6.2 C
Pontevedra
Luns, 29 de Abril de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoO RosalO alumnado rosaleiro descobre de forma interactiva a Axenda 2030

    O alumnado rosaleiro descobre de forma interactiva a Axenda 2030

    O Concello do Rosal continúa traballando para achegar á veciñanza á Axenda 2030 e deseñar un plan de acción propio coa implicación do tecido asociativo, económico, educativo e social rosaleiros. Máis de 200 nenos de educación primaria e secundaria do CPI Manuel Suárez Marquier participaron estes días en sete obradoiros deseñados para que a rapazada descubrira dun xeito divertido, participativo e interactivo os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS), especialmente o ODS11, vinculado ás cidades e comunidades sostibles e á Axenda Urbana.

    O alumnado de maior idade achegouse aos ODS a través dun escape room en liña, no que se enfrontou ao desafío de decodificar a través de diferentes enigmas os ODS e descubrir a data límite para que a humanidade logre os obxectivos que permitan protexer ao planeta. En primaria a actividade sacou a relucir o lado máis creativo de nenos e nenas, facendo tormentas de ideas para detectar os problemas do mundo, idear unha máquina que puidera solucionalo e trasladalo ao papel para compartir co resto do centro educativo a través de distintos carteis. 

    Estas actividades forman parte do plan estratéxico do Concello do Rosal para a localización, implementación e seguimento dos ODS da Axenda 2030 adaptados á realidade local, unha iniciativa que busca a implicación e participación de toda a veciñanza, independentemente da súa idade.

    “Nun mundo cada vez máis complexo, é fundamental plantar o xermolo da sostibilidade dende ben pequenos e pequenas, porque achegar á infancia e adolescencia aos ODS e a Axenda 2030 non é só unha opción, é unha responsabilidade compartida para construír un futuro máis sostible”, salienta a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís. A rexedora destacou que con talleres como estes “introducimos a nenos e nenas neste diálogo dende unha idade temperá e lles proporcionamos as ferramentas para converterse en axentes do cambio informados e comprometidos”.

    O Concello do Rosal deseña un plan de acción que funcionará como ferramenta de planificación estratéxica coa que establecer actuacións que permitan incorporar os ODS adaptados á realidade do municipio, unha liña na que o Goberno municipal leva anos traballando. O obxectivo é continuar avanzando na loita contra o cambio climático, camiñar na transición cara a economías baixas en carbono, mellorar a eficiencia enerxéticas, procurar unha economía circular e construír unha sociedade máis xusta e igualitaria.

    O Concello contou para este proxecto coa subvención da Secretaría de Estado para la Agenda 2030 del Ministerio de Derechos Sociales y Agenda 2030 destinada á posta en marcha de accións para o impulso da Axenda 2030 nas entidades locais.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.