8.1 C
Pontevedra
Sábado, 27 de Abril de 2024
Máis
    HomeComarcasAlén da RaiaO AECT Rio Minho aprobou o Plan de Actividades e Orzamento para...

    O AECT Rio Minho aprobou o Plan de Actividades e Orzamento para 2024

    Esta semana, na sede do AECT Rio Minho, en Valença, foi aprobado en Asemblea Xeral o Plan de Actividades e Orzamento para 2024, cun investimento global de 509.215,00 euros.

    Asemade tivo lugar a reunión de instalación dos novos membros da Delegación da Deputación de Pontevedra para o presente mandato, manténdose presidente da Mesa da Asemblea o presidente da Comunidade Intermunicipal do Alto Minho e presidente da Câmara Municipal de Melgaço, Manoel Batista; e foi elexido tamén como Secretario, Fernando Reyes González, concelleiro da Guarda.

    O director do AECT Rio Minho, Roberto Carrero, deputado de Cooperación Transfronteiriza da Deputación de Pontevedra e alcalde da Guarda, presentou as grandes prioridades do Plan de Actividades, a través da implementación de proxectos obxecto de candidaturas xa aprobadas no Programa Interreg VI A e a preparación de novas candidaturas e proxectos a candidatar no ámbito do Programa Interreg VI 2021-2027 e outros programas no marco da Cooperación Territorial Europea. Neste ámbito destácase o proxecto “REDE_GOV_MINHO”, cofinanciado polo programa Interreg VI A, que ten como obxectivo a consolidación do traballo en rede coas dinámicas locais de cooperación transfronteiriza.

    Por outra banda, farase fincapé na promoción de accións de consolidación da Marca Rio Minho e do anel verde de roteiros transfronteirizos, a manutención e desenvolvemento da operación do servizo compartido “Sistema de Bike Sharing do Rio Minho Transfronteirizo – e-bike Rio Minho”, en colaboración coas Eurocidades de Cerveira-Tomiño, Tui-Valença e Monção-Salvaterra, o reforzo do proceso de identificación de obstáculos á mobilidade e integración transfronteiriza no territorio do Rio Minho e á promoción de alianzas multinivel para o deseño de propostas de solucións para a mellora das condicións da gobernanza transfronteiriza.

    Con todo, en 2024 realizaranse accións de apoio ás dinámicas locais transfronteirizas da responsabilidade dos municipios e concellos do territorio de intervención do AECT Rio Minho, e reforzarase a comunicación institucional do AECT Rio Minho.

    O investimento global previsto é de 509.215,00 euros, supoñendo un 23% máis do orzamento do exercicio anterior.

    Constituído en 2018, o AECT Rio Minho ten como socios ao CIM Alto Minho e á Deputación de Pontevedra, e abrange 26 concellos: os 10 municipios que compoñen a Comunidade Intermunicipal do Alto Minho (CIM) e 16 concellos galegos da provincia de Pontevedra ligados ao Río Miño.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.