A Concellería de Igualdade do Concello de Redondela pon en marcha o programa “Fóra agresións”, no que se ofrece formación para a prevención, detección e acompañamento nas violencias sexuais nos locais de lecer nocturno.
O curso está dirixido a xerentes e traballadores de establecementos de ocio nocturno para “formalos e sensibilizalos sobres esta problemática”. A formación, de tres horas de duración, contará cunha parte teórica e outra práctica. As persoas interesadas en asistir poderán facelo mañá martes, día 19 en horario de mañá (de 10.00 a 13.00 horas) ou o xoves 21 de decembro pola tarde (de 17.00 a 20.00 horas) nas oficinas de Turismo.
A concelleira Iria Vilaboa afirma que esta formación é moi necesaria xa que “a violencia sexista ten moitas formas e maniféstase en moitos espazos e os locais de lecer e festa tamén poden ser escenario de agresións sexistas de diversa gravidade”. Lucía Pereda, educadora social e axente de igualdade, será a encargada de impartir este programa. A experta sinala que en ocasións “prodúcense actitudes e condutas que, desde a desigualdade, poden chegar á ofensa, a intimidación, o abuso ou a agresión”.
Ao finalizar a formación, entregarase a cada participante un diploma acreditativo e un distintivo para cada negocio. Inscricións no enderezo igualdade@redondela.gal.