Domingo, 16 Marzo de 2025

Ponteareas estrea na casa consistorial o vídeo mapping de Nadal

O Concello de Ponteareas estrea o vídeo mapping que se proxectará na casa consistorial ata o 6 de xaneiro. Será a partir das 19:00 horas cando os veciños que se acheguen á cita poderán descobrir as animacións que iluminarán o edificio municipal e que están ligadas tanto ao Nadal como ás tradicións da vila. Cada día, haberá pases ás 19:00 horas, 20:00 horas, 21:00 horas e 22:00 horas.

No marco da programación do Nadal, tamén este mesmo venres, se presenta o Calendario Galego de Ponteareas do ano 2024, que edita o Concello, no Salón de Plenos ás 20:00 horas, un xeito de desfrutar das alfombras do Corpus Christi durante todo o ano.

Xa o sábado, celebrarase a papanoelada motera que percorrerá as rúas da vila a partir das 16:45 horas ata chegar o Auditorio Reveriano Soutullo. Alí, haberá un buzón onde Papá Noel recollerá as cartas cos desexos dos pequenos e das pequenas.

A programación continúa ao longo da próxima semana coa actividade “Un conto de Nadal” a cargo de Noelia Porto que terá lugar na sala multiúsos do Auditorio Municipal o mércores 27 ás 17:30 horas. A entrada é de balde ata completar aforo.

O venres 29 proxectase o filme “Lilo, el cocodrilo” no Auditorio Reveriano Soutullo a partir das 18:00 horas.