A compañía redondelá Tanxarina é unha das grandes apostas da programación de Nadal do Concello. Baseado no conto “La petite Casserole d’Anatole”de Isabelle Carrier, Tanxarina fai unha nova lectura onde a protagonista é unha moza. Esta historia da compañía de monicreques ten un dobre obxectivo, por unha banda falarlle aos máis cativos da diversidade funcional e por outra abordar tamén a situación de desigualdade que viven as mulleres. “A Cazola de Lola” é un conto metafórico “para falarlle das diferenzas aos máis pequenos”, explican desde Tanxarina.
Trátase dun espectáculo moi visual, case mudo, dirixido polo dramaturgo Candido Pazó. Miguel Borines, Eduardo Rodríguez Cunha “Tatán” e Andres Giráldez fan o traballo actoral e comparten escenario cos monicreques. Participan Ailen Kendelman e Areta Bolado con escenografía de Pablo Giráldez “Pastor”.
A función será hoxe venres ás 18.00 horas o auditorio da Xunqueira con entrada de balde.