilidade a dúas prazas de aparcamento en batería situadas na Praza de Abastos, e incluiranse seis xardineiras na zona contigua ás prazas para delimitar e embelecer a zona comercial.

Ademais, no concello de Arbo dotarase de accesibilidade a dúas prazas de aparcamento en diagonal xa existentes na Praza do Mercado, a través de sinalización vertical, e incluiranse catro xardineiras como elementos para delimitar e embelecer dita zona, contando cun investimento de 4.557 euros. 

En total, son case 50.000 euros os destinados no conxunto da provincia a esta actuación, que permitirán instalar prazas de aparcamento accesibles e xardineiras nas contornas comerciais de outros oito concellos, ademais de Mondariz: Arbo, Campo Lameiro, Cuntis, Forcarei, Meis, As Neves, Pontecesures e Rodeiro. “Da túa man” (rural II), dotado con 500.000 euros e financiado cos fondos Next Generation, busca visibilizar e modernizar ao pequeno comercio e á hostalería local adaptándoo aos novos hábitos de consumo a través da implantación e uso das novas tecnoloxías e o desenvolvemento de prácticas que promovan a economía circular, así como unha mellora no acondicionamento dos espazos que sirva para ofrecer un servizo óptimo á poboación local e de foco de atracción de visitantes. Así mesmo, preténdese crear vínculos en toda a cadea de valor do comercio local e o produto de km 0.

Ademais desta iniciativa que acaba de lanzar a Deputación, “Da túa man (rural II)” abrangue outros proxectos como a instalación de illas ecolóxicas con contedores e de dispositivos para a reciclaxe de residuos especiais, a posta en marcha dunha rede de comercio retallista, produtores locais e provedores, a instalación de sinalética integrada, a promoción de bolsas e mochilas sostibles, a posta en marcha de campañas de comunicación e promoción en soportes dixitais e diferentes accións formativas.

O albergue municipal da Guarda pechas as súas portas durante as semanas de Nadal

0

Nos últimos anos escóllense as semanas de Nadal para pechar o albergue municipal de peregrinos da Guarda ante a redución do número de peregrinos nestas datas.

A longo deste ano o incremento do número de peregrinos que percorren as nosas rúas foi notable con datos rexistrados na Oficina do peregrino en Santiago con 52.000 peregrinos a día de hoxe, superando os 30.600 rexistrados en todo o 2022.

A partir de novembro, como ven sendo habitual, a peregrinación redúcese a menos de 100 persoas chegadas a Santiago de todos os camiños. Isto representa menos de 10 peregrinos diarios rexistrados do Camiño Portugués da Costa.

En definitiva, os meses de menor afluencia de peregrinos son decembro e xaneiro. Os días tan curtos e a maior probabilidade de mal tempo son as razóns polas que os peregrinos evitan realizar o camiño nos meses de inverno. Tamén poden influír as celebracións de nadal.

Aqueles peregrinos que escollen estas datas para camiñar a Santiago buscan precisamente un camiño con pouco tránsito que lles aporte tranquilidade e soidade. Ademais estes peregrinos de inverno adoitar escoller aloxamentos turísticos como hoteis onde dispoñen doutras facilidades como cuartos individuais e unha maior flexibilidade na hora da saída.

Durante o mes de novembro no propio albergue municipal houbo 8 días cun só peregrino e outros 7 días sen peregrinos aloxados, 6 corresponden ao final do mes, cun total de 51 peregrinos. Nestas semanas de decembro foron 23 os peregrinos rexistros no albergue con 6 días sen peregrinos.

Aproveitando o peche do albergue realizaranse tarefas de mantemento das instalacións.

Polo que o Albergue Municipal de Peregrinos permanecerá pechado do luns 18 de decembro ata o domingo 14 de xaneiro, abrindo novamente a partir do luns 15 de xaneiro.

Covelo recoñecerá o espírito empresarial e o deportivo nos premios “Síntete Covelo”

0

Imaxe de arquivo dos premios Síntete Covelo 2022

O IX galardón “Síntete Covelo” recoñecerá a traxectoria de Joaquín Vales Piña e Xabi Gómez Lorenzo. Será o vindeiro sábado día 23 de decembro no auditorio municipal de Covelo ás 18 horas.

Joaquín Vales Piña recibirá o galardón que recoñecerá o seu espírito emprendedor e a súa importancia na industria tradicional grazas ao Serradoiro dos Carranos que chega aos nosos días como relevante xoia do patrimonio industrial do século XX. O Serradoiro dos Carranos é, a día de hoxe, un potente atractor de turismo que recibe ao longo do ano milleiros de visitantes. Nas xornadas de portas abertas organizadas polo Concello de Covelo as persoas participantes poden coñecer a historia do Serradorio da man dun guía experto co que logo percorren un roteiro da contorna. Á beira do regato de Vixiáns, no fluír ó río Tea, atópase este serradoiro, levantado en 1922 sobre os piares dun vello muíño de auga. Está composto de catro edificacións:o serradoiro, un sequeiro e almacén de madeira, unha pequena forxa onde se forxaban as ferraxes para os carros e un pequeno almacén. Tamén podemos atopar un pequeno forno onde se queimaban os residuos, os raís para o transporte da madeira ata o interior do serradoiro e as escaleiras talladas en rocha que permiten o acceso ás comportas para abrir ou pechar a auga que verte a noria. A dedicación principal deste conxunto era a fabricación de carros, de aí ben o nome de Carranos. Pertence a Joaquin Vales Piña, de Maceira, quen o herdou dos seus familiares. Na actualidade, alberga unha aula de interpretación da natureza e do patrimonio etnográfico, con paneis informativos e vídeos explicativos.

O patinador Xabi Gómez Lorenzo recollerá este sábado o seu galardón polos seus éxitos deportivos que levaron o nome de Covelo ás competicións galegas e españolas.  Xabi comezou a súa carreira deportiva na patinaxe artística no Club COVELO P.A. con licenza oficial dende o ano 2009 . Neste club competíu nas categorias de niveis dende o ano 2010 e despois iniciou a súa carreira a nivel Nacional (1ª categoría) no 2014. Cada ano, dende esa data, competíu en Trofeos Xunta e Deputación de Pontevedra, campionatos provinciais e campionatos galegos. Co Club Covelo Patinaxe Artística foi medalla de ouro e campión galego no ano 2016 e medalla de prata e subcampión galego nos anos  2014,2015,2017,2018 e 2019. Ao longo detes dez anos participou en varios torneos nacionais obtendo en todos eles postos relevantes en diversas categorías.No ano 2020 cambiou de modalidade na patinaxe artistica, pasou a formar parte dos grupos show, con licenza federativa no Club Condado Patinaxe Artística de Salvaterra de Miño conseguindo o primeiro posto no Campionato Galego de Grupos Show na categoría junior nos anos 2021 e 2022 e xa na categoría de grupos show grandes fíxose campión galego neste ano 2023.

No ano 2022 obtén os seguintes títulos de Xuíz de niveis da Federación Galega de Patinaxe e o título de Adestrador do nivel 1 da Federación Española de Patinaxe. Xabi, foi recoñecido como persoa Deportista de alto nivel, segundo Resolución do 21/04/2023, publicada no DOGA o 02/05/2023 pola modalidade de patinaxe (Xunta de Galicia. Vicepresidencia segunda e consellería de presidencia, xustiza e deportes).

Actualmente é alumno da Universidade de Santiago de Compostela onde cursa primeiro de Mediciña e quere chegar ó máis alto posible, tanto na súa carreira deportiva como profesional.

A afamada cantante Uxía pechará a entrega de premios cos seus Cantos e Contos de Nadal.

Nigrán presenta este mércores o libro ‘El despertar de la reina de piedra’

0

O Concello de Nigrán ofrece este mércores 20 de decembro ás 20:00 horas na Biblioteca Municipal a presentación da novela ‘O espertar da raíña de pedra’, da veciña do municipio J. R. Morrigan. Trátase da primeira novela dunha triloxía de fantasía épica escura young adult (para maiores de 16 anos). Un mundo cheo de vampiros, licántropos, feiticeiros, anxos, demos, fadas, trasgos, elfos, sirenas e, quizá, ata deuses. Unha historia fantástica de maldicións e vinganzas, de odios e rancores, de ambición e guerra.

Un día sen morte marca o inicio dunha nova era. A vella maldición rompeuse. A raíña de pedra espertou. O mundo xa non é un lugar seguro para os feiticeiros. A única esperanza parece ser Edén, un bruxo sen maxia. Pero, loitará por aqueles que o desprezaron toda a súa vida ou forxará o seu propio destino mentres os monstros axexan e a supervivencia da súa raza pende dun fío?

J. R. Morrigan

J. R. Morrigan naceu en 1985 en Nigrán. Descubriu o seu amor pola lectura e o teatro a unha idade moi temperá e pasou a súa infancia entre libros e escenarios. A súa paixón pola escritura chegou algo máis tarde, na adolescencia, pero tardou anos en decidirse a publicar. É doutora en Filoloxía Hispánica cun Master en Artes Escénicas e actualmente traballa como profesora de teatro. Considérase unha apaixonada da literatura fantástica que descubriu grazas a Michael Ende, J. K. Rowling e Anne Rice, ademais de cinéfila, seriéfila e adicta ás historias sexa cal for o seu formato.

Os veciños do Porriño “cultivan a súa mente”

O Centro Sociocomunitario do Porriño acolleu onte a última sesión do programa de prevención do deterioro cognitivo “Cultiva a mente”, organizado polo Concello do Porriño e Afaga.

13 persoas maiores de 55 anos participaron destas xornadas dirixidas, non só a previr a demencia, senón tamén á súa detección precoz e á promoción de hábitos saudables a nivel cognitivo e emocional.  Da man dunha psicóloga con formación específica no desenvolvemento e execución de plans de prevención do deterioro cognitivo, abordaron diferentes cuestión como o envellecemento activo, a promoción das relacións sociais e prevención da soidade, a independencia e autonomía, a memoria, a atención e a orientación, entre outros.

Hoxe recibiron un diploma acreditativo da man do alcalde, Alejandro Lorenzo, que os visitou acompañado polo presidente de Afaga, Juan Carlos Rodríguez, e concelleira de Política Social, Teresa Veloso.

“Tal e como me transmitiron, esta actividade foi moi enriquecedora para eles e elas e teñen o meu compromiso de que daremos continuidade a esta e outras iniciativas que permitan aos nosos maiores socializar e tamén disfrutar desta etapa da súa vida”, explicou o rexedor, “Ademais, por suposto de dotalos das ferramentas necesarias para previr e detectar os primeiros sinais de demencia. Para iso non podemos contar cunha colaboración mellor que a de Afaga, que leva anos realizando un traballo inconmesurable na atención ás persoas con Alzhéimer e outras demencias”.

As Neves e Crecente executan obras de mellora nas infraestruturas municipais grazas á Xunta

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, visitou as comarcas do Condado e de Paradanta para supervisar as obras que se están a levar a cabo nas infraestruturas municipais das Neves e Crecente grazas ao financiamento da Xunta de Galicia.

Concretamente, estas actuacións lévanse a cabo a través da orde de subvencións para a construción, reforma, reparación, adecuación ou mellora de instalacións deportivas de titularidade municipal e para a adquisición de material deportivo inventariable que, ao longo deste 2023, contou con dúas convocatorias e pola que o 66 % dos municipios galegos víronse beneficiados. En total foron repartidas unhas 280 axudas -entre infraestruturas e equipamento- para os concellos de Galicia, cun investimento total de preto de 8 millóns de euros (preto de 6 millóns na primeira convocatoria e máis de 2 millóns na segunda).

No caso das Neves, o secretario xeral visitou, acompañado do alcalde, José Manuel Alonso, o estadio de fútbol Pepe Capón, na área deportiva da Caíña, onde se está a executar o proxecto de vestiarios adicionais e nova zona polivalente. Segundo o titular do Deporte galego, esta a actuación supón un importante pulo ao “deporte para todos e para todas” xa que consiste nun novo vestiario para o momento no que se dean cita equipos mixtos, podendo así albergar ás deportistas femininas, o cal, a súa vez, ofrecerá a posibilidade de organizar torneos máis amplos, principalmente de categorías inferiores, en idade escolar. Ademais, tamén se pretende impulsar o deporte do fútbol a pé para maiores de 60 anos. Complementariamente ao novo vestiario femenino, a actuación compleméntase coa definición dun novo espazo contiguo de convivencia polivalente, que servirá como zona de ximnasio exterior e espazo común de xogos e lecer. A obra ten un custo total de máis de 65.000 euros (65.549,73 euros) dos que a Xunta de Galicia sufraga o 80 % (50.000 euros), achegando a contía máxima destas subevncións.

A continuación e acompañado polo alcalde de Crecente, Julio César García, o secretario xeral para o Deporte dirixiuse á comarca de Paradanta para supervisar as obras de mellora e adecuación da instalación na piscina municipal de Crecente. O obxectivo desta actuación é modernizar a piscina e adecuala ás novas necesidades técnicas, deportivas e regulamentarias, co obxecto de seguir servindo como base de referencia tanto a nivel social, deportivo, cultural e educativo. No caso concreto da piscina municipal, debido ao paso dos anos, ás inclemencias climáticas e á falta de uso durante a época invernal, fóronse producindo danos nos materiais máis delicados que deben ser retirados por uns novos dando resposta a unha solicitude dos clubs deportivos, asociacións, veciños e usuarios. A actuación baixo a que se levará a cabo o acondicionamento dos vestiarios, da parcela e do vaso da piscina terá un orzamento total de 48.400 euros, sendo achegados pola Xunta de Galicia preto de 40.000 euros (38.720 euros).

Ademais o Concello de Crecente tamén se viu beneficiado coa segunda liña desta orde de axudas. Neste sentido e dentro do obxecto de material deportivo inventariable, o concello equipou a nova instalación deportiva situada ao carón do pavillón municipal e dedicada á realización de actividades deportivas como ximnasio, sala polivalente de actividades e pistas de pádel. O importe deste material foi superior aos 10.000 euros (10.625,11 euros) sendo aboado pola Xunta de Galicia o 80% (8.500 euros).

Por último cómpre salientar que existe outro convenio entre a Xunta de Galicia e o Concello de Crecente en materia deportiva, neste caso fóra da orde de axudas de infraestruturas municipais, e que se ocupa da adecuación interior dos vestiarios da pista polideportiva de Filgueira. Os devanditos vestiarios presentan un desgaste e  deterioro debido ao paso dos anos que provocou a presenza de deficiencias para poder poñer a funcionamento novamente os vestiarios da instalación así como organizar eventos deportivos mellorando os servizos e ampliando a capacidade da instalación. O importe total destas actuacións é duns 9.000 euros (8.998,02 euros) sufragados na súa totalidade pola Xunta de Galicia.

Pulo ás infraestruturas deportivas

Neste 2023 as tres novas ordes plurianuais para instalacións deportivas que a Xunta puxo en funcionamento e que xa foron resoltas. Ademais das dúas convocatorias da orde para concellos tamén se puxo en marcha a orde para a construción, reforma, reparación, adecuación ou mellora das instalacións de entidades deportivas cun orzamento de preto de 1,3 millóns de euros (sendo executados neste 2023, 600.000 euros). Con todo, o Goberno galego destina neste 2023 preto de 22 millóns de euros para a construción e mellora de instalacións deportivas, o que representa o 50% de todo o orzamento histórico da Secretaría Xeral para o Deporte da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, que neste exercicio acada máis de 44 millóns de euros e que de cara a 2024 volverá ascender ata os 56 millóns de euros.

Papá Noel visitará Redondela

0

A Casa de Papá Noel xa ten as súas portas abertas para que os nenos se acheguen á Alameda de Castelao, onde poderán conversar con el e facerlle as súas peticións para este Nadal.

Ata o día 23 de decembro estará todas as tardes, de 17 a 19:30 horas. O día 24 de decembro o horario será de mañá, de 11 h a 14 horas. Papá Noel tamén recibirá á rapazada en Chapela, na alameda Rosalía de Castro os días 22 e 23 de decembro de 17.00 a 19.30 horas e o día 24 de 11.00 a 14.00 horas.

Papá Noel visita as parroquias

Para que ningún neno quede sen ver a Papá Noel, esta entrañable figura do Nadal tamén se desprazará ás demais parroquias. Desde mañá martes, día 19, e ata o 22 Papá Noel achegarase na súa carroza a todos os recunchos do municipio de 16.00 a 20:30 horas. Mañá comezará en Cesantes, en Campo San Pedro de 16.00 a 16.30 horas, no Centro Cultural de 16.45 a 17.15 horas, no Viso no Centro Cultural de Soutoxuste de 17:30 a 18:00 horas, no Centro Cultural de Saramagoso de 18:15 a 18:45, en Ventosela no Centro Cultural de 19:15 A 19:45, no cruce estrada Vilar do Mato, da Igrexa de Ventosela e de Castiñeira de 20:00 a 20:30 horas. O mércores día 20 Papá Noel estará en Reboreda no Centro Cultural, na Igrexa, en Quintela no torreiro da Igrexa, en Saxamonde na antiga escola, no camiño Albarroz, camiño da Vía Vella e en Redondela na rúa Alfonso XII e na praza da Constitución.

Obra de teatro: “O apalpador busca axudante”

Tamén chegará desde as montañas o Apalpador, figura lendaria da tradición de Nadal galega que por primeira vez visitará aos nenos e nenas de Redondela, será o día 23 de decembro ás 18.00 horas na praza do Concello. Trátase dun espectáculo teatral dunha hora de duración con xogos interactivos para os nenos e nenas. Neste divertido espectáculo ata haberá un “cásting” no que o Apalpador, un carboeiro que traballa só, busca axudantes para apañar castañas.

Reunión do goberno municipal de Ponteareas cos veciños da zona vella

Éxito de participación na reunión que mantivo o goberno municipal cos propietarios da zona vella de Ponteareas.

A alcaldesa, Nava Castro, e a concelleira, Silvia Fernández, informaron e respostaron ás dúbidas dos veciños sobre como solicitar as subvencións de ata 30.000 euros para reformar as súas vivendas.

Ademais, apuntaron que o Concello mantén unha oficina cunha persoa técnica permanente para asesoralos sobre a Área de Rehabilitación Integral (ARI).

A Cañiza continúa apostando pola reciclaxe e a compostaxe

0

Baixo o lema de “A Cañiza, coidada e sostible”, o Concello continúa coa súa campaña de sensibilización ambiental iniciada xa nos anos 2021 e 2022 e que segue, neste 2023, centrada na compostaxe doméstica para promover a reciclaxe de residuos orgánicos no concello.

O pasado venres 15 de decembro, desenvolveuse unha nova xornada de sensibilización e concienciación ambiental sobre boas prácticas en materia de compostaxe doméstica, nunha carpa  informativa itinerante situada na entrada da Casa Consistorial.

Co obxectivo de mellorar o grao de concienciación ambiental dos veciños e reforzar e fomentar un cambio de hábitos e de comportamento en torno a reciclaxe de residuos, os monitores medioambientais da empresa ANCARIA SL captaron a atención dos nosos veciños a pé de rúa  durante toda a mañá, entregando material divulgativo que nos axudará a todos e mellorar a reciclaxe mediante a compostaxe.

As seguintes xornadas terán lugar os días 22 e 27 de decembro, en horario de mañá e no mesmo emprazamento.

#acañizacoidadaesostible conta coa colaboración coa Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia -no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia e está financiada pola Unión Europea, a través dos fondos -NextGenerationEU-

Ademais, o alcalde Luis Piña anunciou que se algún veciño desexa ampliar información sobre o procedemento de solicitude e adquisición dun composteiro doméstico, pode contactar co persoal da Biblioteca Municipal, na súa recepción ou chamando a partires das 10h da mañá ao número 986 66 30 69.

A campaña pretende impulsar un modelo de residuos baseado na compostaxe e no tratamento a quilómetro cero dos  biorresiduos municipais. A súa razón de ser é que A Cañiza cumpra cos obxectivos fixados na normativa europea, estatal e autonómica en canto a porcentaxes de residuos orgánicos recolleitos e aproveitados.

Último “Café en igualdade” do ano no Rosal

0

O Rosal despide o ano cunha nova cita cos seus ‘Cafés en Igualdade’, un espazo de reunión para todas as familias rosaleiras no que conversar sobre temas de interese de xeito cómodo e distendido, ao tempo que se promove a conciliación familiar, laboral e persoal. Un novo encontro que permitirá afondar da man dunha experta nunha temática que preocupa á sociedade actual: a prostitución.

A socióloga, profesora e directora da Unidade de Igualdade de Oportunidades da Universidade de Vigo, Águeda Gómez, dará unha interesante charla sobre a explotación sexual, debuxando para todas as persoas asistentes un completo mapa desta problemática social que mantén a España como o país de Europa como maior demandante de prostitución.

A cita será o vindeiro xoves 28 de decembro ás 17.30 horas na Cafetería Nenza Xida, na Praza do Calvario. O Concello do Rosal pon en marcha en diferentes épocas do ano estes ‘Cafés en Igualdade’ co obxectivo de ofrecer un balón de osíxeno ás familias rosaleiras, creando un recuncho no que deixar a un lado todas as obrigas diarias para abordar temas de especial interese para a sociedade. O proxecto conta co financiamento do Ministerio de Igualdade a través de fondos do Pacto de Estado contra a violencia de xénero.

O mosense Cristian Giráldez, protagonista da campaña “Cambiamos o Enfoque” de Eurofirms Foundation

0

O mosense da parroquia de Sanguiñeda, Cristian Giráldez, protagoniza a campaña “Cambiamos o Enfoque” da Fundación Eurofirms, no marco do Día Internacional das Persoas con Discapacidade, o 3 de decembro.

Reuniuse coa alcaldesa, Nidia Arévalo, para compartir con ela a súa experiencia, que califica de moi gratificante e interesante, e espera que lle poida traer consigo novas oportunidades laboráis e incluso futuras colaboracións cos Plans Integrados de Emprego do Concello de Mos.

Trátase dunha campaña emprendida por esta fundación e empresa de traballo temporal dirixida a Redes Sociais, espazos publicitarios, publicacións impresas e outras canles de comunicación.

A campaña “Cambiamos o Enfoque” ten por obxectivo xerar reflexión sobre o que sucede cando coñecemos a unha persoa con discapacidade por primeira vez. Cientificamente, unha persoa dedica aproximadamente 9 segundos a formarse unha primeira impresión da persoa que ten diante. En moitas ocasións, esta impresión vese influída polos prexuízos ou estereotipos, sobre todo se se trata dunha persoa con discapacidade. Que pasa se superamos os 9 segundos? De seguro que se esperamos un pouco máis darémonos conta de que, a nosa primeira impresión estaba equivocada. Ao deixar a un lado os prexuízos, aprécianse as capacidades por riba de calquera limitación, especialmente no mundo laboral.

Cristian contáballe á rexedora local mosense que esta colaboración con Eurofirms Foundation surxiu a raíz dun Plan de Emprego de AEMOS no que participou, e a través do que realizou un curso sobre Desenvolvemento Web de 3 meses de duración coa propia fundación durante o pasado verán. Á fundación gustoulle o seu perfil e entrevistárono do departamento de Comunicación e Prensa para estudar a posibilidade de que fose un dos protagonistas da campaña. Tras entrevistar a varios candidatos, decidiron que Cristian fose imaxe da campaña e viaxou a Barcelona para grabar, o que para el supuxo unha vivencia moi emocionante e gratificante, e unha grande aprendizaxe, segundo el mesmo explica.

Pola súa banda a alcaldesa, Nidia Arévalo, destacou “a gran valía persoal e profesional de Cristian, e a súa gran implicación cidadá e compromiso con Mos e coa súa veciñanza”. Ademais manifestou o “orgullo” que sinte “porque sexa Cristian o protagonista desta campaña que fomenta valores sociais tan importantes como a inclusión laboral das persoas con discapacidade, a necesidade de eliminación de prexuízos, e a posta en valor das capacidades de cada individuo, xa que as capacidades diversas aportan valores diversos e todos son construtivos, todos suman, e todos contribúen a facer un mellor traballo, máis eficaz e eficiente”, concluíu Arévalo.

A Deputación recuperará unha praza histórica en Baiona

0

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, e o alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuíña, asinaron un convenio de colaboración enmarcado no Programa Provincial de Infraestruturas e Dotacións Singulares para a Execución da Axenda 2030 (PON2030) a través do cal o goberno provincial financiará con máis 460.000 euros, o 80 % do orzamento, os traballos para a adecuación do espazo público e mellora dos servizos da praza Victoria Cadaval. O Concello, pola súa banda, achega o 20 % restante, uns 115.000 euros. A sinatura deste protocolo tivo lugar no Pazo Provincial nun acto no que Luis López amosou a súa satisfacción pola posta en marcha de proxectos que mellorarán a imaxe dos espazos urbanos e a calidade de vida da cidadanía, neste caso, do Concello de Baiona.

A obra, valorada en preto de 600.000 euros, servirá para a humanización da praza Victoria Cadaval, un espazo emblemático da núcleo de Sabarís que conecta o ámbito do mercado coa ponte medieval e que forma parte do Camiño Portugués da Costa. O obxectivo destas obras, que estarán centradas en tres piares, pasa pola transformación deste ámbito para que os peóns recuperen o espazo que lle foi arrebatado polos coches. Para logralo, en primeiro lugar buscarase a creación dun espazo público de calidade que dinamice a actividade comercial e a vida social a través da implantación de novas zonas de estancia, novas zonas verdes, a integración da praza co río da Groba ou a colocación de novos elementos de mobiliario urbano. Por outro lado, restrinxirase o tráfico mediante a construción dunha plataforma única de preferencia peonil, a limitación da velocidade a 10 quilómetros por hora e a colocación dun sistema de semáforos intelixentes. Ao mesmo tempo, melloraranse todos os servizos coa renovación da rede de saneamento e abastecemento, o soterrado das redes de subministro eléctrico e de telecomunicacións e un novo mecanismo de rego por goteo para os xardíns que contribúan ao aforro do consumo de auga.

Segundo recolle o convenio, as obras deberán estar rematadas antes do 30 de abril de 2025. A sinatura deste protocolo entre Deputación e Concello de Baiona realízase coa modificación das bases do programa PON2030 xa en vigor. Unha modificación que fai compatible a achega da Deputación coas subvencións doutras administracións sen que o montante concedido ao Concello polo goberno provincial se vexa reducido.

Despois de asinar o acordo, o presidente Luis López destacou a importancia de recuperar para a cidadanía o espazo público con espazos de alta calidade que promoven a mobilidade peonil e o contacto co medio ambiente.