Domingo, 9 Febreiro de 2025

Nigrán presenta este mércores o libro ‘El despertar de la reina de piedra’

O Concello de Nigrán ofrece este mércores 20 de decembro ás 20:00 horas na Biblioteca Municipal a presentación da novela ‘O espertar da raíña de pedra’, da veciña do municipio J. R. Morrigan. Trátase da primeira novela dunha triloxía de fantasía épica escura young adult (para maiores de 16 anos). Un mundo cheo de vampiros, licántropos, feiticeiros, anxos, demos, fadas, trasgos, elfos, sirenas e, quizá, ata deuses. Unha historia fantástica de maldicións e vinganzas, de odios e rancores, de ambición e guerra.

Un día sen morte marca o inicio dunha nova era. A vella maldición rompeuse. A raíña de pedra espertou. O mundo xa non é un lugar seguro para os feiticeiros. A única esperanza parece ser Edén, un bruxo sen maxia. Pero, loitará por aqueles que o desprezaron toda a súa vida ou forxará o seu propio destino mentres os monstros axexan e a supervivencia da súa raza pende dun fío?

J. R. Morrigan

J. R. Morrigan naceu en 1985 en Nigrán. Descubriu o seu amor pola lectura e o teatro a unha idade moi temperá e pasou a súa infancia entre libros e escenarios. A súa paixón pola escritura chegou algo máis tarde, na adolescencia, pero tardou anos en decidirse a publicar. É doutora en Filoloxía Hispánica cun Master en Artes Escénicas e actualmente traballa como profesora de teatro. Considérase unha apaixonada da literatura fantástica que descubriu grazas a Michael Ende, J. K. Rowling e Anne Rice, ademais de cinéfila, seriéfila e adicta ás historias sexa cal for o seu formato.