O Rosal mantén a súa aposta polo medio ambiente e a sostibilidade, tamén no Nadal. Un ano máis, veciños e veciñas das parroquias únense nestas datas para celebrar un ‘Nadal sostible’ grazas ao deseño e elaboración dunha orixinal e enxeñosa decoración realizada con diferentes materiais naturais e de refugallo.
Trátase dunha iniciativa que leva poñendo en práctica a veciñanza de barrios do Picón e Caselas dende hai moitos anos, que xa dende o pasado Nadal se estendeu a outros barrios ou parroquias e na que este ano participan tamén A Fecha, As Eiras, Fornelos, Martín, Novás, Pancenteo, Portecelo e O Xestal. Beléns feitos con madeira, estrelas de ramas, animais decorados con follas, árbores adornados con bonecos de neve feitos con botes de iogur, personaxes realizados con verde ou piñas, elementos recheos de palla, decoración feita con gancho, árbores con palés, adornos con botellas de plástico… son algúns dos elementos que decoran durante estes días as parroquias rosaleiras. Por outro lado, durante estes días está aberto ao público de 16.00 a 19.00 horas o belén da Igrexa do Rosal.
“É un orgullo ver a toda a veciñanza participar nun proxecto tan marabilloso que non só fomenta o coidado do noso medio ambiente, senón que une ás persoas e fomenta a colaboración e a socialización para gozar todas e todos xuntos da maxia do Nadal”, destaca a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.
A rexedora quere felicitar a toda a veciñanza “por participar nesta fermosa iniciativa que recalca o marcado carácter asociativo do noso concello, un dos sinais de identidade do Rosal. Esta segunda edición do noso ‘Nadal sostible’ recalca a implicación de rosaleiros en todas as actividades do municipio”. Fernández Callís convida a toda a veciñanza a ir polos barrios e visitar durante estes días estas creativas obras de arte.