11.7 C
Pontevedra
Venres, 3 de Maio de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaO Castelo de Soutomaior acolle un espectáculo de vídeo mapping e xogos...

    O Castelo de Soutomaior acolle un espectáculo de vídeo mapping e xogos de escapismo para familias

    Tralo éxito das visitas teatralizadas que tiveron lugar na ponte de decembro con todas as prazas cubertas, esta semana arrancan no Castelo de Soutomaior o espectáculo de vídeo mapping e os xogos de escapismo para familias con nenos maiores de 8 anos. O deputado provincial Javier Tourís será o encargado de dar o tiro de saída, este xoves ás 19:00 horas, a estas actividades que por vez primeira promove a Deputación de Pontevedra no castelo.

    O vídeo mapping será un innovador espectáculo gratuíto de luz e son proxectado sobre a Torre da Homenaxe que se poderá ver por vez primeira no castelo este xoves a partir das 19:00 horas. Proxectaranse na torre, acompañadas de música propia do Nadal, imaxes dunha máxica fada que enche de luz o castelo, así como dos Reis Magos e de bolas de Nadal, xoguetes, fogos artificiais, regalos e árbores. A peza, de seis minutos de duración, poderase ver desde as 19:00 ata as 21:00 horas entre os días 22 de decembro e 4 de xaneiro, exceptuando os días 24, 25 e 31 de decembro e o 1 de xaneiro que coinciden coas datas de peche do Castelo de Soutomaior.

    Pola súa banda o xogo de escapismo está aberto a familias con nenos maiores de 8 anos e ten por obxectivo que os participantes vivan en primeira persoa o asedio ao Castelo de Soutomaior. Deste xeito, nun tempo máximo de 60 minutos, terán que resolver probas e pistas en grupos para axudar a Pedro Madruga a parar aos Irmandiños. Terá lugar os días 21, 22, 23, 26, 28, 29 e 30 de decembro e os días 3 e 4 de xaneiro en seis pases ao día dende as 11:00 ata as 14:00 horas e entre as 16:00 e as 19:00 horas. As prazas para participar na actividade están aínda abertas e as entradas (8 euros) poden adquirise na web do castelo.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.