O alumnado de 3º da ESO da IES Chapela, formado por uns 60 mozos, está a repoboar unha parcela de monte da parroquia. Están a plantar preto dun cento de árbores nun terreo de 20.000 metros cadrados cedido pola Comunidade de Montes Chapela. A parcela en cuestión, no lugar de Parada, conta cunhas espectaculares vistas panorámicas sobre a ría de Vigo. O presidente da comunidade, Francisco Puch, afirmou que esta iniciativa “é moi positiva para que o alumnado poida coñecer máis os beneficios que ten o monte comunal como pulmón verde para a parroquia”. Guiados por Álvaro Diego Fuentes, da empresa Tarabelos, a rapazada aproveitou a xornada para coñecer mellor a contorna da cunha ruta a pé desde o instituto polo río Pugariño, unha zona de especial valor natural e etnográfico. O experto sinala que, deste xeito, o alumnado “non só fai unha actividade ambiental e aprende a distinguir árbores, senón tamén pode coñecer mellor e poñer en valor a súa propia parroquia, o monte e os camiños”.
As árbores, doadas polo Concello de Redondela, son dunha ducia diferente de especies entre as que hai castiñeiros, nogueiras, abeleiras, bidueiros, maceiras, sabugueiros, ameixeiras, cerdeiras, salgueiros, figueiras, etc. Os concelleiros de Sostibilidade, Roberto Villar, e o de Ensino, Iván Valles, visitaron este mediodía a plantación xunto aos responsables da Comunidade de Montes de Chapela. Villar avanzou que a zona vai sinalizarse para dar a coñecer este proxecto, “xa que no futuro será unha área que a veciñanza poderá usar como espazo de lecer”. O concelleiro de Cultura sinalou que se trata dunha iniciativa “moi interesante”, xa que de xeito transversal o ensino serve “para que coñezan máis a natureza e se impliquen no seu coidado”, conclúe Valles.