Sábado, 7 Xuño de 2025

Ponteareas repartirá novos composteiros individuais entre a veciñanza na parroquia de Fontenla

O Concello de Ponteareas continúa apostando pola compostaxe como ferramenta para mellorar a xestión de residuos e eliminar a materia orgánica que remata no colector verde. Este sábado 30 de abril a Concellaría de Medio Ambiente organizará unha charla divulgativa ás 19.00 horas no Centro Cultural de Fontenla na que achegar o que e a compostaxe á veciñanza da parroquia e repartir novos composteiros individuais (COINs).

Deste xeito o Concello pon en marcha unha nova experiencia de compostaxe individual na vila, como a que xa se levara a cabo na parroquia de Arcos, co obxectivo de “estender as prácticas de autocompostaxe ao maior número posible de vivendas unifamiliares para lograr unha xestión sostible do lixo e reducir o impacto económico do seu transporte e da súa eliminación”, como explica a concelleira, Rosa Covelo.

Durante o encontro, a mestra composteira explicará a veciños e veciñas o impacto que teñen os residuos domésticos e a necesidade de xestionalos de xeito sostible para reducir a contaminación ambiental e para a adecuación á lexislación vixente de biorresiduos. As persoas participantes poderán coñecer de primeira man que é un composteiro, como montalo e usalo e as vantaxes que ten a compostaxe doméstica.

Tras as explicacións necesarias, procederase á entregar ás veciñas e veciños interesados dun composteiro individual cedidos por Sogama. O Concello fará un seguimento do funcionamento de todos os composteiros entregados para así “facer un estudo por parroquias de canto se reducen os biorresiduos nos colectores verdes con datos reais”. “É importante saber que o 42% do lixo que producimos nos fogares son residuos orgánicos. Son uns restos que, en lugar de rematar nun colector, poden converterse en abono a través dun proceso moi sinxelo que queremos achegar ás casas das ponteareás e ponteareáns”, salienta a edil.

Oia acollerá accións contra a herba da pampa na Semana Ibérica sobre Especies Invasoras

0

A Asociación Galicia Ambiental e o Concello de Oia traballan conxuntamente para concienciar á poboación sobre os problemas que están a provocar as especies invasoras como a herba da pampa (Cortaderia selloana), presente en amplas zonas do país. Así, levarán a cabo diversas actividades durante a Semana Ibérica sobre Especies Invasoras (SIEI) que España e Portugal organizan do 21 ao 29 de maio co obxectivo de sensibilizar sobre este problema ambiental e económico.

As especies invasoras son unha das principais ameazas para a biodiversidade a nivel global e causan outros impactos significativos a nivel ambiental e socioeconómico. Porén, estas cuestións aínda son descoñecidas para a maior parte da cidadanía, polo que cómpre levar a cabo accións non só de control e erradicación, senón tamén de concienciación.

Neste contexto, a SIEI 2022 pretende contribuír a aumentar o coñecemento e a sensibilización sobre estas especies. Trátase dunha iniciativa promovida pola Rede Portuguesa de Estudo e Gestão de Espécies Invasoras – Rede InvECO, pola plataforma Invasoras.pt e polos proxectos LIFE Stop Cortaderia e LIFE INVASAQUA. Ademais, realízase en estreita colaboración con diversas entidades, asociacións e grupos informais.

Programación de actividades

Durante a SIEI organizaranse charlas nos centros escolares e asociacións de Oia, unhas actividades de sensibilización que culminarán cunha acción de voluntariado de extracción xeneralizada de plumeiros, cartografado de plantas e extracción dunha área de afectación na contorna urbana.

Un técnico forestal do Concello de Oia e o responsable de divulgación da asociación serán os encargados de trasladar aos distintos colectivos do concello información sobre os riscos ambientais e de saúde desta especie invasora, ademais de indicar a importancia de afrontar accións preventivas para evitar o seu rebrote.

A acción de voluntariado está prevista para o 29 de maio e consistirá en percorrer, por equipos,  o termo municipal cun dobre obxectivo: extraer semente e cartografar a presenza da planta a través da plataforma habilitada polo proxecto LIFE Stop Cortaderia.  Nela xa figura unha boa parte das plantas tras unha intensa actividade identificadora desenvolvida dende o municipio, un dos máis activos nesta materia de Galicia.

Esta xornada de voluntariado rematará coa entrega, para a súa destrución, de plumeiro novo, co que se evitará que millóns de sementes se estendan este ano por Oia e a súa contorna. A destrución terá lugar nunha zona urbana do municipio onde se consolidaron varias plantas, converténdose  nun espazo “liberado” de Cortaderia selloana e restaurado mediante a plantación de vexetación e árbores autóctonas.  

Programa “piloto” en Oia

Despois do parón obrigado polas medidas preventivas para o control da pandemia, a Asociación Galicia Ambiental retoma as súas actividades con voluntariado e os seus programas de educación e sensibilización ambiental. Esta primeira acción faise en colaboración co Concello de Oia, pois ambas entidades están adheridas ao proxecto LIFE Stop Cortaderia (actualmente en desenvolvemento e que finaliza este mesmo ano). Ademais, Galicia Ambiental é “socia rexional” na candidatura para optar a un novo proxecto STOP Cortaderia (sería a segunda parte do que este ano chega ao seu fin), presentado ao novo LIFE e que comezaría a executarse en 2023. 

Durante 2022, Galicia Ambiental desenvolve diversas accións de voluntariado para a extracción de especies invasoras, nomeadamente cortaderia selloana, dentro do seu programa SIN INVASORAS. Neste contexto, a acción de Oia considérase un “programa piloto” das intervencións locais que se desenvolverán, no caso de ser aprobado,  no marco do II Programa Stop Cortaderia, do cal formará parte en representación de Galicia. Este programa agrupa a comunidades de Portugal, España (todas as comunidades cantábricas) e Francia.

Baiona, Santa Fe, Palos de la Frontera e La Gomera, rubrican o acordo do proxecto da Ruta Colombina do Encontro entre Tres Mundos

0

Esta fin de semana o alcalde de Baiona, Carlos Gómez Prado, participou nos actos conmemorativos do 530 Aniversario de Firma das Capitulacións entre os Reis Católicos e o Almirante Cristobal Colón en Santa Fe de la Vega de Granada, municipio co que se atopa hermanado polos seus lazos históricos desde 1994.

O sábado 23 de abril ao final dos actos institucionais asinouse o chamado “Manifesto de Baiona”. Baiona, Santa Fe, Palos de la Frontera e A Gomera, rubricou o acordo do proxecto do Ruta Colombina do Encontro entre Tres Mundos.

“Isto supón a creación dun Proxecto Turístico Internacional que conecte os Pobos Colombinos de España, Sudamérica e África. Con este proxecto ambicioso dotaremos de contido real o irmandamento”, matiza o rexedor.

Nun futuro próximo Gómez Prado adianta que “estamos a traballar para incorporar aos concellos das Palmas e o de Granada, que xa mostraron interese neste proxecto tan ambicioso”.

O mandatario quere agradecer persoalmente “ao Cabildo de San Sebastián de la Gomera e ao Goberno Insular das Illas Canarias o involucrarse desde o primeiro momento neste proxecto”. Así mesmo, “pretendemos que a Deputación de Huelva, a de Granada e a de Pontevedra aúnan forzas connosco adheríndose á iniciativa onde o seguinte paso será involucrar tamén ás administracións autonómicas e ao goberno central”.

Entre as pretensións dos alcaldes asinantes atópase que “o proxecto sexa tratado co maior rigor histórico e cultural que se merece” polo que esperan contar coa colaboración da Universidade da Lagoa, As Palmas, Selecta, Vigo e Santiago.

En palabras do rexedor baionés: “Un proxecto o suficientemente ambicioso e co obxectivo de converternos en patrimonio da Unesco. Os Pobos Colombinos meréceno, do mesmo xeito que o fito histórico de hai 529 anos,que cambiou a historia da humanidade e do que Baiona foi o primeiro lugar do mundo en ter coñecemento. Un encontro entre novas culturas, novas sociedades…que hai que seguir impulsando e , se cabe, implicar aínda máis ás diferentes cidades e países. Todo iso atraerá ata Baiona a creación e adaptación de novas infraestruturas tanto públicas como privadas, xerará emprego e retorno económico ademais de axudar a conseguir a desestacionalización do turismo na Villa”, finaliza.

A unidade móbil de coidados porta a porta visitará Arbo no mes de maio

0

A unidade móbil de coidados sociosanitarios, posta en marcha pola Xunta de Galicia no marco da campaña ‘ Coidados porta a porta’, visitará o Concello de Arbo os días 9, 10, 11 e 12 de maio para ofrecer gratuitamente os seus servizos ás persoas maiores de 55 anos.

Os servizos, que se prestarán, preferentemente baixo cita previa, ás persoas que se acheguen, serán os seguintes:

  • Servizo de Audioloxía: consistente en revisión e valoración auditiva.
  • Servizos de podoloxía: para a prevención, diagnóstico e tratamento das principais patoloxías dos pés (eliminación de durezas, control de uñas)
  • Servizos de prevención do alzhéimer e outras demencias neurodexenerativas. Consistente en: realización de probas de valoración cognitiva, exercicios e fichas de estimulación cognitiva, actividades de estimulación funcional e envellecemento activo, prevención da soidade non desexada e promoción da autonomía persoal.

Os interesados poderán obter información e solicitar cita previa no telefono 622 748 283, no Centro de Saúde e no Concello de Arbo.

Lectura, linguaxe e lecer, eixes claves do novo ciclo de charlas de ‘Educando en familia’

0

O programa ‘Educando en familia’ chega ao seu fin este curso escolar cun novo ciclo de charlas durante os meses de abril, maio e xuño para continuar dando resposta a moitas das inquedanzas coas que día a día se atopan nais e pais. Tres novos encontros que pecharán unha programación “coa que se abordaron temas moi variados sobre a educación e a crianza e que permitiron achegar ás familias ferramentas prácticas para a vida cotiá”, como explica a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.

Coincidindo co mes do libro no Rosal a primeira charla terá lugar este mesmo venres 29 de abril e abordará un tema tan relevante como a ‘Importancia da lectura na infancia: claves para promovela’. A pedagoga Eva Gándara falará sobre os beneficios do contacto coa lectura na primeira infancia, dará recomendacións para crear espazos e hábitos lectores e facilitará exemplos de lectura de interese de 0 a 6 anos sobre diferentes temáticas.

O venres 27 de maio será a quenda de ‘Ensinar a comunicar: desenvolvemento da linguaxe e prevención de dificultades’, coa logopeda Lorena Guerra. A educadora social Angelina Gándara porá o punto final ao ciclo de encontros deste curso o 17 de xuño coa súa conferencia sobre ‘O uso do lecer na infancia: ocios educativos e nocivos’.

Todas as charlas serán ás 19.00 horas no Centro Social Polivalente con entrada libre ata completar aforo, aínda que pode facerse inscrición previa a través da web do Concello para reservar praza. Co obxectivo de facilitar a asistencia das familias a estas charlas, ofertarase un servizo de canguro cun mínimo de 5 prazas cubertas para o que si é necesario reservar e confirmar asistencia.

A rexedora anima a toda a veciñanza a participar en todos os encontros programados nesta actividade coa que se quere “apoiar a todas as familias rosaleiras que están en plena crianza, unha tarefa complexa que pode xerar moita inseguridade e medos en todos os pais e nais”.

A Xunta destaca o labor do centro tecnolóxico Aimen como un aliado dos principais sectores industrais de Galicia

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, visitou onte no Porriño o centro tecnolóxico Aimen, a cuxa directiva e traballadores agradeceu que compartan coa Administración autonómica a filosofía de colaborar para innovar; converténdose nun aliado estratéxico dos principais sectores industriais de Galicia, entre os que sinalou a automoción, o naval, o aeronáutico, o enerxético e o metalúrxico; e sendo un puntal clave para a transformación dixital da industria galega.

Durante a visita, Conde salientou o traballo que Aimen vén desenvolvendo como centro tecnolóxico de referencia a nivel nacional e europeo en tecnoloxías de procesado láser e no eido da fábrica intelixente. Así, no período 2014-2022, Aimen participou en 76 proxectos internacionais, liderando 24 deles, e poñendo Galicia no mapa europeo da innovación.

Ademais, Aimen é un dos cinco centros tecnolóxicos de toda España que máis destaca pola súa participación no programa marco de I+D+i da Unión Europea Horizonte 2020 (H2020). En concreto, no total de participantes españois, é a décima entidade que lidera máis proxectos, e é a segunda entidade galega das que se presentou a este programa que colabora cun maior número de actividades, en concreto 56, só por detrás da Universidade de Santiago, con 91.

En xeral, o balance do que supuxo a participación de Galicia no Horizonte 2020 é moi positivo. O retorno xerado foi de 191 millóns de euros, que representan un 120% máis que no anterior programa marco de I+D+i, e que sitúa como a Comunidade como a sétima a nivel nacional, acaparando Aimen o 16% dese retorno. No que respecta ao nivel de participación, cómpre salientar que das 155 entidades galegas que se presentaron, 100 eran pemes. E no tocante ás actividades lideradas por pequenas e medianas empresas, crece tres puntos, do 25% ao 28%.

Aimen é o centro tecnolóxico decano de Galicia que converte a Comunidade en referentes no campo dos materiais e tecnoloxías de fabricación avanzada. Nos últimos dez anos este centro, que conta con preto de 270 traballadores, desenvolveu 690 proxectos de I+D+i. Entre eles, destaca a participación activa nos diferentes programas da Xunta de Galicia, colaborando con Stellantis no programa Facendo 4.0, no eido do vehículo autónomo e conectado, nun proxecto que mobiliza 22,3 millóns de euros; con GKN, nunha Unidade mixta que conta cun orzamento de 2,5 millóns de euros, centrada tamén no sector da automoción; e tamén participa no Hub de Innovación Dixital impulsado por Ceaga, Aclunaga, Clusaga e o Clúster TIC.

Nigrán renova o convenio con Fegatea para levar 10 obras de teatro ao concello

0

O Concello de Nigrán vén de asinar un novo convenio coa Federación Galega de Teatro Afeccionado baixo o título ‘Fegateatro Nigrán 2022’, repetindo así a boa experiencia de 2021. Deste xeito, o Concello achegará 7.000 € que permitirán traer a Nigrán dez obras de compañías de teatro afeccionado de toda a comunidade, en concreto, o 21 e 28 de maio e o 4, 11 e 18 de xuño, ademais doutras cinco todavía por definir no segundo semestre do ano. En calquera caso, Fegatea realizará unha convocatoria específica para esta acción entre os seus asociados, sendo o Concello quen despois elixa entre todas as propostas presentadas.

“Estamos moi contentos con este convenio que estreamos no 2021 porque nos permite ofrecer unha programación estable de teatro de calidade e, ao mesmo tempo, apoiamos ás compañías que, precisamente, máis recursos económicos precisan para subsistir”, explica o alcalde de Nigrán, Juan González, quen destaca a “boa acollida” que ten entre a veciñanza, enchendo en cada función o Auditorio Municipal.

A comunidade teatral galega, dentro do ámbito afeccionado, é unha das maiores do territorio español e a Federación Galega de Teatro Afeccionado, formada hoxe en día por 50 grupos das catro provincias constituídos por máis de 600 persoas, conforma na actualidade a entidade máis representativa do teatro amador galego, afianzándose ano a ano como axente cultural imprescindible para a creación de novos públicos e a promoción da cultura e a lingua galega.

Ao longo dos seus 22 anos de historia, a Fegatea foi ampliando e consolidando un espazo propio para ao teatro afeccionado galego, espazo do que dan fe as diferentes actividades que organiza e outras nas que colabora ou participa, labor que foi recoñecido a nivel estatal pola Federación Valenciana co Premio Tablas 2012. Asemade recibiu o premio da Federación de Teatro Aficionado de Castilla y León no pasado 2016 en Lugo No mes de decembro do 2020 foille concedido pola Xunta de Galicia o Premio da Cultura Galega na categoría de Artes Escénicas.

Por unha banda, procurando a mellora da calidade do teatro amador a través da formación, fomentando a organización de cursos específicos de teatro desde os propios grupos, pero tamén abrindo canles para unha formación máis especializada, como a que xurdiu a partir do Convenio de Colaboración que estableceu nos últimos  tres anos coa ESAD e co CDG, e da celebración das Xornadas de Teatro, un foro no que os compoñentes dos grupos teñen a oportunidade de coñecer, afondar, presentar ou debater sobre cuestións que afectan de cheo ó desenvolvemento da cultura teatral e á evolución, innovación e crecemento da propia Federación.

Por outra, estimulando a ampliación, diversificación e mellora dos espazos destinados ó teatro, creando unha programación teatral estable a nivel autonómico mediante a colaboración e a sinatura de convenios con entidades públicas e privadas (Consellería de Educación, gobernos municipais, AGADIC, asociacións sen ánimo de lucro…) e traballando na proxección nacional e internacional do teatro amador galego por medio da colaboración e intercambio con outras entidades nacionais e internacionais. Todo isto a través de actividades xa consolidadas como a Mostra Fegatea Móvete, o Festival Agustín Magán, o Circuíto Galego de Teatro e os festivais organizados ó abeiro da Plataforma Transfronteiriza PLATTA, actividades que, no seu conxunto, superan os 8.000 espectadores anuais.

Os nenos serán os protagonistas dunha nova actividade do programa Apego de Ponteareas

O programa Apego volve desembarcar en Ponteareas cunha nova actividade na que as nenas e nenos serán os verdadeiros protagonistas. A sala multiúsos do auditorio municipal acollerá este xoves 28 de abril ás 18.00 horas ‘Brincadeira Pirata’, un xogacontos participativo de Teatro Calavera onde cativos e cativas se converterán en audaces piratas que vivirán unha grande aventura nunha illa tan misteriosa coma perigosa.

 A actividade, que está recomendada para nenas e nenos de entre 3 e 8 anos, forma parte do programa Apego, un proxecto colectivo que busca “fomentar e a facilitar a transmisión do galego como lingua inicial e a socialización dos rapaces e rapazas de entre 0 e 6 anos no noso idioma”, como explica o concelleiro de Lingua, Fernando Groba.

A actuación será de balde, aínda que para poder asistir é necesaria reserva previa de praza a través do correo electrónico [email protected] ou do teléfono 986 64 00 00, extensión 1010. O edil convida a todas as nais e pais a participar cos seus fillos e fillas e gozar dunha divertida tarde de lecer en galego en familia.

Plan para a implementación dos ODS a nivel municipal na Guarda

0

O Concello da Guarda a través do Fondo Galego de Cooperación, acaba de dar comezo a elaboración do Plan para implementación dos Obxectivos do Desenvolvemento Sostible a nivel local para os próximos tres anos.

Para esta labor o Concello estará guiado polo equipo de profesionais da empresa contratada polo Fondo Galego de Cooperación, o ICSEM.

Todo este traballo terá diferentes fases ao longo deste tempo, partindo dunha análise diagnóstico, coa revisión de información, elaboración de mapa de axentes sociais, enquisas, etc. A partir desta análise elaborarán accións concretas que poidan implantarse nos próximos 3 anos para avanzar no cumprimento da Axenda 2030.

O plan e accións que se programan faranse públicas a finais deste ano 2022.

Redondela iniciará esta semana as obras de humanización da Avenida Santa Mariña

0

O Concello de Redondela vén de poñer en coñecemento da veciñanza que esta vindeira semana darán comezo as obras de humanización da Avenida Santa Mariña. Os traballos para os que se destina un investimento de 450 686,84 con cargo ao Plan Concellos 2021 permitirán non só a transformación deste espazo urbano, unha das principais vías de entrada á vila, senón tamén á mellora da rede de subministro e saneamento.

A alcaldesa Digna Rivas salienta a importancia destas obras que “permiten a transformación dos espazos a fin de mellorar a mobilidade, as condicións de vida e dotar aos veciños e veciñas dos servizos aos que teñen dereito independentemente do lugar onde residan”.

As obras inclúen a instalación de sistemas de alumeado e sinalización, mobiliario urbano, canalizacións para saneamento e abastecemento, tubaxes para liñas de comunicación e condución eléctrica, mellora de beirarrúas e pavimentación.

O firme de todo o trazado obxecto das obras, nunha extensión de 680 metros cadrados, será pavimentado con aglomerado asfáltico de 6 cm de espesor. En ámbalas dúas beiras da rúa, instalaranse canalizacións para a recollida de pluviais que contarán con sumidoiros no lado sur e nos dous lados da rúa procederase á instalación integral da rede de abastecemento de auga potable.

Os traballos completaranse coa mellora integral das beirarrúas e a instalación de alumeado público que mellore, non só as condicións de luminosidade da zona senón que permitan unha mellora da eficiencia enerxética en canto ao consumo e emisións de CO2.

Finalmente, dotarase á zona da correspondente sinalización de tráfico, tanto horizontal como vertical e de mobiliario urbano (xardiñeiras, bancos, papeleiras e varandas).

O goberno de Covelo mellorará accesos e camiños en catro parroquias

0

Mellorar o día a día da veciñanza é o obxectivo desta iniciativa do goberno de Covelo que segue apostando por investir nos bens de uso colectivo e público. Ao longo destes meses executarase o proxecto de acondicionamento de accesos e camiños en Barcia de Mera, Godóns, Prado da Canda e San Salvador de Prado.

Financiado con fondos propios a través do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra supón un custo total de 78.770,50€ e, unha vez rematadas as obras, os camiños poderán entrar en servizo en condicións de viabilidade óptimas, “dando un mellor acceso á veciñanza, facilitando o subministro diario de servizos e posicionando as novas iniciativas de emprendemento turístico nun posto de saída máis competitivo”, explica o alcalde Pablo Castillo que reitera a importancia de investir na mellora da calidade de vida da veciñanza.

Para a execución das obras será preciso, entre outros traballos, realizar movementos de terras, excavacións de desmonte, demolición de pavimento antigo, mellora de drenaxes e instalacións de salvacunetas como no caso do tramo na rúa da Bouza en Prado da Canda.

Na pista da igrexa en San Salvador de Prado, ademais de realizar traballos similares aos anteriores, limparanse as cunetas e arcéns, recreceránse tres pozos de rexistro e mellorarase a seguridade viaria pintando as marxes de todo o camiño, entre outras medidas.

No camiño de Ucedo en Barcia de Mera as obras, ademais de permitir unha mellor conexión, contribúen no apoio á novas propostas turísticas, motor da dinamización económica do concello. “Non só facilitamos o acceso aos hóspedes dos aloxamentos se non tamén aos servizos diarios que precisan este tipo de actividades empresariais e a veciñanza en xeral. Apostar pola mellora dos espazos e infraestruturas públicas son, tamén, un elemento importante para asentar e fixar poboación”.

O proxecto tamén contempla o acondicionamento do camiño de Petouto en Godóns e o camiño de Oleiros en Barcia de Mera actuando na totalidade de catro mil metros cadrados e 1.200 metros lineais que benefician a arredor de 50 vivendas.

Optimizar os recursos, crer e apostar polo noso e convivir co máximo equilibrio posible co patrimonio natural son as vías nas que se fundamenta o Concello para o progreso, desenvolvemento e crecemento dos mesmo.

Tomiño adica o Plan Concellos 2022 a melloras en distintas parroquias

0

O Concello de Tomiño levará adiante dentro do Plan Concellos 2022, cinco obras de singular interese para a cidadanía, centradas nas parroquias e na mellora de equipamentos deportivos, cun investimento de 968.558,40 euros.

Cada ano, a Deputación de Pontevedra pon en marcha o Plan Concellos co fin de permitir aos distintos municipios da provincia, realizar obras de mellora ou ampliación de infraestruturas que contribúan a unha maior calidade de vida da veciñanza. Este ano adicarase parte do Plan Concellos, á execución de cinco importantes actuacións: melloras no pavillón polideportivo da Carballa, melloras na rede de saneamento de Vilachán, Fase II; acondicionamento dos torreiros de Vilameán e Taborda, e ampliación e mellora da  estrada de Barrantes (entre o Camiño Novo e o cemiterio).

Segundo explica a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, no caso do pavillón da Carballa, a obra enmárcase dentro do plan de mellora de equipamentos deportivos que se emprendeu nos últimos anos (cambio de herba no campo de fútbol de Goián, e melloras nos vestiarios; novo campo de herba artificial no Campo do Alivio, etc.). “Entendemos que este pavillón tamén é unha instalación moi usada polos veciños e veciñas de Tomiño e que precisa un cambio no pavimento e na iluminación. Ademais, é o pavillón que emprega a maioría da rapazada de Tomiño, xa que ten un uso escolar de mañá para o instituto de secundaria, co cal sabemos que se lle vai sacar moito partido a esta inversión”, comenta a rexedora.

Acondicionamento da contorna do torreiro de Taboada

Colocación dun novo pavimento en madeira, substitución da iluminación actual por unha de led; colocación de redes en teito para protección de cuberta e instalación dun novo marcador electrónico, son as principais accións que se levarán a cabo.

No que respecta á ampliación da estrada de Barrantes, lembra a alcaldesa que “xa se fixera unha mellora no último tramo deste vial que leva até Cristelos e agora vaise acometer o ensanche na parte que falta, de tal xeito que un tramo importante da estrada quede  preparada”.

Refírese González ás obras de mellora realizadas dende o tramo anterior do cemiterio até Cristelos, e agora vai intervirse dende o Camiño Novo até o cemiterio, “de tal xeito que queden arranxados os 5 quilómetros desta estrada tan importante para os veciños de Barrantes e de Pinzás ou mesmo os que pasan camiño de Burgueira para o veciño concello de Oia”.

As obras consistirán basicamente en ampliar a plataforma da estrada actual e actuar en algunha das curvas que resultan perigosas na actualidade. Redimensionaranse os firmes, para que os vehículos pesados con carga superior ás 5 toneladas poidan circular cunha maior seguridade.

Prazas e contornas de igrexas

As intervencións nas parroquias de Vilameán e Taborda xa foron consensuadas con respectivas entidades das parroquias e coas comunidades de montes, que axudaron a definir o proxecto e asegurarse que a intervención é axeitada para os usos que precisa a veciñanza.

Igual que se fixo en outras parroquias, trátase de xerar pequenos núcleos de convivencia nas parroquias, ben arredor do Centro Cultural, da Igrexa ou de outros lugares que sexan puntos de encontro moitas veces para os máis cativos e as persoas maiores. Ao mesmo tempo trátase de preservar a valorizar axeitadamente unhas contornas que teñen elementos patrimoniais importantes como Igrexas, cruceiros etc.

Para elo recorrerase a uns acabados suaves, naturais, xa identificados con outros espazos públicos do concello e acompañados dunha Iluminación que poña en valor o espazo e a arquitectura.

“Posto”, o avó do CAAN, atopa un novo fogar despois de catro anos no centro

Unha das saídas máis agardadas no Centro de Acollida e Protección de Animais (CAAN) é por fin unha realidade. “Posto”, o can que máis tempo levaba nas instalacións da Deputación na Armenteira, desfruta xa dun novo fogar tras ser adoptado por unha familia de Cardiff (Gales). Este Sttafordshire Terrier fora recollido en Redondela en xullo do ano 2018 cando era un cachorro e foron múltiples os chamamentos para a súa adopción por parte da presidenta provincial, Carmela Silva, despois de que no pasado 2021 puideran abandonar o centro os cans e cadelas de maior idade.

A adopción do can foi posible grazas á mediación dunha rede de persoas voluntarias que xa teñen colaborado co CAAN noutras ocasións e que manteñen contacto cunha das fundadoras, galega e afincada en Reino Unido, da asociación británica Five Circles Dog Rescue. Grazas a ela atopouse fogar para “Posto”, cuxa saída do centro tiña a priori máis dificultades xa que en España a súa raza está catalogada como potencialmente perigosa. Non ocorre o mesmo nas illas británicas, e o can está xa no seu novo destino e coa súa nova familia en Gales, onde viaxou a pasada Semana Santa. “É un animal  moi vital –destaca unha das colaboradoras-  e estamos felices de que por fin teña conseguido un bo fogar. Leva só uns días en Cardiff, pero está a adaptarse moi ben”.

Puri, a avoa do CAAN, próximo reto de adopción

A saída de “Posto” leva consigo outra boa nova, que é xa non hai no CAAN animais que leven no centro máis de dous anos, no marco do obxectivo da Deputación de que os cans e cadelas pasen o menor tempo posible nas instalacións e acaden a súa adopción. Neste momento, os cans máis veteranos son “Solo” e “Pasalo”, ambos cunha idade de oito anos e que están acollidos desde o 2020, cando foron recollidos en Marín e Sanxenxo respectivamente. No que se refire ao animal de maior idade, é a cadela “Puri”, que conta con once anos e fora recollida no concello do Porriño. A adopción destes cans é agora a prioridade que se marca a institución provincial.

Amais, a marcha de “Posto” vén referendar tamén o excepcional arranque de ano do CAAN no que atinxe ás adopcións, seguindo a liña dos últimos anos. Deste xeito, desde o 1 de xaneiro tramitáronse xa un total de 184, todas elas en territorio nacional e a maioría en Galicia (153), seguida por Castela e León (28), Madrid (1), Comunidade Valenciana (1) e Asturias (1). Das formalizadas na comunidade, 134 adopcións foron na provincia de Pontevedra, 8 na Coruña, 8 en Lugo e 3 en Ourense.

O concello con máis adopcións de momento é Vigo (25), seguido de Pontevedra (15), Meaño (8), Marín (7), Gondomar (6), Portas, Cangas e Vilagarcía (5) e A Estrada e Sanxenxo, con 4. Desde o 2015 son xa máis de 3.000 as adopcións acadadas polo CAAN, das que 660 foron o pasado 2021 e que supuxeron o récord anual do centro.

Oia, novo concello adherido

Ao CAAN están adheridos xa 51 concellos da provincia de Pontevedra de menos de 50.000 habitantes, trala recente incorporación de Oia a este servizo que ofrece a Deputación para a recollida e acollemento de animais. Oia súmase deste xeito a Agolada, Campo Lameiro, Crecente, Fornelos, Lalín, Mondariz, Nigrán, Portas, O Rosal, Tomiño, Arbo, A Cañiza, Cuntis, Gondomar, A Lama, Mondariz-Balneario, Pazos de Borbén, O Porriño, Salvaterra, Valga, Baiona, Catoira, Dozón, O Grove, Marín, Moraña, Ponte Caldelas, Redondela, Sanxenxo, Vila de Cruces, Barro, Cerdedo-Cotobade, A Estrada, A Guarda, Meaño, Mos, Ponteareas, Ribadumia, Silleda, Vilaboa, Caldas de Reis, Covelo, Forcarei, A Illa, Meis, As Neves, Pontecesures, Rodeiro, Soutomaior e Vilanova de Arousa.

Concello e Protección Civil do Porriño asinan o seu convenio anual

O Concello do Porriño e a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil renovaron o convenio de colaboración para atención de emerxencias no termo municipal. O alcalde, Alejandro Lorenzo, e o presidente da agrupación local, Miguel Rivas, formalizaron o acordo que contempla que o Concello aportará 30.000 euros para dotar de persoal e uniformidade aos membros da agrupación, así como para a compra de material e subministros. No acto de sinatura estiveron presentes tamén a secretaria da agrupación, Avelina Tato  e o responsable do servizo, Jesús Pexegueiro.

“O labor destes voluntarios e voluntarias é esencial para garantizar a resposta ás emerxencias que se producen no municipio”, explicou o rexedor, “Situacións como a pandemia puxeron de relieve a eficacia do traballo que realizan os efectivos de protección civil. Foron claves para atender ás persoas máis vulnerables durante o confinamento ao igual que o son cada vez que hai algunha emerxencia”.  Con tal motivo, o novo executivo inclúe no seu novo orzamento (que presentará nas vindeiras semanas) un incremento de 10.000 euros para a agrupación de protección civil, consolidando unha partida de 40.000 euros.

A Agrupación de Voluntarios de Protección Civil do Porriño conta a día de hoxe con 24 voluntarios e voluntarias e aspirantes que colaboran coa Policía Local, Garda Civil e os demais servizos de emerxencias na atención ás alertas do 112, participando en máis de 2.300 operativos anuais.  Tamén desempeñan tarefas de seguridade e loxística nos diferentes eventos culturais e deportivos que se celebran no concello.

Chega a Baiona a exposición itinerante “Camiños do Sur” que impulsa a Deputación

0

A exposición itinerante “Camiños do Sur”, que impulsa a Deputación no marco do proxecto europeo “Camiños Xacobeos do Oeste Peninsular”, chega este martes a Baiona tralo seu paso por Pontevedra. Coa mostra, a institución provincial busca valorizar o patrimonio natural e cultural das vías transfronteirizas que discorren pola provincia cara Compostela como o Camiño Portugués e o Camiño Portugués pola Costa, enxalzando a súa natureza e as oportunidades de desenvolvemento económico e social sostible que xeran.  A mostra, que poderá visitarse durante as vindeiras catro semanas na Alameda Carabela La Pinta de Baiona, recalará o 1 de xuño en Tui (sala de exposicións do edificio Francisco Sánchez),  o 8 de xullo en Redondela (Multiusos da Xunqueira) e o 16 de agosto en Caldas (Praza do Camiño).

“Camiños do Sur”, que ocupará un espazo de 150 metros cadrados, difundirá información  sobre as rutas portuguesas cara Compostela que atravesan a provincia a través de cubos retroiluminados e taboleiros con deseños atractivos e modernos. A mostra contará con imaxes de gran formato e mobiliario contemporáneo, práctico, atractivo e versátil adaptado ao espazo, que presentará “mundos diversos”,  paisaxes, vilas, cidades, persoas e culturas a carón dos camiños. En concreto, amosaranse percorridos e datos históricos sobre os camiños, centrando a atención nos contrastes, nas relacións e similitudes entre as paisaxes, así como información sobre os núcleos de poboación que percorren as persoas peregrinas e sobre o seu patrimonio, as súas xentes, as súas tradicións e a gastronomía.

O proxecto “Camiños Xacobeos do  Oeste Peninsular”, no que se enmarca a exposición “Camiños do Sur”, conta cun orzamento de 2,5 millóns de € cofinanciados polo FEDER ao 75%. O seu principal obxectivo é impulsar o patrimonio do Camiño a través de infraestruturas nas vías cara Compostela que atravesan o Oeste da Península Ibérica como son o Camiño Mozárabe, o Camiño da Costa, a Vía da Prata ou o Camiño Portugués.  Participan nesta iniciativa, xunto á Deputación de Pontevedra, outras entidades do Estado e de Portugal como as deputacións de Badaxoz, Cáceres, Cádiz, Córdoba, Huelva, Sevilla, Ourense e Zamora, a Xunta de Extremadura, e, de Portugal, Turismo do Alentejo, Turismo do Centro e a Cámara Municipal de Barcelos. Amais da mostra que se poderá ver dende este martes en Baiona, o proxecto está a impulsar outras moitas iniciativas entre as que se atopan a homoxeneización da sinalización, a mellora de equipamentos, o emprego das tecnoloxías para poñer en valor as rutas como recursos turísticos e a implantación dunha estratexia para a conservación, dinamización e prestación de servizos no camiño.

A Deputación abre a inscrición na ruta ornitolóxica “Voando nas Rías Baixas”

0

A Deputación de Pontevedra abre este luns, 25 de abril, o prazo de inscrición para a terceira das rutas ornitolóxicas programadas dentro da quinta edición da iniciativa “Voando nas Rías Baixas”, organizada pola institución provincial en colaboración con SEO Birdlife. O obxectivo é dar a coñecer a riqueza ornitolóxica da provincia e concienciar sobre a preservación de espazos naturais protexidos. Esta nova ruta, que se desenvolverá o 8 de maio, permitirá coñecer a riqueza ornitolóxica e paisaxística do Parque Natural Monte Aloia, no concello de Tui. Ofértanse 25 prazas para esta camiñada guiada de carácter gratuíto e as persoas interesadas poden anotarse xa na páxina web da Deputación (www.depo.gal).

O Parque Natural Monte Aloia integrado ao sur da Serra do Galiñeiro, hoxe é un área recreativa con sendeiros e regatos que discorren entre árbores caducifolias autóctonas, bosques de ribeira e antigas repoboacións de arborado exótico. No ano 1987 foi declarado Parque Natural, converténdose así no primeiro de Galicia. Esta ruta, que se realiza por primeira vez, é unha camiñada localizada nun lugar idóneo para observar paxariños forestais coma o xirín, a papuxa das amoras, o ferreiriño azul, o xílgaro común,  o picafollas ibérico, o verderolo común ou o peto de dorso branco, entre outros, ademáis das aves rapaces que ocupan esta contorna.

A  andaina estará conducida por dúas experimentadas persoas guías ornitolóxicas de SEO Birdlife Pontevedra. Como recomendacións para as/os participantes, aconséllase levar roupa cómoda e calzado apropiado para moverse polo campo, así como protector solar. Cada participante terá á súa disposición prismáticos de observación de aves, así como dous telescopios terrestres de alta gama para poder desfrutar das aves sen molestalas. Tamén recibirán como material didáctico unha guía de aves, así como unha lista de aves para que elaboren a súa lista durante a ruta. No caso daquelas persoas que dispoñan de prismáticos e guías de campo recoméndase que os leven, ao igual que unha pequena libreta para aprender a facer un caderno de campo.

Despois desta terceira ruta, o resto continuará a partir do mes de xuño, coa camiñada polas Brañas de Xestoso (Silleda, Forcarei) o día 19, coas inscricións abertas desde o día 6 de xuño, mentres que 10 de xullo celebrarase a actividade na Serra do Suído (Cotobade – A Lama -Beariz – Fornelos – Covelo), na que as persoas interesadas poderán apuntase dende o día 27 de xuño. A penúltima das actividades terá lugar o 6 de novembro na Enseada de San Simón (Redondela, Soutomaior, Pontevedra e Vilaboa), coas inscricións abertas desde o día 24 de outubro. “Voando nas Rías Baixas” concluirá o 18 de decembro coa ruta pola Desembocadura do Río Lérez e Intermareal Combarro-Lourido (Poio – Pontevedra). Neste caso, as persoas interesadas poderán anotarse dende o 5 de decembro.

O Concello de Nigrán ofrece mañá o contacontos de Raquel Queizás

0

O Concello de Nigrán, a través da Biblioteca Municipal, ofrece este este martes 26 de abril na nova Biblioteca ás 18:00 horas o contacontos de Raquel Queizás ‘O eco das pedras. As lendas que nos fan pobo’ a través do programa de dinamización á lectura “Ler conta Moito”. Está dirixido a crianzas a partir de 5 anos e familias e a duración é de 50 minutos. A entrada é libre ata completar aforo.

En Galicia as pedras están vivas. Nelas agóchanse tesouros, nelas viven as mouras encantadas, as serpes grandes, os mouros, os trasnos, os xigantes. Dentro das covas dormen as nubes do Nubeiro antes de formar fortes treboadas. Sobre as pedras descubrimos misteriosos petróglifos, gravados feitos sobre a pedra ao aire libre, que semellan mensaxes secretas que temos aínda que descrifrar.

As pedras falan, só hai que pararse a escoitalas para poder viaxar ao outro lado, alén. Coñeceremos historias lendarias protagonizadas por mouras e nubeiras, mulleres con poder e decisión.

Xinzo celebra o seu terceiro festival de corais

A parroquia de Xinzo, no concello de Ponteareas, volve a celebrar unha nova edición do seu festival de corais o próximo sábado 30 de abril ás 19:30h no auditorio do Centro Cultural de Xinzo.

O Coro de Oleiros (A Coruña) acompañará á Coral Cantares de Xinzo no seu terceiro festival que organiza a Asociación Banda de Música Xuvenil de Xinzo, como entidade que integra á Coral de Cantares de Xinzo.

As dúas corais ofrecerán un repertorio variado que de seguro deleitará ao público presente. O presidente, Francisco J. Represas, invita a todas as persoas a acudir a esta nova cita do festival de corais que pretende converterse nun referencia en todo Ponteareas, como así o demostran as cifras de público asistente e calidade artística que melloran en cada edición.

A entrada será libre ata completar as 200 butacas de aforo máximo do auditorio.

Onte participaron 250 persoas en Mos na III Andaina Solidaria

0

Onte, o Concello de Mos organizou, coa colaboración da Asociación Española Contra o Cancro en Mos, a III Andaina Solidaria “En Marcha Contra o Cancro”. A participación é moi satisfactoria contando con 350 inscritos e 250 asistentes pese a meteoroloxía adversa, entre os que se atopan o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, a presidenta de AECC Mos, Magdalena Domínguez Castro, o tenente alcalde, Camilo Augusto, a concelleira de Política Social, Sara Cebreiro, o edil de Medio Ambiente Sostible, Leo Costas, e o da parroquia de Cela, Gonzalo Alonso.

O percorrido, que ten unha dificultade fácil e é apto para toda a familia, comezou ás 10:00 horas con saída desde o Castro de Herville, Cela. Son en total 7 quilómetros de percorrido.

O prezo da inscrición son 5 euros, que inclúe a entrega do dorsal e unha bolsa con avituallamento. Todo o recadado neste evento destinarase a seguir financiando tódolos programas e servizos que a Asociación ofrece, de maneira gratuíta, ós pacientes de cancro e as súas familias; e entre os que se atopan, a atención psicolóxica e social, préstamo de material ortoprotésico (camas, andadores, perrucas, cadeiras de rodas, etc), campañas de prevención, acompañamentos en hospitais e domicilios e programas de investigación en cancro.

A actividade da Asociación Española Contra o Cancro en Mos

A Sede Local de Mos retomará a partir do próximo mes de maio a súa atención ao público nun local cedido polo Concello en San Rafael, Camiño de Campo de Eiró, 100, os mércores de 10.00 a 12.30 horas. Ademais de dar información sobre os servizos gratuítos de apoio e acompañamento que ofrece a Asociación a pacientes oncolóxicos/as e aos seus familiares, para calquera dúbida ou consulta, as persoas interesadas en contactar coa Asociación tamén poderán facelo no 900 100 036 (as 24 horas, os 365 días do ano de maneira gratuíta).

A Asociación Española Contra o Cancro en Mos realizou durante o pasado ano 2021 un total de 181 intervencións, desglosadas da seguinte maneira:

  • 120 intervencións de atención a pacientes en final de vida e aos seus familiares
  • 32 de atención psicolóxica.
  • 26 da área de Traballo Social (información/orientación, préstamo de material  ortoprotésico como camas,  andadores, perrucas, etc, inserción laboral, alimentos, axudas económicas).
  • 3 actuacións do equipo de voluntariado.

Esta semana SmartPeme ofrece seis novos obradoiros online

A Deputación de Pontevedra, a través de SmartPeme, oferta esta semana seis novas accións formativas impartidas de xeito online, enmarcadas na carteira de obradoiros que se imparten de forma telemática. As accións tratarán temas como a cultura sostible e a responsabilidade social nos negocios, a dinamización das páxinas web, a iniciación na administración electrónica, novas redes sociais para a promoción turística, Instagram e o seu contido e a ciberseguiridade.

Este martes 26 pola mañá, Laura Carrera, graduada en Publicidade e Relacións Públicas, será quen imparta o obradoiro “Impulsa a cultura sostible e a responsabilidade social no teu negocio l”, un taller para dar a coñecer a aplicación da RSC (Responsabilidade Social Corporativa) nas PEMES co fin de mellorar a súa contorna e percepción por parte dos seus clientes. Pola tarde, Adrián Fernández, Licenciado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Santiago de Compostela, amosará como manexar a ferramenta Google Web Stories que insire stories nas páxinas web competindo así coas redes sociais, isto será no curso “Dinamiza a túa páxina web con Google Web Stories”.

O mércores 27, ofrécense dous novos talleres: o primeiro será “Primeiros pasos coa Administración Electrónica” conducido por José Luís Taboada, enxeñeiro informático con máis de 20 anos de experiencia. Nel tratará de dar a coñecer a obtención, utilización e aplicación de diversas ferramentas como o DNI electrónico e o certificado dixital e as súas vantaxes . O segundo “Novas redes sociais para a promoción turística; TikTok e Twich”. Sonia Torres, con posgrao en Xestión e Dirección de Empresas Turísticas, falará sobre estas dúas potenciais redes que permiten conectar e interactuar aos usuarios de ditas plataformas. Finalmente, o xoves 28, terán lugar os últimos obradoiros do mes. No primeiro,  o Experto Universitario en Robótica, Programación e Impresión 3D, Manuel Freire, impartirá “Ciberseguiridade, contramedidas básicas II” complementando o taller da semana anterior. Este terá o dobre obxectivo de concienciar ao usuarios sobre riscos de usar a Internet e exporalle contramedidas básicas para estar máis protexidos nas súas navegacións. No segundo, “Instagram e o seu contido visual” Lara Taboada, titulada superior en Ensinos Artísticos de Deseño Gráfico, fará un repaso por todas as opcións de contido visual que Instagram e, tamén, pola importancia da identidade visual nas publicacións das nosas redes.

Brillante papel do CN Ponteareas nos campionatos de España de Torremolinos

Torremolinos, en Málaga, foi a sede do XXII campionato de España “Open” Absoluto–XXXVIII Campionato de España júnior, que se disputou en piscina de 50 metros do 9 ao 13 de abril. O evento congregaba aos principais nadadores e nadadoras nacionais e foi retransmitido en directo pola canle Teledeporte.

O CNPonteareas participaba cun equipo de 4 nadadoras, Iria Lemos, Sofía Carballo, Inés Borge e Naiara Eijo, e o nadador Pablo Cabana.

[su_image_carousel source=”media: 56437,56436,56438,56439″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

No aspecto individual, os deportistas do Club do condado acadaron varias finais Júnior, que se saldaron con moitas mellores marcas persoais en diversas probas. Ademais o equipo de relevos feminino –que participou no 4×100 estilos– acadou a 4° posición Júnior (con récord do club incluido).

Temos que subliñar o papel de Sofía Carballo, que se proclamou subcampioa de España Júnior en 100 braza, parando o crono na mellor marca galega da súa idade, 16 anos. O mesmo facía na xornada anterior, onde marcaba tamén a mellor marca galega nos 50 Braza.

O resumo da participación do equipo foi moi positivo, cos nadadores e nadadoras desprazados a Andalucía amosando un nivel de forma que fai pensar nunha prometedora segunda parte da tempada.

«Cartoturxia incompleta da represión»

«Cartoturxia incompleta da represión» non é só unha colección de pezas teatrais breves. É tamén un catálogo dalgúns dos autores dramáticos contemporáneos máis interesantes do panorama galego, e velaí están os nomes de Afonso Becerra de Becerreá, Carlos Labraña, Raquel Castro, Ana Abad de Larriva, Marcos Abalde e Julio Fernández Peláez para corroboralo, todos eles cunha dilatada experiencia como autores e, algúns deles, mesmo sobre os escenarios. Pero é tamén un proxecto inacabado: o de crear un mapa da represión franquista (de aí a invención do neoloxismo «cartoturxia» e a confesión explícita de «incompleta») no que se trata de dar voz a tantas e tantas personaxes esquecidas da nosa historia recente. Porque se por algo se caracteriza esta media ducia de pezas teatrais é por rescatar do esquecemento a homes e mulleres anónimos que padeceron a mesma persecución que algúns dos nomes máis lembrados daqueles anos.

Os lugares a que fai referencia o título van dende cidades como Vigo e A Coruña, a concellos máis pequenos como Salvaterra de Miño, Becerreá, Cedeira e Mugardos. Unha «cartoturxia», como dicimos, necesariamente «incompleta» debido á enorme cantidade de vítimas que a represión franquista foi deixando polo camiño por seren militantes máis ou menos implicados, pedáneos de determinada ideoloxía, repartidores de prensa desafecta ou, simplemente, por seren diferentes do que o seu ideal unificador ditaminaba. A persecución e castigo a que foron sometidos, as torturas e agresións, a cotío con resultado de morte, son reflectidas nestas pezas nas que non hai saña nin sede de vinganza, senón a perplexidade propia daqueles que se ven asoballados por uns acontecementos dos que son involuntarios protagonistas.

Un dos acertos desta edición son as páxinas que acompañan a cada unha destas pezas, nas que se aporta documentación que certifica todo o relatado: fotografías dos protagonistas, recortes de prensa, cartas manuscritas, textos breves, planos… Unha pequena aportación ao coñecemento do noso pasado que engade veracidade a cada caso relatado, pois non se trata da recreación deses episodios dende unha perspectiva puramente literaria, na que a ficción xogue un papel fundamental, senón da necesidade de expór eses casos, de sacalos á luz para que non padezan un inmerecido olvido.

Os autores elixiron o monólogo como forma de expresión xogando con el de distintas maneiras para darlle a forma definitiva a cada peza. Así, atopamos o monólogo interior, o soliloquio, a redacción dunha carta, a lectura dunha sentencia, a gravación da voz en off dun documental ou a simple lembranza como ferramentas expresivas.

Destaca tamén a escaseza de acoutamentos escénicos e de indicacións escenográficas, o que facilita enormemente a posible representación teatral de cada unha delas. No fondo, esta «cartoturxia» non deixa de ser unha inmersión no uso do poder por parte daqueles que, lexítima ou ilexitimamente, o ostentan, e do uso do medo para provocar a submisión. Pero é tamén, e quizais isto sexa o máis relevante, un atinado aporte para evitar a desmemoria e poñer, negro sobre branco, algúns dos episodios máis agochados da nosa historia.

VV. AA.

«Cartoturxia incompleta da represión»

Edicións Invasoras (DramaturGA)

O grupo “Teatro da Apocalipse” presentarán tres pezas curtas o vindeiro sábado 30 abril na Guarda

0

Baixo o nome “Teatro da Apocalipse”, agóchase un grupo de teatro afecionado do Baixo Miño xurdido da Escola de Teatro de Tomiño. Os inicios da súa andadura coincidiron co confinamento do 2020, polo que os primeiros ensaios fixéronse por vídeo conferencia e logo, na medida do posible foron mudando ao xeito presencial, ata a actualidade na que xa nos poden amosar os seus primeiros traballos.

A proposta que presentaran o vindeiro sábado 30 de abril no Centro Cultural ás 20:30h. está constituída por tres pezas curtas baseadas en diferentes textos literarios:  “Gastrónomos“, a partir dun conto de Roald Dahl, na que a acción desenvólvese nunha casa aristocrática inglesa a mediados dos anos 60 do pasado século.”Mentireiro“, a partir dun conto de Isaac Asimov, do libro “Eu, robot”, narra as relacións entre un robot e humanos científicos e “Bar de ratas”, adaptación da curtametraxe “Las ratas” de Damián Szifron, curtametraxe da película “Relatos salvajes”, conta unha acción que ten lugar nun bar de estradas no rural arxentino, que provoca un encontro inesperado. 

Estas pezas xa foron presentadas no Concello do Rosal e centros sociais do Baixo Miño como Avelaíña. Cada unha das pezas ten unha duración aproximada duns 10-15 minutos e a  asistencia é libre e gratuíta, non sendo precisa a reserva previa de entradas.

O Concello de Nigrán continúa co seu programa de turismo social cunha excursión a Redondela

0

O Concello de Nigrán continúa co seu programa de turismo social destinado á veciñanza da terceira idade cunha excursión o venres 29 de abril á illa de San Simón e comida-baile, todo en Redondela. O custe é de 25 € e cubre transporte, comida e visita guiada. A inscrición realizarase únicamente este mércores 27 de abril no Pavillón Municipal de Panxón de 9:00 a 13:00 horas (cada solicitante pode anotar só a un acompañante e debe levar sendos DNI, resultando imprescindible ser xubilado empadroado en Nigrán). As prazas cubriranse por rigorosa orde de inscrición ata un máximo de 100, así como as reservas dos asentos.

A excursión, con saída ás 10:00 horas en autobús dende a Casa do Concello, inclúe unha visita guiada de dúas horas á illa de San Simón con transporte en barco ás 11:00 horas desde San Adrián de Cobres. Esta illa foi empregada ao longo da súa Historia como mosteiro, lazareto, cárcel e fogar para nenos orfos. A comida, no restaurante Casas, inclúe baile posterior e o  menú consta de langostinos, vieiras, pescada, codillo, postre, café, pan e bebidas.

O goberno local de Nigrán entende que viaxar para as persoas maiores despois da inactividade do Covid-19 é especialmente importante. “Non só serve para descubrir lugares novos, senón que aporta moitísimos beneficios especialmente útiles para eles, como a mellora do ánimo, aumento da creatividade, mellora da capacidade de resolver problemas, estimulación da actividade cerebral e reconstituínte da memoria e da atención”.

Nese sentido, o alcalde de Nigrán, Juan González, deixa clara a súa aposta por este programa, “porque a todos estes beneficios hai que engadir que se socializarán e, en definitiva, faraos sentir máis felices e vitais”.

As Neves, Salceda de Caselas e Salvaterra de Miño suman forzas nun proxecto de apoio ás mulleres

Os Concellos de Salvaterra de Miño, Salceda de Caselas e As Neves veñen de presentar ante a Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia un Programa conxunto de promoción da igualdade e prevención da violencia de xénero destinado a mulleres dos tres municipios, que suman mais de 23.000 habitantes.

O conxunto das actuacións do Programa desenvolveranse mediante xestión compartida e permitirá, ademáis de aforrar custos, mellorar a eficiencia da xestión nun programa tan especializado como este, eliminar duplicidades e cumprir coa normativa de estabilidade ao tempo que se incrementa a calidade dos servizos prestados.

O Programa, que espera unha participación de 80 mulleres como mínimo,  contempla asesoramento, orientación e apoio psicolóxico, xurídico e laboral especializado e personalizado para as participantes e con talleres e outras actividades formativas destinadas a reforzar a autoestima, o benestar e a calidade de vida das participantes así como o seu empoderamento e mellora da participación en todos os eidos. De feito, a promoción da inserción laboral das mulleres a través de ferramentas formativas, recursos e mediación é outro dos obxectivos que se marca esta ambiciosa actuación conxunta.

O Programa, que contempla visitas a empresas e encontros grupais, valorizará o coñecemento e a experiencia mediante o debate, a cultura e o audiovisual.

O servizo de asesoramento personalizado prestarase a demanda e individualmente durante os 4 meses que dure o programa, cun mínimo de 6 horas semanais de atención. Pola súa banda, impartiranse 48 horas de formacións ás participantes máis 8 horas noutras actividades complementarias.

O Programa, para o que se solicita unha axuda que ronda os 12000€, foi presentado xa ante a Secretaría Xeral de Igualdade da Consellería de Emprego e Igualdade da  Xunta de Galicia

As representantes dos tres Concellos consideran que esta actuación compartida pode ser un paso máis para consolidar servizos municipais especializados e dotalos de instrumentos que contribúan activamente ao desenvolvemento de políticas públicas de igualdade.

As tres entidades locais queren ademáis reforzar a protección das mulleres que se enfrontan ou se enfrontaron nalgún momento das súas vidas á violencia de xénero e asegurarlles unha atención profesional e integral, como sinala a normativa estatal, galega e o Pacto de estado contra a Violencia de Xénero.

É a primeira vez que Salvaterra de Miño, Salceda de Caselas e As Neves únense para traballar nun Programa conxunto e integral, fomentando a igualdade  e previndo a violencia contra as mulleres.

Tomiño conmemora o Día do Libro cun concurso de reseñas bibliográficas e un club de lectura

0

O Concello de Tomiño conmemora o Día do Libro coa convocatoria dun concurso de reseñas bibliográficas. Organizado pola Concellería de Cultura, a través da OMIX (Oficina Municipal de Información Xuvenil), as persoas que se anoten terán a posibilidade de escoller entre dous libros: “Los besos en el pan”, de Almudena Grandes, e “Sen Piedade”, de Pedro Feijoo.

Para participar no concurso é necesario ler unha das obras e logo escribir unha reseña de entre 500 e 700 palabras. Por último, facerse unha foto co texto elixido e logo, loxicamente, enviar a reseña e a foto á OMIX por medio de correo electrónico antes do 10 de maio ([email protected])

A persoa gañadora recibirá un vale por 50 euros para gastar na libraría “Novidades” de Tomiño, ademais de ver publicada a súa reseña nas redes sociais municipais.

Ademais, a Concellería de Cultura de Tomiño ofrece un 10% de desconto en todos os textos literarios, en colaboración coa libraría Novidades, que engade outro 10% de rebaixa adicional, para quen compre un libro o día 23 de abril.

Club de Lectura XUVENIL

A OMIX ofrece, a través do programa de voluntariado local, un CLUB DE LECTURA DE BALDE que terá lugar o primeiro venres de cada mes en horario de 16.30h a 17.30h A actividade, especialmente dirixida a público infantil, consistirá na lectura de diferentes temáticas e no fomento do uso da lingua galega, da lectura e do pensamento crítico.Levarase a cabo no local da OMIX de Tomiño dende o mes de maio (ou xuño) até final de ano. Será todos os primeiros venres de mes en horario de 16.30h a 17.30h. e as prazas serán limitadas. 

Mos inviste preto de 700.000 euros en completar o saneamento no municipio

0

Imaxe de arquivo dalgunhas das útimas obras de saneamento acometidas nas parroquias de Louredo, Guizán e Cela

O Concello de Mos dá os últimos pasos para completar xa totalmente a rede de saneamento no municipio, e á obra de saneamento en Pereiras que financia Augas de Galicia que se iniciará a próxima semana, súmanse agora outras dúas das que se está xa a rematar o procedemento de contratación. Son a ampliación da rede integral de saneamento nas parroquias de Petelos e Sanguiñeda, con cargo ao Plan Concellos, e o saneamento na N-550 tramos 5, 6 e 7, na parroquia de Mos, que se acometerá con fondos propios da administración local mosense.

Pereiras

A Xunta de Galicia adxudicou á empresa concesionaria a contratación destes traballos por un importe de 430.000 euros. O prazo de execución é de 4 meses. Este contrato enmárcase na colaboración entre a entidade dependente da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, Augas de Galicia, e o Concello de Mos.

Mediante esta colaboración dáse cumprimento ao acordado co Concello, que en decembro de 2019 executou xa parte da rede de saneamento na zona sur desta parroquia, financiada integramente pola entidade local. Deste xeito, a Xunta asume o seu compromiso de financiar o 75% as obras de saneamento desta nova fase na parroquia de Pereiras.

A parroquia de Pereiras divide a súa rede de saneamento en zona norte e zona sur, quedando pendente de completar toda a zona norte e parte da sur non executada e que quedarán completadas unha vez rematada esta obra.

A rede deseñada servirá unha poboación máxima de 96 habitantes na zona norte e 132 habitantes na zona sur e completará e rematará a rede de saneamento na parroquia de Pereiras.

Na zona norte proxéctase un colector principal, cunha lonxitude duns 593 metros e un colector secundario, cunha lonxitude de 178 metros. Executaranse tamén 35 pozos. Na zona sur, completarase a intervención coa execución de 1.052 metros de tubaxe e un total de 46 pozos. Coa mellora proxectada servirase unha poboación de 96 habitantes na zona norte e 132 habitantes na zona sur.

N-550

O Concello de Mos financia con fondos propios municipais as obras necesarias para realizar a rede de saneamento nos tramos da N-550 (tramos 5, 6 e 7) na parroquia de Mos, cun investimento de 72.124 euros.

Con este proxecto darase servizo a 51 habitantes e 17 vivendas. Trátanse dos ramos 5, 6 y 7 (N-550) (parroquia de Mos). As obras consisten na canalización das diferentes tubarías de PVC destinadas á rede de saneamento incluíndo todas as operacións complementarias: excavacións, pozos e reposicións.

No Tramo 5 instalaranse 215,85 metros de saneamento, no Tramo 6: 71,00 metros e no Tramo 7: 258,28 metros.

Petelos e Sanguiñeda

As obras obxecto do presente proxecto, financiadas mediante subvención do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra e cun orzamento de 138.000 euros, consisten na ampliación e mellora da rede de saneamento das parroquias de Sanguiñeda e Petelos, co fin de chegar a todos aqueles lugares e vivendas do concello de Mos, que inda carecen deste servizo. Levarase a cabo a execución de 1.342,60 metros de saneamento por gravidade e 205,00 metros de impulsión repartidos do seguinte xeito: Camiño do Cocho 689,27 metros, Camiño da Fontiña 364,47 metros, Camiño da Garabulla 288,86 metros e bombeo de Amieirolongo 205,00 metros.

Con este proxecto darase servizo a 165 habitantes e 55 vivendas.

En total Mos investirá nestas 3 obras 640.124 euros, acometerá 3.915,73 metros de rede de saneamento e dará servizo a 444 habitantes.

A Escola de Igualdade María Vinyals abre a programación deste ano

O Pazo Provincial da Deputación será novamente o próximo mércores 27 de abril epicentro da igualdade, da vangarda e do dinamismo do audiovisual galego coa xornada “Produtora executiva e directora, elección ou necesidade?”, organizada en colaboración con AGAPI e enmarcada na Escola de Igualdade María Vinyals. A primeira xornada do ano da programación da Escola comezará ás 18.00 horas coa proxección de “Elas, produtoras executivas” que vén de rematar AGAPI recentemente e que se verá por vez primeira no Pazo. Trátase dun audiovisual de 26 minutos de duración onde se pon en valor o traballo das produtoras executivas contado en primeira persoa. A peza, que ten por obxectivos o empoderamento das mulleres, busca establecer referentes femininos de éxito da produción audiovisual.

Trala proxección do documental terá lugar a mesa de debate  “Produtora executiva e directora, elección ou necesidade?” na que intervirán produtoras e directoras da talla de Chelo Loureiro, Paula Cons, Jaione Camborda e Ruth Cao moderadas por Uxía Caride, xerenta de AGAPI. Nela, e dende a testemuña directa de mulleres afeitas a traballar en posicións oscilantes entre a creatividade e a produción, debaterase sobre a dicotomía á que se enfrontan as mulleres á hora de traballar na produción executiva dun proxecto, tendo ás veces que elixir entre producir ou dirixir, ou mesmo exercer a “multitarefa” por necesidade. Na mesa de debate tamén se afondará na posición das mulleres no audiovisual que, pese a vivir un momento de esplendor creativo, seguen a estar invisibilizadas, sobre todo en relación ao seu nivel de desempeño en labores tan importantes como a produción executiva ou a dirección.

Aínda quedan prazas dispoñibles para asistir á xornada. As persoas interesadas poden formalizar a reserva en https://www.depo.gal/-/produtora-executiva-e-directora-eleccion-ou-necesidade.

Ponteareas converterá as naves de Aceros del Tea nun equipamento sociocultural emblemático e innovador

No marco do programa EDUSI ‘Ponteareas, Hábitat Saudable’, o Concello transformará as naves de Aceros del Tea nun equipamento sociocultural e de lecer que “marcará un antes e un despois na historia de Ponteareas”, segundo a alcaldesa Cristina Fernández.

As instalacións industriais, situadas no corazón do centro urbano e coñecidas como Granitos de Galicia e Aceros del Tea, conforman unha amplísima zona que, grazas ao novo PXOM, experimentarán “unha profunda transformación nos vindeiros anos, coherente co novo urbanismo sustentábel e racional” que impulsa o goberno local do BNG-PSOE. Grazas ao Plan Xeral, parte desas instalacións industriais pasan a ser de titularidade municipal. Ademais do actual aparcadoiro, o Concello disporá das instalacións de Aceros, consistentes nunha torre de oficinas e unha nave cunha superficie duns 1.500 m2, xunto cunha gran balsa de decantación situada entre as naves e a Estación de Autobuses.

O pasado ano o Concello redactou un anteproxecto no que se definiron as grandes liñas de intervención sobre as instalacións para convertelas nun equipamento emblemático, contemporáneo e innovador, recuperando o edificio, respectando a súa imaxe exterior industrial e aproveitando o seu interior “para transformalo nun espazo excepcional da vila de Ponteareas”, salienta a rexedora.

Os ámbitos de actuación previstos son catro. Por unha banda crearase unha extensa praza diáfana e cuberta baixo as tres naves destinada a todo tipo de eventos sociais e artísticos, concertos, feiras ou festivais e que, en ausencia de programación, funcionará coma unha praza pública cuberta. En segundo lugar, a balsa de decantación situada entre as naves e a Estación de Autobuses converterase nun teatro ao aire libre con bancadas. Por outra banda, unha das naves e a torre das antigas oficinas acollerán espazos pechados, illados termicamente e insonorizados destinados a aulas, obradoiros, conferencias ou clases maxistrais. Por último, a intervención tamén abordará o espazo exterior na Avenida de Galicia e a rúa Carballos, xerando novas zonas peonís, axardinadas e de estancia que darán visibilidade ao conxunto das instalacións e facilitarán o acceso das persoas.

O obxectivo do goberno local é converter este espazo nun lugar de referencia para Ponteareas e a zona sur de Galicia tanto pola orixinal e moderna intervención arquitectónica sobre o edificio, coma polos usos que albergará e que, grazas a súa versatilidade, acollerá dende eventos artísticos con grande aforo até espazos para a actividade musical ou locais para a organización de conferencias, clases maxistrais e obradoiros de diferentes disciplinas artísticas como a música, o teatro, a danza ou o cinema. A segunda tenente de alcaldesa, Chus Garrote, destaca que “esta transformación permitirá converter un espazo industrial que quedou engulido polo centro urbano nunha zona de dinamización e lecer para goce de toda a veciñanza”.

Partindo do anteproxecto, o Concello dá agora un novo paso coa licitación da redacción do proxecto básico e de execución así como da dirección de obra, por importe de 51.500 euros cofinanciados por fondos FEDER a través do programa EDUSI ‘Ponteareas, Hábitat Saudable’. As empresas e as e os profesionais interesados poderán presentar as súas propostas ata o vindeiro 6 de maio ás 14.00 horas. O obxectivo do goberno do BNG-PSOE é licitar as obras unha vez se reciba o proxecto.

A Eurocidade Tui-Valença organiza unha andaina en 5 etapa polo Camiño Portugués de Porto a Tui

0

A Eurocidade Tui-Valença organiza unha andaina en 5 etapa polo Camiño Portugués de Porto a Tui.

A Eurocidade Tui-Valença promociona o Camiño Portugués da Costa dende Porto ata Tui cunha camiñada en 5 etapas que se van realizar entre  etapas dende Porto a Tui, entre o 21 de maio e o 9 de xullo. Esta actividade forma parte das Andainas da Eurocidade Tui-Valença que comezan esta fin de semana.

A participación está limitada a 50 persoas e ten un prezo de 12 euros por etapa, incluíndo o transporte até o punto de partida, seguro, auga e froita.

A primeira etapa realizarase o sábado 21 de maio percorrendo os 27 quilómetros dende a Sé de Porto até Vila do Conde.  A fin de semana seguinte, o sábado 28 de maio, percorreranse 28 quilómetros dende Vila do Conce a Marinhas.

O Camiño continuará o 18 de xuño coa etapa entre Marinhas e Viana do Castelo de 26 quilómetros. Xa o 2 de xullo realizarase o percorrido entre Viana do Castelo e Caminha cun total de 27 quilómetros. Por último o 9 de xullo realizarase a derradeira etapa, de 25 quilómetros dende Caminha, pasando por Vila Nova de Cerveira, Valença e chegando a Tui.

A inscrición está limitada a 50 persoas podendo realizarse neste enlace Inscrición.

As persoas interesadas poden ampliar esta información en [email protected], ou nos teléfonos 607 785 601 e 00351  934 440 770.

Precisamente o circuíto de andainas e camiñadas da Eurocidade Tui-Valença comezan este domingo, 24 de abril, coa Andaina de San Telmo cun percorrido de 7 quilómetros e guiada polo club AndaTui Rego da Pedra. Sairá da praza da Inmaculada, para continuar até a praza de San Fernando para percorrer dende aí un tramo do Camiño Portugués, o camiño de Sierpes, San Bartolomeu, a Virxe do Camiño, se visitará o muiño de Lavandeira, que ten a particularidade de ser o único muíño de cubo da zona,  continuando por Pazos de Reis e regresando ao punto de partida. A inscrición, cun prezo de 6€ e inclúe auga, froita, seguro e un aperitivo no remate, pode facerse en www.andatui.es.

Unha nova xornada de voluntariado ambiental xuvenil recollerá o lixo do parque forestal da Picaraña

O Concello de Ponteareas organiza esta fin de semana unha nova saída de voluntariado ambiental xuvenil, coa que se busca continuar mellorando a contorna do municipio. Este sábado 23 de abril, os voluntarios achegaranse ata o parque forestal da Picaraña para retirar todo o lixo ou restos de residuos que puideran quedar abandonados por toda a zona.

O concelleiro de Mocidade e Voluntariado, Miguel Bouzó, destaca a implicación e contribución das mozas e mozos ponteareáns “na conservación da nosa contorna natural e a súa participación en iniciativas que buscan poñer en valor o noso patrimonio medioambiental, así como a importancia da colaboración e do traballo en equipo para a conservación dos nosos espazos”.

A actividade comezará ás 10.00 horas e recoméndase acudir con auga, gorra, pantalón longo e cómodo, calzado con boa sola para maior seguridade, máscara e guantes, se son fortes mellor. As persoas interesadas poden solicitar información e inscribirse a través do correo electrónico [email protected] ou do teléfono 687 764 516.

Preséntase o sábado na Cañiza o libro “Alejandro Viana. Un galego á fronte do rescate dos refuxiados republicanos”

0

O Edificio Multiúsos da Cañiza acollerá este sábado, día 23 de abril, a presentación do libro “Alejandro Viana. Un galego á fronte do rescate dos refuxiados republicanos”, do avogado e politólogo de Ponteareas Roberto Mera Covas, publicado por Belagua Ediciones. O acto terá lugar ás 20.00 h e nel invervirán, xunto ao autor, o alcalde, Luís Piña, e a actriz e directora de escena Diana Mera.

Coa publicación do seu libro, Roberto Mera recuperou para a historia a vida do seu tío bisavó, o deputado republicano Alejandro Viana (Ponteareas, 1877-México DF, 1952), cuxa intervención foi decisiva para a evacuación dende Francia cara a América de 17.000 refuxiados republicanos tras o estoupido da guerra civil española.

A través dunha inxente documentación atopada en diversos arquivos, Mera Covas constrúe un libro ameno e de áxil lectura para contar os dezaséis últimos anos da vida de Alejandro Viana, «un home íntegro e entregado aos demais», que fuxiu a Francia co goberno da República e arriscou a súa vida, acosado pola Gestapo e a Falanxe, para salvar a decenas de miles de persoas antes de poder el mesmo embarcar cara ao exilio en México, onde morreu en 1952.

O libro é, en palabras do seu autor, «un acto de xustiza para un home que merecería o apelativo do Schindler galego por méritos propios e que, porén, foi vítima, como tantos e tantas, do sepulcral esquecemento imposto polo medo e o terror de corenta anos de ditadura, alongado ata os nosos días por un vergoñento pacto de silencio».

Precisamente, para facerlle xustiza, recuperar a memoria e espallar a figura de quen foi, ademais, un relevante persoeiro do empresariado, a política e a sociedade viguesa anterior ao golpe de Estado de 1936, o autor está celebrando numerosas presentacións por toda Galicia. Tras o acto da Cañiza, o libro será presentado en Ferrol o vindeiro día 29.

O Equipo de Goberno inicia as súas xuntanzas polas parroquias de Salceda

O vindeiro luns 25 de abril darán comezo no centro cultural da parroquia da Picoña a primeira dunha serie de xuntanzas que o equipo de goberno de Salceda de Caselas pretende levar a cabo por todas as parroquias do concello.

Baixo o lema “O concello escoita” o equipo de goberno ten como obxectivos acercarse á cidadanía de Salceda para amosar a labor de goberno feito durante estes anos de lexislatura e sobre todo coa finalidade de escoitar a veciñanza e atender as súas inquedanzas, queixas e suxestións para respondelas e aportar solucións viables a través da toma de decisións públicas dende o concello.

As visitas ás parroquias para poder manter xuntanzas coa veciñanza xa eran unha idea que se tiña planificada por parte do equipo de goberno dende o inicio da lexislatura pero desgraciadamente, a situación provocada pola pandemia da Covid-19, impediu que a programación das visitas fora planificada por razóns sanitarias.

Despois do inicio este vindeiro luns na parroquia da Picoña, continuarán as charlas esta vindeira semana, o martes 26 na parroquia de Parderrubias e o venres 29 no barrio de A Feira.

O Concello de Nigrán ofrece un curso gratuíto de inglés ao sector hostaleiro

0

O Concello de Nigrán aposta por posicionarse como destino de calidade internacional mellorarando a atención ao peregrino e ao turismo estranxeiro nun dos sectores que máis trascende en redes sociais: a hostalería. Por este motivo, en colaboración con Ovalmi, ofrece desde o martes 26 de abril e ata o 13 de maio un curso gratuíto de inglés de 53 horas para que aquelas persoas que traballan en establecementos de restauración adquiran unhas competencias mínimas que lles permitan atender satisfactoriamente a este tipo de clientes e, adicionalmente, aumenten a visibilidade do negocio en redes elaborando un vídeo e dous post, ademais de traducir a carta. O curso desenvolverase nun bloque presencial de 9 sesións de 27 horas entre o 26 de abril e o 13 de maio no Pazo de Pías e de 26 horas non presenciais. Os interesados deben inscribirse a través do 697891872 (independentemente de que estean asociados a Ovalmi).

Este curso está dirixido a través da academia de inglés de Nigrán ‘Active Projects’ xa que, precisamente, eles mesmos levaron adiante un estudo específico no que analizando 28 locais de A Ramallosa, Nigrán centro, Panxón e Patos observan que ningún deles ofrece a día de hoxe unha soa mensaxe dirixida ao cliente estranxeiro. En contraposición, o Camiño Portugués pola Costa que atravesa Nigrán é o que máis está crecendo de todos (de 168.558 peregrinos no 2017 a 201.228 no 2019) sendo un 60% deles estranxeiros e a maioría deles angloparlantes. 

“Unha vez pasadas as restricións sanitarias o Camiño segue a crecer e temos que aproveitalo para posicionar o municipio como destino de calidade e aumentar a visibilidade deste sector internacionalmente”, explica o alcalde, Juan González.

Así, o obxectivo final e axudar a posicionar a Nigrán como destino de calidade, aumentar a visibilidade do negocio para os clientes foráneos con mensaxes atraíntes e fidelizalos, mellorar a experiencia do peregrino no contacto directo e, obviamente, perfeccionar a competencia lingüística dos profesionais. Para acadalo, no módulo presencial de 27 horas aprenderán a acoller ao cliente (benvida e entrada no establecemento), breve explicación da carta e petición das bebidas, momento de entrega e explicación máis específica da carta, atención durante a comida por se precisan algo ou amosando interese e, finalmente, despedida. Ademais, traballarase nunha sesión específica en situacións especiais que poden darse mentras están no local. Nas outras 26 horas non presenciais concretarase con cada participante a elaboración de dous post para redes sociais e un vídeo promocional de calidade profesional.

A actuación no cruceiro da Praza de Bugallal conta con autorización de Patrimonio

O Concello de Ponteareas aclara categoricamente que a actuación no cruceiro da Praza de Bugallal conta coa autorización de Patrimonio. O Goberno Local lembra que o proxecto de reforma da praza foi autorizado polo organismo da Xunta en outubro de 2019 e que, con carácter previo, se presentou especificamente o deseño da nova xardineira en cuxo interior se sitúa o cruceiro. A denuncia feita pública no día de hoxe refírese a que unha parte da base do elemento queda soterrada na zona axardinada. Porén, o deseño remitido a Patrimonio e autorizado por este, e agora feito público polo Concello, xa o contemplaba exactamente así.

Os proxectistas e a dirección de obra confirmaron ademais que esa xardineira está correctamente executada de acordo co proxecto e co deseño que foi autorizado pola Xunta de Galicia.

O Goberno Local lembrou que todos os grupos políticos teñen acceso ao expediente completo da obra e poden comprobar os permisos cos que conta, así como a definición técnica de calquera aspecto da obra. Por este motivo, o Goberno municipal pide rigor e que non se fagan denuncias sen fundamento, nas que se falta á verdade.

Últimos días para presentar solicitude para as subvencións de banda larga ultrarrápida a empresas e autónomos

0

Dende o Concello da Guarda infórmase de que o próximo día 9 de maio rematará o prazo de solicitude das subvencións da Xunta de Galicia para a dotación de servizo de banda larga ultrarrápida a autónomos e empresas illadas en zonas do rural galego.

Superado o ecuador do prazo de solicitude, facemos unha última chamada a todos aqueles autónomos e empresas interesados nestas axudas da Xunta.

Esta liña de axudas conta cun orzamento inicial de case 880.000 euros, cofinanciados co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER).

As empresas interesadas poderán beneficiarse de subvencións de ata o 100% dos custos necesarios para o acceso a internet de cando menos 100 Mbps , cun máximo de 20.000€ por proxecto.

Para máis información sobre estas axudas pode acceder á seguinte ligazón PR604A – Subvencións a empresas illadas en zonas rurais para a contratación de servizos de banda larga ultrarrápida. – Sede Electrónica – Xunta de Galicia, ou ben poñerse en contacto coa Oficina de Banda Larga a través da dirección de correo electrónico [email protected] ou chamando ao 981 95 78 68, en horario de luns a venres  de 9:00 a 15:00h.

O alcalde da Cañiza apela á responsabilidade da veciñanza para xestionar residuos voluminosos

0

Dende o Concello da Cañiza lémbrase a obriga de toda a veciñanza de facer un uso responsable dos seus restos e residuos e evitar a proliferación de vertedoiros.

Para evitar a práctica de deixar residuos voluminosos nos contenedores orgánicos, o rexedor Luis Piña recorda aos veciños que o Concello dispón dun servizo gratuito de recollida de residuos voluminosos polas parroquias activo o último xoves de cada mes. Este servizo está pensado para os particulares que non contan cos medios necesarios para desprazar determinados tipos de residuos, de gran volumen, ata o punto limpo (colchóns, mobles, electrodomésticos e outros residuos de gran tamaño).

O servizo funciona previo aviso do interesado nas oficinas do Concello.

O último xoves de cada mes, durante todo o día, os camións municipais desprázanse ata as parroquias para atender os avisos de recollida. Incluso se o listado de retirada é amplio, os camións do Concello traballan durante os seguintes días para retirar todos os residuos e evitar que os mesmos permanezcan esbotados na rúa durante días.

Cómo utilizar correctamente o servizo

  1. Chamar ao Concello para informar da necesidade de utilizar o servizo. Facilitar dirección e tipo de resto a depositar.  986 651000 – 986 651001. No Concello informaráselles máis detalladamente sobre o servizo.
  2. Deixar os residuos o día anterior á recollida. A RECOLLIDA realizarase o último xoves de cada mes, por tanto os residuos depositaranse o día anterior, é dicir, último mércores de cada mes. Os restos depositaranse no contedor máis próximo tendo coidado de que non moleste nin ao tráfico nin aos veciños.
  3. Os camións non recollerán  radiografías, vernices, aceites, pinturas, podas e restos vexetais, entullos de obra, madeiras, cristais, neumáticos, vidro, papel, cartón e plástico. Estes residuos terán que ser levados directamente polos interesados ás instalacións do Punto Limpo.

SO SE PODERÁN DEPOSITAR ESTOS RESIDUOS AO CARÓN DOS CONTENEDORES O DÍA ANTERIOR Á RECOLLIDA: ÚLTIMO MÉRCORES DE MES

Dende o Concello solicítase a colaboración dos veciños para evitar que estes residuos permanezcan durante semanas á beira dos contenedores, xa que so se recollerán o último xoves de cada mes.

Evitando esta práctica conseguiremos un Concello máis limpo e visualmente máis estético.

A gañadora do Goya, Valentina, o sábado en sesión dobre no Multiusos Mercado de Sabarís

0

Este sábado, 23 de abril, en sesión dobre ás 5 da tarde e ás 18:45 h, chega ao Multiusos Mercado de Sabarís a película de animación Valentina, que gañou o Goya á mellor película de animación o pasado mes de febreiro.

A proxección encádrase dentro da Primavera Lila, a programación deseñada pola Concellería de Igualdade do Concello de Baiona e a dirección do CIM con motivo do 8 M, Día Internacional da Muller.

A actividade é gratuíta e para participar non é necesaria a inscrición previa basta con presentarse non lugar un pouquiño antes da hora sinalada. Unha vez iníciese a proxección non se poderá interromper polo que haberá que esperar á segunda sesión para poder ver a película.

Antes do segundo pase ás 18:45 h Nani García, compositor da banda sonora do filme, ofrecerá unha breve charla acerca da cinta.

A película conta unha historia de inclusión na que a súa protagonista, Valentina, soña con ser trapecista, pero cre que nunca poderá conseguilo por ter síndrome de Down. A súa avoa anímalle sempre a seguir adiante.

Sinopse

Valentina soña con ser trapecista, pero cre que nunca poderá conseguilo por ter síndrome de Down. A súa Avoa -que lle ensina a xogar ao xadrez e unha chea de cancións- anímaa sempre a seguir adiante: “Se as orugas conseguen converterse en bolboretas, nada é imposible. Nunca debemos perder a ilusión nin as ganas de aprender; mírame a min, eu aínda estou decidida a ser directora de orquestra algún día!” Pero a nena non está moi convencida, pensa que  é un verme demasiado asqueroso para converterse en bolboreta.

A actividade está financiadas con cargo aos créditos recibidos do Ministerio de Igualdade, Secretaría de Estado de Igualdade e contra a Violencia de Xénero para o desenvolvemento Pacto de estado contra a Violencia de Xénero.

Aberto o prazo de solicitude de participación na XXIV Feira de Artesanía que se vai celebrar do 14 ao 17 de maio

0

Hoxe vén de abrir o prazo para solicitar a participación na XXIV Feira de Artesanía que se vai celebrar do sábado 14 ao martes 17 de maio, na rúa Ordóñez, e nas prazas do Concello e San Fernando.

A Feira está organizada polo Concello de Tui, contado coa colaboración coa Asociación Galega de Artesáns. Tras o parón motivado pola pandemia, retómase esta tradicional cita coa artesanía, coa que se busca impulsar a promoción comercial do sector artesán galego e apoiar a divulgación da artesanía.

As persoas interesadas en participar, sexan persoas físicas ou sociedades, legalmente constituídos ou regularizados no réxime de traballadores por conta propia, segundo o caso, deberán estar en posesión da carta de artesá/artesáns. A inscrición está aberta até as 23.59 h do 1 de maio a través do formulario dispoñible en www.tui.gal.  Ademais, as persoas solicitantes deberán remitir á organización fotografías representativas dos seus produtos ao correo [email protected].  Está terminantemente prohibida a exposición ou venda de pezas non artesanais.

Na selección dos expositores terán prioridade as persoas artesáns solicitantes con razón social no Concello de Tui e comarca e as persoas artesáns tradicionais populares.  Valorarase tamén a calidade, singularidade e carácter diferencial da produción, a variedade de oficios representados na feira, que o obradoiro este radicado en Galicia e a presenza dos titulares ao fronte do posto durante a feira, e o ofrecemento do realización de obradoiros para o público.

O Concello disporá ata un total de 40 postos de venda que serán distribuídos entre a rúa Ordóñez,  a praza de San Fernando e praza do Concello. A Feira será inaugurada o sábado 14 de maio ás 12 h e abrirá cada xornada de 12 a 21 h.   De forma paralela á actividade de exposición e venda a organización está a deseñar un programa que incluirá actividades musicais, obradoiros, demostracións en directo, e actividades infantís. Amais a celebración deste evento coincidirá coa celebración do Día das Letras Galegas e a Feira do Libro Galego en Tui.

As persoas interesadas poden solicitar información complementaria a través da dirección electrónica [email protected].

FORMULARIO DE INSCRICIÓN

O Concello de Ponteareas elimina unha vertedura incontrolada preto do Castro de Troña

O Concello de Ponteareas vén de retirar unha vertedura incontrolada preto do Castro de Troña, un punto no que se detectou a acumulación de residuos sólidos de distinta natureza , co conseguinte prexuízo que causa tanto á propia veciñanza como para a contorna dende o punto de vista ambiental.

A concelleira de Medio Ambiente, Rosa Covelo, lembra que este tipo de actitudes incívicas “amosan a falta de respecto” cara ao resto de ponteareás e ponteareáns e que existe un servizo de recollida de todo tipo de lixo e utensilios totalmente de balde chamando ao número de teléfono do punto limpo 986 640 307. Neste caso, indicaráselle día e horario para proceder a depositar os diferentes elementos para que a empresa pase a recollelos coa maior inmediatez posible.

A normativa de residuos contempla sancións elevadas xa que se considera unha infracción moi grave o abandono, incluído lixo disperso, a vertedura e a xestión incontrolada de calquera tipo de residuos, xa que pode supoñer un perigo grave para a saúde das persoas ou producirse un dano ou deterioro grave para o medio ambiente ou espazos protexidos.

“Xestionar os residuos de forma eficiente permítenos evitar danos á fauna e á flora, así como ao patrimonio arqueolóxico”, recalca a edil.