12.6 C
Pontevedra
Luns, 29 de Abril de 2024
Máis
    HomeO CondadoMondarizMondariz renovará o campo de fútbol da Lagoa coa axuda da Deputación

    Mondariz renovará o campo de fútbol da Lagoa coa axuda da Deputación

    O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, e a tenente de alcalde de Mondariz, Elena Naveira, asinaron este xoves un convenio de colaboración enmarcado no Programa Provincial de Infraestruturas e Dotacións Singulares para a Execución da Axenda 2030 (PON2030) a través do cal o goberno provincial financiará con máis 400.000 euros, o 85 % do orzamento, os traballos para a reforma do campo de fútbol e a creación dunha zona de deportes na Lagoa. O Concello, pola súa banda, achega o 15 % do total, preto de 75.000 euros. O protocolo asinouse este xoves no Pazo Provincial, nun acto no que Luis López reafirmou o compromiso do goberno provincial coa mellora das instalacións deportivas en todo o territorio pontevedrés.

    A obra, valorada en preto de medio millón de euros, servirá para a reforma do campo de fútbol e a creación dunha zona de deportes na zona norte do complexo deportivo da Lagoa, no termo municipal de Mondariz. O proxecto baséase en cinco actuacións concretas centradas, en primeiro lugar, na substitución do pavimento actual de céspede artificial, así mesmo a construción de dúas pistas exteriores: unha de pádel e outra de baloncesto; procederase tamén á urbanización da contorna destas pistas coa instalación dunha zona de tenis de mesa, a mellora dos accesos e a implantación dunha zona verde. Do mesmo xeito, está proxectada a instalación baixo a bancada dun espazo para aulas deportivas e almacéns, así como paneis fotovoltaicos para o subministro eléctrico.

    Segundo recolle o convenio, as obras deberán estar rematadas antes do 30 de abril de 2025. A sinatura deste protocolo entre a Deputación e o Concello de Mondariz realízase coa modificación das bases do programa PON2030 xa en vigor. Unha modificación que fai compatible a achega da Deputación coas subvencións doutras administracións sen que o montante concedido ao Concello polo goberno provincial se vexa reducido.

    O presidente Luis López sinalou que este acordo de colaboración se trata dunha nova mostra do municipalismo que rexe a acción de goberno da Deputación e un novo paso cara acadar o obxectivo de modernizar as instalacións deportivas da provincia, que serán máis modernas e eficientes enerxéticamente.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.